Saltar ao contido

Cinema de España

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Pedro Almodóvar e Penélope Cruz en Oviedo.

O cinema español é o cinema producido en España.

Conta con figuras recoñecidas internacionalmente no mundo da dirección como Luis Buñuel, que realizou a maior parte da súa carreira en Francia e México, Segundo de Chomón, Carlos Saura, Jesús Franco, Pedro Almodóvar ou Alejandro Amenábar. Outros destacados son o director artístico Gil Parrondo, gañador de dous premios Oscar e o director de fotografía Néstor Almendros (que desenvolveu a súa carreira fóra de España). Os actores Fernando Rey, Francisco Rabal, Antonio Banderas, Sergi López e Javier Bardem e as actrices Sara Montiel, Ángela Molina, Victoria Abril, Carmen Maura, Maribel Verdú e Penélope Cruz tamén obtiveron sona fóra do seu país.

As primeiras exhibicións cinematográficas en España tiveron lugar en Madrid en maio de 1896. Por unha banda o húngaro Edwin Rousby presentou o día 11 no circo Parish o Animatógrafo ou Teatrograph, derivado do Kinetoscopio de Edison, modificado polo inglés Robert William Paul. Dous días despois chegaron imaxes do cinematógrafo Lumière, que traía Jean Busseret, representante dos inventores para a Península Ibérica.

As primeiras cintas rodadas en España, en xuño de 1896, débense a Alexandre Promio para a casa Lumière. A el seguírono outros estranxeiros como William Harry Short e Alexandre de Azevedo. Os primeiros españois que rodaron filmes foron en 1897. José Sellier grava na Coruña o filme desaparecido El Entierro del General Sánchez Bregua en xuño dese ano. De Eduardo Jimeno Correas, que comprou o aparato Lumière en xullo de 1897 só se coñecen rodaxes dous anos máis tarde, como o famoso Salida de la misa de doce de la Iglesia del Pilar de Zaragoza.

O primeiro filme con argumento foi Riña en un café (1897), do prolífico fotógrafo e director barcelonés Fructuós Gelabert. O primeiro director de éxito internacional foi Segundo de Chomón, que traballou en Francia e Italia.

O auxe do cinema mudo

[editar | editar a fonte]

En 1914, Barcelona é o centro da industria cinematográfica do país. Iníciase o predominio do que se deu en chamar “españoladas”, que esaxeraban o carácter español e que durarían ata a década de 1980. Destacan as de Florián Rey protagonizadas por Imperio Argentina e Ricardo Núñez. Tamén se realizaron dramas históricos, como Vida de Cristóbal Colón y su descubrimiento de América (1917), do francés Gerard Bourgeois, adaptacións de folletíns como Los misterios de Barcelona (1916) de Joan Maria Codina, obras teatrais, como Don Juan Tenorio, de Ricardo Baños, e zarzuelas. O dramaturgo Jacinto Benavente, que dixo que “no cinema páganme os desperdicios», rodou versións das súas obras teatrais.

En 1928, Ernesto Giménez Caballero e Luis Beluga fundan en Madrid o primeiro cineclub. Para entón, Madrid xa era o principal centro industrial fílmico. Ese mesmo ano Francisco Elías Riquelme roda El misterio de la Puerta del Sol, primeiro filme sonoro español. O drama rural La aldea maldita de Florián Rey converteuse nun éxito en París, onde Buñuel e Dalí estreaban Un chien andalou.

A crise do cinema sonoro e o cinema da Segunda República

[editar | editar a fonte]
Luis Buñuel

En 1931 a chegada de producións estranxeiras con son afunde a produción nacional, que se reduciu a catro títulos. O ano seguinte Manuel Casanova fundou a Compañía Industrial Film Española S.A. (CIFESA), a produtora máis importante da historia de España. Ródanse seis filmes, incluído o primeiro filme de Luis Buñuel en España, o documental Las Hurdes, tierra sin pan.

En 1933 xa se filmaran dezasete obras e en 1934 outras vinte e unha, entre as que estaba o primeiro éxito do cine español sonoro, sonoro La hermana San Sulpicio de Florián Rey. A produción de filmes foi ascendendo. Nestes anos consolidáronse produtoras e directores que obtiveron unha importante aceptación popular, como Benito Perojo, a quen se deben El negro que tenía el alma blanca (1934) e La verbena de la Paloma (1935), o maior éxito comercial do período; ou o mesmo Florián Rey que se ocupou da dirección de Nobleza baturra (1935) e Morena Clara (1936). O inicio da Guerra Civil Española acabou cos pequenos avances da cinematografía da Segunda República.

A guerra e a posguerra

[editar | editar a fonte]

Desde 1936, ambos os dous bandos comezan a usar o cinema como medio de propaganda. No bando franquista creouse o Departamento Nacional de Cinematografía. Ao concluír a guerra numerosos profesionais marcharon ao exilio.

No réxime franquista instaurouse a censura e impúxose a obrigatoriedade da dobraxe ao castelán de todos os filmes estreados no país. Destacaron nesta época directores como Ignacio F. Iquino (El difunto es un vivo , 1941), Rafael Gil (Huella de luz, 1941), Juan de Orduña (Locura de amor, 1948), Arturo Román, José Luis Sáenz de Heredia (Raza, 1942, con guión de Francisco Franco), Manuel Mur Oti (Fedra, 1956) e Edgar Neville (La torre de los siete jorobados, 1944).

