Saltar ao contido

Voitre de Rüppell

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

O voitre de Rüppell (Gyps rueppelli[2] ou ás veces Gyps rueppellii[3]) é un voitre grande que pode encontrarse normalmente na rexión do Sahel de África central e oriental. A súa poboación actual é de 30 000 individuos, pero está decrecendo debido á perda do seu hábitat, envelenamentos accidentais e outros factores.[3] Non debe confundirse co voitre Gyps fulvus. O voitre de Rüppell foi nomeado en honra de Eduard Rüppell, un explorador alemán do século XIX, coleccionista e zoólogo.[4] O voitre de Rüppell é considerado a ave que voa máis alto, xa que se confirmou que nun voo esta ave chegou a unha altitude de 11 300 m sobre o nivel do mar.[5]

Distribución

[editar | editar a fonte]

A súa área de distribución esténdese pola rexión de Sahel de África, onde se pode encontrar en praderías, montañas e bosques. Antes considerábase común neses hábitats, pero agora está experimentando un forte dceclive, especialmente na parte oeste da súa área.[2] Son aves relativamente lentas, que voan a 35 km/h, pero durante 6 a 7 horas ao día e cobren distancias de 150 km desde o niño para atopar comida. Como ave errante foi detectada na Península Ibérica principalmente na zona próxima ao estreito de Xibraltar;[6] a súa presenza en Galicia é rarísima e só hai dous rexistros del.[7]

Descrición

[editar | editar a fonte]
Cranio
Cranio
Cabeza dun adulto
Cabeza dun adulto

Estes grandes voitres, que superan en tamaño o emparentado Gyps africanus, co cal conviven con frecuencia. Os adultos teñen unha lonxitude de 85 a 103 cm,[8][9] cunha envergadura alar de 2,26 a 2,6 m, e un peso que vai de 6,4 a 9 kg.[8][10][11] Ambos os sexos teñen aparencia similar: marrón con pintas ou negro por arriba cunha barriga marrón abrancazada e delgada, cunha penuxe branca sucia que cobre a cabeza e pescozo. A base do pescozo ten un colar branco, o ollo é amarelo ou ámbar, e ten unha mancha no boche marrón escura. A cabeza non ten plumas, o cal é unha adaptación ao costume de meter o pescozo dentro da prea para comer, o que facilita a alimentación e evita que se ensuciasen as plumas se as tivese.[12] Son normalmente silenciosos, pero vocalizan no niño e cando loitan por un posto para comer nas carcasas, chiando moito. Voan comunmente a altitudes de miles de metros. Teñen unha variante especializada da subunidade alfaD da hemoglobina; esta proteína ten unha grande afinidade polo oxíxeno, o que permite que a especie absorba oxíxeno eficientemente malia a baixa presión parcial deste gas na alta troposfera.[13] Confirmouse que un voitre de Rüppell foi absorbido por un motor de propulsión a chorro dun avión que voaba sobre Abidjan en 1973 a unha altitude de 11 300 m.[5]

Comportamento

[editar | editar a fonte]

Son moi sociais, pousándose, nidificando e xuntándose para alimentarse en grandes bandadas.

Alimentación

[editar | editar a fonte]

O voitre de Rüppell ten varias adaptacións á súa dieta e teñen unha alimentación especializada entre os voitres do Vello Mundo africanos. Teñen unha constitución especialmente poderosa e, unha vez que se consumiron as partes máis moles e apetecibles dunha carcasa, son eles os que continúan comendo o que quede dos coiros e mesmo os ósos, fartándose tanto que ás veces apenas poden voar. Na lingua teñen unhas espiñas dirixidas cara a atrás que lles axudan a separar a carne do óso. Malia o seu tamaño, potencia e adaptacións, non son os voitres máis dominantes na área onde viven, papel que se considera que desempeña o aínda meirande Torgos tracheliotos.[14]

Reprodución

[editar | editar a fonte]
Ovo
Ovo
Cría
Cría

Esta especie de voitre considérase monógama, e forma parellas reprodutoras para toda a vida. Despois do cortexo a parella traballa conxuntamente para construír o niño utilizando ramiñas, herba e follas que recollen no campo ou rouban doutros niños.[15] Constrúen os niños en barrancos, e en áreas clave de nidación forman grandes colonias reprodutoras con centos de parellas. Ambos os sexos comparten a incubación do ovo durante 55 días. Unha vez que eclosiona o polo, ambos os proxenitores aliméntano e cóidano durante 150 días, momento en que empluma.[16] As crías seguen dependendo dos pais despois de emplumar, e non se fan independentes ata a seguinte tempada reprodutora. Durante este tempo aprenden como atopar e competir pola comida.

