Ara Malikian
Este artigo precisa de máis fontes ou referencias que aparezan nunha publicación acreditada que poidan verificar o seu contido, como libros ou outras publicacións especializadas no tema. Por favor, axude mellorando este artigo. (Desde agosto de 2017.) |
(2015) | |
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 14 de setembro de 1968 (56 anos) Beirut, Líbano |
Residencia | sen valor |
Educación | Guildhall School of Music and Drama (en) Hanover University of Music, Drama and Media (en) |
Actividade | |
Ocupación | violinista |
Instrumento | Violín |
Selo discográfico | Picos & Ham Records (en) |
Sitio web | aramalikian.com |
Ara Malikian, nado no Líbano en 1968, é un violinista de orixe armenia residente en España.
Formación
[editar | editar a fonte]Nado no seo dunha familia armenia, iniciouse ben novo no violín, da man do seu pai. O seu talento foi axiña recoñecido malia as difíciles circunstancias que a guerra lle obrigou a vivir, forzándoo incluso a estudar durante longos períodos nos refuxios antiaéreos.
Deu o seu primeiro concerto importante con 12 anos, e con 14 o director de orquestra Hans Herbert-Jöris escoitouno e conseguiu para el unha bolsa do goberno alemán para cursar estudos na Hochschule für Musik und Theater Hannover. Con 15 anos foi o alumno máis novo admitido nese prestixioso centro superior de estudos musicais. Posteriormente ampliou os seus estudos na Guildhall School of Music & Drama de Londres, ademais de recibir leccións dalgúns dos máis prestixiosos profesores do mundo como Franco Gulli, Ruggiero Ricci, Ivry Gitlis, Herman Krebbers ou membros do Alban Berg Quartet.
A súa inquedanza musical e humana levaron a Ara Malikian a profundar nas súas propias raíces armenias e asimilar a música doutras culturas do Medio Oriente (árabe e xudía), Centro Europa (xitana e klezmer), Arxentina (tango) e España (flamenco), todo isto dentro dunha linguaxe moi persoal na que se van da man a forza rítmica e emocional destas músicas co virtuosismo e a expresividade da gran tradición clásica europea.
Posuidor dun amplo repertorio, que inclúe a práctica totalidade das grandes obras escritas para violín (concertos con orquestras, sonatas e pezas con piano e música de cámara) estreou tamén obras de compositores actuais como Franco Donatoni, Malcom Lipkin, Luciano Chailly, Ladislav Kupkovic, Loris Tjeknavorian, Lawrence Roman ou Yervand Yernakian. Malikian é ademais un dos poucos violinistas que realiza recitais para violín só con programas dedicados a integrais tan significativas como os 24 Caprichos de Paganini, as 6 Sonatas de Eugène Ysaÿe ou as Sonatas e Partitas de Bach.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Gañou numerosos concursos de prestixio mundial, entre os que destacan os Primeiros Premios obtidos nos Concursos Internacionais “Felix Mendelssohn” (1987 Berlín, Alemaña) e “Pablo Sarasate” (1995 Pamplona) ademais dos premios recibidos en concursos como “Niccolo Paganini” (Xénova, Italia), “Zino Francescatti” (Marsella, Francia), “Rodolfo Lipizer” (Gorizia, Italia), “Mocidades Musicais (Belgrado, Serbia), “Rameau” (Le Mans, Francia), “Internacional Artist Guild” (Nova York, USA), e na “Internacional Music Competition of Japan”. En 1993 recibiu o “Premio á Dedicación e o Cumprimento Artístico” do Ministerio de cultura de Alemaña.
Tocou nas mellores salas de concerto en máis de corenta países dos cinco continentes: Nova York (Carnegie Hall), París (Salle Pleyel), Viena (Musikverein), Toronto (Ford Center), Madrid (Auditorio Nacional e Teatro Real) Zurcí (Tonhalle), Londres (Barbican Center), Toquio, Istambul, Berlín, Atenas, Venecia, Los Angeles, Taipei, Hong Kong, Kuala Lumpur, Cuba, Barcelona e Bilbao entre outros. Tamén participou nos festivais de Aspen, Colamar, Prades, Schlswig Holstein, Braunschweig, San Sebastián, Segovia, Bergen, Freden, Metlach e Praga.
Como violín solista foi invitado por orquestras como Orquestra Sinfónica de Toquio, Orquestra Sinfónica de Bamberg, Zurcí Chamber Orquestra, Génova Opera Orquestra, Orquestra Sinfónica de Madrid, Sinfónica de Portugal, Orquestra de Cámara de Tubingen, Virtuosos de Moscova, Filharmónica de Belgrado, Orquestra de cámara de Tolosa (Francia), Filharmónica de Armenia e Orquestras da Comunidade de Madrid entre outras, baixo a batuta de directores tan importantes como Mariss Janssons, Peter Maag, Jesús López Cobos, Vladimir Spivakov, Miguel Ángel Gómez-Martínez, Luis Antonio García Navarro, Vassili Sinaisky, Edmond de Stoutz, Gudni Emilson, Juan José Mena ou Jo Ann Falleta.
