28 Weeks Later
28 semanas despois | |
---|---|
Logo do filme. | |
Ficha técnica | |
Título orixinal | 28 Weeks Later |
Director | Juan Carlos Fresnadillo |
Produtor | Andrew Macdonald Allon Reich Enrique López-Lavigne Danny Boyle Alex Garland |
Guión | Juan Carlos Fresnadillo Enrique López-Lavigne Rowan Joffe Jesús Olmo |
Intérpretes | Robert Carlyle Rose Byrne Jeremy Renner Harold Perrineau Catherine McCormack Idris Elba Imogen Poots Mackintosh Muggleton |
Música | John Murphy |
Distribuidora | 20th Century Fox |
Estrea | 26 de abril de 2007 |
Duración | 100 minutos |
Orixe | Reino Unido España |
Xénero | Terror Suspenso |
Orzamento | $15 000 000 |
Recadación | $64 238 440 |
Filme anterior | 28 Days Later |
Na rede | |
http://www.foxinternational.com/28weekslater/ e https://www.foxmovies.com/movies/28-weeks-later | |
28 Weeks Later (en galego, 28 semanas despois) é un filme británico/español de suspense e terror que corresponde coa segunda entrega 28 Days Later. O filme foi dirixido por Juan Carlos Fresnadillo e estreada no Reino Unido e os Estados Unidos o 11 de maio de 2007.
Sinopse
[editar | editar a fonte]O filme comeza cando Don (Robert Carlyle) e a súa muller Alice (Catherine McCormack) que están agochados nunha casa rural das aforas de Londres, xunto con outros superviventes, son atacados polos infectados co virus que xa aparece no filme anterior. Ó momento do ataque, Don e Alice corren xunto a un cativo que chegara pouco antes para refuxiarse, pero Don déixaos atrás e corre até un río próximo onde se salva grazas a unha lancha a motor que estaba preto.
Pouco despois, uns subtítulos mostran o desastre causado pola infección, a corentena de Gran Bretaña, a morte dos infectados por inanición, e a posterior chegada do exército dos Estados Unidos xunto con forzas da OTAN a Londres, para comezar a repoboación 28 semanas despois.
Scarlett (Rose Byrne), médico oficial do Exército dos Estados Unidos, examina ós británicos retornados que se atopaban no exterior no momento da infección primaria, e enfádase ó non ser informada polos seus superiores da chegada de menores de idade á zona de seguridade militarizada en Londres designada para a repoboación. Os menores en cuestión son a adolescente Tammy (Imogen Poots), e o seu irmán máis novo Andy (Mackintosh Muggleton). Ambos son examinados previa chegada ó país, e Scarlett nota que Andy ten os ollos de distintas cores (heterocromía), indagando con el até descubrir que é un fenómeno herdado da súa nai (Alice). Os soldados estadounidenses Doyle (Jeremy Renner) que é francotirador, e Flynn que pilota un helicóptero, son introducidos na historia facendo bromas acerca do acontecido despois da infección. Andy e Tammy son levados xunto cos outros retornados á zona de seguridade Distrito 1 de Londres (situada na Illa dos Cans que é o lugar principal no que se desenvolve o filme) en Canary Wharf. Os rapaces reúnense co seu pai, quen resulta ser Don. No seu novo fogar no ático dun edificio da zona de seguridade, Don, mente ós seus fillos dicíndolles que a súa nai foi asasinada polos infectados e que el non puido facer nada para salvala.
Andy sofre pesadelos esa mesma noite e ten medo de esquecer como era a face da súa nai. Tammy promételle que conseguirá unha foto para que non a esqueza. Ó día seguinte Andy e Tammy escapan da zona de seguridade e chegan ata a súa antiga casa onde Andy atopa á súa nai en completo shock.
Andy e Tammy son devoltos polos militares á zona de seguridade e Alice regresa non sen antes pasar por un rigoroso proceso de desinfección para os superviventes. Scarlett realiza unha proba de sangue a Alice e revela que está infectada co virus, pero que non presenta os síntomas, aínda que visiblemente ten un derramo no ollo esquerdo.
Don recibe as novas de que os seus fillos atoparon a Alice, que se atopa nunha cela hermética, e posteriormente diríxese ó sitio onde ela se atopa (xa que é o encargado das luces e o mantemento da electricidade na zona de seguridade) polo cal ten acceso a tódalas áreas e ó encontrarse con Alice, bícaa e nun intre convértese nun infectado, matándoa violentamente e logo sae da cela matando ós militares que alí se atopaban. O código vermello (alerta máxima militar para os gromos do virus) é ordenado e toda a poboación civil é trasladada a unha zona de contención. Scarlett rescata a Tammy e Andy, aínda que Andy sepárase delas no medio do caos. Posteriormente aparece Don infectado na zona de contención e tenta atacar a Andy, que foxe mentres Don infecta a moitas persoas producindo un gran pánico. A continuación a xente infectada e tódolos que estaban no recinto saen da zona de contención mentres os militares reciben a orde de disparar a matar a tódolos infectados.
