Saltar ao contido

Dinastía Valois

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Casa de Valois»)
Dinastía Valois
PaísCondado de Valois
Casa maternaDinastía dos Capetos
Títulos
FundadorCarlos de Valois
Último gobernanteHenrique III de Francia
Ramas menores

A dinastía de Valois ou casa de Valois é unha rama da dinastía dos Capetos que reinou en Francia entre os anos 1328 e 1589 durante tres períodos distintos:

  • Os Valois directos (1328-1498).
  • Os Valois-Orleáns (ou segunda casa de Orleáns) (1498-1515).
  • Os Valois-Angulema (ou Valois-Orleáns-Angulema) (1515-1589).

Sucedeu aos Capetos directos e precedeu aos Borbóns.

Tamén foi a orixe doutras casas como a de Alençon, casa de Francia (en Portugal), Borgoña, a segunda casa de Anjou e terceira casa de Anjou.

Orixe dos Valois

[editar | editar a fonte]

Toma o seu nome do apanage (prerrogativa) do Condado de Valois dado a Carlos, fillo de Filipe III o Atrevido, rei de Francia e pai do rei Filipe VI. A rama orixinaria extinguiuse en 1498, pero tivo varias ramas sucesoras. Filipe VI subiu ao trono francés o ano 1328 tras a morte do seu primo Carlos IV de Francia sen deixar herdeiro varón.

A polémica sucesión fixo posíbel a pretensión ao trono dos reis de Inglaterra, que eran os señores feudais máis importantes de Francia. Iso orixinou a guerra dos Cen Anos, na que os Valois foron derrotados nun principio, até que o territorio sobre o que gobernaban quedou reducido a unha mínima expresión. O xogo de alianzas do resto das casas nobres, como a casa de Borgoña, independente na práctica, fixo o conflito interminábel. As campañas de Xoana de Arco cambiaron o destino da guerra, que deixou como misión sagrada da dinastía, tinxida de providencialismo, reunir baixo a súa soberanía a multiplicidade de entidades en que estaba dividido o territorio francés entre o río Rin e os Pireneos. Con Lois XI de Francia xa se consegue un poder real compatíbel co que serían no contexto europeo occidental as monarquías autoritarias.

Valois directos

[editar | editar a fonte]

Rama dos Valois-Orleáns

[editar | editar a fonte]
Relacións de parentesco.

Rama Valois-Orleáns-Angulema

[editar | editar a fonte]

No século XVI —e coincidindo co reinado de Carlos I de España— reinaba Francisco I (desde 1515 até 1547), sucesor de Lois. Un dos seus logros foi fortalecer o poder real, así como vencer os suízos e conseguir no tratado de Noyon dereitos sobre o Ducado de Milán. Tamén era un dos candidatos ao trono do Sacro Imperio Romano Xermánico. Todas estas cuestións convertérono en rival de Carlos I de España, o que se materializou nas guerras de Italia, onde foi apresado en Pavia. A paz de Cateau-Cambrésis termina por conseguir un equilibrio: a maior parte de Italia, para España e a maior parte da Borgoña, para Francia.

O monopolio español sobre América tamén é discutido, e así comezan nesta época as expedicións ao Canadá.

A reforma protestante foi moi activa en Francia, deixando unha importante minoría de calvinistas e hugonotes.

Henrique II de Francia casou con Catarina de Medici coa que tivo tres fillos varóns Francisco II de Francia, Carlos IX de Francia e Henrique III de Francia, os que pola súa incapacidade de gobernar, deixan un papel destacado á súa nai. Neste contexto —e coa intervención de Filipe II de España— desátanse as guerras de Relixión, que acaban destruíndo a dinastía.

Casa de Borbón en Francia

[editar | editar a fonte]

Henrique III foi o último rei da casa de Valois. Sucédeo Henrique IV de Francia e III de Navarra, da casa de Borbón, calvinista que se converteu ao catolicismo guiado pola súa frase: París ben vale unha misa. Pacificou o reino co edicto de Nantes (liberdade relixiosa) e asina a paz con Filipe II de España. Ordena as finanzas e finalmente foi asasinado por un fanático católico que se sente traizoado polo seu rei. Os seus sucesores, sobre todo Lois XIV de Francia (que revogou o edicto de Nantes) terminarán asentando o modelo da monarquía absoluta.

