Wikipedia:Sobre Galicia/febreiro 2024
Juana Capdevielle, nada en Madrid en 1905 e asasinada no monte da Gándara, ás aforas de Rábade, o 18 de agosto de 1936, foi unha intelectual e bibliotecaria española. Licenciouse en Filosofía e Letras pola sección de Historia na Universidade Central. Accedeu ao Corpo Facultativo de Arquiveiros, Bibliotecarios e Arqueólogos aos vinte e cinco anos de idade e traballou como bibliotecaria na Biblioteca Nacional de España, na Biblioteca de Filosofía e Letras da Universidade Central e na Biblioteca do Ateneo de Madrid. Foi a primeira xefa dunha biblioteca universitaria de centro en España e unha das responsables do traslado das coleccións da Biblioteca de Filosofía e Letras á Cidade Universitaria de Madrid. Foi unha intelectual moi activa, como indica a súa participación nas Primeiras Xornadas Euxénicas Españolas (1933), no II Congreso Internacional de Bibliotecas e Bibliografía (1934) e na Sección de Historia do Ateneo de Madrid. A súa traxectoria profesional centrouse exclusivamente nas bibliotecas. Foi pensionada pola Junta para Ampliación de Estudos para ampliar os seus coñecementos sobre a clasificación decimal a través de estancias europeas, dado que xa estaba a aplicar este sistema na biblioteca do Ateneo e na biblioteca de Filosofía e Letras. Formou parte do Seminario de Biblioteconomía e da Asociación de Bibliotecarios y Bibliógrafos de España, onde exerceu o cargo de tesoureira. Implicouse na creación da primeira Exposición de Bibliotecas infantís realizada en España e na creación dunha biblioteca circulante no Hospital Clínico de San Carlos e máis tarde no hospital da Cruz Vermella.
Casada en marzo de 1936 co político de Izquierda Republicana Francisco Pérez Carballo, acompañouno á Coruña cando este asumiu o cargo de gobernador civil. Logo do golpe de estado do 18 de xullo, separouse do seu home ante o inminente asalto do goberno civil o día vinte e xa non o volveu ver, xa que foi fusilado na madrugada do 24. Días despois foi encarcerada e logo da súa liberación refuxiouse en Vilaboa (Culleredo). Foi asasinada e o seu corpo achado no km 526 da estrada Madrid - A Coruña, no monte da Gándara, ás aforas de Rábade, con disparos en peito e cabeza.