Chelo García-Cortés
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 3 de decembro de 1951 ![]() Ourense, España ![]() |
Educación | Universidade Autónoma de Barcelona ![]() |
Actividade | |
Ocupación | xornalista, personalidade televisiva ![]() |
![]() ![]() ![]() ![]() |
María Consolación García-Cortés Cadavid,[1] nada en Ourense o 3 de decembro de 1951,[2] máis coñecida como Chelo García-Cortés, é unha xornalista galega que desenvolveu a maior parte da súa carreira profesional no xornalismo do corazón.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Aínda que naceu en Ourense en 1951,[2] á idade temperá de tres meses trasládase a vivir coa súa familia a Madrid, regresando de novo a terras galegas aos dezaseis anos. Actualmente vive desde hai anos en Castelldefels (Barcelona). Os veráns pásaos na súa casa de Eivissa.[3]
Licenciada en Xornalismo pola Facultade de Ciencias da Información pola Universidade Autónoma de Barcelona,[4] os seus primeiros pasos profesionais deunos cando comezou a traballar moi nova, en 1973, en La Voz del Miño, emisora sindical da súa Ourense natal, mentres facía o servizo social, e de aí pasou a Radio Popular no mesmo Ourense.[2][5]
No 1975 é fichada por Radio Miramar en Barcelona (onde se traslada a vivir), dirixida entón por Marcelino Rodríguez de Castro. A partir dese momento empeza no xornalismo do corazón e a súa primeira reportaxe publícaa no 1976 para a revista ¡Hola!.[6] Logo foi durante moito tempo correspondente da revista Diez minutos en Barcelona, onde tiña unha páxina que se chamaba Por las Ramblas.[6] Tamén colaborou na revista Papillón, onde foi pioneira ao fotografar o primeiro espido masculino en España, ao actor Joan Llaneras.[5][7] Máis tarde chamárona de Cadena Catalana onde colaborou con Paco Lobatón, ata que a reclamou a COPE, polas mañás, xunto a Antonio Herrero.
Compaxinando o seu traballo en radio e prensa, Chelo fixo o seu debut en televisión no 1997 con Jordi González no programa Les 1000 i una de TV3, aínda que anteriormente xa participara nalgúns programas da televisión de Cataluña. Traballou tamén entre 1998 e 2004 no programa de Ana Rosa Quintana Sabor a ti, de Antena 3, labor que compaxinou co seu traballo na prensa escrita, coa revista Lecturas, e na radio, con Cristina López Schlichting en La Tarde con Cristina de COPE e máis tarde con Isabel Gemio en Te doy mi palabra de Onda Cero.
Con todo, a súa popularidade débella ao talk show de crónica social DEC (tamén coñecido como ¿Dónde estás corazón?), conducido por Jaime Cantizano en Antena 3 desde 2003 ata 2011.[8] Ese mesmo ano ficha pola cadea Telecinco, tras 13 anos na competencia (Antena 3), onde colabora en programas como Sálvame e Sábado Deluxe (2011-actualidade), La Noria (2011-2012), e Abre los ojos... y mira (2013) e as Campanadas de fin de año de 2017-2018 como colaboradora do programa previo.[8]
Á marxe do seu traballo en televisión, Chelo colabora puntualmente nas publicacións ¡Hola! e Semana.
Xunto co tamén xornalista Jesús Locampos, escribiu o libro Yo Acuso,[9] publicado en 2008 pola editorial Grand Guignol. No libro, a xornalista fai unha autocrítica do xornalismo do corazón.[10][11]
Vida persoal
[editar | editar a fonte]No persoal, a súa nai morreu en 1962, cando ela tiña só once anos, e foi criada polo seu pai, Rafael García-Cortés Alonso (1916-11 de decembro 2001).[12][13]
Mantivo unha relación sentimental de dez anos con José Manuel Parada, pero dende 2005 está casada con Marta Roca Carbonell, con quen contraeu matrimonio o 8 de agosto. Declarouse abertamente bisexual.[13]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Faceta Empresarial (en castelán)
- ↑ 2,0 2,1 2,2 Biografía de Chelo García-Cortés en Lecturas (en castelán)
- ↑ Chelo García Cortés vuelve a su casa de Ibiza para descansar Arquivado 21 de xuño de 2013 en Wayback Machine. (en castelán)
- ↑ Cuando todos quisieron ser periodistas (en castelán)
- ↑ 5,0 5,1 La entrevista más íntima... Chelo García-Cortés: “Aunque Isabel Pantoja no me vuelva a hablar, nunca la traicionaré” Arquivado 05 de setembro de 2017 en Wayback Machine. (en castelán)
- ↑ 6,0 6,1 Chelo García-Cortés: 'La ropa yo la guardo en los armarios, las personas no' Arquivado 13 de xullo de 2018 en Wayback Machine. (en castelán)
- ↑ Chelo García-Cortés: ´El corazón no es el género chico si se hace con dignidad´ (en castelán)
- ↑ 8,0 8,1 Telecinco ficha a Chelo García-Cortés, una histórica del corazón de Antena 3 Arquivado 04 de marzo de 2016 en Wayback Machine. (en castelán)
- ↑ Chelo García-Cortés (2008). Yo acuso. Grand Guignol. ISBN 9788493509071.
- ↑ EL MUNDO | Suplemento crónica 652 - Yo acuso a la prensa del corazón (en castelán)
- ↑ Chelo García-Cortés presentó su libro, 'Yo acuso', un acto en el que contó con María Teresa Campos y Jesús Locampos (en castelán)
- ↑ El drama infantil de Chelo García Cortes: "La vida se truncó a los 11 años" (en castelán)
- ↑ 13,0 13,1 Chelo García-Cortés: “Soy bisexual, no lesbiana” (en castelán)