Como estimou inicialmente a IUCN durante 1988, as poboacións de voitre de Rüppell diminuíron. A especie situouse na súa Lista Vermella co status de "case ameazada" desde 2007 e a IUCN predí que a poboación da especie continuará minguando.[17] Desde 2012 a 2014 o voitre de Rüppell púxose na lista de especies en perigo, pero en 2015 a especie foi reavaliada e pasada á lista de especies en perigo crítico.[18]

O voitre de Rüppell está listado actualmente no Apéndice II do CITES, que regula o comercio internacional de animais e plantas.[18] Con esta designación o voitre de Rüppell é definido como especie que non está nun risco inmediato de extinción, aínda que a poboación actual podería verse ameazada sen unha coidadosa regulación do seu comercio.[19]

Desde 1992, o voitre de Rüppell foi detectado como ave errante en España e Portugal, con rexistros anuais desde 1997, principalmente na área de Cádiz e estreito de Xibraltar, pero tamén máis ao norte,[6] incluso hai dous rexistros deste voitre en Galicia e Asturias, onde, por tanto, é unha especie rarísima.[7]

As poboacións de voitre de Rüppell están a experimentar un declive en toda a súa área. Esta diminución pode atribuírse á perda do hábitat relacionado co uso humano da terra, envelenamentos, uso humano de partes do voitre como medicina ou outros usos,[20] perda de sitios de nidación, e diminución da dispoñibilidade de fontes de alimento.[21] O envelenamento considérase que é a peor das ameazas para todas as poboacións de voitres de África, aínda que eles non son a quen van directamente dirixidos os velenos. Nos casos nos que os leóns ou hienas matan gando, ás veces a xente pon o veleno carbofurano en carcasas como represalia contra os depredadores, pero os voitres tamén van comer desas carcasas.[22] Ditas carcasas poden atraer a centos de voitres porque estas especies identifican a comida pola vista. Unha avaliación de cen episodios de envelenamento atopou que cada un deles causara a morte de 37 a 600 individuos.[23]

A matanza de voitres de Rüppell para usalos como medicina contribuíu tamén bastante ao rápido declive das súas poboacións. En moitas culturas africanas, os voitres son utilizados para a medicina e a maxia relacionda con supersticións de que son animais clarividentes e poden utilizarse para incrementar a intelixencia dos nenos.[22] O establecemento de áreas de vida salvaxe protexidas pénsase que é un camiño efectivo para protexer o voitre de Rüppell da extinción. O voitre de Rüppell reprodúcese e aniña en barrancos do norte e sur de Kenya e en Tanzania. Estes lugares de reprodución e nidación xuntan un gran número de exemplares que crían a súa proxenie e procuran o seu alimento nas áreas que os rodean.[24] Considerando que a taxa de detección de voitres de Rüppell era máis baixa nas áreas protexidas que fóra delas, ampliar a protección deses sitios clave de reprodución podería axudar ás súas poboacións.[22]

