Brasicáceas
Brasicáceas (Brassicaceae) | |||||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
Eiruga (Eruca sativa) | |||||||||||
Clasificación científica | |||||||||||
| |||||||||||
Xéneros | |||||||||||
Sinonimia | |||||||||||
As brasicáceas (Brassicaceae) ou crucíferas (Cruciferae) son unha familia de anxiospermas dicotiledóneas que se inclúen na orde Brassicales. Constitúen un grupo monofilético con arredor de 338 xéneros e 3.709 especies de plantas principalmente herbáceas distribuídas en todo o globo, porén se achan particularmente concentradas en áreas temperadas e frías.[2] Inclúen cultivos de importancia económica, tanto hortícolas, como ornamentais, oleaxinosos, forraxeiros e como condimentos. Así mesmo, inclúen a unha especie que se considera un organismo modelo en investigacións biolóxicas: Arabidopsis thaliana
Descrición
[editar | editar a fonte]Herbas anuais, bianuais ou perennes, con zume acuoso e frecuentemente picante, raras veces sufruticosas.
Plantas de follas alternas ou en roseta, simples ou divididas, sen estípulas.
Flores en cruz, hermafroditas, xeralmente actinomorfas, sen brácteas; cáliz con 4 sépalos libres dispostos en dous verticilos dímeros, ás veces co baseamento lixeiramente xiboso (polo xeral, só dous deles); corola cun verticilo de catro pétalos alternos cos sépalos, ás veces en dous grupos, C 2 + 2; androceo normalmente con 6 estames, dispostos en dous verticilos: un externo con dous estames curtos, e un interno con catro estames longos, con nectarios basais; xineceo súpero, sincárpico, bicarpelar, co ovario xeralmente dividido en dous lóculos mediante un septo (tamén chamado de disepimento) orixinado por crecemento das placentas. Inflorescencias en acios, corimbos ou umbelas.
Froitos de tipo capsular dehiscentes mediante dúas valvas, chamados sílicuas (poden ser latiseptas ou angustiseptas), ou excepcionalmente en lomentos, ás veces rematados nun bico estéril.
Usos
[editar | editar a fonte]Nesta familia atópanse boa parte das verduras de inverno, Brassica e os seus cultivares, que se encontra distribuída por todo o mundo e consta de especies de crecemento anual, bienal ou perenne. Aínda que algúns membros teñen un alto contido de ácido erúcico, o que as converte en pouco axeitadas para consumir en grandes doses, todos os membros son comestíbeis; porén, uns saben mellor ca outros.
Evolución, filoxenia e taxonomía
[editar | editar a fonte]O botanista austríaco August von Hayek,[3] a seguir polo botanista alemán Otto Eugen Schulz[4] e o austríaco Erwin Emil Alfred Janchen[5] forneceron a primeira teoría arredor da orixe da familia. Eles crían que se orixinara nas Américas a partir da subfamilia Cleomoideae de Caparidaceae a través da tribo Theylopodieae (Stanleyeae) das brasicáceas. Tal visión da escola xermana foi partillada por outros autores como o taxónomo iraquí, nacionalizado estadounidense, Ihsan Ali Al-Shehbaz[6][7] e o armenio Armén Tajtadzhián.[8] De feito, o americano Thomas Nuttall[9] xa tiña proposto contra o 1834 o nome Stanleyeae como unha familia distinta e intermedia entre as caparáceas e mailas crucíferas, que incluía os xéneros Stanleya e Warea.
Os estudos moleculares das brasicáceas, que se empezaron a publicar a partir do comezo do século XXI, demostraron claramente que —pola contra— as brasicáceas se orixinaran no Vello Mundo e que constitúen un clado irmán ás cleomáceas.[10][11][12][13]
A idade da familia é de 37,6 (24,2 a 49,4) millóns de anos. A análise filoxenética suxestiona que as brasicáceas sufriron un rápido período de diversificación, logo da temperá separación da tribo Aethionemeae. A familia semella que se orixinou nun clima cálido e húmido aproximadamente hai 37 millóns de anos. A rápida radiación que ocorreu con posterioridade seica estivo causada polo arrefriamento global durante o Oligoceno sumada a un evento de duplicación xenómica. Este evento puido permitir á familia adaptarse axiña durante ese período de cambio climático.[14]
Tribos
[editar | editar a fonte]- Aethionemeae. Consiste en dous xéneros e 57 especies distribuídas principalmente por Medio Oriente e Europa oriental. O xénero Aethionema é o de maior número de especies (56) e a súa área de distribución está centrada en Turquía, con algunhas especies que se estenden cara ao leste até Turkmenistán e deica o oeste até a Península Ibérica e Marrocos.
