Concluída a guerra civil española o novo goberno español do xeneral Franco colocou entre os seus obxectivos a consecución da autarquía económica. O sector da celulosa foi declarado estratéxico e iniciáronse plans para a súa implantación industrial. Desde a década de 1940 o estado franquista fomentou a repoboación dos montes galegos con especies de crecemento rápido, primeiramente piñeiros e, máis adiante, eucaliptos. Na década seguinte iniciouse a procura dun lugar axeitado onde instalar unha factoría que aproveitase a masa forestal creada.
Esta fábrica de pasta de papel foi situada finalmente en Lourizán, na ría de Pontevedra, e inaugurada oficialmente en 1963.[1] A instalación no dominio público e sobre un rico banco marisqueiro ocasionou, desde o inicio, un serio conflito social que se estende até o presente.
1947. 7 de xaneiro. Créase en Madrid (rúa de Alcalá, 30) a empresa Celulosas de Galicia S.A. A sociedade proxecta a instalación dunha fábrica de celulosa en Pontevedra, para o que asina coa Deputación un acordo de explotación dos montes en proceso de "consorcio e repoboación". O plano foi rexeitado pola oposición da Dirección Xeral de Montes.[5] Reformúlase o proxecto en xaneiro de 1950, situando agora a fábrica en Ponte Sampaio. O proxecto foi novamente rexeitado.[6]
1951. 3 de decembro. O goberno español aproba, sen modificacións, un proxecto da empresa Papelera Española C.A para a instalación dunha industria da celulosa no río Ulla, entre Padrón e Pontecesures. A previsíbel contaminación provoca o rexeitamento de sectores do propio réxime, o que obriga os promotores a desbotar a iniciativa.[7]
1954. 5 de maio. Convócase un concurso público para a instalación dunha factoría de celulosa en Galicia. Non se presenta ningunha oferta. A iniciativa privada non arrisca as posíbeis consecuencias do dano ambiental. É finalmente o propio Estado Español, a través do Instituto Nacional de Industria, quen decide levar adiante o proxecto.[8]
1956. Marzo. A comisión encargada da instalación da celulosa decide situala en Lourizán, na ría de Pontevedra. Óptase por esta localización, diante doutras, por tres motivos: Non existen impedimentos lexislativos, nin estatais (si existía regulación para os cursos de auga doce), nin dos concellos afectados; A titularidade dos terreos é pública, o que fai innecesaria a negociación con particulares; Considérase que a riqueza pesqueira e marisqueira é inferior á dos ríos Ulla, Tambre ou Umia.[9] Nese mesmo ano, coa sinatura de 280 cabezas de familia, os pescadores e mariscadores da ría solicitan á presidencia do goberno que non instale alí a factoría. Fan o propio os fabricantes de conservas e os pescadores de Poio e Portonovo.[10]
1958. 13 de xuño. A nova empresa recibe do réxime franquista unha concesión por 60 anos, até o 13 de xuño de 2018, do dominio público marítimo-terrestre en Lourizán, na ría de Pontevedra.[12]
1959. Xaneiro. Comeza o dragado e o recheo para a instalación da planta. A mariscadoras da ría mobilízanse, unha manifestación na cidade de Pontevedra é disolta pola Garda Civil. Boicotéase repetidamente o avanzo do dragado, destruíndo tubaxes, balizas e maquinaria.
1959. 9 de febreiro. Chega a Marín a fragata Hernán Cortés da armada española, con 70 infantes de mariña para protexer as obras. Unha manifestación de 500 persoas é disolta a golpes. 14 persoas son detidas, e cinco delas ingresadas no hospital.[13]O xeneral Franco inaugurou a fábrica de Lourizán en 1963.
