Bonito do norte
Bonito do norte | |||||||||||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
![]() | |||||||||||||||||
Estado de conservación | |||||||||||||||||
![]() Case ameazada[1] | |||||||||||||||||
Clasificación científica | |||||||||||||||||
| |||||||||||||||||
Nome binomial | |||||||||||||||||
'Thunnus alalunga' (Bonnaterre, 1788) | |||||||||||||||||
Sinonimia[2] | |||||||||||||||||
|
O bonito do norte (Thunnus alalunga, Bonaterre, 1788) é un peixe mariño do grupo dos túnidos, familia escómbridos. Esta especie tamén se denomina albacora ou atún branco, e chámaselle monos aos exemplares que pesan menos de 3 kg.
É a especie máis apreciada entre tódolos túnidos e a súa pesca ten un alto valor económico. Cómpre distinguilo do bonito atlántico, bonito do sur ou, simplemente, bonito (Sarda sarda) menos apreciado.
Descrición
[editar | editar a fonte]
O bonito do norte ten o dorso de cor azul escuro metálico, uniforme, e o ventre prateado. Carece de manchas ou marcas no corpo. A aleta caudal mostra o bordo posterior branco, as pínnulas dorsais son amareladas e as anais prateadas ou mouras.
A primeira aleta dorsal ten 14-15 raios espiñosos, a segunda, 12-16 raios. Ten tamén 8-9 pínnulas dorsais e 7-9 anais. A súa característica principal é o tamaño das aletas pectorais, moito máis longas que as do atún, que superan a segunda dorsal, se ben cómpre ter presente que nos exemplares subadultos a pectoral é dun tamaño similar á que posúen o atún de aleta amarela ou o atún patudo.
Esta especie ten unha medida media de 65 cm, alcanzando facilmente os 100–110 cm (cun máximo de 130 cm). O peso normalmente é de 5 a 15 kg, e pode alcanza-los 40 kg.
Á carne é basicamente branca, non vermella como acontece con outros túnidos.
Ecoloxía
[editar | editar a fonte]É unha especie peláxica e migratoria, como os outros atúns, que busca augas cunha temperatura de entre 17 e 21 °C, polo que está presente en augas tropicais de todo o mundo entre os paralelos 40 N e S, incluído o mar Mediterráneo. Ós efectos de control pesqueiro considérase un stock no Atlántico norte e outro no sur (separados polo paralelo 5º N), máis outro stock no Mediterráneo. Os exemplares adultos poden desprazarse a augas máis frías.
Alcanza a madurez sexual ós 5-6 anos, con tamaños de 60–70 cm e uns 4 kg. A desova prodúcese no verán excepto no Mediterráneo, ó que penetran xa chegado setembro. Aliméntase principalmente de pequenos crustáceos, xarda, bocareu, cefalópodos etc.
Aproveitamento pesqueiro
[editar | editar a fonte]
O bonito do norte vive durante o inverno nas augas próximas aos Azores e desprázase a finais da primavera (maio ou xuño) ao Mar Cantábrico. É durante estas migracións cando se inicia a campaña do bonito, chamada costeira, que remata xeralmente en setembro. Nela participan barcos procedentes de Galicia, Asturias, Cantabria, Euskadi e Francia.
Os bonitos novos nadan en augas superficiais, polo que se capturan con artes de superficie, como o corricán, pero os adultos alcanzan augas máis profundas (entre 100 e 200 m), polo que se pescan normalmente con palangres.
Os métodos de pesca máis empregados son a cacea ou corricán, con cebo artificial [3], sistema empregado por barcos galegos, e cebo vivo ou tanque, empregado principalmente por barcos vascos ou cántabros. O emprego das volantas por parte de barcos franceses supuxo numerosos conflitos con mariñeiros españois que tivo como momento álxido a Guerra das volantas no verán de 1994. Na actualidade as volantas foron erradicadas da costeira do bonito polos estragos que causa este sistema de pesca no resto da fauna mariña.

