Saltar ao contido

Burro

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Asno»)

O burro (Gl-burro.ogg pronunciación ) ou asno (Equus asinus) é un mamífero doméstico da familia dos équidos, de ata metro e medio aproximadamente de altura á cruz, caracterizado polas longas orellas e a cabeza proporcionalmente grande. O pelo das crinas é curto, polo que estas son erectas. Emprégase, ou mellor empregábase, como animal de carga.

O macho denomínase garañón, nome que tamén pode recibi-lo cabalo semental.

Desde o punto de vista zoolóxico, é un animal mamífero, vivíparo, ungulado (dedos rematados en pezuños), perisodáctilo (un único dedo nun pezuño simple) e herbívoro.

O burro actual procede da domesticación de dúas especies de asnos salvaxes norteafricanos, o asno salvaxe de Nubia (Equus asinus africanus), localizado entre a beira oriental do Nilo e o Mar Vermello, e o asno salvaxe de Somalia (Equus asinus somaliensis), localizado na península do mesmo nome. Ó parecer, foron os pastores do nordeste de África, dentro do proceso de desertificación do Sáhara, os que aproveitaron a capacidade de resistencia daqueles animais á falta de auga e ás altas temperaturas para consegui-la súa domesticación. Esta produciuse en dous procesos separados que se poden datar nunha antigüidade de 10.000 e de 7.000 anos [1].

Burro zamorano-leonés

Os primeiros datos históricos do burro como animal doméstico poden situarse en Exipto, estando xa presente nas pinturas dos templos exipcios. Cabe destacar tamén a súa presenza na Biblia e como indicador de riqueza no pobo hebreo. Posteriormente, produciuse unha expansión do burro desde Exipto a Persia e Europa, por unha banda (gregos e romanos utilizábano adoito como besta de carga e tamén como alimento), e ó resto de África, por outra, ata conseguir unha presenza nas zonas cálidas de todo o mundo. A chegada á China, o Xapón e Norteamérica sitúase no século XIX.

Segundo Jordi Jordana Vidal[2], do primeiro – E. a. africanus- derivaron as razas andaluza e majorera das Canarias, e do segundo –E. a. somaliensis- tódalas razas de capa negra propias do norte de España: a raza Catalá, a das Encartaciones (do País Vasco), a Mallorquina, a Zamorano-leonesa, así como o burro galego fariñeiro. Todas estas razas autóctonas españolas están actualmente en perigo de extinción.

En África aínda quedan exemplares salvaxes, chamados onagros, pero non en Europa.

Razas asnais

[editar | editar a fonte]
Burro catalán

Sen estar recoñecida de forma oficial nos catálogos raciais equinos, as características morfolóxicas do burro galego permiten describir un tipo diferente das razas anteriores, que se denominou burro fariñeiro galego.

Descrición

[editar | editar a fonte]

Resulta difícil describi-las características morfolóxicas típicas do burro se temos en conta as variacións existentes entre as diferentes razas e o feito habitual da falta de pureza racial como resultado de cruces non controlados. A seguinte descrición corresponde ó que se vén chama-lo burro fariñeiro galego, como raza propia da nosa comunidade.

En xeral, é un animal relativamente pequeno, mesmo comparado con outras razas, chegando a talles de ó redor de 1 metro ou pouco máis. O peso medio oscila entre os 150 e os 200 kg. As femias son sempre máis pequenas cós machos.

O burro catalán pode chegar a pesos de 375 kg (os machos) e a talles medios de 1,50-1,60 metros á cruz. O burro zamorano é algo menor, con pesos de ó redor de 250 kg e alzadas de ata 1,40-1,50 metros.

O corpo está cuberto dunha pelaxe curta e suave, máis abundante na cabeza. Outras razas, coma o burro zamorano, caracterízanse pola maior lonxitude do pelo.

As variacións na capa son frecuentes e moi amplas segundo a raza, oscilando entre o gris cinsa, máis ou menos abrancazado (que son os denominados rucios) e o practicamente negro. A raza catalá é de cor negra escura mentres que a andaluza é de cor torda clara. No burro fariñeiro galego adoita ser escura, denominada tecnicamente torda (por mestura de pelos brancos e negros).