1962. Conclúe a montaxe da factoría, realízanse as primeiras probas e da comezo a produción de pasta de papel.[14]
1963. 12 de setembro. Francisco Franco inaugura a factoría de Pontevedra.[1]
1963. 7 de outubro. Concédeselle a ENCE Pontevedra a cualificación de "industria de preferente interese forestal",[15] desde aquela, e axudada por subvencións públicas, a propia empresa súmase á campaña de repoboación forestal con piñeiros e eucaliptos.[16]
1968. O INI fusiona as súas tres plantas de celulosa en Pontevedra, Huelva e Motril, mudando o seu nome polo de Empresa Nacional de Celulosa.[17]
1969. ENCE muda o seu proceso produtivo, desbota o piñeiro comezando a empregar principalmente a madeira do eucalipto.[21]
1977, 4 de xaneiro. Promúlgase a Ley de Producción Forestal, finalizada xa a ditadura franquista. O goberno español promove, mediante axudas públicas, a plantación de eucalipto en montes privados. Os particulares súmanse daquela as campañas de repoboación forestal con eucalipto.[22][23]
Paseo da Castellana, Madrid. Domicilio fiscal de ENCE.
Vista da fábrica de Lourizán.1988. O goberno do estado inicia a privatización parcial da Empresa Nacional de Celulosa. A compañía pasa a denominarse ENCE S.A e se incorpora á bolsa de valores.
1988, 22 de xullo. Promúlgase a Lei de Costas, que regula a utilización do dominio público marítimo-terrestre. A lei fixa un prazo máximo de 30 anos para os titulares dunha concesión anterior a ela, polo que a fábrica de Lourizán debe abandonar a ría antes do 29 de xullo de 2018.[24][25]
1995. ENCE S.A lanza unha ampliación de capital e unha OPV (Oferta Pública de Venda) que aumenta a participación dos investidores privados até o 49%.
2001. O goberno de Jose María Aznar privatiza totalmente a empresa. Véndese o 51% aínda nas mans do Estado a Caixa Galicia, Banco Zaragozano (Alberto Cortina e Alberto Alcocer)[26], e Hispamarket (Bankinter).[27] O prezo, 230 millóns de euros, calcúlase partindo do feito de que a empresa ten que deixar de producir na ría pontevedresa en 2018.[28]
2002, novembro. ENCE é condenada por "delito ecolóxico continuado".[29] A propia compañía recoñece a contaminación atmosférica e hídrica, así como danos causados a vivendas, cultivos e persoas. Nove dos seus directivos son condenados a multas e penas de arresto maior.[30]
2003 - A filial de ENCE, ELNOSA,[31] deixa de verter mercurio directamente na praia de praceres. Envíao agora até a illa de Tambo, mediante un emisario submarino.[19]
2003, 18 de xullo. O goberno da Xunta de Galicia, presidido por Manuel Fraga, inicia os trámites para declarar "de interese supramunicipal" os terreos ocupados por ENCE en Lourizán, excluíndoa deste xeito de calquera control por parte do concello de Pontevedra.[32][33]
2004, 20 de maio. Desaparece nun incendio todo o arquivo de historias clínicas da area sanitaria de Pontevedra,[34] o que fai imposíbel calquera estudo retrospectivo sobre a influencia da factoría na saúde dos habitantes da zona.[35]
2006. Juan Luis Arregui substitúe a José Luis Méndez (Caixa Galicia), como presidente do consello de administración da empresa.[38] Neste están presentes tamén dous dos seus fillos e outros grandes accionistas,[26] ningún deles galego.[39]
2008, maio. A Consellaría de Medio Ambiente da Xunta (PSOE) amplía por tres anos a Autorización Ambiental Integrada da fábrica de Lourizán.[43] A decisión abre unha crise co BNG, o outro socio no goberno bipartito.[44][45][46]
O presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, presentouse as eleccións de 2009 e 2012 coa promesa electoral de retirar a factoría de ENCE da ría de Pontevedra.[47]
2009, marzo. Eleccións ao Parlamento de Galicia, o Partido Popular chega ao goberno autonómico da Xunta levando no seu programa a saída da factoría de ENCE da ría de Pontevedra.[48][47] O novo presidente, Alberto Núñez Feijoo, afirma que "non cabe a posibilidade de manter ENCE na Ría", que o traslado é "unha decisión persoal" que xa comunicou á compañía,[49] e que "non imos dicir unha cousa e facer a contraria".[50]
