Antonio de los Ríos Rosas
Antonio Sánchez del Río y López de la Rosa, que cambiou os seus apelidos polo máis sonoro Antonio de los Ríos Rosas,[1] nado en Ronda o 16 de marzo de 1812 e finado en Madrid o 3 de novembro de 1873, foi un orador, xurista e político español, presidente do Congreso dos Deputados durante as lexislaturas de 1863-1864, 1865-1866 e 1872.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Ríos Rosas era licenciado en Dereito pola Universidade de Granada e accedeu por vez primeira ás Cortes Xerais como deputado pola provincia de Málaga en 1836. Contrario ás manobras do xeneral Espartero durante a Rexencia de María Cristina, opúxose ao mesmo a partir de 1840. Coa caída do xeneral e a maioría de idade de Isabel II, foi nomeado membro do Consello Real.
Ao longo dos anos evolucionou cara a posicións menos absolutistas e máis proclives cara a un moderantismo democrático, opoñéndose a Narváez na Década Moderada, aínda que tamén se opuxo firmemente ás modificacións constitucionais que se propuñan desde o Goberno do Bienio Progresista, máis próximo á vella doutrina da soberanía compartida entre a Coroa e as Cortes. Coa chegada de Leopoldo O'Donnell ao poder nos gobernos da Unión Liberal, encargóuselle a redacción da Acta Adicional para facer máis liberal a restaurada Constitución de 1845 e foi nomeado ministro de Gobernación o 14 de xullo de 1856 no primeiro goberno, aínda que cesou en outubro do mesmo ano. En 1852 ingresou na Real Academia de Xurisprudencia e Lexislación.
Posteriormente foi embaixador de España en Roma e levou o peso das negociacións para restablecer as relacións diplomáticas coa Santa Sé e pór de novo en vigor o Concordato de 1851. A partir de 1861 foise separando da liña de O'Donnell e en 1863 foi elixido presidente do Congreso dos Deputados nos momentos máis críticos da Unión Liberal, ingresando na Real Academia Española e sendo elixido presidente do Ateneo de Madrid. Durante dous anos foi desterrado polo xeneral Narváez ás illas Canarias.
Tras a caída da monarquía, durante o Sexenio Democrático foi elixido membro do Consello de Estado e mantívose dentro dos moderados afastado das tentacións republicanas e apoiou a elección de Amadeu de Savoia como rei de España. Pero o fracaso desta experiencia e a proclamación da primeira república achegárono ás teses de Emilio Castelar (republicanismo unitario) fronte ás de Pi i Margall (republicanismo federal), moito máis radicais; aínda que discrepaba daquel nas cuestións relixiosas. Morreu en Madrid sen apenas recursos.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Zapatero, Virgilio, Fernando de los Ríos: Los problemas del socialismo democrático, Madrid, Cuadernos para el Diálogo, 1974, p. 15.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Antonio de los Ríos Rosas |
Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Pérez de Guzmán y Gallo, Juan (1913). "Historia política y parlamentaria, del Excmo. Sr. D. Antonio de los Ríos Rosas, con sus principales discursos, estado de la política en el día que los pronunció, influencia de ellos en la vida de los Gobiernos y de las Cortes...". Boletín de la Real Academia de la Historia 63: 434–447. ISSN 0034-0626.