Wendy Bowman
Biografía | |
---|---|
Nacemento | c. 1934 Sydney, Australia |
Morte | 26 de xullo de 2023 (88/89 anos) |
Causa da morte | morte natural |
Actividade | |
Ocupación | ecoloxista, labrega, activista |
Premios | |
Wendy Bowman, nada en Sidney, c. 1934 e finada o 26 de xullo de 2023,[1] foi unha agricultora e ambientalista australiana de Nova Gales do Sur. Grazas á súa campaña, puido evitar que a empresa carboeira chinesa Yancoal Australia desenvolvese a minería do carbón na rexión do val de Hunter. Non só conseguiu manter a súa granxa familiar, senón que protexeu a comunidade local dos efectos da contaminación e a degradación ambiental.[2] En recoñecemento aos seus esforzos, en abril de 2017 foi unha dos seis ecoloxistas, e a única muller, en recibir o Premio Ambiental Goldman.[3][4]
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Nada na década de 1930 en Sidney, Wendy Bowman pertencía a unha familia que, por parte do seu pai, chegou a Australia en 1798, e que por parte da súa nai se instalou no val de Hunter no século XIX. Despois de graduarse en arte, casou co granxeiro do val de Hunter, Mick Bowman. Cando el morreu en 1984, ela fíxose cargo da granxa. Tivo que mudarse en 1988 como consecuencia das explotacións mineiras ao descuberto.[5]
En 1988, os seus cultivos fracasaron cando a minería contaminou con metais pesados a auga que irrigaba o seu campo.[6] Como consecuencia do po de carbón na herba, o seu gando negouse a comer. Desde 1990, primeiro a través de MineWatch e logo a través do Hunter Environment Lobby, axudou os agricultores locais a emprender accións políticas en Nova Gales do Sur.[5] Despois de mudar a súa granxa unha vez, en 2005 déronlle seis semanas de prazo para recolocarse co fin de dar paso a outra mina. Instalouse en Rosedale en Camberwell.[4]
A propia granxa de Bowman, Rosedale, viuse ameazada en 2010 cando a compañía chinesa Yancoal proxectou unha ampliación da mina Ashton South East Open Cut até un dos principais afluentes do río Hunter. A maioría dos agricultores da zona venderan a súa propiedade a principios de 2015. Bowman, cuxas terras abarcaban máis da metade do carbón na mina proposta, negouse a vender mentres buscaba protexer a zona da devastación. En decembro de 2014, o Tribunal de Terras e Medio Ambiente ditaminou que Yancoal só podía continuar coa mina se Bowman accedía a vender. A pesar das ofertas de millóns de dólares, continuou negándose, o que puxo fin aos esforzos de Yancoal.[7]
En recoñecemento aos seus esforzos, en abril de 2017 recibiu o Premio Ambiental Goldman.[4]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Award-winning Hunter Valley environmentalist and farmer Wendy Bowman dies aged 89 (en inglés)
- ↑ Elcacho, Joaquim (2017-04-24). "Estos son los seis ‘premios Nobel’ del medio ambiente de 2017". Consultado o 2021-04-25.
- ↑ Dasgupta, Shreya (24 de abril de 2017). "Meet the winners of the 2017 Goldman Environmental Prize" (en inglés). Consultado o 2021-04-24.
- ↑ 4,0 4,1 4,2 "Wendy Bowman: 2017 Goldman Prize Recipient" (en inglés). Abril de 2017. Consultado o 2021-04-24.
- ↑ 5,0 5,1 "Q&A with Wendy Bowman" (en inglés). 21 de novembro de 2017. Consultado o 2021-04-24.
- ↑ Gómez Wagner, Celeste (2017-04-24). "Esta mujer de más de 80 años ganó el Premio Ambiental Goldman por defender su granja". Consultado o 2021-04-25.
- ↑ "“Están expulsando a la población local y no les importa”". 25 de maio de 2017. Consultado o 2021-04-25.