Saltar ao contido

Xigante (mitoloxía galega)

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Na mitoloxía galega, os Xigantes son unha raza de seres míticos que o imaxinario popular adoita situar como defensores de tesouros agochados nos castros ou baixo mámoas. A súa función consiste en arredar a xente que se achegue a estes lugares onde os mouros deixaron os seus tesouros para regresar algún día.[1] Neste obxectivo, axudan ós encantos que gardan os tesouros por orde dos mouros.

Os xigantes son de gran tamaño pero de curta intelixencia, e resulta posible zafarse deles con certos recitados ou, simplemente, chegar a convencelos de que entreguen parte do ouro a cambio de algún regalo. Existen remedios para librarse deles e poder entrar no castro: estrelarlles un ovo de pita negra no medio da fronte.[2], ou ben botarlles un esconxuro.

De feito, os xigantes son xa unha raza mítica acabada, aínda que non morren nunca, e cando son vencidos bótanse a un río próximo e déixanse levar ó mar, onde se quedan a vivir no fondo.

Xigantes en Galicia

[editar | editar a fonte]

O etnógrafo galego González Reboredo[3] considera que a pegada dos xigantes na mitoloxía galega é moito menor que noutras mitoloxías europeas, limitándose a recoller a súa presenza nalgúns castros. Aínda así, é posible recoller narracións populares que describen os xigantes e as súas accións.

A literatura oral recolle a presenza de xigantes nos castros de Guísamo e Lubre, ambos no concello de Bergondo, así como no de Samoedo, en Sada. O que habita no castro de Trelle (en Toén) ten ollos de boi e pode sinalar a quen llo pregunte onde está unha figura dunha cabuxa de ouro, ou dunha Virxe tamén de ouro, nunha fonte próxima. Outro, que vive no castro de Monte Longo (Lobeira) e que sae vestido de militar, pode entregar parte do tesouro que garda a cambio dun cabuxo, un año ou un gato. Na mesma parroquia de Monte Longo, unha muller que alindaba unhas ovellas viu como o seu can se metía por un burato entre os penedos, achegouse e mirou ducias de xigantes bailando tan felices ó son dunha gaita. O can non apareceu ata pasados tres días, por Baños de Molgas.

Dunha vez, houbo uns xigantes que drenaron a lagoa que antigamente ocupaba o que hoxe é a Terra de Lemos. Os xigantes cavaron e cavaron durante toda a noite e crearon o leito dos ríos Miño, Sil e Cabe, de forma que conseguiron desecar a chaira. Pero terminaron tan cansos que se deitaron alí mesmo, e quedaron dormidos. Hoxe son eses enormes penedos que se ven esparexidos no que agora se coñece como o Val de Lemos.

Tamén existen xigantes no Pico Sacro (no concello de Boqueixón). Un deles foi o que botou por terra unha torre que había no cumio, e as pedras que hai na aba son os restos que quedaron ciscados. Outros dous xigantes, mecánicos e de ferro, custodian unha cova que hai no monte, que en realidade é a porta a un palacio que hai soterrado; cando alguén intenta entrar nesta cova, o mecanismo dos xigantes actívase e deixan caer sobre o intruso as mazas, de ferro, que posúen. Os restos do suposto ladrón convértense en ouro e pasan a aumentar os tesouros do palacio.

Tamén hai dous xigantes en Mugares (tamén en Toén), armados con enormes mazos como os do Pico Sacro, gardando a entrada a unha capela soterrada dedicada a San Cibrao. Pódense enganar botando un can por diante, e será o pobre can quen morra esmagado polas mazas.

No Irixo hai unhas covas chamadas de Ollán ou Ullán, onde vive un encanto ó que defende un xigante. Cóntase que un par de amigos entraron na cova para facerse co encanto e tras moito andar cara dentro escoitaron un forte balbordo que ía aumentando segundo avanzaban, ata que acordaron dar volta e liscar de alí a toda présa. O ruído era producido polo xigante que saía para defender o encanto.

