Saltar ao contido

Biosbardo

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Interpretación da caza dos biosbardos.

Os biosbardos son unha figura mitolóxica existente en Galicia coa que se adoita gastar bromas aos non iniciados na caza. Adoita falarse deles coma paxaros ou mozos de gran beleza que ninguén sabe describir e que quen consegue cazalos ten despois moita sorte na vida, coa condición de que non llos ensine a ninguén.

A situación dáse cando un grupo convida a alguén a cazar "biosbardos" de noite, debido a que os non iniciados non coñecen o tema e normalmente aceptan. Dise que hai que ir a un camiño estreito e afastado, onde non se escoite canto de galo nin de galiña, nin voces humanas, e armados cun saco grande de boca ancha. A cuestión é que non existen e os compañeiros aproveitan a escuridade da noite para facerlle algunha inocentada á vítima. Seres semellantes aos biosbardos son os gambusinos ou gamburrinos doutras zonas da península. O dahue, dahut e daru de Poitou é un animal de forma indefinida, extremadamente raro, de pel valiosísima, que só se pode capturar nas noites frías de inverno agardando toda a noite á intemperie a que veña, nunha broma idéntica á descrita para os biosbardos. Parece ser que na Illa de Man existe un ser semellante chamado algo así como phymodee[Cómpre referencia].

O seguinte encantamento fai que os biosbardos se metan no saco:

Son Leonardo,
ti es biosbardo.
Biosbardo, vente ó saco,
que eu te agardo, e son Leonardo.

Outra:

Biosbardo,
ven ó fardo,
que alpabarda
por ti agarda.

Outros nomes

[editar | editar a fonte]

Nalgunhas zonas de Galicia tamén son coñecidos coma cachafellos, cazbellos, cazarellos, cocerellos, cozorellos, gazafellos, cozochas, cozochos (en Bogo, A Pontenova) cotofellos ou cotovelos[1] e varía así mesmo a súa localización, xa que poden atoparse tanto no río coma no monte. Normalmente é máis sinxelo atopalos nas noites de xeada.

Cachafellos

[editar | editar a fonte]
Cachafello vente ó cesto,
que alpabarda por ti agarda.

Cozorellos

[editar | editar a fonte]

Na zona de Sarria é un peixe moi belido, que abunda nas fontes e ríos e salta de noite. Para pescalos hai que ir, xa escurecido, cun saco aberto e dicirlles:

Cozorellos ó saco,
a tres e a catro.

Gazafellos

[editar | editar a fonte]
Gazafello,
ven ó rello,

Pibardos ou pigarzos

[editar | editar a fonte]
Pibardo,
vente ó gardo,
que Xan da Albarda
aquí te agarda.[2]
  1. Cuba, Miranda e Reigosa (1999:52).
  2. Aníbal Otero Álvarez (1977): Vocabulario de San Jorge de Piquín, Universidade de Santiago, 1977 (Verba anexo 7) (Dicionario de Dicionarios)

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]