Club do Mar Mugardos
Club do Mar Mugardos | |
---|---|
Tipo | club de remo |
Deporte | remo |
Data de fundación | 1962 |
Localización | |
Enderezo | Rúa Cantón de Cora, 16 |
En | Mugardos |
País | Galicia |
43°27′41″N 8°15′32″O / 43.461433888889, -8.258795 | |
Na rede | |
http://www.clubdomarmugardos.com/ | |
[ editar datos en Wikidata ] |
O Club do Mar Mugardos é unha entidade deportiva galega da localidade de Mugardos dedicada principalmente á práctica do remo. A entidade fundouse en 1962 e compite na Liga Galega de Traiñeiras (LGT).
Historia
[editar | editar a fonte]Antecedentes
[editar | editar a fonte]As primeiras novas do remo a nivel deportivo en Mugardos remóntanse ata finais dos anos '40 coa participación de traiñeiras mugardesas na Copa do Xeneralísimo, competición que gañaron en 1948 baixo a denominación de Cofradía de Pescadores de Mugardos coa traiñeira María Pita, o terceiro posto en 1950 baixo a denominación Hogar del Productor Mugardos, e tres sextos postos en 1949 (como Hogar del Productor Mugardos), 1951 e 1952 (os dous como Educación y Descanso Mugardos). As traiñeiras mugardesas continuaron a competir durante os anos '50 baixo distintas denominacións.
Fundación e primeiros éxitos
[editar | editar a fonte]No ano 1962 fundouse o Club do Mar de Mugardos con Luís Dieste, un experimentado remeiro, patrón e adestrador, como presidente. Durante os anos '60 o club colleitou os seus maiores logros en categoría sénior, conseguindo o campionato de España de bateis nos anos 1963 e 1966 celebrado en Avilés e Cedeira respectivamente, así como o subcampionato en 1965 en Castropol e numerosos Campionatos Galegos (todos os disputados entre 1962 e 1967, así como o de 1969). A estes logros en categoría sénior hai que sumar o campionato de España de lolas conquistado en 1965 en categoría xuvenil en Ferrol.
A finais dos 60 construíuse o local social do club e comezouse coa práctica do remo de banco móbil e outras disciplinas deportivas como o balonmán, chave, boxeo, xogos de mesa ou a pesca deportiva, o que converteu á entidade no principal eixo deportivo da localidade.
Os anos '70 e '80
[editar | editar a fonte]Durante as seguintes dúas décadas o CM Mugardos continuou a conseguir importantes logros en categoría sénior como o campionato de España de bateis de 1971 en Portugalete ou o campionato galego de bateis de 1973 e 1987, que estiveron acompañados de numerosos logros en categorías inferiores. Porén, nesta época o club non contou con ningunha traiñeira na auga.
A volta das traiñeiras
[editar | editar a fonte]Logo de varios anos sen sacar ningunha traiñeira á auga, a principios dos anos '90, o Club do Mar Mugardos regresou á competición de traíñas tras integrarse no proxecto "Cidade de Ferrol" que aglutinou aos clubs de remo da ría de Ferrol nunha soa traiñeira. Rematado este proxecto o club non volveu á competición de traiñeiras ata o ano 2011.