Saltar ao contido

Armadillos

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Dasipódidos
Dasypodidae
Armadillos

Rango fósil: paleocenopresente

Dasypus novemcinctus
Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Chordata
Subfilo: Vertebrata
Clase: Mammalia
Subclase: Placentalia
Superorde: Xenarthra
Orde: Cingulata
Familia: Dasypodidae
Gray, 1821
Subfamilias, Xéneros e Especies
  • Véxase o texto

A dos dasipódidos (Dasypodidae) é unha familia de mamíferos placentarios, a única da orde dos cingulados,[1] que comprende animais americanos coñecidos comunmente como armadillos,[2] caracterizados por posuíren unha coiraza dorsal formada por placas xustapostas, ordenadas polo xeral en filas transversais, pola súa cola bastante longa e as extremidades curtas.

Nomes comúns

[editar | editar a fonte]

Os integrantes desta familia reciben diversos nomes, sendo o máis común o de armadillo; tamén son chamados (ás veces dependendo da especie) quirquincho (do quechua kirkinchu no Perú, Bolivia, Arxentina e Chile), cusuco (en Nicaragua, Costa Rica, O Salvador e Honduras), mulita (na Arxentina e o Uruguai), tatú (tatú, tatú carreta) en Paraguai e o Uruguai, peludo (na Arxentina, Chile e o Uruguai), tatú, piche (na Arxentina, Chile, Paraguai e o Brasil), cachicamo (en Colombia e Venezuela) e jerre-jerre na costa caribeña de Colombia. Os nomes usados en portugués son tatu e armadilho.

Características

[editar | editar a fonte]
Quirquincho ou pichi, armadillo da especie Zaedyus pichiy na península Valdés.

Os armadillos son mamíferos moi fáciles de recoñecer, distinguibles por teren unha armadura formada por placas óseas cubertas por escudos córneos que lles serven como protección, e que nalgúns xéneros permiten ao animal enrolarse en forma de bóla. Externamente parécense un pouco aos pangolíns, mamíferos de África e Asia cubertos de enormes escamas ou placas, e que teñen hábitos similares. Esta é a razón pola cal foron clasificados na mesma orde no pasado, pero actualmente é claro que non están emparentados, pertencendo os armadillos á superorde dos xenartros (e orde dos cingulados) moi afastados filoxeneticamente, dos pangolíns, que están hoxe clasificados na orde dos folidotos.[3]

Os armadillos separáronse moi pouco do plan ancestral mammaliano e son un grupo moi antigo, xa diferenciado no paleoceno.[3]

Os dentes do armadillo son estruturas cilíndricas simples e uniformes, sen esmalte e con raíces abertas e crecemento continuo; o seu número é moi elevado, até 25 en cada mandíbula.

A especie máis estendida é o armadillo de nove bandas ou tatú[4] (Dasypus novemcinctus), a única que chega até os Estados Unidos desde o sur. Esta especie e Cabassous centralis son as únicas que teñen unha área de distribución que se estende fóra de América do Sur, onde habitan todas as especies da familia e, segundo o rexistro fósil coñecido, son o lugar de orixe.

Bioloxía e ecoloxía

[editar | editar a fonte]

Os armadillos son nocturnos e cavadores. Son insectívoros omnívoros e necrófagos propios da zona tropical de Centroamérica e Suramérica.

Relacións dos armadillos co home

[editar | editar a fonte]
No mapa de Alonso de Ovalle de 1646 o quirquincho aparece practicamente como un ser fabuloso, acompañado de homes con colas e monstros mariños.

A súa casca é usada para a elaboración de charangos, os cales teñen un gran valor comercial.

Priodontes maximus.

En Tabasco (México) o armadillo de nove bandas coñécense como "jueche" e adoitaba utilizarse para consumo humano ata que se declarou en perigo de extinción.

En Centroamérica, este armadillo é coñecido como cusuco. A pesar de que no Salvador relaciónase coa lepra (posto que a pel do seu bandullo parece contela) é consumido por algúns dos seus habitantes, especialmente na cidade de San Alejos, Departamento de San Miguel. O cusuco tamén se consome polo menos en Honduras e Nicaragua.

A súa carne utilízase para consumo humano e dado o seu sabor e concoñécese como o "sete carnes", pois a súa carne aseméllase ás de pito, coello e porco. Os campesiños adoitan desosar o animal e preparar a carne dentro da casca para consumila asada, frita ou guisada. Despois de fritila na casca, mastígase de maneira semellante ao chicharrón ou coiro do porco.

A casca e a cola son utilizadas para prácticas medicinais tradicionais. Estas déixanse torrar e móense até quedar en po, o cal férvese en auga, e este "caldo" bébeno as mulleres "primeirizas" (primeiro embarazo), co que curan as molestias que este causa. Segundo moitos campesiños, a asma cúrase bebendo sangue de armadillo recentemente degolado e, para disimular o mal sabor, pásase cun grolo de augardente.

