Saltar ao contido

Carlos Torres

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Carlos Torres
Información persoal
Nome Carlos Torres Barallobre
Nacemento 17 de xaneiro de 1934
Lugar de nacemento A Coruña
Falecemento 30 de outubro de 2020
Lugar de falecemento A Coruña
Posición Dianteiro
Carreira xuvenil
Cantábrico
Alameda
Carreira sénior
Anos Equipos Aprs (Gls)
–1950 Sin Querer
1950–1951 Xuvenil
1951–1952 Fabril
1952–1957 Celta de Vigo 109 (41)
1957–1962 Espanyol 72 (20)
1962–1964 CD Málaga 20 (1)
1964–1965 Deportivo da Coruña 8 (0)
1965–1967 Deportivo Galicia
Selección nacional
1958 Cataluña 1 (0)
1958–1959 España B 2 (0)
Adestrador
1967 Deportivo Galicia
1971–1973 Galicia (xuvenil)
1973 Fabril
1973–1974 Deportivo da Coruña
1975–1976 Galicia (xuvenil)
1976–1978 Compostela
1979–1980 Sporting Sada
Partidos e goles só en liga doméstica.

editar datos en Wikidata ]

Carlos Torres Barallobre, nado na Coruña o 19 de xaneiro de 1934 e finado na mesma cidade o 30 de outubro de 2020, foi un futbolista e adestrador de fútbol galego. Xogaba de dianteiro.

Fillo do histórico xogador do Deportivo da Coruña Pepe Torres, xogou no Xuvenil e no Fabril, pero ao non mostrar interese por el o Deportivo, fichou polo Celta de Vigo en 1952. Despois dunha década xogando na Primeira División co Celta e o Espanyol, pasou polo Málaga e brevemente polo Deportivo, antes de marchar a Venezuela onde xogou no Deportivo Galicia e onde comezou a súa etapa como adestrador.

Á súa volta a Galicia adestrou á selección galega xuvenil, ao Fabril, ao Deportivo da Coruña, ao Compostela e ao Sporting Sada.

Traxectoria

[editar | editar a fonte]

Como futbolista

[editar | editar a fonte]

Comezou a xogar ao fútbol en varios equipos coruñeses como o Cantábrico, o Alameda (onde coincidiu con Luis Suárez e Lázaro Candal) ou o Sin Querer.[1][2] No verán de 1950 fichou polo Xuvenil e ao ano seguinte pasou ao Fabril. Aos 16 anos realizou unha xira por Portugal co Deportivo da Coruña pero non chegou a xogar ningún partido.[3]

En novembro de 1952 asinou co Celta de Vigo.[4][5] Debutou na Primeira División nun partido fronte ao Sporting de Gijón no Molinón. Disputou 119 partidos co club vigués en cinco tempadas e anotou 42 goles.

No verán de 1957 fichou polo Espanyol de Barcelona. No partido do seu debut anotou dous goles fronte ao Valladolid e rematou a súa primeira tempada con 12 goles. Xogou catro campañas e media máis no club catalán, disputando a Copa de Feiras e eliminando en 1961 ao FC Barcelona da Copa do Xeneralísimo nunha eliminatoria na que lle marcou dous goles a Ramallets no Camp Nou.[6] Ese mesmo ano, nunha xira co equipo por América do Norte, sufriu unha fractura de peroné, que o mantivo afastado dos terreos de xogo un tempo.[7][8] Viviu tamén un descenso a Segunda e deixou o club na metade da tempada 1962/63, na que o equipo ascendeu de novo.

En xaneiro de 1963 chegou ao Málaga, no que xogou seis partidos no que restaba de tempada e non puido evitar o descenso a Segunda. Xogou unha tempada máis no Málaga e ao remate desta volveu a Barcelona, onde se puxo ás ordes de Kubala de novo no Espanyol. Con todo, acabou fichando polo Deportivo da Coruña en xaneiro de 1965.

Debutou co Deportivo na xornada 20 fronte á UD Las Palmas, e foi titular nos restantes partidos da tempada, pero non puido evitar o descenso do club a Segunda. Ao remate da campaña emigrou a Venezuela. En Caracas fichou polo Deportivo Galicia, onde xogou dúas tempadas conquistando dúas Copas Venezuela.

Seleccións nacionais

[editar | editar a fonte]

As súas boas actuacións no Espanyol levárono a xogar na selección española B, coa que xogou dous partidos, fronte a Portugal en 1958 e fronte a Turquía en 1959. Xogou tamén un partido coa selección catalá, fronte á de Berlín en 1958.[9]

Como adestrador

[editar | editar a fonte]

En Venezuela obtivo a licenza de adestrador, foi profesor nun colexio onde adestrou catro equipos de rapaces, e dirixiu tamén ao Deportivo Galicia e a aos xuvenís da selección venezolana.[10]

Ao seu regreso a Galicia substituíu a Chao á fronte da selección galega xuvenil, coa que chegou durante tres anos consecutivos ás semifinais do Campionato de España.[11]

