Saltar ao contido

Xacio

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Interpretación dunha xacia.

Os xacios ou xacias[1] son seres da mitoloxía galega coa metade inferior de peixe e a metade superior humana, masculina ou, sobre todo, feminina. Segundo as lendas, encántalles a auga e habitan nas pozas que se forman nos ríos.

Parece ser que o bispo Hidacio (no século V) describiu no seu Cronicón a existencia duns estraños peixes no río Miño:

"No río Miño a cinco millas de Lais, pescáronse catro peixes nunca vistos dunha nova especie, segundo o relato dos pescadores respectables cristiáns, marcados con letras hebreas e gregas co número latino 365 formando un círculo. Uns meses despois alí preto caeron do ceo grans verdes como a herba con forma de lentella e amarguísimos e outras cousas asombrosas longas de contar".

Uns autores identifican Lais como a parroquia de Laias, Cenlle no concello de Cenlle, e outros como Martín Sarmiento coa parroquia de Alais no concello de Castro Caldelas.

Lendas e tradicións

[editar | editar a fonte]

Coñécense lendas sobre as xacias en Chouzán (Carballedo, Lugo) ou no rego do Vao, en Sober (Lugo).

Os xacios do Castro de Marce

[editar | editar a fonte]

Corre a seguinte lenda sobra a xacia do Castro de Marce (ou castelo de Chouzán).

Existe unha raza de xacios que viven nos profundos pozos do río Miño, ó pé do castro de Marce. Estes xacios presentan forma humana, así é que o mesmo viven no interior do referido castro que no máis fondo das augas do Miño. Dunha volta, estaba pescando nas beiras do río un veciño do lugar de Marce (en Vilar de Ortelle (Pantón) e viu unha xacia, bela e fermosísima. A xacia díxolle que, se a bautizaba, quedaría desencantada e casaría con el.

O pescador aceptou e bautizouna, e conforme ó acordado, realizouse o matrimonio. Os fillos que naceron deste matrimonio gustraban de bañarse no Miño, en regatos e en cantos tanques de auga existen no citado lugar, o que motivaba continuas reprimendas do pai pola súa excesiva tendencia ó baño, ata que un día, xa canso, berroulles: "Marchade de aquí, fillos dunha xacia!" A xacia, que tamén estaba a fartar del porque lla rifaba continuamente, abandonouno e volveu ó seu lugar de orixe. Pero os xacios non a aceptaron, por converterse en cristiá, e descuartizárona nas profundidades do río. O home, pasado o enfado, saíu en busca da súa compañeira pero só atopou, nas abas do Castro de Marce, as entrañas da que fora a súa muller flotando sobre as augas.

As xacias de Marce

[editar | editar a fonte]

Unha das fillas deste home, chamada Sabela, ía con frecuencia ó castro cunhas ovellas. Alí fíxose amiga dunha xacia que veu xunta ela e regaláballe grans de millo mouro que tiñan a virtude de converterse en grans de ouro ó regresar a casa, pero esixíndolle que non dixera nada disto a ninguen. Pero a meniña terminou contándollo ó pai.

A seguinte vez que foi coas ovellas ó monte xa non regresou. O pai buscouna por canto sitio hai pero ó achegarse ó castro escoitou unha voz que dicía: "Sabeliña, Sabelón, fritida está en aceitón", e era que as xacias comérona como castigo pola súa indiscreción.[2]

Noutra versión da mesma lenda trátase, simplemente, como unha rapaza de Marce que estaba de criada e mandábana ó castro coas ovellas. Había alí unha figueira que daba unhas béveras moi negras e xunto a ela, pero xa no río, un pozo moi fondo. Un día, a rapariga viu saír do río un estraño ser que parecía metade peixe e metade persoa, e que empezou a subir polo souto arriba. Do susto e medo que pasou, nunca máis quixo volver coas ovellas para aquel sitio.

  1. "Entrada xacio en Digalego". Consultado o 05 de novembro de 2018. 
  2. Tamén se lle atribúen ós mouros este hábito antropófago, e unha lenda prácticamente igual -pero recollida no Incio- corre respecto ós mouros, tamén con Sabela como protagonista (González Reboredo: Lendas galegas de tradición oral, Galaxia 1983, 44-45).

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]