Actividade en España
[editar | editar a fonte]Actualmente reside en Madrid, onde é concertino da OSM (Teatro Real), co que recentemente obtivo un clamoroso éxito interpretando como solista Le boeuf sur le toit de Darius Milhaud, en versión para violín e orquestra, baixo a dirección de Gómez Martínez[1] e o Concerto para violín e orquestra en Re menor de Khachaturian coa batuta de Jesús López Cobos. En ámbalas dúas obras sería moi difícil encontrar na actualidade un intérprete máis adecuado.
A súa estreita colaboración con José Luis Montón, un dos máis destacados guitarristas flamencos actuais, abriu un novo camiño na música española actual. Tamén colaborou entre outros coa cantante libanesa Fairud, os bailaríns flamencos Joaquín Cortés e Belén Maya, en Ensamble Nuevo Tango e co pianista de jazz Horacio Icasto. A súa presenza foi solicitada por importantes compositores de música de cine como Alberto Iglesias, co que gravou a banda sonora de Hable con ella, de Almodóvar ou Pascal Gainge en Otro barrio de Salvador García Ruiz.
Ara Malikian é actualmente artista exclusivo de Warner España, compañía coa que gravou Manantial e De la felicidad acompañado polo guitarrista flamenco José Luis Montón. Este último CD foi nomeado pola Academia Española da Música como o mellor disco de Nova música do ano. Con Warner, Malikian gravou tamén un dobre CD con algunhas das máis destacadas obras de Paganini, incluíndo os seus famosos "24 caprichos para violín só", un álbum con obras de Pablo Sarasate acompañado ó piano polo magnífico pianista armenio Serouj Kradjian, as "6 Sonatas para violín solo" de Ysaÿe, e as "Sonatas e Partitas para violín só" de Johann Sebastian Bach.
Ara Malikian foi nomeado por partida dobre como mellor intérprete de música clásica nos Premios da Música 2007, pola súa gravación do Poema Concertante de Xavier Montsalvatge xunto á Orquestra Sinfónica de Castela e León, así como polo seu traballo xunto a Joan Valent, Suso Sáiz e Marc Blanes.
Desde o 2006 colabora coa Fundación Non Profit Music e co compositor madrileño Jorge Grundman na creación da orquestra de cámara Non Profit Music Chamber Orchestra dedicada a difundir a obra de compositores contemporáneos dentro da chamada Nova Música Consoante. Froito do traballo desta colaboración son a publicación dos traballos Tears of Beauty e Meeting with a friend.
No 2008 foi dobremente nomeado ós Premios da Música, precisamente polo seu traballo coa Non Profit Music Chamber Orchestra como mellor intérprete de música clásica por Meeting with a friend, e tamén por Lejos, xunto ó guitarrista arxentino Fernando Egózcue.
Tamén no 2008 formou xunto a Thomas Potiron, Eduardo Ortega e Gartxot o cuarteto de corda Pagagnini, cos que fan unha revisión en clave humorística e teatral de pezas cumio da música clásica, de autores como Sarasate, Manuel de Falla, Luigi Boccherini, Johann Pachelbel, Shigeru Umebayashi, Mozart, Serge Gainsbourg ou Paganini.
En 2013 o Ministerio de Xustiza denegoulle a nacionalidade española despois levar 15 anos vivindo en España por defectos formais. Cando presentou a solicitude aínda non levaba 10 anos de residencia en España[2].
Discografía
[editar | editar a fonte]- Chirstmas mood (2011)
- Con los ojos cerrados (Ara Malikian e Fernando Egozcue Quinteto- 2011)
- Conciertos románticos españoles de violín (Orquestra sinfónica de Castela e León-Alejandro Posada e Ara Malikian-2010)
- Lejos (2007)
- Meeting with a friend (2007)
- Tears of Beauty (2006)
- De los Cobos / Montsalvatge (2005)
- De la Felicidad (2005)
- The Four Seasons by Vivaldi (2004)
- Manantial (2002/2004)
- Sonatas and Partitas for Solo Violin by Bach (2003)
- Six Sonatas for Solo Violin by Ysaÿe (2003)
- Sarasate (2003)
- 24 Caprices for Solo Violin by Paganini (2003)
- Robert Schumann (2000)
- All Seasons for Different (2000)
- 500 Motivaciones (1999)
- Bow on the String (1997)
- Miniatures (1996)
- 750 Jahre Wölpinghausen (1996)
- Le quatro stagioni (1995)
Como artista invitado
[editar | editar a fonte]- Insula Poética, en Son Brull (2006)
Bandas sonoras
[editar | editar a fonte]- La mala educación (2005, de Pedro Almodóvar)
- Hable con ella (2002, de Pedro Almodóvar)
- Los pasos perdidos (2001, de Manane Rodriguez)
- El otro barrio (2000, de Salvador García Ruiz)
- Manolito Gafotas (1999, de Miguel Albaladejo)
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ http://www.youtube.com/watch?v=y8lfMhSa5Lk
- ↑ Ara Malikian: "En España, si no haces trampa no te dan la nacionalidad" huffingtonpost.es