Saltar ao contido

Andrés do Barro

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Andrés Dobarro»)
Modelo:BiografíaAndrés do Barro

Editar o valor en Wikidata
Biografía
Nacemento1 de outubro de 1949 Editar o valor en Wikidata
Ferrol, España Editar o valor en Wikidata
Morte22 de decembro de 1989 Editar o valor en Wikidata (40 anos)
Madrid, España Editar o valor en Wikidata
Actividade
Ocupacióncantautor Editar o valor en Wikidata

IMDB: nm0057608 BNE: XX993896 Musicbrainz: f8a8e603-32f7-4fd6-8275-0ed73c7402f5 Discogs: 2093312 Editar o valor en Wikidata

Andrés Lapique do Barro, máis coñecido como Andrés do Barro, tamén coñecido como Andrés Dobarro,[1] nado en Ferrol[2] o 1 de outubro de 1947 e finado en Madrid o 22 de decembro de 1989[3], foi un cantante e actor galego. Coñecido popularmente como Andrés do Barro, ten o mérito de ser dos primeiros cantantes que usaron o galego durante o franquismo. Malia os atrancos para a expresión musical en galego, varias cancións súas foron número un nas principais cadeas radiofónicas estatais.

Traxectoria

[editar | editar a fonte]

Foi o sexto dos sete fillos de Nicolás Lapique, coronel da Armada Española, e Consuelo do Barro. Pasaba os veráns en San Martiño de Porto (Cabanas), onde entrou en contacto coa lingua galega. En 1960 a familia mudouse a Bilbao, onde comezou a tocar a guitarra e onde coñeceu a que sería a súa muller, Paula López. Despois a familia mudouse a Madrid, onde Andrés comezou os estudos de Mariña Mercante.

A súa primeira actuación foi no cine Yeca de Chantada o 14 de agosto de 1968. Tres semanas antes ía cantar no hotel Sarga de Cabanas xunto a membros do colectivo Voces Ceibes, pero o concerto -con fins benéficos- cancelouse por non ter permiso. Tras a primeira actuación, ofreceuse a compañías discográficas para gravar un disco. RCA publicoulle en 1969 o seu primeiro EP, mais non lle deron moita publicidade e nun primeiro momento pasou desapercibido.

En 1969 comezou a traballar con Juan Pardo, tamén fillo de militar, quen se ofreceu a ser o seu produtor. En novembro, un mes de comezar o servizo militar, publicouse o sinxelo "O tren", que acadou axiña un grande éxito. Comezou a saír en portadas de revistas como Mundo Joven, e o 12 de abril de 1970 realizou o saque de honra no partido de fútbol entre o Celta de Vigo e o Pontevedra CF disputado no Estadio de Balaídos. Entre 1969 e 1972 estivo acompañado da banda ferrolá Los Sprinters, formada en 1965.

En 1970 publicouse o sinxelo "Corpiño xeitoso", primeira canción en galego en estar no número 1 de Los 40 Principales, nas semanas do 12 e o 19 de setembro, acadando difusión logo de actuar nas festas do barrio de Gràcia, en Barcelona. En setembro participou na Feira do Disco de Valladolid. A finais de ano editou o seu primeiro LP, Me llamo Andrés Lapique do Barro, que presentou no Pompón Club da Coruña. O disco inclúe dúas cancións con letra de Xavier Alcalá, "Teño saudade" e "A uns ollos verdes". Alcalá compuxo tamén a letra das pezas "Rapaciña" e "Fogar de Breogán".

Capela de Santo Antón en Corveiro.

Entre febreiro e marzo de 1971 realizou unha xira pola Arxentina, onde visitou o Centro Galego de Buenos Aires, e o Brasil. A comezos de ano saíu o seu terceiro sinxelo, "San Antón", canción referida á romaría de Corveiro (Cedeira). Trala gravación deste tema, Juan Pardo deixou de ser o seu produtor. En verán saíu o sinxelo "Meu amor", adianto do seu segundo disco, e fixo o seu debut como actor no filme La red de mi canción, dirixido por Mariano Ozores e con Concha Velasco como coprotagonista. Trala morte do seu pai en agosto, escribiulle a canción "Llorar por llorar".

En novembro foi a Lisboa para unha actuación televisiva na RTP, e desde alí dirixiuse a Roma para gravar o LP ¡Pum!. Foi producido por Ele Juárez nos estudios de RCA. Aproveitou a estancia e gravou versións en castelán e italiano das súas pezas. Na semana do 18 de decembro regresou ao número 1 de Los 40 Principales con "Pandeirada". Tamén nese ano participou na curtametraxe Proyecto A, onde se incluíron imaxes para a promoción dun tema seu.

En marzo e abril de 1972 estivo de xira en México, onde gravou o sinxelo "Amor D. F.", un canto á emigración. En xullo participou no XVII Festival da Canción de Benidorm, onde acadou o terceiro posto e o premio da crítica co tema "Las enamoradas", cantado por Federico Cabo. Nese mesmo ano Miguel Ríos propúxolle levar a cabo unha xira conxunta co nome de Conciertos de rock y saudade, pero o proxecto non saíu adiante. A finais de ano, do Barro presentou a canción "Bon Nadal", producida polo arxentino Charlie Leroy.

