Saltar ao contido

Casa da Moeda de Birmingham

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Casa da Moeda de Birmingham
Bimingham Mint

Edificio da
Casa da Moeda de Birmingham
en Icknield Street
TipoCompañía privada.
Fundación1850.
Extinción: 2003.
Localización Birmingham
FundadorRalph Heaton II
IndustriaCuñaxe.
ProdutosMoedas.
Notas
Marca de ceca: H.
editar datos en Wikidata ]

A Casa da Moeda de Birmingham (en inglés: Birmingham Mint, tamén coñecida como Heaton's Mint ou Ralph Heaton & Sons), foi unha ceca situada na cidade inglesa de Birmingham, establecida por Ralph Heaton II en 1850 como unha compañía privada colaboradora coa Royal Mint, de Londres.[1][2][3][4][5]

A factoría estaba situada en Icknield Street, no bordo do Jewellery Quarter ("Barrio da Xoiaría") e dotouse das presas e os equipamentos adquiridos a Matthew Boulton, logo do desmantelamento da Casa da Moeda de Soho.[1][5][6][7]

A figura de Ralph Heaton II

[editar | editar a fonte]

Ralph Heaton II (1794-1862) era fillo de Ralph Heaton, enxeñeiro, inventor e home de negocios establecido inicialmente en Slaney Street e a partir de 1812 en Shadwell Street. Ralph Heaton II era un traballador do chumbo que traballaba en Shadwell Street nun negocio independente do do seu pai, e que aprendera con Thomas Willetts a arte de abrir cuños.[2][7][8]

O 2 de decembro de 1817, o pai cedeulle a Ralph uns terreos e uns edificios en Bath Street para que este desenvolvese os seus propios negocios, e alí dedicouse á estampaxe e a perforación do latón, e á fabricación de candelabros para o alumamento con gas, que acababa de inventarse.[7][8]

En 1847 a compañía tomou o nome de Heaton and Son, logo da asociación entre o pai e o fillo.[2] En 1853, cando o seu irmán George se uniu á empresa, o seu nome actualizouse a Heaton and Sons.[8]

O comezo da compañía

[editar | editar a fonte]

O 1 de abril de 1850 anunciouse a poxa pública da maquinaria e dos equipamentos procedentes da extinta Casa da Moeda de Soho (Soho Mint), que fora creada por Matthew Boulton cara a 1788.[2] A poxa tivo lugar o 29 de abril e nela Ralph Heaton II adquiriu as catro presas a vapor de torno e outras seis prensas de pranchas para fabricar discos de moedas a partir de láminas de metal.[1][5][7][8][9]

Estes equipamentos foron instalados no edificio de Bath Street e, xa ese mesmo ano 1850 fabricáronse as primeiras fichas comerciais (tokens) para o seu uso en Australia.[10] En 1851 cuñáronse moedas para Chile, ás que se lles estampou como marca de ceca un H (de Heaton). O mesmo ano, a Royal Mint, de Londres, encargoulle a fabricación de pranchas de cobre destinadas á cuñaxe de peniques e as súas fraccións.[5][7][8]

En 1852 a nova ceca gañou un contrato para a produción dunha nova serie de moedas para Francia.[8] Ralph Heaton III (o fillo do fundador) marchou cara a Marsella cun grupo de traballadores para cumprir alí co contrato, o que supuxo a produción de 750 toneladas de moedas de bronce a nome de Napoleón III entre 1853 e 1857.[1][5][8]

Medio penique cuñado na Casa de Moeda de Birmingham en 1876 (marca de ceca: H baixo a data).

En 1853, a ceca real londiniense chegou ao seu límite de produción coa cuñaxe de moedas de ouro e de prata, co que tivo que externalizar a fabricación de moeda de cobre. A Casa da Moeda de Birmingham fíxose con ese contrato, o que lle supuxo o inicio da colaboración coa ceca oficial na cuñaxe de moeda para o Reino Unido; encargouse da cuñaxe de 500 toneladas de cobre, entre agosto de 1853 e agosto de 1855, e a este contrato seguírono outros en 1856. Neses momentos de máximo nivel de produción, as prensas de torno creadas por Boulton cuñaban arredor de 110.000 moedas por día. Nestas moedas non se estampou o H como marca de ceca característica da Birmingham Mint.[5][8]