2011, maio. Unanimidade entre os partidos políticos que concorren as eleccións municipais en Pontevedra. Todos eles son partidarios de sacar a fábrica da ría pontevedresa.[55]
2012, outubro. Eleccións ao Parlamento de Galicia, o Partido Popular recunca no goberno autonómico mantendo como promesa electoral a retirada da factoría de ENCE da ría de Pontevedra.[56]
2013. O ministro do goberno español Miguel Arias Cañete modifica a Lei de Costas do ano 1988. A reforma permite prorrogar as concesións administrativas de dominio público marítimo-terrestre concedidas anteriormente, abrindo así a porta a permanencia de ENCE en Lourizán máis aló de 2018.[57][58]
2016, xaneiro. O goberno español, presidido polo pontevedrés Mariano Rajoy, prorroga por 60 anos a concesión de ENCE na ría de Pontevedra. A decisión tómase en período pre-electoral, co goberno "en funcións" e estende a presenza de ENCE en Lourizán até o ano 2073.[63] O Concello de Pontevedra, Greenpeace e a Asociación Pola Defensa da Ría inician procedementos xudiciais contra a medida.[64]
2016, decembro. Unha directiva da Unión Europea prohibe o mercurio na produción de cloro,[66] o que afecta directamente a ELNOSA, filial de Ence na ría de Pontevedra.[67]
2018, xullo. Pecha Elnosa, e inícianse os traballos para o desmantelamento da fábrica de cloro.[68][69]
O goberno do pontevedrés Mariano Rajoy (no centro) modificou en 2013 a Lei de Costas abrindo a porta á permanencia de ENCE en Pontevedra. En 2016, nos derradeiros días do seu mandato, outorgoulle unha prórroga até 2073.
2018, 29 de xullo. Acádase a data límite, fixada na Lei de Costas de 1988, para o permiso de ocupación do dominio público para a factoría de ENCE en Pontevedra.
2018, novembro. A Xunta de Galicia renova a Autorización Ambiental da planta de ENCE en Lourizán.[70]
2018, decembro. ENCE entra no índice bolsista IBEX 35.[71]
2019, marzo. O Goberno español, presidido desde xuño de 2018 polo socialista Pedro Sánchez, renuncia a defender diante da Xustiza a prórroga concedida á planta de ENCE en Pontevedra.[64]
2021, febreiro. Un informe da propia ENCE[72] recoñece a emisión de verteduras de mercurio á Ría de Pontevedra, alertando á Xunta sobre posíbeis riscos para a saúde pública.[73]
2021, marzo. O Conselleiro Delegado de ENCE, Ignacio Colmenares, alerta nun video interno dun posíbel "susto medioambiental maiúsculo".[74] A fiscalía de Pontevedra inicia unha investigación sobre a seguridade da factoría.[75]
2021, xullo. A Audiencia Nacional estima os recursos de Greenpeace, Concello de Pontevedra e APDR e anula a prórroga concedida por Mariano Rajoy á factoría de ENCE.[76][77] O tribunal indica que non se xustifica o motivo polo que unha instalación así ten que estar forzosamente en terreos costeiros.[78]
2021, xullo. A Xunta de Galicia solicita que o traslado se financie con fondos europeos,[79] e reclama a permanencia da factoría privada no terreo público.[80]
2023, febreiro. O Tribunal Supremo contradí a sentenza da Audiencia Nacional ao estimar o recurso de ENCE.[81] O tribunal sostén que é posíbel prorrogar as concesións anteriores á Lei de Costas de 1988, no caso de existir informes ambientais favorabeis.[82] A Unión Europea inicia un procedemento de infracción contra o Estado Español por non garantir a libre competencia e por prorrogar, sen xustificación, unha concesión costeira máis aló dos setenta e cinco anos.[83]
2023, marzo. O Concello de Pontevedra presenta un recurso de nulidade contra a sentenza do Tribunal Supremo que legaliza a presenza da pasteira en Lourizán.[84]
2023, maio. A Avogacía do Estado solicita tamén a nulidade da sentenza do Supremo sobre Ence.[85]
↑As campañas de repoboamento forestal do franquismo continuarán até a década de 1970 chegando a plantar, só en Pontevedra, 70000 hectáreas de monte.[3][4]