Basílica do Sacré Cœur
A Basílica do Sacré-Cœur (en galego, do Sagrado Corazón) é un edificio de París (Francia), situado no alto do outeiro de Montmartre.
Trátase dunha basílica adicada ao Sagrado Corazón de Xesús (en francés, Sacré Cœur de Jésus). Inicialmente foi concibida como un monumento público para render homenaxe á memoria dos numerosos cidadáns franceses que perderan a vida durante a Guerra franco-prusiana e para expiar os pecados cometidos pola comuna. Foi o arquitecto Paul Abadie quen gañou o concurso para a súa construción.
A primeira pedra colocouse en 1875, e aínda que se completou en 1914, non se consagrou ata o fin da primeira guerra mundial, en 1919. A igrexa foi construída coa participación directa do goberno da Terceira República, para celebrar así o comezo dun novo réxime, cuxas leis constitucionais foron votadas ese mesmo ano.
Aínda que moi controvertido, é un dos monumentos máis visitados de París. A basílica ten forma de cruz grega, adornada con catro cúpulas: o domo central, de 80 m de altura, está tocado por unha lanterna, formada por unha columnata. Na ábsida, unha inmensa torre cadrada fai ás veces de campanario que garda, entre outras, La Savoyarde, unha campá de 3 m de diámetro e máis de 26 t de peso, ofrecida pola diocese de Chambéry. A cripta posúe a mesma disposición cá igrexa, e é unha das curiosidades da basílica.
A arquitectura da basílica inspírase na arquitectura romana e bizantina e influíu noutros edificios relixiosos do século XX, por exemplo a basílica de Sainte-Thérèse de Lisieux. É posible acceder á basílica tomando o funicular de Montmartre.
Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]Commons ten máis contidos multimedia sobre: Basílica do Sacré Cœur |
- A Basilique du Sacré Cœur de Montmartre — Sitio oficial (en francés e inglés)