Conquista romana de Hispania
Coñécese como conquista de Hispania ó período histórico comprendido entre o desembarco romano en Ampurias (218 a. C.) e a conclusión da conquista romana da Península Ibérica co fin das guerras cántabras por César Augusto (19 a. C.), así como ós feitos históricos que conforman devandito período.
Contexto: rivalidade con Cartago
[editar | editar a fonte]Xa antes da primeira guerra púnica, entre os séculos VIII e VII a. C., os fenicios —e posteriormente os cartaxineses— fixeran acto de presenza na parte sur da Península Ibérica e na zona de levante, ó sur do Ebro. Asentáronse ó longo destas franxas costeiras nun gran número de instalacións comerciais que distribuían polo mediterráneo os minerais e outros recursos da Iberia prerromana. Estas instalacións, consistentes en pouco máis que almacéns e embarcadoiros permitían non só a exportación, senón tamén a introdución na Península de produtos elaborados no Mediterráneo oriental, o que tivo o efecto secundario da adopción por parte das culturas autóctonas peninsulares de certos trazos orientais.
Tamén sobre o século VII a. C., os gregos establecerían as súas primeiras colonias na costa norte do Mediterráneo peninsular procedentes de Massalia (Marsella), fundando cidades como Emporion (Ampurias) ou Rhode (Roses), aínda que ó mesmo tempo foron diseminando por todo o litoral centros de comercio, pero estes sen carácter de poboación. Parte do peso comercial grego, con todo, era levado a cabo polos fenicios, que comerciaban na Península con artigos gregos e con destino a Grecia.
Como potencia comercial no Mediterráneo occidental, Cartago ampliaba os seus intereses até a illa de Sicilia e o sur de Italia, o que axiña resultou moi molesto para o incipiente poder que xurdía dende Roma. Finalmente, este conflito de intereses económicos (xa que non territoriais, posto que Cartago non se demostrou como unha potencia invasora) desembocaron nas chamadas guerras púnicas, das cales a primeira delas non terminou senón nun inestable armisticio, xerando unha animadversión entre ambas as culturas que conduciría á Segunda guerra púnica, a cal terminaría 12 anos máis tarde co dominio efectivo de Roma sobre o levante e o sur peninsular. Posteriormente, Cartago sufriría a decisiva derrota en Zama.
Fases da expansión
[editar | editar a fonte]No contexto das guerras púnicas, que enfrontaron ás dúas potencias do Mediterráneo occidental (Roma e Cartago), as tropas cataxinesas atacaron Sagunto, aliada de Roma, e esta enviou un exército dirixido por Escipión que desembarcou no 218 a. C. en Empúries, iniciando un proceso de conquista da Península que se prolongaría durante case douscentos anos. Primeiramente (finais do século III a.C.) os romanos ocuparon o litoral mediterráneo e nunha segunda fase.
A principios do século II a.C, os romanos internáronse na Meseta facendo fronte á dura resistencia dos indíxenas. Coa súa política expansionista gañou a inimizade da práctica totalidade dos pobos do interior. Considérase que os abusos ós que estes pobos foron sometidos dende o principio foron en gran parte culpables do forte sentimento antirromano destes pobos. Exemplo disto son os episodios de Numancia (celtiberos) e da rebelión de Viriato (lusitanos).
O control definitivo de Hispania foi obtido polo emperador Augusto tras as Guerras Cántabras (29-19 a. C.), que lle permitiron poñer fin á longa conquista grazas á dominación do norte peninsular.
Organización do territorio
[editar | editar a fonte]Os romanos impuxeron en Hispania as súas formas de organización administrativa, social e política. Durante a longa fase de conquista organizaron o territorio en dúas provincias, a Hispania Citerior e Ulterior que logo serían transformadas en tempos de Augusto, en tres: Tarraconensis, Baetica e Lusitania. Posteriormente, con Diocleciano (finais do século III d.C), creáronse dúas novas: Gallaecia e Carthaginensis. Cada provincia estaba subdivida en varios conventus para a administración de xustiza, recadación de impostos e recrutamento.