Xoán I de Castela
Este artigo precisa de máis fontes ou referencias que aparezan nunha publicación acreditada que poidan verificar o seu contido, como libros ou outras publicacións especializadas no tema. Por favor, axude mellorando este artigo. |
Xoán I de Trastámara (nado en Épila, Zaragoza en 1358 e finado en Alcalá de Henares en 1390) foi rei de Castela entre o 24 de agosto de 1379 e o 9 de outubro de 1390.
Foi o segundo rei da dinastía de Trastámara, fillo de Henrique II o das Mercés e de Xoana, filla de Xoán Manuel de Villena, cabeza dunha rama máis nova da casa real de Castela. Naceu en Aragón durante o desterro do seu pai cando aínda non era rei. Foi o derradeiro rei castelán coroado solemnemente. Despois del, os monarcas asumiron a dignidade real por proclamación e aclamación.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Casou con Leonor de Aragón, filla de Pedro IV o Cerimonioso, en Soria en 1375. Desta unión naceron:
- Henrique o Doente (1379 - 1406), rei de Castela como Henrique III;
- Fernando o de Antequera (1380 - 1416), rei de Aragón como Fernando I.
Ó morrer Leonor, casou con Beatriz de Portugal, herdeira do trono de Portugal. Desta unión naceu Miguel, morto de neno.
Ó falecer sen herdeiros varóns o rei Fernando I de Portugal, pai da súa segunda esposa, Xoán I optou ó trono, quedando Pedro González, o seu aio, como un dos rexentes de Castela en 1384.
Ó ano seguinte, Xoán foi á guerra contra Xoán de Avis, fillo bastardo de Pedro I de Portugal e por tanto medio irmán de Fernando I. Esa guerra rematou na desastrosa derrota de Aljubarrota, na que, trala desbandada das tropas castelás, conseguiu salvar a vida grazas ao seu aio, que faleceu.
Guerra dos Cen Anos
[editar | editar a fonte]- Artigo principal: Guerra dos Cen Anos.
Henrique II recibira a axuda de cabaleiros franceses dirixidos polo propio Bertrand Du Guesclin durante o seu enfrontamento con Pedro I o Cruel. A vitoria final de Henrique na guerra civil castelá brindou a Francia un poderoso aliado no plano naval. Tanto Henrique como o seu fillo Xoán enviaron a armada castelá, que destruíu a escuadra inglesa en La Rochelle (1372) e saqueou numerosos portos ingleses (como Rye, Rotingdean, Lewes, Folkestone, Plymouth, Portsmouth, Wight ou Hastings) entre 1377 e 1380, ano en que o almirante castelán Fernando Sánchez de Tovar chegou mesmo a ameazar Londres. Sir Ricardo Knolles en 1360 e o duque de Lancaster, Xoán de Gante, en 1363 formaron corpos expedicionarios que atacaron o continente, pero foron detidos.
Mantivo amizade con Carlos III de Navarra, casado coa súa irmá Leonor, poñendo fin ós conflitos entre os dous reinos.
Política interior
[editar | editar a fonte]No marco da Guerra dos Cen Anos, Inglaterra e Castela víronse involucradas nun conflito dinástico: as fillas de Pedro I, Costanza e Isabel, casaran co duque de Lancaster e con Edmundo de Langley, duque de York, fillos do rei Eduardo III de Inglaterra.
Con estas unións, e considerándose herdeiras lexítimas de Pedro I, reclamaban o reino. En 1388, Xoán puxo fin á loita pactando o matrimonio do seu fillo e herdeiro Henrique con Catarina, filla de Costanza, ós que se lles outorgou a condición de Príncipes de Asturias polo acordo de Baiona. Así quedaron unidas as dúas ramas sucesorias de Afonso XI e instaurouse o título de Príncipe de Asturias, que en diante ostentou sempre o herdeiro da coroa de Castela e logo de España. Henrique foi o primeiro príncipe en posuír este título e mailas rendas inherentes, pois o territorio asturiano lles pertencía como patrimonio.
Notas
[editar | editar a fonte]
Predecesor: Henrique II |
Rei de Castela e de León 1379-1390 |
Sucesor: Henrique III |
Predecesor: Henrique II |
Rei de Galiza 1379-1386 e 1387-1390 |
Sucesor: Xoán de Gante entre 1386 e 1387 Henrique III |