10 bani de Romanía de 1867, cuñados na Casa da Moeda de Birmingham (marca de ceca HEATON baixo a grilanda).[11]

Á medida en que se ían incrementando as encargas do estranxeiro, sinaladamente da India, a ceca foise dotando de novas prensas e outros equipamentos, que chegaron a ocupar na súa totalidade as instalacións de Bath Street. Esa foi a razón pola que a empresa comprou un terreo de case media hectárea en Icknield Street, onde se construíu unha nova factoría nun edificio de tres andares de ladrillo vermello, que se terminou en 1862 e que ocupou 300 empregados.[5][6] Neses momentos, era a fábrica privada de moeda máis grande do mundo.[1][8]

En 1861 a compañía asinou un contrato para a cuñaxe de moeda de cobre para a Italia, e a Birmingham Mint enviou a Milán parte do seu persoal e os discos metálicos para completar na ceca milanesa a cuñaxe das moedas encargadas.[8]

Ralph Heaton III

[editar | editar a fonte]
Deseño dos 50 cents do Canadá de 1871 coa marca de ceca da Casa da Moeda de Birmingham (H). Esta moeda non chegou a cuñarse.[12]

Logo do pasamento de Ralph Heaton II en 1862, Ralph III (1827-1891) asumiu a dirección da empresa Ralph Heaton & Sons. Durante a súa xerencia engadiu once novas prensas máis modernas e, en 1882, retirou do uso a derradeira das compradas a Boulton que aínda se mantiñan operativas. Paralelamente á fabricación de moeda e á produción dos discos metálicos destinados á súa cuñaxe, a compañía comezou a producir municións, aparellos de gas, elementos ornamentais, accesorios de fontanaría, laminados metálicos, tubaxes e arames.[8]

Moeda surafricana cuñada na Casa da Moeda de Birmingham en 1874.[13]

En 1871 recibiuse a primeira encarga de cuñaxe de moedas de prata, para o Canadá,[14] e en 1874 cuñouse ouro por primeira vez (837 pezas) para a República de Suráfrica.[5][13][15]

No entanto, a colaboración coa Royal Mint detívose durante uns anos, por mor da actualización da ceca real de Londres decidida polo Parlamento Británico en 1881.[5][8]

En 1887, a compañía gañou o contrato para a construción e o equipamento dunha nova casa de moeda en Cantón, na China.[2][7]

Membros da dirección da Casa da Moeda de Birmingham na Casa da Moeda de Cantón, de cuxa construción se encargaron

O 22 de marzo de 1889, dous anos antes da súa morte, Ralph III converteu a ata entón empresa familiar nunha empresa de responsabilidade limitada de carácter público, controlada por unha compañía de nova creación, chamada The Mint, Birmingham, Limited. Consonte este acordo, Heaton recibiría 110.000 libras, delas 10.000 en cobre. A maiores, cobraría outras 2.000 libras anuais en concepto de alugueiro das instalacións; o seu fillo, Ralph Heaton IV, sería o xerente da nova compañía e os outros dous fillos terían postos relevantes na súa dirección.[2][7][8]

Ralph Heaton IV

[editar | editar a fonte]

Ao falecer Ralph III en 1891, case de inmediato Ralph IV accedeu á xerencia xeral da compañía. Entre 1896 e 1898 a ceca de Birmingham cuñou todas as moedas de cobre circulantes en Rusia, o que supuxo máis de 110 millóns de moedas por ano.[5]

Un dos empregados sobranceiros da compañía, antes da primeira guerra mundial, foi o recoñecido medallista estadounidense Emil Fuchs (1866-1929).[16] Durante a contenda, a ceca produciu tamén tiras de latón e tubos de cobre para as municións.