Andy escapa da multitude a unha área onde non había infectados e alí atopa a Tammy e a Scarlett. Móstrasenos que Doyle, incapaz de disparar contra os posibles infectados non inocentes, diríxese a este sitio onde se atopa cos irmáns, Scarlett e outros superviventes. El dilles que terán que saír do sitio, posto que se deu a orde de disparar contra calquera que se atope con vida temendo máis infectados. Flynn contacta a Doyle e dille que en 4 minutos toda a área de seguridade será bombardeada e que teñen que fuxir. Despois dun dificultoso camiño pola cidade saen da zona de bombardeo xusto a tempo cando os mísiles cargados con napalm caen sobre o Distrito 1 e a través dun túnel que pasa por baixo do Támese diríxense a Regent's Park, onde Scarlett infórmalle a Doyle que a posible cura á infección está nos rapaces, e que eles deben facer todo o posible para salvalos e mantelos seguros.
Flynn chega no seu helicóptero para rescatar a Doyle e ve que non está só, polo que lle di que monte el e ninguén máis. Un gran número de infectados aparecen no horizonte naquel mesmo momento e mentres Flynn mata a moitos deles coas hélices do helicóptero. Debido á dificultade da situación vense na obriga de fixar un novo punto de rescate no Estadio Wembley.
Os superviventes corren por toda a cidade mentres son perseguidos polos infectados e atacados con gases químicos por parte do exército. O grupo sobe a un coche abandonado para agocharse dos infectados e dos gases e unha vez que morren os infectados tentan marchar acendendo o motor pero non o conseguen, polo que Doyle sae para apuxar do coche e poder saír. No intento, Doyle é alcanzado polas chamas que lle mandan os soldados e morre queimado. Scarlett e os rapaces foxen esquivando os gases nas rúas e tentando evadir os disparos dos helicópteros militares. Para agocharse chegan ata o sistema do metro de Londres, onde ela e os nenos continúan a pé. Usando a mira nocturna da arma de Doyle, Scarlett diríxeos atravesando zonas con gran cantidade de cadáveres e esqueletos. O grupo sepárase na escuridade e Scarlett atopa a Andy e a Tammy aínda que logo é atacada e desarmada por un infectado que resulta ser novamente Don e é brutalmente asasinada. Mentres Andy vaga polo Metro atópase co seu pai infectado e este atácao infectándoo. Tammy vese forzada a asasinar o seu pai e cando o mata fíxase se Andy foi infectado (mostra os signos da infección aínda que non presenta os síntomas ó igual que a súa nai Alice), pero Tammy non parece notalo (ou non quere facelo). Eles dous continúan ata o lugar do rescate no estadio Wembley, onde Flynn xa agardaba. Ó velos só a eles, pregunta por Doyle. Tammy respóndelle que só quedan eles dous e Flynn rescátaos levándoos ata Francia, atravesando o sur da xeografía británica.
28 días despois... os restos do helicóptero aparecen en escena e alguén pide axuda en francés a través dunha radio abandonada no helicóptero. Non se indica onde se atopan Flynn, Tammy e Andy, pero na última escena, un grupo de infectados son vistos correndo nunha estación do Metro de París pasando polo Pazo de Chaillot e por riba aparece nun amencer a Torre Eiffel, dando a entender que Andy, portador do virus transmitírao a outros en Francia.
Elenco
[editar | editar a fonte]Actor | Papel |
---|---|
Imogen Poots | Tammy Harris |
Mackintosh Muggleton | Andy Harris |
Robert Carlyle | Donald "Don" Harris |
Jeremy Renner | Sarxento Doyle |
Rose Byrne | Scarlett Ross |
Idris Elba | Xeneral Stone |
Catherine McCormack | Alice Harris |
Harold Perrineau | Flynn |
Shahid Ahmed | Jacob |
Emily Beecham | Karen |
Garfield Morgan | Geoff |
Amanda Walker | Sally |
Triloxía
[editar | editar a fonte]En marzo de 2007, Danny Boyle anunciou plans para crear a "terceira entrega" do filme, que se titularía 28 Months Later ou 28 Meses Despois (en galego) con data de lanzamento para o 2011. A acción tería lugar en Francia, onde os eventos da segunda entrega tiveron o seu final.
En xuño de 2007, anunciouse que de haber boas vendas consideraríase produci-lo terceiro filme.
En xullo de 2007, durante a promoción do filme Sunshine (2007), Boyle revelou que ten unha formulación para a historia do próximo filme "Hai unha idea para a próxima entrega, algo que fará transcender a historia. Pensei niso, aínda que estea ben ou non." Boyle tamén revelou que retornará á dirección do filme e que o filme tería máis que ver con Rusia e non Francia como se comentara previamente.
Escenas eliminadas
[editar | editar a fonte]- Unha delas mostra que Don, Tammy e Andy falan con Scarlett sobre o virus xa que eles cren que se eliminou de Gran Bretaña pero Scarlett sabe que non puido ser así de doado.
- A outra mostra que despois de que Tammy matara a Don, Andy (Mackintosh Muggleton) escapa da súa irmá e cae nas vías do metro, nese lapso ten un soño no que entra no tren (ensanguentado) e ve á súa nai. Logo a súa irmá espértao.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Filmes de 2007
- Filmes do Reino Unido
- Filmes de España
- Filmes en lingua inglesa
- Filmes dirixidos por Juan Carlos Fresnadillo
- Filmes de 20th Century Fox
- Filmes de Dune Entertainment
- Filmes rodados en Londres
- Filmes rodados en Cardiff
- Filmes postapocalípticos
- Filmes de zombis
- Secuelas de filmes dos Estados Unidos de América