En tódalas razas obsérvanse degradacións a gris prateado ou branco no ventre, bragada e axilas, así como ó redor do fociño e dos ollos, tipicamente bordeados dun halo branco.

Nalgúns exemplares pode observarse un listón máis escuro cá cor do resto da pel, a todo o longo do espiñazo e que baixa polo centro das escápulas formando un debuxo en cruz característico. Conta a lenda que o teñen como signo do agradecemento de Xesús ante o intento dun burro de cargar por el a cruz durante a ascensión ó Calvario. Como sexa que os soldados romanos non llo permitiron, o pobre animal conformouse con seguilo e permanecer xunto a el baixo a cruz na que foi crucificado. Engade a lenda que se trataba do mesmo burro no que tivo que fuxir, acabado de nacer, para escapar da matanza de Herodes.

Destaca o tamaño desproporcionadamente grande da cabeza (maior cá dos cabalos). As orellas son grandes e moi móbiles, máis escuras có resto da capa.

Peito estreito, e liña dorsolumbar claramente deprimida, coa coxa levantada. O espiñazo está ben marcado e o ventre voluminoso e caído. Rabo longo e delgado, rematado nunha borla de longas sedas.

As patas son delgadas, e os pezuños pequenos e comprimidas lateralmente.

A voz do burro chámase orneo, e emitir orneos é ornear ou arnear. Cómpre dicir que ornear tamén se aplica á vaca en Sarreaus e A Merca, e, na forma orneiar, na Gudiña. En Feás, orneo designa o brado da vaca.

Reprodución

[editar | editar a fonte]

A madurez sexual chega ós dous anos nas femias e máis tarde nos machos. Poden vivir ata 25 anos, aínda que se citan casos de exemplares de 40 anos.

O período de xestación é de 11 a 12 meses, cunha cría única en cada parto.

Hibridación con outros équidos

[editar | editar a fonte]
Híbrido entre burro e cebra do Zoolóxico de Colchester, Inglaterra

O burro, tanto o macho como a femia, poden cruzarse co cabalo, dando lugar a híbridos estériles. A razón desta esterilidade está no diferente número de cromosomas nas dúas especies: os cabalos teñen 64 cromosomas e os burros, 62, dando como resultado híbridos de 63 cromosomas.

Se se cruza un burro macho cunha egua, obtemos unha mula ou un macho. O nome de besta aplícase normalmente ás eguas, pero tamén como denominación colectiva para calquera equino, incluídas as mulas.

Se se cruza un cabalo cunha burra, obteremos unha mula burreño ou besta burreña. Non nos consta que burreño tamén funcione como substantivo.

As mulas son extremadamente fortes e resistentes, o que as fixo moi apreciadas para o transporte de cargas pesadas a grandes distancias, sobre todo en terreos montañosos e difíciles. Os burreños, en cambio, son pequenos e débiles.

Tamén se poden obter, aínda que son infrecuentes, híbridos entre burros machos e cebras femias, coñecidos como cebrasnos ou ceburros [3]. Máis raros aínda son os híbridos entre burras e cebras machos.

Usos agrícolas

[editar | editar a fonte]

O principal uso do burro como animal doméstico sempre foi como animal de carga ou de traballo, para o transporte de xente e cousas e para tirar do carro ou, menos frecuentemente, do arado. Aprovéitase a tal fin a súa resistencia e docilidade, así como a capacidade de movemento en camiños irregulares, propiedades que o fan moi útil e sufrido. Ademais, son animais lonxevos e moi pouco esixentes no tocante ó seu mantemento. En tempos, tamén se utilizaba como animal produtor de carne e leite. Ten moita sona a chacina leonesa obtida a partir da carne de mula.

Mercado dominical en Khotan, República Popular da China.

Aínda que hoxe en día este uso agrícola desapareceu nos países desenvolvidos, pola mecanización da agricultura, seguen representando unha valiosa axuda no terceiro mundo.