No verán de 1973, coa chegada de Manuel Sánchez Candamio á presidencia do Deportivo da Coruña, Torres foi elixido para ser o adestrador do Fabril, así como o segundo adestrador do primeiro equipo do club.[12] En outubro de 1973 colleu as rendas do primeiro equipo, substituíndo ao chileno Fernando Riera, despois dun mal inicio de tempada con só unha vitoria nos primeiros oito partidos.[13] Aínda que comezou con catro vitorias consecutivas, os resultados empeoraron a partir de aí, e foi cesado en xaneiro, despois de catro derrotas seguidas.[14] Continuou como segundo adestrador do equipo e dende setembro de 1975 compaxinou o cargo coa súa segunda etapa como seleccionador galego xuvenil, tarefa compartida con Pepe Villar.[15]

En xuño de 1976 converteuse no novo técnico da SD Compostela, que viña de ascender á Terceira División.[16] Con Torres no banco o equipo santiagués logrou esa mesma tempada o ascenso á nova Segunda División B.[17] Renovou por un ano máis e dirixiu o cadro branquiazul na súa primeira tempada na categoría pero o equipo acabou descendendo, polo que deixou o cargo ao remate da campaña 1977/78.[18][19]

En agosto de 1979 fichou como adestrador do Sporting Sada.[20] Con este equipo realizou unha xira por Venezuela en 1980.[21]

Fóra do fútbol

[editar | editar a fonte]

Exerceu tamén como enfermeiro e rexentou durante anos a cafetería Tres Torres na Coruña.[8] Faleceu na cidade herculina en 2020 aos 86 anos de idade.[3]

  1. "Falece Carlos Torres, ex xogador e ex adestrador de Fabril e Deportivo". 30 de outubro de 2020. Consultado o 31 de marzo de 2021. 
  2. Miranda, Carlos (16 de maio de 2016). "Lázaro Candal, el coruñés que narró diez Mundiales de fútbol". La Opinión A Coruña (en castelán). Consultado o 31 de marzo de 2021. 
  3. 3,0 3,1 "Falece Carlos Torres, ex xogador e ex adestrador de Fabril e Deportivo". RCDeportivo. 30 de outubro de 2020. Consultado o 30 de outubro de 2020. 
  4. "Carlos Torres firmó ayer por el Celta". La Voz de Galicia (en castelán). 22 de novembro de 1952. p. 5. 
  5. "Carlos Torres, nuevo jugador del Celta". El Pueblo Gallego (en castelán). 22 de novembro de 1952. p. 3. Consultado o 31 de marzo de 2021. 
  6. Molero, Iván (25 de xaneiro de 2018). "1961: la última vez que el Espanyol eliminó al Barcelona" (en castelán). Consultado o 1 de abril de 2021. 
  7. "De Nueva York a la Calle Real". La Voz de Galicia (en castelán). 18 de agosto de 1961. p. 7. 
  8. 8,0 8,1 Fernández Barallobre, Carlos (30 de outubro de 2020). "En memoria de Carlos Torres, ex jugador del Dépor y del Celta". La Voz de Galicia (en castelán). Consultado o 1 de abril de 2021. 
  9. "Barcelona venció". Mundo Deportivo (en castelán). 13 de marzo de 1958. p. 3. Consultado o 1 de abril de 2021. 
  10. "Carlos Torres regresó de Venezuela". La Voz de Galicia (en castelán). 25 de agosto de 1967. p. 7. 
  11. "Carlos Torres ya fue seleccionador en Venezuela". La Voz de Galicia (en castelán). 14 de xaneiro de 1971. p. 12. 
  12. "Deportivo-Oviedo para el “Emma Cuervo”". La Voz de Galicia (en castelán). 28 de xullo de 1973. p. 18. 
  13. "Carlos Torres sustituye a Riera". La Voz de Galicia (en castelán). 31 de outubro de 1973. p. 1. 
  14. "Carlos Torres cesó como entrenador". La Voz de Galicia (en castelán). 8 de xaneiro de 1974. p. 19. 
  15. "Torres, seleccionador gallego de juveniles". La Voz de Galicia (en castelán). 24 de setembro de 1975. p. 41. 
  16. "S. D. Compostela: Situación deficitaria". La Voz de Galicia (en castelán). 12 de xuño de 1976. p. 37. 
  17. "Fiesta en Santa Isabel". La Voz de Galicia (en castelán). 7 de xuño de 1977. p. 34. 
  18. "Carlos Torres renovará por el Compostela". La Voz de Galicia. 3 de xullo de 1977. p. 54. 
  19. "Carlos Torres no seguirá". La Voz de Galicia. 15 de maio de 1978. p. 35. 
  20. "Asamblea y presentación de jugadores en el Sp. Sada". La Voz de Galicia (en castelán). 24 de agosto de 1979. p. 31. 
  21. "Peticiones al Sp. Sada para jugar más partidos en Venezuela". La Voz de Galicia (en castelán). 23 de marzo de 1980. p. 69. 

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]