Casa de Valois-Borgoña

[editar | editar a fonte]
Artigo principal: Estado borgoñón.
Armas da casa de Valois-Borgoña (duques de Borgoña).

A casa dos Valois-Borgoña é unha rama menor da dinastía Valois. Os Valois-Borgoña, duques de Borgoña, tiveron a súa orixe cando Xoán II de Francia (tamén duque de Borgoña como Xoán I) entregou como feudo o Ducado de Borgoña ao seu fillo máis novo, Filipe o Atrevido.

A política expansionista dos membros desta dinastía deu lugar ao poderoso Estado borgoñón na baixa Idade Media e o Renacemento. Distínguese da Casa de Borgoña dos Capetos, descendentes de Roberto II de Francia, aínda que ambas as casas pertenceron á dinastía dos Capetos.

Duques de Borgoña

[editar | editar a fonte]

Casa de Anjou-Sicilia (Segunda e terceira casas de Anjou)

[editar | editar a fonte]
Artigo principal: Reino de Sicilia.
Armas de Carlos I de Sicilia

En 1203 Filipe II de Francia conquistou os territorios que tiña en Francia o rei inglés (daquela Xoán I), entre eles o Condado de Anjou, que pasou ao patrimonio da coroa francesa. En 1246 Lois IX de Francia concedeu os Condados de Anjou e do Maine ao seu irmán Carlos, que se converteu no fundador da segunda casa de Anjou. Cos netos de Carlos, a dinastía dividiuse en varias ramas: os Anjou-Sicilia (rama principal que reinou en Nápoles), os Anjou-Durazzo, os Anjou de Hungría e os Anjou-Taranto.

Reis de Nápoles

[editar | editar a fonte]

En 1265 o papa Clemente IV concedeu a Carlos de Anjou o Reino de Sicilia (que comprendía tamén o Reino de Nápoles), cuxa coroa ostentaban os Hohenstaufen, inimigos do papa polas loitas entre güelfos e xibelinos. O 26 de febreiro de 1266, na batalla de Benevento, o rei Manfredo I de Hohenstaufen foi derrotado e morto. Tras a batalla Carlos foi coroado rei de Sicilia.

Armas dos Anjou-Sicilia a partir de Carlos II

O 30 de marzo de 1282 a cidade de Palermo, capital do Reino, rebelouse contra os franceses e masacrou a gornición de Carlos (Vésperas sicilianas). A rebelión estendeuse por toda a illa e os franceses foron expulsados. O pobo solicitou a axuda de Pedro III de Aragón, que foi coroado como rei de Sicilia, producíndose a división deste Reino entre o Reino de Sicilia peninsular, ou da Sicilia citerior Reino de Nápoles, baixo dominio anxevino, e o Reino de Sicilia insular (Reino de Sicilia, baixo dominio aragonés. Desde entón, Carlos e os seus descendentes só reinaron sobre o Reino de Nápoles.

  • Carlos I (1282 - 1285)
  • Carlos II (1285 - 1309)
  • Roberto I (1309 - 1343)
  • Xoana I (1343 - 1382)
    • A morte de Xoana I provoca unha guerra de sucesión entre o seu primo Carlos de Anjou-Durazzo e o seu fillo adoptivo Lois (pertencente á terceira casa de Anjou). Tras da morte de Lois en 1384, Carlos proclamouse rei. Mentres, os descendentes de Lois convértense en reis titulares.

Rama Anjou-Durazzo

[editar | editar a fonte]
Armas dos Anjou-Durazzo a partir de Carlos III de Nápoles

A rama Anjou-Durazzo reinou sobre Nápoles tras a guerra de sucesión. O seu fundador foi Xoán I de Anjou, duque de Durazzo, fillo de Carlos II de Nápoles. Seu neto Carlos converteuse en rei de Nápoles tras a morte de Xoana I.