A denominación galega de burro fariñeiro non fai alusión á cor da capa senón ó seu uso para o transporte de grao e fariña cara e desde os muíños. Tamén foi tradicional o uso en Galicia para o transporte de cargas por zonas escarpadas, como os cantís de Ortigueira ou Teixido, así como para a recollida da uva na Ribeira Sacra. Precisamente por esa capacidade de moverse con soltura polos terreos máis escarpados, onde resultaba máis difícil atoparse cos gardas, era o animal de carga preferido polos contrabandistas da raia con Portugal.

Noutras zonas de España sempre foron burros ou mulas as que movían as rodas de norias e muíños, e co mesmo fin utilizáronse en Quiroga para move-los muíños de aceite.

En Galicia, foron vacas e bois os que tiraban de carros e arados, pero para labores menores ou en situacións de pobreza eran substituídos por burros. Tamén transportaban todo o necesario para a subsistencia dos pastores cando tiñan que realizar longos desprazamentos ou estancias prolongadas nas brañas.

Actualmente estanse a producir diversos movementos de recuperación do burro que buscan da-la volta ó progresivo descenso do número de exemplares. No intento de darlles unha rendibilidade económica poden destacarse novos usos como mascota, como terapia para certas incapacidades ou para potencia-lo turismo rural, ó facilita-lo movemento en rutas de montaña, paseos ecolóxicos etc.

Aínda que sexa bordeando un pouco a lenda, non podemos esquece-la tradición que corre por Galicia adiante de utiliza-los burros para deseña-lo mellor camiño entre dúas aldeas afastadas. Bastaba con levar un burro dunha aldea á outra e deixalo volver de seu, coa seguridade de que o camiño que escollera sería o máis curto e cómodo.

De feito, existe unha sentenza islámica que vén dicir que «Segue ó burro e atoparás o teu pobo. Segue a unha cabra e caerás nun barranco».

En Portugal corre a crenza de que o burro tamén é quen de gardar eficazmente os rabaños de ovellas contra os ataques de cans e lobos, arredándoos do gando a base de couces e dentadas. Pero que para que así o faga ten que estar un burro só, xa que se hai dous só se preocuparán de facerse compañía, esquecendo o coidado do rabaño [4].

Carácter e temperamento

[editar | editar a fonte]

O carácter teimudo do burro, ó que non se lle pode facer cumprir unha orde se el non quere (Non levarás por ben o burro á auga se el non ten gana), está amplamente arraigado na nosa cultura. En realidade non parece ser certo senón que ese comportamento obedece a un alto instinto de autoprotección, polo que se negan a facer calquera traballo que descoñezan e que sintan que poida representar un perigo. Porén, unha vez que o animal comproba que non implica perigo ningún, realizará eses traballos sen problemas.

Outro tópico tamén moi estendido é o da súa suposta falta de intelixencia, metáfora trasladada desde antigo á lingua e á imaxinería (lémbrense as orellas de burro que se lle colocaban ós rapaces como castigo). Fóra de consideracións sobre a existencia ou non de intelixencia nos animais, o certo é que se admite que son quen de aprender máis de vinte ordes distintas e de abrir co fociño a porta das cortes ou o portelo das leiras.

Protección

[editar | editar a fonte]

Non é posible cuantifica-lo estado actual do censo asnal en España (os últimos datos corresponden ó ano 1999), pero a evolución está clara. Cara a fin da Guerra Civil había, segundo os censos oficiais, máis dun millón destes animais, pero os sucesivos censos publicados polo Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación evidencian claramente o descenso imparable do número de cabezas:

Censo nacional de gando asnal e mular
Especie 1950 1960 1970 1980 1990 1999
Asnos
732 686 363 188 130 55
Mulas
1.089 1.158 533 199 100 28

(En miles de cabezas. Fonte: Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación)

Coma no resto do estado, tamén en Galicia as cifras seguen unha evolución semellante. En 1986 estimábase un censo de 26.041 burros (segundo un estudo feito pola Universidade de Córdoba). En 1999, o censo era de só 14.677 burros e 4.038 mulas (segundo a Gran Enciclopedia Galega, 2003).

Burro de Galicia

Na actualidade (datos de 2006), a Asociación de Defensa dos Burros Fariñeiros de Galicia (ABUFA) cifra o número de burros entre 7 e 8.000 cabezas. Aínda así, os especialistas neste animal coinciden en que Galicia é a comunidade cun maior censo asnal.

