Saltar ao contido

Santiago Sanz Fraile

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Modelo:BiografíaSantiago Sanz Fraile
Biografía
Nacemento15 de maio de 1914 Editar o valor en Wikidata (110 anos)
Santander, España Editar o valor en Wikidata
Altura1,71 m.
Actividade
Ocupaciónfutbolista Editar o valor en Wikidata
Período de actividade1935 Editar o valor en Wikidata - 1952 Editar o valor en Wikidata
Deportefútbol Editar o valor en Wikidata
Posición de xogoCentrocampista
Traxectoria Editar o valor en Wikidata
  Equipo Número de partidos xogados Puntos/goles/tantos anotados
  Celta de Vigo
Familia
FillosSantiago Sanz Méndez Editar o valor en Wikidata

Santiago Sanz Fraile, máis coñecido como Yayo, nado en Santander o 15 de maio de 1914, foi un futbolista e adestrador cántabro, que xogaba na demarcación de centrocampista. A súa carreira estivo ligada na súa meirande parte ao Celta de Vigo, primeiro como xogador, militando dez anos no club, e logo como adestrador, dirixindo ao primeiro equipo e aos filiais en varias etapas, principalmente ao Gran Peña. Adestrou tamén entre outros o Pontevedra, o Racing de Ferrol, o Compostela (en tres etapas) e o Langreo, co que logrou un ascenso á Segunda División.

Foi pai de Quecho, histórico futbolista do Ourense, e que tamén militou no Celta.

Traxectoria

[editar | editar a fonte]

Como xogador

[editar | editar a fonte]

A súa xuventude estivo marcada pola estancia de tres anos no penal de El Dueso, en espera dun xuízo que finalmente o condenou a só un ano de cárcere. Comezou a xogar ao fútbol no Rayo Cantabria, pasando logo ao Racing de Santander,[1] co que debutou en Primeira División o 3 de febreiro de 1935, nun encontro fronte ao Arenas de Getxo. Foi o seu único encontro en liga esa tempada, mentres que na campaña seguinte, xa co coruñés Paco González no banco, disputou outros dous partidos, marcando dous goles.

Trala guerra civil militou brevemente no Malacitano, aínda que non chegou a debutar, fichando logo polo Salamanca. Con este equipo disputou as tempadas 1940/41 e 1941/42 da Segunda División, disputando 42 partidos de liga, nos que anotou 15 goles, incluídos dous tripletes fronte a Barakaldo e Sporting de Gijón.

No ano 1942 tanto o Real Zaragoza coma o Celta de Vigo apostaron forte por fichalo, recalando finalmente en Vigo. Militou no club celeste durante dez tempadas, formando no centro do campo con xogadores como Aretio, Fuentes ou Miguel Muñoz. Disputou co Celta a primeira final de Copa do Xeneralísimo do club no ano 1948, fronte ao Sevilla en Chamartín, onde ocupou o centro do campo celeste xunto con Gaitos e Alonso. Alonso tivo que ocupar a portería trala lesión de Francisco Simón e o Celta acabou perdendo por 1-4 e con só oito xogadores no campo, trala expulsión de Pahiño e a lesión tamén de Aretio.[2]

Despois de 10 anos no Celta Yayo retirouse aos 38 anos de idade, sendo na última tempada xogador-adestrador axudando a Roberto Ozores trala substitución de Luís Casas Pasarín,[3] e na que só xogou un encontro, lesionándose ante o Racing en Santander, a súa vila natal.

Como adestrador

[editar | editar a fonte]

Comezou a súa carreira como adestrador cando aínda era xogador do Celta, dirixindo o Club Deportivo Casablanca ata a súa desparición en 1953.[4] Tamén foi adestrador do Pontevedra, ao que dirixiu uns meses en 1951.[5][6] En 1954 pasou a adestrar o Gran Peña.[7] Co equipo de Lavadores conseguiu o ascenso á Terceira División na tempada 1955/56.

En abril de 1957, a raíz do falecemento do adestrador do Racing de Ferrol e antigo compañeiro de Yayo no Celta, Juan Vázquez Tenreiro, o club ferrolán recorreu a el para substitulo á fronte do equipo, que militaba na Segunda División.[8] Colleu o equipo en postos de descenso a falta de oito xornadas para o remate da tempada 1956/57, e conseguiu salvar o equipo na promoción de permanencia, derrotando o Turista de Vigo. Ao remate da campaña regresou ao Gran Peña,[9] no que estivo ata o seu cesamento en outubro de 1959.[10]

A continuación pasou brevemente polo Zeltia,[11] ata que se fixo cargo do Celta de Vigo a finais da tempada 1959-60 en Segunda División, unha tempada na que pasaron polo banco do Celta catro adestradores. Primeiro foi o arxentino Enrique Lúpiz o que tivo que deixar o posto por problemas coa homologación do título de adestrador, sendo substituído por Baltasar Albéniz, que dirixiu o equipo a maior parte da tempada clasificándoo para a fase de ascenso. Pero a directiva do club tentou contratar a Helenio Herrera para os encontros de fase de ascenso ás costas de Albéniz, polo que este dimitiu. Finalmente fíxose cargo Yayo do equipo que ao final acabou compartindo a dirección con Ricardo Zamora. Yayo permaneceu como adestrador tamén a tempada seguinte, na que clasificou o equipo na segunda posición, só por detrás do Osasuna, perdendo a promoción de ascenso contra o Oviedo.

