Claude Monet
Claude Monet tamén coñecido como Oscar-Claude Monet ou Claude Oscar Monet, nado en París o 14 de novembro de 1840 e finado en Giverny, Francia, o 5 de decembro de 1926, foi un pintor impresionista francés e un dos creadores deste movemento.
As súas primeiras obras son de estilo realista, e na metade da década de 1860 comeza a pintar obras impresionistas. Este cambio provocoulle problemas económicos, xa que se desviaba do gusto marcado polas academias de arte da época.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Nos anos inmediatamente anteriores á guerra de 1870 un grupo de pintores, Monet, Camille Pissarro, Alfred Sisley e Pierre Auguste Renoir sitúanse á marxe de calquera remedo das tendencias precedentes e realizan unha nova pintura, que o crítico Louis Leroy denominou despectivamente no xornal Le Charivari impresionismo, inspirándose no título dunha obra de Monet exposta en 1874, Impresión, sol nacente.[1]
Monet foi o pintor máis orixinal e principal representante das conquistas técnicas e estéticas do grupo. Sen os matices políticos ou sociais dos realistas, por medio dunha concepción estritamente pictórica, Monet busca a realidade cromática e formal baixo os efectos da luz. Na base da súa arte está o desligarse do estudo de pintura, buscando o aire libre para pintar e o colorido claro; a luz transforma e altera as cores e tamén as propias formas, de tal xeito que a paisaxe e os seus elementos xorden como visións instantáneas que non se volverán repetir. Unha preocupación primordial para Monet vai ser o estudo dos reflexos da luz na auga (coma na súa serie de óleos As ninfeas), que ten unha consistencia real semellante á dos elementos reflectidos. Esta linguaxe acadou a súa maior pureza nos anos que pasou en Argenteuil (1872-1878).
Influencia
[editar | editar a fonte]As obras de Monet foron unha gran fonte de inspiración para pintores impresionistas coma Pierre-Auguste Renoir, e outros máis contemporáneos coma Mark Rothko, Willem de Kooning[2] ou Jackson Pollock (as súas grosas texturas de cor recordan as obras tardías de Monet).
Na literatura
[editar | editar a fonte]O novelista francés Marcel Proust deixouse inspirar pola obra de Monet. Proust era afín ao impresionismo en xeral e en particular admiraba as obras de Monet, aínda que nos seus libros non mencionaba ningunha obra en concreto. O novelista describe na súa obra En busca do tempo perdido os fenómenos que Manet capturaba no lenzo, o narrador dá as súas impresións das nubes e o mar no balneario fictício de Balbec. Na novela Jean Santeuil, menconase a Monet en varias ocasións cando un coleccionista de Ruán compra algúns dos seus cadros. O narrador describe con este motivo os sentimentos que nel despertan as obras do pintor.
No cine
[editar | editar a fonte]Na película Ceux de chez nous, do director Sacha Guitry móstrase a vida cultural francesa da primeira guerra mundial. Está centrada sobre todo en Renoir, pero tamén se pode ver a Claude Monet pintando un dos cadros da famosa serie As ninfeas.
Fanse referencia a algunhas das súas obras no filme do ano 2001 Vanilla sky, do director Cameron Crowe e en The Thomas Crown Affair, dirixido por John McTiernan en 1999.
No cómic
[editar | editar a fonte]En 2017 publícase unha novela gráfica que narra os primeiros anos do pintor ata o seu establecemento en Giverny, obra do guionista Salva Rubio e o debuxante Ricard Efa, pintada enteiramente en gouache. En España foi publicada por Norma Editorial.[3]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ "The impressionism: a movement of the French Modern Art" (en inglés).
- ↑ "'Monet y la abstracción': Una obsesión clave para pasar a la historia.". 20minutos.es (en castelán).
- ↑ "Monet, nómada de la luz" (en castelán).
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Commons ten máis contidos multimedia sobre: Claude Monet |