As razóns deste descenso espectacular no número de exemplares deben buscarse na mecanización do campo, que substituíu eficazmente o traballo que viñan realizando burros e machos. Sendo esta a única aptitude que xustificaba a presenza destes animais na cabana gandeira, convertéronse en animais inútiles cun único destino: o sacrificio ou o abandono no monte. A recuperación do aprecio polo burro é cousa recente. Podemos atopa-los primeiros pasos en Francia, a finais dos anos oitenta. En España comezan moito máis tarde, en 1998.

Noutras comunidades autónomas existen xa plans oficiais de recuperación das súas razas asnais autóctonas pero non é así en Galicia, onde non conta con ningunha figura de protección oficial. Existe, si, un plan de recuperación do Cabalo de pura raza galega, que vén funcionando desde 1996 e que xa conseguiu un censo de 450 exemplares (24 machos e 426 femias) de suficiente pureza racial (Razas autóctonas de Galicia en perigo de extinción, Consellería de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural, 2001).

Tódalas razas asnais españolas posúen algunha asociación protectora recoñecida pola Administración:

  • Raza Andaluza: Unión de Ganaderos y Arrieros de la Gran Raza Asnal Andaluza, en Écija, Sevilla.
  • Raza do Asno de las Encartaciones: Asociación de defensa del Asno de las Encartaciones (ADEBUEN), en Garai, Biscaia.
  • Raza Catalá: Associació del Foment de la Raça Asinina Catalana (AFRAC), en Banyoles, Xirona.
  • Raza Mallorquina: Associació de Criadors i Propietaris de Pura Raça Asinal Mallorquina, en Esporles, Mallorca.
  • Raza Majorera: Asociación SOO Grupo para la Conservación y Fomento del Burro Majorero, en Fuerteventura, As Palmas.
  • Raza Zamorano-leonesa: Asociación Nacional de Criadores de Ganado Selecto de Raza Asnal Zamorano-Leonesa (ASZAL), en Zamora.

En Galicia si que existen iniciativas privadas en defensa e protección do burro, como a xa citada Asociación de Defensa dos Burros Fariñeiros de Galicia (ABUFA), que vén traballando desde 1998, con sede en Brión (A Coruña) e un centro en Rubiáns (Vilagarcía de Arousa); e a Asociación Nacional para la Defensa, Recuperación y Estudo Terapéutico de la Raza Asnal (ANDREA), que tamén conta con centros de acollida para burros vellos, abandonados ou maltratados.

Noutros puntos coñecemos da existencia doutros grupos similares, como a Asociación de Amigos del Burro (AMIBURRO), en Trescantos, Madrid [1], ou a Asociación para la Defensa del Borrico (ADEBO), en Rute (Córdoba), fundada en 1989.

Aspectos históricos

[editar | editar a fonte]
Equus asinus nun camiño do Monte Zapateira

Na Roma antiga, o burro estaba consagrado a Príapo, deus da fecundidade, e na súa honra sacrificábanlle estes animais. Ovidio conta a lenda de que, tras un banquete ofrecido por Sileno (pai dos sátiros e deus menor do viño), a ninfa Lotis emborrachouse e quedou durmida. Príapo intentou violala pero ó, achegarse a ela, un burro do anfitrión alertou os invitados cos seus orneos, salvando así á ninfa que se librou de Príapo ó ser convertida nunha flor de loto. Este, en vinganza, matou e comeu o burro.

Outra lenda di que tal pasou cando Príapo intentou aproveitarse de Hesta (deusa do lume do fogar), coincidindo o resto da historia. E unha terceira explicación conta que a orixe está nunha competición entre Príapo e un burro (a quen Dioniso concedera o don da palabra) sobre o tamaño dos seus respectivos penes. Príapo gañou ó burro e logo matouno.

Das numerosas aparicións dos burros nos textos bíblicos (históricos ou apócrifos), destaquemos dous: a fuxida a Exipto de San Xosé e a Virxe para salvar a Xesús da orde de Herodes de matar a tódolos primoxénitos hebreos; e a entrada triunfal de Xesús en Xerusalén a cabalo dun humilde burro. E non podemos esquece-la presenza dunha mula e dun boi no portal de Belén.

