Saltar ao contido

Abeto español

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Abeto pinsapo»)

O abeto español[2], abeto pinsapo[3] ou simplemente pinsapo (Abies pinsapo) é unha especie de abeto, pertencente á familia Pinaceae e de distribución restrinxida ás serras mediterráneas do sur da Península Ibérica e mais do Rif.

Foi descrito para a ciencia polo botánico suízo Pierre Edmond Boissier, na súa obra Voyage botanique dans le Midi de l´Espagne (Viaxe botánica polo sur de España), en 1838.

En Galiza cultívase coma ornamental.

Descrición

[editar | editar a fonte]
Conos masculinos
Conos femininos

Árbore de até 30 m, de porte elegante que, nalgúns exemplares vellos se torna tortos ou dividido en varias pólas. Caracterízase por unha casca magra, cinsenta clara, con fendas escuras de pouca fondura.

Follas grosas, de sección subcuadrangular, de cor verde escura e con bandas estomáticas brancas apreciábeis en ambas as dúas faces. Tenden a se dispor de xeito helicoidal sobre as franzas.

Conos masculinos na periferia da copa, de cor vermella púrpura, excepcionalmente amarelos.

Piñas grandes, ergueitas, situadas na parte superior da copa. A piña madura é lisa (a escama tectriz incluída fica oculta no estróbilo polas escamas seminíferas) a diferenza da piña do abeto branco no que as escamas tectrices sobresaen como un pequeno filamento entre as escamas seminíferas. Cando madurecen desfanse para ceibaren os piñóns, deixando caer no chan unhas pezas con dúas escamas pegadas (tectriz, e seminífera).[4]

Distribución e hábitat

[editar | editar a fonte]

O hábitat natural desta especie localízase ao sur da Península Ibérica e no Rif marroquí.

As principais poboacións aparecen en varios puntos das Serras de provincia de Málaga e provincia de Cádiz, no extremo occidental da cordilleira Bética. A maior parte das formacións de abeto español de Andalucía atópanse en áreas protexidas: Parque Natural da Sierra de las Nieves e Paraxe Natural de Los Reales de Serra Bermeja, na provincia de Málaga, e Parque Natural Serra de Grazalema na provincia de Cádiz.

Algúns autores consideran que os abetos marroquís que aparecen no Parque Nacional de Talassemtane pertencen a dúas especies diferentes, A. maroccana (echnouch, snuber ou abeto do Rif) e o abeto de Tazaot (A. tazaotana) de distribución máis restrinxida. Outros autores considéranos subespecies ou variedades de A. pinsapo.[4][5] [6]

Na Península Ibérica

[editar | editar a fonte]
Exemplares centenarios de abetos españois na comarca de Sierra de las Nieves.

Os bosques peninsulares desta especie atópanse entre 900-1700 msnm Son formacións puras ou mesturadas en menor medida con caxigos (Quercus faginea), pradairos (Acer monspessulanum e Acer opalus subsp. granatense) ou piñeiros: piñeiro carrasco (Pinus halepensis) e o piñeiro bravo (P. pinaster). O abeto pinsapo cómpre dunhas condicións de temperatura non moi extremas, con veráns frescos e invernos fríos, con elevadas precipitacións na primavera e brétemas frecuentes polo outono e primavera, e unha certa huiedade estival, puidéndose clasificar este clima como submediterráneo de montaña húmido. As formacións de abeto español desenvólvense con todo o seu esplendor nas zonas de umbría, non faltando en solainas, aínda que neste caso son bosques máis claros. Esta especie é indiferente ao substrato, medrando tanto en solos calcarios como de peridotitas.

No norte de África

[editar | editar a fonte]

As formacións de abeto pinsapo de Marrocos presentan un aspecto semellante aos ibéricos. Forman bosques mestos, sombrizos, con pouca distancia entre individuos, especialmente en mouteiras pouco alteradas pola man do home ou que están en proceso de rexeneración. Malia ocuparen preferentemente a umbría, hai algúns bosquetes con orientación suroeste preto de Yebel Lakraa.[4]

En 2005 censáronse 3.174 ha ocupadas por matos de abeto pinsapo no cordal do Rif, concentrados na dorsal calcaria do macizo de Talassemtane e o Yebel Tazaot.[7]

As zonas altas de Talassemtane son bioclimaticamente semellantes ás zonas altas das formacións de abeto español de Grazalema (piso supramediterráneo) aínda que hai unha importante diferenza de altitude, sendo a cota máxima de 2.150 msnm fronte aos 1.650 msnm de Grazalema. En ambos os casos as brétemas de altura por influencia do Estreito, permiten sobrelevar a seca estival. Ademais o Atlas funciona como barreira á expansión sahariana. O abeto español chega neste cordal até os cumios mentres que na comarca de Sierra de las Nieves atopa a súa cota máxima nos 1.800 m.[4]