CIFESA impúxose como a produtora máis rendible da época, con longametraxes inspiradas en episodios ou personaxes de relevancia histórica que obteñen o apoio das autoridades e con frecuencia o apoio do público. Marcelino pan y vino (1955) de Ladislao Vajda é o primiro filme español en obter o recoñecemento de crítica e público a nivel mundial, chegando a ser premiado no Festival de Berlín, e iniciou a moda dos nenos actores, da que formaron parte os filmes protagonizados con grande éxito por Joselito, Marisol, Rocío Dúrcal e Pili y Mili.

Amais das rodaxes con nenos prodixio, a influencia do neorrealismo italiano faise evidente en novos directores como Antonio del Amo, José Antonio Nieves Conde (Surcos, 1951), Juan Antonio Bardem (Muerte de un ciclista, 1955, e Calle Mayor, 1956), Marco Ferreri (Los chicos, 1958, El pisito, 1959 e El cochecito, 1960) e Luis García Berlanga. Este último destacou con filmes como Bienvenido, Mister Marshall (1952), Calabuch (1956), Los jueves, milagro (1957), Plácido (1961) e El verdugo (1963). En moitas delas intervén o que quizais foi o máis importante guionista da historia do cinema español, Rafael Azcona. Nas conversacións de Salamanca, Bardem resumiu o cinema da posguerra nunha frase que se fixo célebre pola súa dureza: «O cinema español actual é politicamente ineficaz, socialmente falso, intelectualmente ínfimo, esteticamente nulo e industrialmente raquítico».

En 1957 Juan de Orduña obtivo un clamoroso éxito comercial con El último cuplé, con Sara Montiel.

Buñuel volveu ocasionalmente a España para rodar Viridiana (1961) e Tristana (1970), baseada na novela de Benito Pérez Galdós e protagonizada por Catherine Deneuve e Fernando Rey. Ambos os dous filmes, especialmente o primeiro, causaron escándalo no contexto represivo da ditadura franquista.

O novo cinema español

[editar | editar a fonte]

En 1962, José María García Escudero volveu ocupar a Dirección General de Cine, impulsando as axudas estatais e a Escuela Oficial de Cine, da que saíu a mayoría dos novos directores, xeralmente opostos á ditadura franquista. Entre estes destacan Mario Camus (Young Sánchez, 1964); Miguel Picazo (La tía Tula, 1964); Francisco Regueiro (El buen amor, 1963); Manuel Summers (Del rosa al amarillo, 1963) e sobre todo Carlos Saura (La caza, 1965). Alleo a esta corrente Fernando Fernán Gómez realizou o clásico El extraño viaje (1964). Da televisión procedía Jaime de Armiñán, autor de Mi querida señorita (1971) e Jo, papá (1975), ambas con enorme éxito comercial. Da Escola de Barcelona, máis experimentalista e cosmopolita, son de salientar Vicente Aranda, Jaime Camino e Gonzalo Suárez, que realizaron as súas obras máis importantes xa na década de 1980.

O cinema da democracia

[editar | editar a fonte]

Co fin da ditadura suprimiuse a censura e permitíronse as manifestacións culturais noutras linguas, fundándose o Institut de Cinema Català.

Inicialmente triunfaron fenómenos populares como o destape (filmes con abundancia de mulleres espidas) e o landismo. Tamén comezaron a abordarse temas polémicos e revísase a historia nacional recente e o franquismo, como Canciones para después de una guerra (Basilio Martín Patino, 1976) ou Pim, pam, pum... ¡fuego! (Pedro Olea, 1975), así como outras visións máis persoais, como La escopeta nacional (Luis García Berlanga, 1978).

Os cambios políticos reflíctense inmediatamente nos filmes de Manuel Gutiérrez Aragón e nun ton menos militante pero de maior éxito popular en Asignatura pendiente, de José Luis Garci. As salas enchéronse para asistir a filmes da chamada “comedia madrileña” representada por directores como Fernando Colomo e Fernando Trueba. Á vez comeza a falarse do “novo cinema vasco” no que se encadran Montxo Armendáriz e Imanol Uribe. Nesta época estréase La colmena, de Mario Camus, baseada na novela de Camilo José Cela.

Desde os anos 80 destacaron o melodramas de Pedro Almodóvar, xunto a outros directores persoais como Alejandro Amenábar e Julio Medem. O humor ten salientables representantes en Álex de la Iglesia e Santiago Segura.

Premios e festivais

[editar | editar a fonte]

En 1987 naceron os premios Goya que premian o cinema producido en España.

Destaca tamén a gran cantidade de festivais de cinema que existen, especialmente o Festival Internacional de Cine de San Sebastián, que naceu en 1953, e a Semana Internacional de Cine de Valladolid, desde 1956. Outros festivais temáticos son o Festival Internacional de Cinema Fantàstic de Catalunya (antigo Festival de Cine de Sitges), dedicado ao cinema fantástico, e o Festival de Málaga de Cine Español.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]
  • Barroso, M.A. y Gil Delgado, F. Cine español en cien películas. Ediciones Jaguar. Madrid, 2002.
  • García Fernández, Emilio C. Historia ilustrada del cine español. Madrid. Planeta, 1985.
  • García Fernández, Emilio C. El cine español entre 1896 y 1939. Barcelona. Ariel, 2002.
  • Gubern, Román y otros. Historia del cine español. Madrid. Cátedra, 1995.
  • Gubern, Román (coord.). Un siglo de cine español. Madrid. Academia de las Artes y las Ciencias Cinematográficas de España, 1997.
  • Sánchez Noriega, José Luis, Historia del Cine. Teoría y géneros cinematográficos, fotografía y televisión, Madrid, Alianza, 2006. ISBN 84-206-7691-8.
  • Trenzado Romero, Manuel. Cultura de masas y cambio político: El cine español de la transición. Madrid. Centro de Investigaciones Sociológicas/Siglo XXI de España, 1999.

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]