Toponimia

[editar | editar a fonte]

Non consta no Nomenclátor ningún topónimo derivado da palabra burro, pero si dous para o sinónimo asno. O Porto do Asno é un lugar da parroquia de Codesoso, do concello coruñés de Sobrado, e Valdoasno outro lugar da parroquia de Armariz, do concello ourensán de Nogueira de Ramuín.

Simboloxía do burro

[editar | editar a fonte]

O burro pode representar cualidades contrapostas, se ben case todas son negativas. Comezando por estas últimas, representa a ignorancia e o carácter rudo, bruto, incivil, ineducado, cualificando como tal a quen temos por alguén de curto entendemento. Tamén serve para o obcecado, que non atende a razóns (poñerse burro, non apearse do burro). Conceptos directamente relacionados serían burrada e asneira (co significado de estupidez, parvada, dito ou acto de manifesta ignorancia) ou desasnar/se (co significado de aprender, educarse, afinarse).

Tamén representa o traballo duro e sufrido, pero no seu sentido máis pexorativo. Queda claramente expresado nas frases traballar coma un burro ou ser máis besta ca un burro.

Noutros contextos, o burro aparece relacionado con prácticas satánicas, xunto ó macho cabrío, e sexuais, polo desenvolvemento da súa verga. O deus exipcio Set, encarnación do mal e portador de secas e destrución, aparece representado por veces con cabeza de asno. A Baco, deus romano do viño e o pracer, estaba consagrado o burro, entre outros, e nas súas representacións humanas aparece cun pene ben patente. O mesmo Satán aparece moitas veces en forma de asno, con ou sen cornos.

Por outra banda, tamén podemos atopa-lo burro como representación de opcións políticas. O debuxo do burro catalán, deseñado por Eloi Alegre, naceu como logotipo da Asociación para el Fomento de la Raza Asinina Catalana (Afrac). En 2004, Jaume Sala e Álex Ferreiro comezaron a utilizalo, despois de lixeiras modificacións, como elimina-la crina e os testículos ver debuxo orixinal Arquivado 17 de outubro de 2019 en Wayback Machine., como símbolo da catalanidade fronte ó toro de Osborne típico da iconografía españolista, do mesmo xeito que aquí, en Galicia, xa corre desde o 2002 o equivalente da vaca do deseñador Antón Lezcano sobre a bandeira galega ou no País Vasco a ovella Ardilatxa (esquematizada da raza ovina autóctona lacha).

Nos Estados Unidos, o burro é o emblema do Partido Demócrata, fronte ó elefante que simboliza o Partido Republicano. A orixe desta icona non está clara pero parece ser que naceu en 1870, a partir dun debuxo satírico de Thomas Nast que caricaturizaba así ó presidente demócrata Andrew Jackson. Aínda que o Partido Demócrata nunca aceptou oficialmente esta imaxe, utilízaa de feito habitualmente, como reflexo dun partido doméstico, amable, valoroso e humilde.

O burro na literatura

[editar | editar a fonte]

Non debe sorprende-la presenza dos burros na literatura de todo o mundo. Ó cabo é un dos animais domésticos que conforman o ámbito que nos é máis próximo. Pero cabe menciona-lo seu papel destacado nas seguintes obras literarias:

  • O Asno de ouro (ou As Metamorfoses), unha novela do autor latino Lucio Apuleio (123 ou 125 - 180 d.C.), que relata as aventuras de Lucio, mozo obsesionado pola maxia. En Tesalia, pola súa teima por observa-los ritos máxicos das sacerdotisas, é vítima accidental dun feitizo que o converte en burro, pero sen mantendo a súa intelixencia. Baixo esta aparencia pasa polas mans de diferentes amos e ve e escoita o que lles acontece, sufrindo o maltrato dos servos e escravos que pagan nel, como besta de carga, a explotación que eles mesmos sofren dos seus amos. Finalmente, prega axuda a Isis e recupera a forma humana.
  • O soño dunha noite de verán (A Midsummer Night's Dream), comedia escrita por William Shakespeare ó redor de 1595. Nunha das súas frecuentes referencias á literatura clásica, Shakespeare inspírase no Asno de ouro e na súa comedia converte a un dos protagonistas, Nick Bottom, en home con cabeza de asno.
  • Platero y yo, obra poética de Juan Ramón Jiménez, que recrea poeticamente a vida e morte do burro denominado Platero.
    • Platero es pequeño, peludo, suave; tan blando por fuera, que se diría todo de algodón, que no lleva huesos. Sólo los espejos de azabache de sus ojos son duros cual dos escarabajos de cristal negro.
Estatua de Sancho Panza na praza de España, Madrid por Lorenzo Coullaut Valera, 1930.