Xoana II morreu sen herdeiros, acabando con ela a rama Anjou-Durazzo. Nomeou herdeiro a Renato (I) de Anjou, neto do pretendente Lois (I) e, polo tanto, membro da terceira casa de Anjou.

Reis de Hungría (rama Anjou-Hungría)

[editar | editar a fonte]

Tras a morte sen descendencia de Ladislau IV de Hungría en 1290, dous homes disputaron o trono: André (tío segundo do rei) e Carlos Martel de Anjou (fillo de Carlos II de Nápoles e María de Hungría, raíña de Nápoles, irmá de Ladislau IV). André converteuse finalmente en rei, pero a súa morte sen descendencia provocou que a coroa recaese en Carlos Roberto, fillo de Carlos Martel de Anjou.

Armas de Carlos I Roberto de Hungría
  • Carlos Martel (pretendente e despois rei titular). Reclamou o trono húngaro ao ser herdeiro da casa de Árpad por vía materna como fillo de María de Hungría, raíña de Nápoles.
  • Carlos I Roberto (1308 - 1342). Fillo de Carlos Martel de Anjou. Conseguiu obter o trono húngaro e someteu os poderosos nobres húngaros, poñendo orde no Reino.
  • Lois I (I de Polonia) (1342 - 1382). Fillo de Carlos Roberto. Foi un dos reis máis importantes do medievo húngaro. Durante a súa época o Reino estivo na súa "época dourada".
  • María I (1382 - 1385). Filla de Lois I e última herdeira directa dos Anjou en Hungría.
    • Carlos II de Hungría (Carlos III de Nápoles), pertencente á rama Anjou-Durazzo, que foi chamado pola nobreza húngara e proclamado rei de Hungría en 1385, xa que era o único parente varón de Lois I. Foi asasinado en 1386 polos nobres aliados da raíña consorte Isabel Kotromanić (viúva de Lois I).
  • María I (1386 - 1395)
    • Ladislau I de Nápoles (antirrei contra Sexismundo de Hungría). Fillo do asasinado Carlos II, reclamou o trono húngaro e foi coroado provisionalmente en Zarad en 1403. Aínda que nunca exerceu o poder en Hungría, non renunciou ao título de rei, que conservou até a súa morte en 1414. Ao non ser considerada a súa coroación como lexítima, este monarca non se conta oficialmente entre os reis húngaros.

Reis de Polonia

[editar | editar a fonte]

Tras a morte sen descendencia de Casimiro III de Polonia en 1370, o trono foi herdado polo seu sobriño Lois I de Hungría (o fillo da súa irmá Isabel Łokietek).

  • Lois I (I de Hungría) (1370 - 1382). Reinou até a súa morte como rei de Polonia.
  • Heduvixes I (1382 - 1399). Ao non deixar herdeiros varóns o rei Lois I, a súa filla María I de Hungría herdou a coroa húngara e a súa filla Eduvixe a polaca; ambas as dúas contraeron matrimonio con influentes monarcas que eventualmente as desprazaron e fundarían novas dinastías (Sexismundo de Luxemburgo e Ladislau II Xaguellón, respectivamente).

Emperadores titulares do Imperio Latino (rama Anjou-Taranto)

[editar | editar a fonte]
Armas dos Anjou-Taranto

En 1313 Filipe de Anjou, príncipe de Tarento e fillo de Carlos II de Nápoles, casou con Catarina de Valois-Courtenay, emperatriz titular do Imperio Latino.

  • Filipe I de Taranto (1313 - 1332)
    • Xunto á súa esposa Catarina (1308 – 1346)
  • Roberto de Taranto (1346 - 1364)
  • Filipe II de Taranto (1364 - 1373)
  • Xaime de Baux (1373 - 1383). Por ser fillo de Francisco de Baux, non pertence directamente á casa de Anjou, pero era sobriño de Roberto e Filipe II de Taranto, e fillo de Margarida de Taranto, irmá de ambos.
    • Tras a morte de Xaime I, o título pasa a Lois de Anjou, pretendente ao trono de Nápoles e membro da terceira casa de Anjou, aínda que nin el nin os seus descendentes chegaron a usalo.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]