Na pesca artesanal practicada co corricán, os bonitos péscanse un a un e remátanse a bordo, para ser refrixerados inmediatamente. Os exemplares capturados identifícanse individualmente mediante un precinto de cor verde no pedúnculo caudal. Con este precinto identifícase tamén o barco do que procede, para garanti-la rastrexabilidade do peixe, pero o seu obxectivo é máis unha indicación de calidade no procesamento e da obtención mediante métodos de pesca artesanais (fronte ós exemplares capturados pola frota francesa, que utiliza redes de arrastre).
Burela é o principal porto do Cantábrico en capturas de bonito ó corricán, con 3.064 toneladas en 2006 (o 75% do total). Outros portos pesqueiros con capturas importantes desta especie son Celeiro, con 519 toneladas (o 13%, e A Coruña, con case 445 (o 11%). [4]
A importancia da pesca do bonito para esta localidade lucense explica que acolla un vello barco boniteiro reconvertido en museo, o Barco Museo Boniteiro "Reina del Carmen", que foi acondicionado para lembra-la pesca do bonito, mostrando os seus aparellos e tódolos útiles, algúns propios da pesca tradicional. Poden visitarse tódolos espazos do barco e observar como era a vida a bordo dos seus tripulantes durante os días que duraba unha marea.
O bonito na alimentación
[editar | editar a fonte]
Xa se mencionou o feito de se-la especie de maior valor económico entre os túnidos. Tamén que a súa carne adoita ser máis clara que a doutras especies. O seu contido graxo é bastante máis baixo, de ó redor do 6%, e, en consecuencia, as calorías que achega á dieta tamén son moito menores: sobre 138 calorías por 100 gramos.
Destínase principalmente ó consumo en fresco (á grella, con aros de cebola, ou mariñado), así como á elaboración de conservas, identificadas como de bonito do norte ou atún branco. Noutros países é común o tratamento por afumadura.
Festas gastronómicas
[editar | editar a fonte]- Festa do Bonito en Burela, o primeiro domingo de agosto.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Collette B and 34 others (2011). "Thunnus alalunga". Lista Vermella de especies ameazadas. Versión 2011.2 (en inglés). Unión Internacional para a Conservación da Natureza. Consultado o 13 January 2012.
- ↑ Sistema Integrado de Información Taxonómica. "'Thunnus alalunga' (TSN 172419)" (en inglés).
- ↑ Normalmente, tiras de tecidos de distintas cores ou cordóns plásticos; antes utilizábanse as follas secas da mazaroca do millo. Véxase a descrición completa desta arte en corricán.
- ↑ Anuario de Pesca 2006. Xunta de Galicia.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]![]() |
Commons ten máis contidos multimedia sobre: Bonito do norte |
![]() |
Vexa a entrada do Galizionario acerca de albacora |
![]() |
Vexa a entrada do Galizionario acerca de atún branco |
![]() |
Vexa a entrada do Galizionario acerca de bonito do norte |
Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Comité Permanente de Investigacións e Estatísticas da Comisión Internacional para a Conservación do Atún Atlántico (CICAA) (sen data): Glosario de términos pesqueros.
- Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos (2007): Anuario de pesca 2006.
- LÓPEZ MUÑOZ, Daniel (coord.): Guía do consumidor de peixe fresco. Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura, 1999.
- MARCH, Lourdes (1993): La cesta de la compra. Alianza Editorial, Madrid.
- MUUS, B.J. e DAHLSTRÖM, P. (1981): Guía de los peces de mar del Atlántico y del Mediterráneo. Ediciones Omega S.A., Barcelona.
- PIVNICKA, Karel e CERNY. Karel (1990): El gran libro de los peces. Susaeta Ediciones, Madrid.
- ZUDAIRE, Maite e YOLDI, Gema (2005): Pescados y mariscos. Eroski Publicaciones, Elorrio (Biscaia).