Saltar ao contido

Camón

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Porphyrio porphyrio

O camón é unha ave do xénero Porphyrio.

Características

[editar | editar a fonte]

Trátase dunha ave cunha lonxitude duns 40-50 centímetros. A súa plumaxe é azul escuro, sendo máis claro na gorxa, pescozo e peito. O peteiro é grande e vermello, estendéndose ata a testa. As patas son vermellas e de longos dedos. As ás infracobertoiras caudais son brancas. Trátase dunha ave ligada a zonas pantanosas e lagoas, preferiblemente con matogueiras e canavais densos e abundantes. Con capacidade para nadar, o seu voo é rápido con abundantes movementos das ás.

Taxonomía

[editar | editar a fonte]

O xénero porphyrio ten provocado diversos debates. A maior parte das diferenzas radican en diverxencias de tamaño ou cor, de escaso valor debido a notable variabilidade de individuos entre poboacións próximas[2]. De feito, o Museo Nacional de Ciencias Naturais de Madrid conservan dous individuos de principios de século procedentes da albufera de Valencia que pertencen a subespecie africana[2]. Un traballo recente baseado en análises xenéticas ten mostrado que a subespecie ibérica ten un forte parentesco coa subespecie do sueste de Asia (indicus), estando moi afastado das subescies máis próximas poliocephalus ou seistanicus[2].

Subespecies

[editar | editar a fonte]

A complicada xenealoxía dos camóns ten sido explicada por unha orixe parafilética. É dicir, resultado de múltiples eventos de colonización, seguramente da man do home, sobre grandes distancias, dando lugar a diferentes subespecies con diversos grados de parentesco e provocando a extinción doutras[2]. De acordo a algúns autores teñen existido ata 18 subespecies de camóns, catro delas consideradas extinguidas[2]. As subespecies extinguidas foron p. mantelli (propia do norte de Nova Zelandia), p. kukwiedi (propia de Nova Caledonia), p. paepae (propia das Illas Marquesas) e a p. mcnabi (propia das Illas da Sociedade)[2]. Xeograficamente as dúas subespecies catalogadas máis próximas á subespecie ibérica porphyrio son: a subespecie madagascariensis caracterizada polo dorso e ás verdosas e a subespecie poliocephalus cuxa cabeza é agrisada en vez de azul.

Distribución

[editar | editar a fonte]

Na época romana era unha ave frecuente no eido mediterráneo[2]. Así o testemuñan os múltiples mosaicos e xacementos onde se representa a ave. O contexto das representación suxiren que a especie foi domesticada, cun uso puramente ornamental[2]. Ademais diversos autores clásicos coma Diodoro Sículo, Plinio o Vello ou Alexandre de Mindo afirmaban que a especie fóra introducida. Tese refrendada pola ausencia de restos fósiles da especie no mar Mediterráneo[2]. Entre os séculos XVII ata o XIX a especie volveu ser completamente salvaxe, entrando en perigo de extinción no século XX. Para evitar a súa desaparición, leváronse a cabo programas de reintrodución en Portugal, España e Italia[2]. Hoxe en día a subespecie porphyrio distribúese polas zonas húmidas da metade sur da Península Ibérica e está presente nas Baleares, Sardeña e Tunisia. A subespecie madagascariensis distribúese por Exipto, mentres que a poliocephalus atópase localmente en Turquía, mar Caspio e os vales do Éufrates e Tigris.

  1. BirdLife International (2009). "Podiceps cristatus". Lista Vermella de especies ameazadas. (en inglés). Unión Internacional para a Conservación da Natureza. 
  2. 2,00 2,01 2,02 2,03 2,04 2,05 2,06 2,07 2,08 2,09 Gómez López J.A. e Jiménez Pérez J. (Maio 2016). "Calamón: una duda razonable". Quercus (363). 

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]
  • Lars Svensson, Killian Mullarney, Dan Zetterstïons: Guía de Aves: España, Europa y Región Mediterránea. Ediciones Omega. (en castelán)