En 1973 deu concertos en Alemaña, Bélxica, Países Baixos e Suíza. Deixou a discográfica RCA e fichou por Belter, e en xuño participou na I Muestra Belter no parque de atraccións de Montjuïc. Xa en 1974 apareceu o seu terceiro disco, Andrés do Barro, que obtivo pouco éxito de crítica e mercado. En 1975 saíu o sinxelo "Señora mía", e en 1974 e 1975 a discográfica Belter publicou dous compilatorios con cancións inéditas e descartes. En 1976 o selo Impacto publicou un terceiro compilatorio, ao igual cós anteriores chamado Andrés do Barro.

Entre 1976 e 1980 probou fortuna en México. Á volta foi vivir á Coruña, e ao pouco de regresar tivo un accidente de tráfico preto de Lugo. Da man de Nonito Pereira conduciu o programa Tren de amigos en Radio Feliz.[4] Deixou o programa para intentar relanzar a súa carreira e foi vivir a Ourense, pero foi estafado polo seu representante.

En 1986 participou no programa Ruada da TVG. A súa última aparición en televisión foi en 1989 no programa Corazonada, onde o entrevistou Xosé Ramón Gayoso. Finou no sanatorio cirúrxico Virgen del Mar de Madrid por mor dun tumor hepático. Foi soterrado no cemiterio de La Almudena.

Vida persoal

[editar | editar a fonte]

Casou con Paula López en Torrelodones o 25 de xullo de 1970, co almirante Adolfo Baturone Colombo -Ministro de Mariña- como testemuña. Tiveron tres fillos e dúas fillas: Andrés (1971), Nicolás (1972), Andrea (1973), Paula (1975) e Daniel (1979). A parella separouse a mediados da década de 1980.

Recoñecementos

[editar | editar a fonte]
Placa do centenario da liña Betanzos-Ferrol na estación de Pontedeume, cun fragmento da canción "O tren".

No ano 2000 o concello de Ferrol adicoulle unha rúa, e tempo despois o concello de Santiago de Compostela adicoulle unha praza na Choupana. En 2004 comezou unha serie de homenaxes, iniciada cunha mesa redonda celebrada en Ferrol o 22 de decembro co gallo do 15 aniversario da súa morte. Nela participaron María Yáñez, Andrea Lapique, Xavier Alcalá, Nonito Pereira, Anxo Fernández e Xurxo Souto.[5][6]

No ano 2006 Noel Feáns -guitarrista de Fanny + Alexander e coordinador do selo A Regueifa- promoveu o Manifesto Dobarrista, disco no que trinta grupos galegos facían versións das cancións do cantante ferrolán. O Manifesto presentouse en directo no Teatro Jofre de Ferrol o 15 de maio de 2007, e foi emitido pola TVG o 2 de xuño. En 2008 estreouse o documental O tren que me leva, de Anxo Fernández.

No 2015 Fernando Fernández Rego publicou a biografía do músico ferrolán: Saudade. Andrés do Barro: El músico que llevó el pop gallego al número uno de ventas, contando coa colaboración da familia de Andrés.

AGAL promove a celebración do Día do Orgulho Neofalante os 1 de outubro polo aniversario da súa data de nacemento.[7]

Discografía

[editar | editar a fonte]
  • Por non poder / A uns ollos verdes / Homes / Deixa que chova (EP, 1969)
  • O tren / Miña Maruxa (1969)
  • Corpiño xeitoso / Rapaciña (1970)
  • San Antón / Con máis amor (1971)
  • Meu amor / Pois eu (1971)
  • Amor D.F. / Quiero hacer mi casa en el cielo (1972)
  • Bon Nadal / ¡Pum! (1972)
  • Me estoy volviendo loco / A máis belida da vila (1973)
  • Si vienes a San Simón / As namoradiñas (1973)
  • Señora mía / Hoxe vai chorar (1975)

Directos e recompilatorios

[editar | editar a fonte]
  1. Entrada "DOBARRO, Andrés" na Gran Enciclopedia Galega Silverio Cañada
  2. Becerra, Javier (23 de xaneiro de 2010). "Saudade de Andrés do Barro". La Voz de Galicia. Arquivado dende o orixinal o 24 de agosto de 2015. Consultado o 25 de xuño de 2015. 
  3. El cantante Andrés Dobarro muere en la penuria económica en El País. (en castelán)
  4. "A la memoria de Andrés Lapique do Barro: mis vivencias..., post no blog de Nonito Pereira, 30 de abril de 2014 (en castelán).
  5. Díaz, Eva (22-12-2004). "Galicia recupera la figura del cantante ferrolano Andrés Dobarro". La Voz de Galicia (en castelán) (Ferrol). Consultado o 18-8-2017. 
  6. "Un ciclo homenaxea en Ferrol a Figura de Andrés Dobarro". Consello da Cultura Galega. 
  7. "1 de outubro, Dia do Orgulho Neofalante". Portal Galego da Língua - PGL.gal. 2014-09-30. Consultado o 2019-10-02. 

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]