Acompañan o abeto español outras especies vexetais como o pradairo da especie (Acer opalus ssp. granatensis), o teixo (Taxus baccata), o acivro (Ilex aquifolium), o cimbro bravo (Juniperus oxycedrus), o érbedo (Arbutus unedo), a arleira ou bérberis (Berberis vulgaris ssp. australis), o codeso da especie (Adenocarpus decorticans), a especie de sanguiño (Rhamnus alaternus), o lourentino ou follado (Viburnum tinus), a madreselva arbórea (Lonicera arborea), a peonia coriácea (Paeonia coriacea), o trobisco da montaña (Daphne laureola) e Argyrocytisus battandieri, leguminosa endémica do Rif.[4]

Usos e conservación

[editar | editar a fonte]

As formacións de abeto español teñen un elevado valor paisaxístico e científico. Malia gozaren de protección, estes bosques e tamén as reforestacións, aínda teñen moitas ameazas: incendios provocados, proxectos urbanísticos, erosión, falla de rexeneración por sobrepastoreo, exceso de visitantes incontrolados etc.

A maior ameaza na Península Ibérica son os lumes. Pragas e enfermidades poden afectar ás forestas de abeto pinsapo, especialmente nos anos de seca nos que as árbores sofren estrés, coma ocorreu durante os anos 1990 cando se ollou unha maior mortandade asociada á seca por baixo dos 1100 m.[8]

Nas poboacións marroquinas de novo é o lume a maior ameaza aínda que tamén o son a deforestación e degradación do hábitat asociadas ao cultivo de cánnabis nas zonas achegadas.

Taxonomía

[editar | editar a fonte]

Abies pinsapo foi descrito por Pierre Edmond Boissier e publicado en Bibliotheque Universelle des Sciences, Belle-Lettres, et Arts,... Sciences et Arts 13: 406. 1838.[9]

Etimoloxía

Abies: nome xenérico que vén do nome latino de Abies alba.[10]

pinsapo: epíteto

Variedades
Sinonimia
  • Abies hispanica Chambray
  • Picea pinsapo (Boiss.) Loudon
  • Pinus pinsapo (Boiss.) Antoine
  • Pinus sapo d'Ounous[11][12]
subsp. marocana (Trab.) Emb. & Maire
  • Abies marocana Trab.
  • Picea marocana (Trab.) Trab.
var. maroccana (Trab.) Ceb. & Bol.
  • Abies maroccana Trab.
subsp. tazaotana (Côzar ex Villar) Govaerts
  • Abies tazaotana Côzar ex Villar
  1. Arista, A., Alaoui, M.L., Knees, S. & Gardner, M. (2011). "Abies pinsapo". Lista Vermella de especies ameazadas. (en inglés). Unión Internacional para a Conservación da Natureza. Consultado o 12 de xuño de 2012. 
  2. Nome galego recomendado polo Vocabulario galego-castelán de carpintaría de madeira. O nome portugués é tamén abeto espanhol
  3. Nome recomendado pola Enciclopedia Galega Universal Vigo, Ir Indo, 2000
  4. 4,0 4,1 4,2 4,3 4,4 Guzmán, José Ramón (2009). "Los pinsapos de la otra orilla de Estrecho". Quercus (Madrid) (275): 36–44. ISSN 0212-0054. 
  5. Quézel, P. (1985). "Les sapins du pourtour méditerranéen". Forêt Méditerranéenne VII: 27–34. 
  6. Ceballos, L.; Martín Bolaños, M. (1928). "El pinsapo y el abeto de Marruecos". Boletín del Instiuto Forestal de Investigación y Experiencias 2: 47–101. 
  7. Mhirit, O.; Benchekroum, F. (2006). "Les écosystèmes forestiers et peri-forestiers:situation, enjeux et perspectives pour 2005". Rabat. 
  8. Linares, J.C., Camarero, J.J. and Carreira, J.A. 2009. Interacting effects of changes in climate and forest cover on mortality and growth of the southernmost European fir forests. Global Ecology and Biogeography 18: 485-497
  9. "Abeto español". Tropicos.org. Missouri Botanical Garden. Consultado o 20 de xaneiro de 2013. 
  10. En Nombres Botánicos
  11. "Abeto español en PlantList". Arquivado dende o orixinal o 21 de xuño de 2021. Consultado o 20 de decembro de 2013. 
  12. "Abeto español". World Checklist of Selected Plant Families. Arquivado dende o orixinal o 25 de setembro de 2019. Consultado o 20 de decembro de 2013. 

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]
  1. Bailey, L. H. & E. Z. Bailey. 1976. Hortus Third i–xiv, 1–1290. MacMillan, Nova York.
  2. Killeen, T. J., E. García Estigarribia & S. G. Beck. (eds.) 1993. Guía Arb. Bolivia 1–958. Herbario Nacional de Bolivia & Missouri Botanical Garden, La Paz.

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]