No castelo de Sandiás existe un pozo moi profundo, cheo de auga, que é a porta a un salón onde os mouros agocharon moito ouro, deixando un xigante para coidar del. Para desfacerse do xigante cómpre entrar cunha pita negra e mais un ovo da pita. Chegados ante o xigante sóltase a pita e cando este se despiste escáchase o ovo na súa fronte, co que queda vencido. Pero se non se atina co ovo na fronte, o xigante matará o intruso co seu machado.

No lugar do Seixo, en Cerdedo-Cotobade, houbo un xigante de tamaño tan descomunal que dunha volta chegou a golpear a lúa coa man cando se espreguizaba. Da lúa caeron varias pedras que son as que hoxe se poden ver no pedregal do outeiro das Lúas Novas.

Tamén en Cerdedo, pero na parroquia de Parada, vive outro xigante que custodia o tesouro que os mouros agocharon no pozo do Pego (ou Pozo Negro) cando foron expulsados polo apóstolo Santiago. Os veciños do lugar conseguiron desfacerse del mediante un esconxuro: "Xigante, polo poder do ouro mourisco vaite ao mar xuntarte cos teus parentes, e déixame feliz", tralo que o xigante fuxiu cara o mar. Non se sabe se despois conseguiron apañar o tesouro ou non.

Conto do xigante e a princesa

[editar | editar a fonte]

Cóntase que un rei e a raíña andaban percorrendo os seus dominios cando miraron unha laranxeira cunha única laranxa, de ouro, na copa. Á raíña, que estaba embarazada, antoxóuselle a laranxa e o rei non dubidou en gabear a árbore para collela. Pero cando descendeu aparecéuselle un xigante todo alporizado porque o rei lle roubara ese único froito. Por máis que teimou o rei en pagarlle con creces a laranxa, o xigante non aceptou nada senón que esixiu o meniño que parise a raíña, ó cumprir os tres anos.

Cumprido o tempo, a raíña tivo unha nena á que chamaron Aurora, e pasaron os tres anos do prazo sen que o xigante viñese reclamar nada. Aurora seguiu cumprindo anos e todos pensaron que o xigante se esquecera. Cando tiña quince anos foi pasear coas súas damas e chegaron ata un maxestoso castelo, desde o que unha voz chamaba por ela. A rapaza entrou e o castelo pechouse de socato, quedando prisioneira do xigante (o dono do castelo). Aínda que este a tratara moi ben, ela non deixaba de odialo, o mesmo que os dous fillos do xigante, Morteiro e Gato, cos que Aurora conxeniara ben, ata o punto de que a indicaron como escapar de alí. Tiña que coller unhas flores do xardín e colleu tres. Cando escapaba co mozo (ou príncipe) co que ía casar, apareceulles o xigante ante eles. Ela botoulle unha flor ós pés e pediu que se convertese nunha selva, selva que arrodeu ó xigante pero non impediu que este saíse axeiña dela e os dese alcance. Botou unha segunda flor e pediu que se convertese en mar, pero o xigante arrodeouno sen problema. Botou unha terceira flor e pediu que se convertese en muralla, pero o xigante superouna facilmente. Por fin, o mozo plantouse diante do xigante e esixiu que Aurora sería a súa muller, ante o que o xigante pareceu aceptalo, pedindo permiso para darlle un bico de despedida. Pero co bico arrincoulle unha meixela, deixándoa fanada. Aínda asi, o príncipe casou con ela se ben a princesa seguía moi triste polo seu defecto.

Morteiro dixéralle que sempre viría na súa axuda, e Aurora chamouno. Este mandouna vestir, amañarse e deitarse na cama e logo mandou prender lume á cama,. tralo que recolleu con coidado toda a cinsa. E, milagrosamente, das cinsas renaceu a princesa, tan fermosa como antes.

  1. No Códice Calixtino (libro IV, capítulo IV) recóllese a crenza de que os mouros, neste caso, os sarracenos, fuxirían todos de España logo de esconder baixo terra os seus tesouros, ó seren derrotados por Carlomagno.
  2. As galiñas negras adoitan ter propiedades máxicas ou mesmo medicinais.
  3. Gran Enciclopedia Galega, s. v. Mitoloxía popular.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]