Saltar ao contido

Wikipedia:Sobre Galicia/xaneiro 2025

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Gonzalo de Mondoñedo, coas variantes Gonzalo Froilaz ou Gonzalo Arias, tamén coñecido como San Gonzalo, foi un nobre e relixioso galego, membro da familia Froilaz-Traba, fillo de Froila Bermúdez e irmán de Pedro Froilaz, conde de Galiza e Trastámara. Ocupou o bispado de Mondoñedo entre os anos 1070 e 1108. Durante o seu mandato impulsou a obra románica da Catedral de San Martiño de Mondoñedo (Foz) e mantivo varios preitos territoriais tentando conservar os dominios da súa diocese. Especial relevancia tivo o litixio mantido co bispo Diego Xelmírez polos arciprestados de Salaxia, Bezoucos e Trasancos. A súa figura, santificada polo pobo (non está canonizado pola igrexa), está envolta na lenda ao atribuírselle o afundimento dunha armada normanda e outros milagres.