Na tempada seguinte marchou a Puertollano, onde se puxo á fronte do Calvo Sotelo durante dúas tempadas, alcanzando dous primeiros postos, pero sen conseguir o ascenso.[12][13] En 1962 colleu as rendas da SD Compostela, na Terceira División, sucedendo a Dagoberto Moll.[14] Adestrou dous anos o equipo santiagués, clasificándoo no primeiro e no segundo posto da táboa, pero fallando na fase de ascenso ámbolos dous anos, no primeiro contra o Andorra turolense, e no segundo contra o Béjar Industrial. Deixou o Compostela en 1965, pasando a dirixir o Club Turista,[15] pero regresou ao club santiagués pouco despois como secretario técnico.[16] A comezos de 1966 pasou a exercer como adestrador, e continuou nesta función ata 1969.

En 1969 fichou polo UP Langreo,[17] co que conseguiu o ascenso á Segunda División na súa primeira tempada. Na segunda tempada foi destituído a falta de cinco xornadas, co equipo no posto 17º, sendo substituído por Fernando Bouso. A continuación regresou ao Gran Peña, co que ascendeu a Terceira na campaña 1971/72, grazas en boa parte aos 53 goles de Waldo.[18] En 1973 comezou a súa terceira etapa á fronte do Compostela.[19] Acadou a segunda posición da Terceira División e xogou sen éxito a fase de ascenso, deixando o club ao remate da competición.[20] Regresou outra vez ao Gran Peña, ao que adestrou durante seis anos ata 1980.

Os méritos contraídos por Santiago ao servizo do Celta foron premiados coa imposición da Medalla ao Mérito da Federación Española de Fútbol e a insignia de ouro e brillantes do Celta.

O seu fillo Quecho tamén xogou no Celta a comezos dos anos 80, e triunfou máis tarde no Ourense.

  1. "Historial de los jugadores celestes". El Progreso (en castelán) (12719). 4 de xullo de 1948. p. 4. Consultado o 3 de decembro de 2021. 
  2. "El Sevilla vence al Celta por 4-1". Hoja oficial del lunes (en castelán) (680). 5 de xullo de 1948. p. 4. Consultado o 3 de decembro de 2021. 
  3. "Ayer salió el Celta para Tetuán". El Pueblo Gallego (en castelán). 21 de setembro de 1951. p. 3. Consultado o 3 de decembro de 2021. 
  4. "Deportes". El Pueblo Gallego (en castelán) (8228). 16 de novembro de 1949. p. 2. Consultado o 3 de decembro de 2021. 
  5. "Antena deportiva". La Noche (en castelán). 11 de agosto de 1951. p. 4. Consultado o 3 de decembro de 2021. 
  6. "La Serie A". El Pueblo Gallego (en castelán) (4289). 12 de setembro de 1951. p. 3. Consultado o 3 de decembro de 2021. 
  7. "La lista grande del Gran Peña". El Pueblo Gallego (en castelán) (10153). 21 de agosto de 1954. p. 7. Consultado o 3 de decembro de 2021. 
  8. "Yayo entrenará al Club Ferrol". La Noche (en castelán) (11263). 25 de abril de 1957. p. 2. Consultado o 3 de decembro de 2021. 
  9. "El Gran Peña iniciará la competición con un equipo muy remozado". La Noche (en castelán) (11374). 2 de setembro de 1957. p. 6. Consultado o 3 de decembro de 2021. 
  10. "Miguel, jugador y entrenador del Gran Peña". El Pueblo Gallego (en castelán) (11787). 25 de outubro de 1959. p. 10. Consultado o 3 de decembro de 2021. 
  11. "Zeltia 2 Gran Peña, 1". El Pueblo Gallego (en castelán) (11960). 8 de marzo de 1960. p. 14. Consultado o 3 de decembro de 2021. 
  12. "Yayo en Vigo". El Pueblo Gallego (en castelán). 22 de decembro de 1961. p. 9. Consultado o 3 de decembro de 2021. 
  13. "Declaraciones del ex-céltico Yayo". La Noche (en castelán). 22 de abril de 1963. p. 7. Consultado o 3 de decembro de 2021. 
  14. "Yayo fichó por la S. D. Compostela" (en castelán) (12977). 13 de xullo de 1963. p. 4. Consultado o 3 de decembro de 2021. 
  15. "Yayo y el Turista". La Noche (en castelán) (13647). 27 de agosto de 1965. p. 5. Consultado o 3 de decembro de 2021. 
  16. "Yayo, secretario técnico del Compostela". La Noche (en castelán) (13744). 2 de novembro de 1965. p. 6. Consultado o 3 de decembro de 2021. 
  17. "Yayo, entrenador del U. P. Langreo". El Pueblo Gallego (en castelán). 27 de xullo de 1969. p. 17. Consultado o 3 de decembro de 2021. 
  18. "Yayo, el hombre que devolvió la categoría al Gran Peña". El Pueblo Gallego (en castelán). 16 de xuño de 1972. p. 14. Consultado o 3 de decembro de 2021. 
  19. "Yayo, presentado a los jugadores del Compostela". El Pueblo Gallego (en castelán) (18119). 5 de xuño de 1973. p. 12. Consultado o 3 de decembro de 2021. 
  20. "Yayo se vinculará al Celta". El Pueblo Gallego (en castelán) (18425). 30 de maio de 1974. p. 15. Consultado o 3 de decembro de 2021. 

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]