Saltar ao contido

Congreso da Emigración Galega

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Congreso da Emigración Galega
Tipocongreso e evento periódico
editar datos en Wikidata ]

Os Congresos da Emigración Galega son un conxunto de xuntanzas organizadas coa finalidade de facer propostas aos poderes públicos, colaborando, para resolver os problemas que se presentaban á emigración galega, ademais de constituíren foros para a confrontación entre as diferentes orientacións políticas e ideolóxicas presentes nos diferentes enclaves galegos.

Primeiro Congreso da Emigración Galega

[editar | editar a fonte]
Reunión dos participantes do 1º Congreso da Emigración Galega. Sentados de esquerda a dereita: Alberto Vilanova, Xerardo Álvarez Gallego, Vicente Gómez Paratcha, Alfonso Díaz Trigo, Xavier Bóveda, Rafael Dieste e Laxeiro. De pé: Francisco Comesaña Rendo, Ramón de Valenzuela, Lois Tobío Fernández, Eduardo Blanco Amor, Xosé Velo, Roxelio Rodríguez de Bretaña, Luís Seoane, Marcial Fernández Vázquez, Xosé Núñez Búa, Emilio González López, María del Carmen Soler, Mariví Villaverde e Antonio Baltar. Buenos Aires. 1956.

O Primeiro Congreso da Emigración Galega, celebrado en Buenos Aires entre o 24 e o 31 de xullo de 1956, foi impulsado polo Consello de Galiza, coincidindo coa celebración do centenario do Banquete de Conxo, considerado e reivindicado coma un dos feitos chave na etapa fundacional do movemento galeguista.

Este encontro tiña como obxectivo, segundo figura na convocatoria, estudar os problemas específicos, individuais e colectivos, dos emigrados galegos, con proxeccións sobre o presente e o futuro de Galiza, buscándolles as posíbeis e axeitadas solucións, e supuña unha tentativa de unión das diversas colectividades espalladas polo continente americano, así como, de forma indirecta, un elemento de auto-lexitimación do propio Consello de Galiza que, como entidade convocadora e na súa propia natureza de representante do goberno galego no exilio, podería beneficiarse a nivel simbólico dos avances realizados neste camiño.

Esta convocatoria foi feita pública cun chamamento á participación das sociedades galegas na América e incluía un temario orientativo, estruturado en torno aos núcleos temáticos do pasado, presente e futuro da emigración galega. O último deles foi desenvolvido en catro liñas de estudo, que chegan a ter un peso importante na propia configuración do congreso, e que se corresponde cos seguintes epígrafes: "O problema do emigrado galego", "A emigración galega na vida social", "As entidades mutualistas máxima creación da emigración galega", "A emigración galega na vida económica" e "A emigración galega e a cultura".

A cultura ten un peso importante dentro deste encontro, sendo o eixo temático que concentra o maior número de relatorios (21 de 66 comunicacións repartidas en 6 bloques) e o que levanta máis expectativa, segundo confirman as propias actas.

O 24 de xullo celebrouse a súa sesión preparatoria no Centro Ourensán e foi elixido presidente do Congreso Xesús Canabal, que fora Ministro da República Española no exilio.

Selección

[editar | editar a fonte]

A selección do Primeiro Congreso da Emigración Galega encontra certas limitacións en canto á representatividade do sistema cultural galego, tanto por estar impulsado por un colectivo galeguista (non sempre en boa relación coas restantes liñas ideolóxicas en xogo ou inclusive con outros grupos) como por haber notábeis diferenzas no grao de participación dos diferentes núcleos de emigrados (sendo maioritaria a presenza de colectividades con sedes en torno ao Río da Prata). A pesar disto, trátase dunha proposta unitaria, coa representación de moitos enclaves e inclusive da Galiza territorial.

A representación das entidades americanas contou entre outros con Xosé Velo, representando os galegos de Venezuela; Francisco Comesaña, Roxelio Rodríguez de Bretaña e Marcial Fernández Vázquez, os de México; Xerardo Álvarez Gallego, os de Cuba; Ramón Suárez Picallo, os de Chile; Emilio González López, os dos Estados Unidos de América; Lois Tobío Fernández, Xesús Canabal, Xuan Martínez Castro os galegos do Uruguai.

De Galiza tamén chegan propostas, aínda que non acudan presencialmete, feitas, principalmente, polo colectivo xestado á volta da editorial Galaxia, os irmáns Carré Alvarellos (vinculados á Academia Galega), Carlos Pereira Amil, e un conxunto independente, próximo a Galaxia, integrado por Manuel Beiras, Xosé Mosquera Pérez e José R. Vázquez. Tamén Ramón Otero Pedrayo e Domingo García-Sabell.

Congreso Rexional da Emigración Gallega

[editar | editar a fonte]

O Congreso Rexional da Emigración Gallega celebrouse en 1965 en Santiago de Compostela e nel aprobouse por unanimidade a creación da Federación Mundial de Sociedades Galegas, con secretaría permanente nalgunha cidade de Galicia. Unha institución capaz de coordinar os esforzos dos diversos centros representantes dos emigrantes e así solucionar os problemas que afectan a sociedade galega espallada polo mundo. Unha entidade moi ben recibida e respaldada por máis de trescentos mil galegos.[Cómpre referencia]

Congreso Mundial da Emigración Galega

[editar | editar a fonte]

O V Congreso da Emigración Galega, ou Congreso Mundial da Emigración Galega organizado pola Federación Mundial de Sociedades Gallegas e presidido por Juan Manuel Pérez (máximo responsable do Centro Gallego de Buenos Aires) celebrouse nunha etapa na que a emigración cara a América está a piques de desaparecer,[cando?] e que en troques, deriva aos países de Europa Occidental, sumado a un contexto no que lentamente se están producindo cambios cara á democracia europea. No Congreso ademais de tratárense os problemas que afectaban ao emigrado galego, desenvolvéronse actos culturais, folclóricos, visitas especiais etc...

É destacable a colaboración da Universidade de Santiago de Compostela, a Misión Biolóxica de Galicia, entidades públicas provinciais e galegos especialistas.

Este congreso tivo unha duración de 4 días, co seguinte programa:

  • 1º día: Xuntanza plenaria
  • 2º día: Relatorios e nomeamento das comisións de traballo.
  • 3º día: Estatuto e ditame das comisións
  • 4º día: Xuntanza plenaria para achegar as conclusións e a clausura.

Outros congresos

[editar | editar a fonte]
  • Congreso da Emigración Galega celebrado en Ourense no 1968
  • Congreso da Emigración Galega celebrado na Coruña en 1971
  • Congreso Internacional Galicia: Éxodos e Retornos, organizado en 2006 polo Arquivo da Emigración Galega, cunha duración de catro días (11-14 de xullo), conmemorando o cincuenta aniversario do I Congreso da Emigración Galega.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]