  1. IUCN Red List 2015.
  2. 2,0 2,1 "Rüppell's Vulture (Gyps rueppelli) - BirdLife species factsheet". www.birdlife.org. Arquivado dende o orixinal o 12 de setembro de 2015. Consultado o 2016-02-29. 
  3. 3,0 3,1 "Bird Life Species Factsheet — Rueppell's Vulture Gyps rueppellii". Bird Life International website. Bird Life International. 2010. Arquivado dende o orixinal o 04 de xaneiro de 2009. Consultado o 2010-06-10. Identificación 85-97 cm. Voitre de mediano tamaño. 
  4. Beolens, Bo; Watkins, Michael (2003). Whose Bird? Men and Women Commemorated in the Common Names of Birds. London: Christopher Helm. p. 294. 
  5. 5,0 5,1 Laybourne, Roxie C. (December 1974). "Collision between a Vulture and an Aircraft at an Altitude of 37,000 Feet" (PDF). The Wilson Bulletin (Wilson Ornithological Society) 86 (4): 461–462. ISSN 0043-5643. JSTOR 4160546. OCLC 46381512. 
  6. 6,0 6,1 Gutiérrez, Ricard (2003) Occurrence of Rüppell's Griffon Vulture in Europe Dutch Birding 2595): 289-303
  7. 7,0 7,1 BirdersCove. La web de las rarezas en Galicia Gyps reupelli en Galicia Arquivado 17 de setembro de 2018 en Wayback Machine.
  8. 8,0 8,1 "Birdlife.org". Birdlife.org. Arquivado dende o orixinal o 28 de agosto de 2016. Consultado o 2011-05-31. 
  9. Field Guide to the Birds of East Africa: Kenya, Tanzania, Uganda, Rwanda, Burundi by Stevenson & Fanshawe. Elsevier Science (2001), ISBN 978-0856610790
  10. Sinclair, Ian; Phil Hockey (2005). Sasol: The Larger Illustrated Guide to Birds of Southern Africa. Illustrated by Norman Arlott and Peter Hayman (2nd ed.). Cape Town: Struik Publishers. ISBN 978-1-77007-243-5. Arquivado dende o orixinal o 07 de xaneiro de 2014. Consultado o July 27, 2013. 
  11. Raptors of the World by Ferguson-Lees, Christie, Franklin, Mead & Burton. Houghton Mifflin (2001), ISBN 0-618-12762-3
  12. "Ruppell's griffon vulture". Smithsonian's National Zoo (en inglés). Consultado o 2018-02-18. 
  13. Weber, RE; Hiebl, I; Braunitzer, G. (April 1988). "High altitude and hemoglobin function in the vultures Gyps rueppellii and Aegypius monachus". Biological Chemistry Hoppe-Seyler (De Gruyter) 369 (4): 233–40. ISSN 0177-3593. PMID 3401328. doi:10.1515/bchm3.1988.369.1.233. 
  14. [1]
  15. "Ruppell’s Griffon Vulture Facts - National Zoo". nationalzoo.si.edu. Arquivado dende o orixinal o 14 de agosto de 2016. Consultado o 2016-02-29. 
  16. "Rueppell’s griffon videos, photos and facts - Gyps rueppellii". ARKive (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 22 de marzo de 2016. Consultado o 2016-02-29. 
  17. "Gyps rueppellii". IUCN Red List of Threatened Species Version 2010.1. International Union for Conservation of Nature and Natural Resources. 2010. Arquivado dende o orixinal o 09 de xuño de 2010. Consultado o 2010-06-09. Este voitre de vida longa experimentou unha redución moderadamente rápida da súa poboación inicial que é probable que continúe. Por estas razóns é listado como Case ameazado. 
  18. 18,0 18,1 "Gyps rueppelli (Rueppell's Griffon, Rüppell's Griffon Vulture, Ruppell's Vulture, Rüppell's Vulture)". www.iucnredlist.org. Arquivado dende o orixinal o 31 de agosto de 2018. Consultado o 2016-02-29. 
  19. "The CITES Appendices | CITES". cites.org. Consultado o 2016-02-29. 
  20. Thiollay, Jean-Marc (2006-04-01). "The decline of raptors in West Africa: long-term assessment and the role of protected areas". Ibis (en inglés) 148 (2): 240–254. ISSN 1474-919X. doi:10.1111/j.1474-919X.2006.00531.x. 
  21. Virani, Munir Z.; Kendall, Corinne; Njoroge, Peter; Thomsett, Simon (2011-02-01). "Major declines in the abundance of vultures and other scavenging raptors in and around the Masai Mara ecosystem, Kenya". Biological Conservation 144 (2): 746–752. doi:10.1016/j.biocon.2010.10.024. 
  22. 22,0 22,1 22,2 Ogada, Darcy L. (2014-08-01). "The power of poison: pesticide poisoning of Africa's wildlife". Annals of the New York Academy of Sciences (en inglés) 1322 (1): 1–20. ISSN 1749-6632. PMID 24716788. doi:10.1111/nyas.12405. 
  23. Ogada, Darcy; Shaw, Phil; Beyers, Rene L.; Buij, Ralph; Murn, Campbell; Thiollay, Jean Marc; Beale, Colin M.; Holdo, Ricardo M.; Pomeroy, Derek (2015-06-01). "Another Continental Vulture Crisis: Africa's Vultures Collapsing toward Extinction". Conservation Letters (en inglés) 9: 89–97. ISSN 1755-263X. doi:10.1111/conl.12182. 
  24. Virani, Munir Z.; Monadjem, Ara; Thomsett, Simon; Kendall, Corinne (2012-09-01). "Seasonal variation in breeding Rüppell’s Vultures Gyps rueppellii at Kwenia, southern Kenya and implications for conservation". Bird Conservation International 22 (03): 260–269. ISSN 1474-0001. doi:10.1017/S0959270911000505. 

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]