O armadillo pode ser portador de certos microorganismos que producen no home enfermidades como o Mycobacterium leprae, bacteria causante da lepra. Así mesmo, considéraselle reservorio de protozoos flaxelados da especie Trypanosoma cruzi, que causa nos humanos, especialmente en nenos, unha doenza moi grave chamada enfermidade de Chagas.

Dada a importancia sanitaria antedita, en Venezuela lexíslase desde 1982 para vedar a caza desta especie, ademais do Priodontes maximus, que é o armadillo xigante, e do Dasypus sabanicola ou cachicamo sabanero, o máis común en Venezuela.

En Europa, os Estados Unidos de América, México e Venezuela fanse estudos cos armadillos a fin de encontrar medicamentos para tratar, ademais das enfermidades citadas, outras como a leishmaniose e a febre amarela.[5]

Existe unha cidade que debe o seu nome a este animal, Ayutuxtepeque, que significa "outeiro de armadillos ou cusucos".

Taxonomía

[editar | editar a fonte]

Descrición

[editar | editar a fonte]

A familia foi descrita en 1821 polo naturalista inglés John Edward Gray, no seu traballo "On the naturel arrangement of vertebrose animal", publicado en London Med. Repos., 15: 296-310.[6]

Etimoloxías

[editar | editar a fonte]

O nome científico da familia, Dasypodidae, fórmase, como é habitual, sobre a base do xenitivo do nome do seu xénero tipo, neste caso Dasypus, engadínolle a desinencia do latín científico ´-idae (tirado do grego antigo είδος eídos, "semellante"), propia dos nomes das familias de animais).

En canto ao nome do xénero, Dasypus, é unha adaptación do neoloxismo do grego antigo δασύπους dasýpous (literalmente "o de pés peludos", construído polo primeiro elemento dasy- (tirado do grego δασύς dasýs, "denso, mesto, peludo"), e o segundo elemento -pus (do grego πούς poús, "pé, pata").[7]

Clasificación

[editar | editar a fonte]

A familia dos dasipódidos subdivídese en tres subfamilias, con nove xéneros actuais e numerosos xéneros extintos.[6][8]

Nota: na relación exposta a continuación indícanse só os xéneros e as especies actualmente viventes.

Dasypus hybridus.
Dasypus septemcinctus taxidermizado.
Chlamyphorus truncatus, o pichiciego.
Euphractus sexcinctus.
Tolypeutes matacus.
Tolypeutes matacus enrolado.

Subfamilia Dasypodinae

Subfamilia Euphractinae

Subfamilia Tolypeutinae

Filoxenia

[editar | editar a fonte]

Relacións filoxenéticas dos dasipódidos, segundo Delsuc et al. 2003.[9]

 Dasypodidae 
 Euphractinae 

 Calyptophractus

 Chlamyphorus

 Chaetophractus

 Euphractus

 Zaedyus

 Tolypeutinae 

 Tolypeutes

 Priodontes

 Cabassous

 Dasypodinae

  1. Cingulata en MSW.
  2. armadillo no dicionario da RAG.
  3. 3,0 3,1 Young, J. Z. (1977): La vida de los vertebrados. Barcelona: Editorial Omega. ISBN 84-282-0206-0.
  4. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para tatú.
  5. AUPEC.
  6. 6,0 6,1 Dasypodidae en MSW.
  7. Dasypus en Nahuatlahtolli.
  8. Mikko's Phylogeny Archive - Dasypodidae.
  9. Frédéric Delsuc, Mariella Superina, Marie-Ka Tilaka, Emmanuel J. P. Douzery, Alexandre Hassanin (2003): "Molecular systematics of armadillos (Xenarthra, Dasypodidae): contribution of maximum likelihood and Bayesian analyses of mitochondrial and nuclear genes" Molecular Phylogenetics and Evolution 28 (2): 261–275. Resumo.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]
  • Kowalski, Kazimierz (1981): Mamíferos. Manual de teriología. Madrid: H. Blume Ediciones. ISBN 84-7214-229-9, pp. 338–340.
  • McKenna, Malcolm C. & Bell, Susan K. (1997): Classification of Mammals Above the Species Level. Nova York: Columbia University Press. ISBN 0-231-11013-8.
  • Nowak, Ronald M. (1999): Walker's Mammals of the World. 6ª ed. Baltimore, Maryland, EE. UU.: The Johns Hopkins University Press. ISBN 978-0-8018-5789-8.
  • VV. AA. (1968): Enciclopedia Salvat de las ciencias. Tomo 6. Animales vertebrados. Pamplona: Salvat, S. A. de Ediciones, pp. 86–88.
  • Wilson, D. E. & Reeder, D. M., eds. (2005): Mammal Species of the World: A Taxonomic and Geographic Reference, 3rd ed. Baltimore, Maryland, USA: The Johns Hopkins University Press. ISBN 978-0-8018-8221-0.

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]