Unha das bases do negocio da compañía durante a primeira década do século XX foron as encargas de moedas, discos metálicos e barras de metal para os territorios coloniais. Mais en 1912 asinouse un contrato de 16,8 millóns de moedas de cobre para o Reino Unido, ampliado en 1918 e en 1919 con novos pedidos de máis de sete millóns de pezas. As moedas dun penique cuñadas por Heaton datadas entre 1912 e 1919 pódense identificar por un pequeno H á esquerda da data, a modo de marca de ceca.[5][17][18]

No entanto, nese mesmo 1912 apareceu a primeira competencia da Casa de Moeda de Birmingham, xa que a Kings Norton Metal Company tamén asinou contratos para proporcionarlle discos metálicos á Royal Mint, e en 1914 cuñou tamén moedas para as colonias británicas.[2][5][7] Do mesmo xeito, en 1918 e en 1919, a Kings Norton Metal Company cuñou unha tiraxe de peniques de cobre que se poden identificar polas iniciais KH á esquerda da data.[17][18][19]

Ralph IV retirouse en 1920 e o seu sucesor foi o seu cuñado, W. E. Bromet. O fillo de Heaton, Ralph V, uniuse á compañía en 1922 na súa parte comercial e, finalmente, ascendeu ao posto de secretario da compañía.[2][5][7]

A época da Gran Depresión

[editar | editar a fonte]
A característica cheminea da Birmingham Mint, aínda en pé.

En 1923 a posición de case monopolio que adquirira a Casa da Moeda de Birmingham como subministrador de moeda estranxeira perdeuse cando a Royal Mint recibiu o permiso para abastecer de moeda a calquera país do mundo, aínda que se mantivo a cooperación entre ambas as compañías para a moeda doméstica.[1][5]

Durante a depresión da década de 1930 o negocio reduciuse ao mínimo e, logo da revolta dos seus accionistas, a compañía acabou fóra do control da familia Heaton en maio de 1935. A partir dese momento, a cuñaxe de moeda pasou a supor só unha pequena parte do seu volume de negocio (do 10 % ao 20 % entre 1940 e 1964), máis centrado na produción de pranchas e de tubaxes.

A segunda guerra mundial esixiu novamente grandes cantidades de láminas de latón e de tubos de cobre para municións, e tamén revestimentos de cilindros de aluminio e latón para os motores dos avións Rolls-Royce. O efecto dos bombardeos e tamén os da produción sen pausa da factoría deixaron as instalacións nun estado case ruinoso; de feito, a compañía non foi quen de lle proporcionar á Royal Mint a maquinaria de cuñaxe que esta lle requiriu, aínda que si que lle entregou os planos necesarios para a súa fabricación.[5]

Segunda metade do século XX

[editar | editar a fonte]

En 1949 recibiu a encarga de cuñar unha tiraxe de táleros de María Tareixa, un dólar de comercio de prata de amplo uso no Oriente Medio e de cuxa produción se encargaba tradicionalmente a Casa da Moeda de Viena. En 1953, 1954 e 1955 realizáronse outras emisións desta moeda.[5] Entre 1949 e 1955 cuñáronse na ceca de Birmingham 9.924.500 exemplares do tálero de María Tareixa.[20]

En 1953, a produción de moeda supuña só o 5 % do negocio, centrado sobre todo na fabricación de tubaxes para a construción, comercializados baixo a marca MBL. Nesta década producíronse ademais diversas medallas e fichas de xogo e para as máquinas comecartos.[5]

En 1965 a creación dun consorcio entre a Casa de Moeda de Birmingham, a Royal Mint e a Kynoch Mint (a antiga King's Norton Metal Company) supuxo un pulo ao mercado da exportación.[2][7] A ceca de Birmingham chegou a expandirse a un local adxacente en 1967. Nesta época recibiu un importante contrato para converter 1.680 toneladas de bronce en discos para as moedas de medio penique, e 466 toneladas de cuproníquel para as moedas de 10 peniques, que lles foron subministradas á Royal Mint entre 1968 e 1971 para a decimalización do sistema monetario que se produciu ese último ano.

Logo dunha reorganización da compañía, a parte do negocio dos tubos de cobre vendéuselle á empresa Econa Ltd. en 1975, e fíxose un novo investimento na adquisición de maquinaria de cuñaxe máis moderna. Cunha interrupción deste proceso reorganizativo en 1977, por mor dun incendio subterráneo por baixo das liñas de fundición, en 1980, a rama do negocio relacionada coas prensas, que sufrira unha notable expansión, converteuse nunha empresa subsidiaria denominada Birmingham Mint Pressings Limited. De 1976 a 1981 cuñáronse moedas para máis de 50 países, e en 1979 acadouse unha produción récord de 13 millóns de pezas semanais.