- Camelineae. Esta tribo inclúe 12–13 xéneros e unhas 240 especies que se distribúen principalmente en Eurasia, con algúns representantes en América do Norte e Australia-Nova Zelandia. O xénero máis coñecido desta tribo é Arabidopsis (11 especies), seguido por Camelina e mais Capsella en canto ao número de especies (11 e 5, respectivamente).
- Boechereae. Case exclusivamente de América do Norte xa que só unha especie, Boechera furcata, medra no extremo oriental de Rusia. A tribo inclúe sete xéneros e aproximadamente 110 especies, a maioría das cales pertencen ao xénero Boechera.
- Halimolobeae. Inclúe cinco xéneros e unhas 40 especies distribuídas en América, principalmente no centro e norte de México. Os xéneros con maior riqueza de especies son Mancoa e Pennellia.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ 1835.Outlines of Botany 854, 1093, 1123.
- ↑ Rollins, R.C. Brassicaceae Burnett Flora of Nicaragua.
- ↑ Hayek A. (1911) Entwurf eines Cruciferensystems auf phylogenetischer Grundlage. Beih. Bot. Centralbl. 27: 127–335.
- ↑ Schulz O. E. (1936) Cruciferae. In: Engler A., Harms H. (eds.) Die naturlichen Pflanzenfamilien, vol. 17B. Verlag von Wilhelm Engelmann, Leipzig, pp. 227–658
- ↑ Janchen E. (1942) Das System der Cruciferen. Oesterr. Bot. Zeit. 91: 1–18.
- ↑ Al-Shehbaz I. A. (1973) The biosystematics of the Genus Thelypodium Cruciferae. Contr. Gray Herb. 204: 3–148.
- ↑ Al-Shehbaz I. A. (1985a) The genera of Thelypodieae (Cruciferae; Brassicaceae) in the southeastern United States. J. Arnold Arbor. 66: 95–111.
- ↑ Takhtajan A. (1997) Diversity and classification of flowering plants. Columbia University Press, Nova York.
- ↑ Nuttall T. (1834) A description of some of the races or little known plants indigenous to the United States, from the dried specimens in the herbarium of the Academy of Natural Sciences in Philadelphia. J. Acad. Nat. Sci. Philad. 85: 61–85.
- ↑ Hall J. C., Sytsma K. J., Iltis H. H. (2002) Phylogeny of Capparaceae and Brassicaceae based on chloroplast sequence data. Amer. J. Bot. 89: 1826–1842.
- ↑ Koch M. (2003) Molecular phylogenetics, evolution and population biology in Brassicaceae. In: Sharma A.K., Sharma A. (eds.) Plant genome: biodiversity and evolution, vol. 1a (phanerogams). Science Publishers, Enfield, NH, USA, pp. 1-35.
- ↑ Mitchell-Olds T., Al-Shehbaz I. A., Koch M., Sharbel T. F. (2005) Crucifer evolution in the post-genomic era. In: Henry R. J. (ed.) Plant diversity and evolution: genotypic and phenotypic variation in higher plants. CAB International, pp. 119–13
- ↑ Beilstein M. A., Al-Shehbaz I. A., Kellogg E. A. (2006) Brassicaceae phylogeny and trichome evolution. Amer. J. Bot.
- ↑ Thomas L. P. Couvreur , Andreas Franzke , Ihsan A. Al-Shehbaz , Freek T. Bakker , Marcus A. Koch , & Klaus Mummenhoff. 2010. Molecular Phylogenetics, Temporal Diversification, and Principles of Evolution in the Mustard Family (Brassicaceae) Mol Biol Evol 27: 55-71.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Brasicáceas |
Wikispecies posúe unha páxina sobre: Brasicáceas |