Wikipedia:Artigo destacado/xaneiro 2021
Eagle Woman That All Look At (en lakota: Waŋblí Ayútepiwiŋ, tamén coñecida como Matilda Picotte Galpin) nada no ano 1820 e finada o 18 de decembro de 1888, foi unha activista, líder, diplomática, comerciante e intérprete lakota, principalmente coñecida polos seus esforzos de mediación nos conflitos entre os colonos brancos, o goberno dos Estados Unidos de América e os síux. Foi recoñecida tamén como a única muller xefa entre os síux.
A intervención diplomática de Eagle Woman tiña como obxectivo acadar a paz. Porén, tralas recolocacións en reservas tratou de convencer os síux para adaptarse á nova era. Apoiounos materialmente cando o goberno dos Estados Unidos de América forzou as tribos a sustentarse por si mesmas dentro das terras estériles das reservas. Eagle Woman foi tamén parcialmente partícipe no grupo de líderes que asinou o segundo tratado de Fort Laramie en 1868, aínda que se opuxo ao tratado de Standing Rock de 1876. En 1882 converteuse na primeira muller en asinar un tratado co goberno dos Estados Unidos de América.
Gañou un conflito de comercio local cando un funcionario do goberno intentou pechar o seu posto comercial para estabelecer un monopolio na reserva. Continuou servindo como mediadora e líder da comunidade cando se produciu a invasión de colonos brancos durante a febre do ouro de Black Hills. Tamén foi elixida polo goberno estadounidense para formar parte dunha delegación a Washington, D.C. en 1872.
Eagle Woman e a súa filla Louise crearon a primeira escola de día na reserva india de Standing Rock. Seguiu axudando ás tribos a adaptarse á vida nas reservas até o seu pasamento en 1888. En 2010 incluíuse o seu nome no Muro da Fama de Dacota do Sur.