Wikipedia:Protesta contra SOPA
Prezados lectores:
A Wikipedia encóntrase profundamente preocupada polo proxecto de lei Stop Online Piracy Act que actualmente se encontra en discusión no Congreso dos Estados Unidos de América.
A Stop Online Piracy Act (SOPA, polas súas siglas) foi presentada ante o Congreso estadounidense polo diputado republicano polo estado de Texas Lamar Smith.[1] A devandita proposta de lei ten por obxecto mellorar a protección da propiedade intelectual en Internet. Porén, con ese argumento preténdese limitar moitas liberdades das que ata o de agora gozaron os usuarios de Internet, xa que os medios empregados promoverán a censura e limitarán a innovación.
Entre os elementos que contén o proxecto de lei que a Wikipedia considera contrarios ós seus propósitos están os seguintes:[2]
- A Wikipedia quedaría encadrada na definición que se fai de «motor de busca» (Internet search engine). Como tal, fiscais federais dos Estados Unidos poderían, mediante orde xudicial, obrigala a retirar enlaces a páxinas sinaladas como «sitios estranxeiros infractores» (foreign infringing sites) ou sometela a sancións xudiciais. A definición de «sitios estranxeiros infractores» é bastante ambigua e podería afectar incluso a sitios lexítimos que alberguen contido maioritariamente legal con algunha parte aparentemente ilegal. O elevado custo da defensa contra estes procedementos pode levar a moitos sitios internacionais a non intentalo sequera, deixando que perdure a presunción de ilegalidade por parte do goberno estadounidense e levando finalmente ao seu bloqueo.
- Como resultado disto, se algún dos proxectos da Wikimedia fose sometido á citada orde xudicial, sería obrigado a revisar millóns de enlaces a «sitios estranxeiros infractores» aloxados nel e bloquealos. Iso representaría un enorme gasto financeiro e humano, que impediría o rápido crecemento que a Wikipedia tivo ata este momento, e que debería ser repetido cada vez que un fiscal estadounidense presentara unha orden dun xuíz federal contra un novo «sitio estranxeiro infractor». Ademais, tales medidas opoñeríanse á nosa cultura do coñecemento libre, sempre respectuosa cos dereitos de autor.
- Imporíanse restricións á rede levantando barreiras a través dos servidores DNS, o que impediría o fácil acceso á maior parte dos dominios de Internet co que actualmente se conta.
O anterior podería parecer, en primeira instancia, unha realidade que afectaría soamente ó territorio estadounidense e ós falantes de inglés. Porén, debe considerarse que a maior parte dos datos que conforman tódolos proxectos da Fundación Wikimedia, incluíndo a edición en galego da Wikipedia, se encontran en servidores localizados dentro do territorio dos Estados Unidos de América, polo que quedarían suxeitos a esta xurisdición.
Esta grave ameaza contra a liberdade en Internet provocou que moitas outras empresas e organismos se unan ó rexeitamento contra SOPA; entre outros: AOL, Creative Commons Foundation, eBay, Electronic Frontier Foundation, Facebook, Google, Human Rights Watch, Internet Foundation, Kaspersky, Fundación Mozilla, Reporters sans frontières, Twitter e Yahoo!.
Co mesmo espírito, os membros da comunidade da Wikipedia en galego facemos extensivo o rexeitamento a toda lexislación ou proxecto lexislativo que pretenda emular os fins da lei SOPA ou vulnerar calquera dos dereitos e liberdades actuais dos usuarios de Internet, obstaculizando o desenvolvemento do coñecemento libre, e entre eles os seguintes proxectos e leis:
- Lei de Economía Sostible (Lei Sinde), España.[3]
- Proxecto de Lei Lleras, Colombia.
- Proxecto de Lei Döring, México.[4]
- PROTECT IP Act (PIPA), Estados Unidos de América.
Comunicado da Wikipedia en inglés do luns, 16 de xaneiro
[editar a fonte]No curso das últimas 72 horas, máis de 1800 wikipedistas uníronse para debater posibles medidas que podería tomar a comunidade contra SOPA e PIPA. Esta foi a discusión comunitaria con maior nivel de participación na historia da Wikipedia, o que serve para ilustrar o nivel de preocupación que senten os wikipedistas ante estes proxectos de lei. A inmensa maioría de participantes apoian tomar unha acción comunitaria para animar unha maior reacción pública ante estes proxectos de lei. Das propostas consideradas polos wikipedistas, aquelas que resultarían nun «apagamento» da Wikipedia en inglés, en coordinación con apagamentos similares noutros sitios web que rexeitan SOPA e PIPA, foron as que obtiveron o apoio máis forte.
«Hoxe os wikipedistas de todo o mundo falaron sobre o seu rexeitamento a esta lexislación destrutiva», dixo Jimmy Wales, fundador da Wikipedia. «Esta é unha acción extraordinaria que toma a nosa comunidade, e aínda que lamentamos ter que evitar que o mundo acceda á Wikipedia aínda que sexa por un segundo, sinxelamente non podemos ignorar o feito de que SOPA e PIPA fan perigar a liberdade de expresión tanto nos Estados Unidos de América como fóra, e establécese un pésimo precedente de censura en Internet para o mundo.»
Animamos ós lectores da Wikipedia a que fagan oír a súa voz. Se vostede vive nos Estados Unidos de América, busque ó seu representante electo en Washington. Se vive fóra dos Estados Unidos de América, contacte co Ministerio de Asuntos Exteriores, o Departamento de Estado ou o organismo gobernamental equivalente. Dígalles que vostede rexeita tanto SOPA como PIPA, e que desexa que Internet siga sendo aberta e libre.[5][6]
Notas
[editar a fonte]- ↑ The Library of Congress Thomas: Bill Summary & Status,112th Congress (2011 - 2012), H.R.3261 (en inglés).
- ↑ How SOPA will hurt the free web and Wikipedia. 13 de decembro de 2010 (en inglés).
- ↑ La ley Sinde ve la luz (30-12-2011) (en castelán).
- ↑ Iniciativa de reforma a la Ley Federal de Derechos de Autor. Senado de la República. México. (15-12-2011) (en castelán).
- ↑ English Wikipedia to go dark January 18 in opposition to SOPA/PIPA (en inglés).
- ↑ SOPA Initiative Action: Summary and conclusion (en inglés).