Protagonista secundario que tamén merece ser lembrado é o rucio de Sancho Panza, fiel servidor do Quixote. Realmente, este personaxe é anónimo e só é designado polo seu nome común, non sendo certo que Rucio sexa zoónimo como se afirma nalgunhas fontes.

  • ¿Qué rucio es éste? -preguntó la duquesa.
  • Mi asno -respondió Sancho-, que por no nomearle con este nombre, le suelo llamar el rucio; y a esta señora dueña le rogué, cuando entré en este castillo, tuviese cuenta con él, y azoróse de manera como si la hubiera dicho que era fea o vieja, debiendo ser más propio y natural de las dueñas pensar jumentos que autorizar las salas. ¡Oh, válame Dios, y cuán mal estaba con estas señoras un hidalgo de mi lugar!

Finalmente, cómpre lembrar que en numerosas fábulas de Samaniego, Esopo, Iriarte etc. podemos encontrar burros como actores principais. A modo de exemplo, citemos unha presa delas:

  • O mercador de sal e o asno (Esopo).
  • O asno e o lobo (Samaniego)
  • O asno e o porco (Samaniego)
  • O burro frautista (Iriarte)
[editar | editar a fonte]

Entre os romanos considerábase que cruzarse cun burro era un agoiro de próximas desgrazas. Quizais poida basearse á relación co prendemento e morte de Xesús Cristo ó pouco de entrar en Xerusalén montado nun burro.

Outras crenzas populares están relacionadas con ver un agoiro de chuvia inminente se ornea un burro (Se os burros ornean moito, non sairás enxoito) ou se sacode as orellas. Polo contrario, se se envorca no po anuncia bo tempo.

En Melide din que cando unha donicela traba a alguén se agarra de tal xeito que non o solta mentres non orneen sete burros e toquen sete campás de sete igrexas. O mesmo din do lagarto arnau (Terra de Melide, 452-453).

Aplicacións terapéuticas

[editar | editar a fonte]

Nun libro anónimo (Apología del asno, 1826) afírmase que “Cada burro é para ti un doutor. Para todo, no asno hachas remedio. É un almacén de drogas[5]. Hipócrates aconsellaba o zudre de esterco de asno negro para curar problemas intestinais, sobre todo nas mulleres. Tamén, o leite de burra era bo para cura-las dores dos artellos, e Plinio dicía que tamén servía como antídoto contra certos velenos. O sangue de burro era bo para cura-la mente.

Tamén servía o leite de burra para cura-la tuberculose e outras toses vellas, e así o transmite o noso refraneiro: Prós enfermos do peito, o leite de burra é remedio feito (Eladio Rodríguez González).

Outras fontes din que o rabo de burro curaba a tose ferina e as picadas do escorpión, sen indica-la forma de aplicación.

Tamén temos constancia do uso do mexo de burro como vello tratamento contra a lepra.

Fraseoloxía, refraneiro e cantigueiro

[editar | editar a fonte]
Artigo principal: O burro na cultura popular.
  1. "Una investigación internacional concluye que el burro apareció hace 10.000 años en África". Arquivado dende o orixinal o 05 de decembro de 2007. Consultado o 12 de maio de 2007. 
  2. "Investigación y Ciencia, maio 2005" (PDF). Arquivado dende o orixinal (PDF) o 24 de decembro de 2009. Consultado o 12 de maio de 2007. 
  3. ABC.es (10.08.2014)
  4. "geocities.com/asininos" (en portugués). Archived from the original on 24 de outubro de 2009. Consultado o 06 de decembro de 2016. 
  5. Cada borrico es para ti un galeno. Para todo, en el asno hallas remedio. Es un almacén de drogas.