Saltar ao contido

Peeira dos lobos

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Unha das figuras da mitoloxía galega é a peeira dos lobos, un ser normalmente feminino que a consecuencia dunha mala fada ou maldición,[1] abandona o seu fogar e vai vivir entre os lobos, pero mantendo a súa forma humana. Este feito marca a diferenza entre estes seres e os lobishomes.

A peeira convive cunha manda de lobos, come a comida dos lobos e fala a súa lingua. Dirixe a manda, dá ordes a modo de capitá e dise que procura que os lobos non fagan estragos na xente nin no seu gando, aínda que hai veces que lles ordena matar a alguén.

"O lobishome non debe ser confundido co 'peeiro dos lobos': unha persoa que se perder a figura humana anda cos lobos, cóidaos e cúralles as feridas"
Mariño Ferro, px. 151

Cóntase o caso dun mozo que se atopa cunha peeira e os seus lobos. Ela dálle de comer, déixao descansar na cova e ordena ós lobos que o custodien no camiño de volta á súa casa, pero esixíndolle que non diga nunca nada sobre o que pasou. O mozo, cando chega á aldea, axiña conta o encontro coa moza. Ós poucos días, o mozo volve a subir ó monte e desaparece: os veciños só atoparán os ósos e a roupa ensanguentada.[2]

Por terras de Cotobade (Pontevedra) contábase que había unha muller esmoleira que gardaba unha manda de lobos. Vestía con farrapos pois os lobos estragábanlle a roupa coas poutas cando estaban famentos; destinaba as esmolas a comprar comida para eles e que así non fixeran mal.

Tamén se conta o caso dun home que se achega onda unha fogueira que vira no monte, crendo que sería un grupo de pastores. En realidade era unha muller rodeada de lobos, que impediu que estes lle fixeran ningún mal.

Existe a crenza de que se un matrimonio ten sete fillas seguidas, sen ter ningún fillo varón, deberá entregar a última ou a primeira filla ós lobos, que se convertirá en peeira dos lobos.[3] Unha lenda conta que unha moza, sétima filla muller, cruzouse cunha vella que lle puxo no brazo o cesto que levaba ela, simbolizando a fada que lle transmitía; a moza comprendeuno e marchou ó monte a vivir cos lobos.

Noutro caso foi un mozo (sendo habitualmente mulleres, tamén pode afectar ós homes),[4] tamén sétimo fillo varón, que tódalas noites subía ó monte e pasaba a noite entre lobos.

Aínda que o normal é que estes seres manteñan a figura humana sábese tamén de casos nos que o peeiro pode transformarse a vontade nun lobo real, tomando un bebedizo que lles deu o demo.

  1. Neste contexto, a fada sería unha forza imaxinaria que trae a desgraza sobre a persoa á quen a botan.
  2. Este desgraciado fin lembra o doutros contos de mouros que terminan castigando cruelmente ás persoas que non souberon gardar o segredo da súa existencia.
  3. Cuba fai vir peeira de pegureira, é dicir, pastora.
  4. Cuba cita a lenda semellante que existe en Francia, onde a estes seres -masculinos neste caso- lles chaman meneurs des loups, capitáns dos lobos.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]