Paralelamente á fabricación de moedas de curso legal, a Birmingham Mint produciu tamén medallas, condecoracións e fichas para máquinas expendedoras.

Fase final e extinción

[editar | editar a fonte]
Detelle do estado do edificio principal da Casa da Moeda de Birmingham, en Icknield Street.

Coa chegada do novo milenio, a planta acadou un nivel importante de ocupación coa introdución do euro como unidade monetaria da Eurozona, xa que á Birmingham Mint se lle encargou a fabricación de varios millóns de pezas dun euro e de dous euros. Porén, unha caída nos acordos comerciais e contractuais entre ela e a Royal Mint tivo como resultado a creba e a posta á venda da ceca de Birmingham en 2003.[1][21]

A Casa da Moeda de Birmingham foi adquirida polas compañías JFT Law & Co. Ltd. e Stirchley Machine Tools Ltd.[2]

A maior parte do complexo, agás o bloque de Icknield Street e o muro de contención traseiro, foi demolido en abril de 2007, aínda que a fachada goza dunha protección especial como edificio singular (grao II).[6]

A partir de entón, foron varios os plans para a reurbanización dos terreos antes ocupados pola Casa da Moeda de Birmingham.[22]

  1. 1,0 1,1 1,2 1,3 1,4 1,5 1,6 "13. The Warstone Lane & The Mint : 6. The Birmingham Mint". Explore the Birmingham Jewellery Auarter.
  2. 2,00 2,01 2,02 2,03 2,04 2,05 2,06 2,07 2,08 2,09 "The Birmingham Mint". www.24carat.co.uk
  3. "The Birmingham Mint - UK". Mints of the World.
  4. "The rise and fall of a private mint: the Birmingham Mint". En Coins Wee kly. 1 de febreiro de 2017.
  5. 5,00 5,01 5,02 5,03 5,04 5,05 5,06 5,07 5,08 5,09 5,10 5,11 5,12 5,13 5,14 5,15 5,16 "Birmingham Mint". Grace's Guide to British Industrial History.
  6. 6,0 6,1 6,2 "Front range of the Birmingam Mint facing Icknield Street, and buildings around the countyard". Historic England.
  7. 7,00 7,01 7,02 7,03 7,04 7,05 7,06 7,07 7,08 7,09 Tout-Smith, D. (2004). "Heaton & Sons Mint, Birmingham, England". Museums Victoria Collection.
  8. 8,00 8,01 8,02 8,03 8,04 8,05 8,06 8,07 8,08 8,09 8,10 8,11 8,12 "Ralph Heaton and Sons". Grace's Guide to British Industrial History.
  9. Tungate, S. (2010). Matthew Boulton and the Soho Mint: Cooper to Customer. Tese de doutoramento. University of Birmingham.
  10. Sweeny, J. O. (1981). "Appendix VI: Australiasian Tokens". Páxinas 240-245.
  11. "10 Bani - Carol I". Numista.
  12. Gravado procedente do artigo "Recent Coinage of the World", en Companion to the British Almanac of 1874.
  13. 13,0 13,1 "1 Pond Zuid Afrikaansche Republiek". Numista.
  14. "10 Cents - Victoria". Numista.
  15. "Ralph Heaton and Sons". Grace's Guide to British Industrial History.
  16. "Emil Fuchs Arquivado 20 de setembro de 2020 en Wayback Machine.". Mapping the Practice and Profession of Sculpture in Britain and Ireland 1851-1951.
  17. 17,0 17,1 Freeman, Michael J. (1985) [1970]. The Bronze Coinage of Great Britain. Barrie & Jenkins, Londres. Páxina 11. ISBN 978-0-09-155240-4
  18. 18,0 18,1 "1912 H Heaton Mint Penny". www.24carat.co.uk
  19. "George V 1918-KN Penny". www.vcoins.com
  20. Rosi, Sergio. "Il Tallero 1780". En Maria Teresa non solo talleri.
  21. "Birmingham Mint goes bust". BBC News. 21 de marzo de 2003.
  22. Jones, T. (2015). "New plans for Birmingham Mint regeneration". En Bussines Live. 2 de decembro.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]
  • Sweeny, J. O. (1981). A Numismatic History of the Birmingham Mint. The Birmingham Mint Ltd., Birmingham. ISBN 0-9507594-0-6.

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]