Dólar Memento
Dólar Memento | |
---|---|
A/: Busto de Sun Yat-sen cara á esquerda rodeado de ideogramas chineses.
Lendas: 國民華中 / 幣念紀國開 ("República da China. Moeda conmemorativa da fundación da República"). |
R/: Dous ideogramas entre grilanda vexetal, rodeado por lenda en inglés.
Lendas: MEMENTO / BIRTH OF REPUBLIC OF CHINA / 壹 / 圓 ("1 iuan"). |
O dólar Memento ou iuan memento é unha moeda de prata co valor nominal dun iuan, emitida polo Goberno da República da China en 1912 e en 1927.
O seu deseño débeselle a He Ziliang, gravador da ceca de Nanjing. Esta moeda emitiuse para conmemorar a toma de posesión de Sun Yat-sen como primeiro presidente da República de China en 1912. Posteriormente reemitiuse en 1927 polo Goberno Nacionalista como substituta temporal do dólar de Yuan Shikai, ata a creación da Casa da Moeda de Shanghai en 1932, que trouxo consigo novos deseños. En ningunha destas emisións a moeda amosa a data de xeito expreso.
En 1949, logo da hiperinflación dos derradeiros anos da guerra civil chinesa, a Casa da Moeda de Cantón cuñou novamente pequenas cantidades destas pezas durante varios meses.
Tamén se produciron moedas de prata máis pequenas co mesmo carácter conmemorativo, con valores de vinte e dez centavos (2 e 1 jiao), das cales só chegou a entrar en circulación a primeira.[1][2]
Antecedentes
[editar | editar a fonte]En resposta á ampla circulación de moedas de prata estranxeiras na China ao longo do século XIX, o vicerrei de Liangguang Zhang Zhidong autorizou a produción nacional de dólares de prata, denominados tamén iuans —alcumados "dólar do dragón", polo seu deseño—, e os primeiros comezaron a fabricarse na provincia de Cantón en 1889. Esas foron as primeiras moedas de prata producidas a máquina e cuñadas a gran escala na China. Logo de décadas de debate entre o padrón prata e o padrón ouro, e tamén de competencia entre os pesos padrón do iuan e o do tael, o Goberno adoptou o iuan de prata como unidade monetaria básica en 1910.[3]
A ceca central de Tianjin quedara inutilizada durante a Revolución de 1911, polo que a moeda inicial da República se limitou ás reservas xa existentes de dólares do dragón e a diversas emisións provinciais.[4][5]
Deseño
[editar | editar a fonte]A chegada de Sun Yat-sen á presidencia da China a principios de 1912 foi honrada polo Goberno republicano cunha emisión monetaria conmemorativa de dólares (iuans) de prata, que foron deseñados e gravados por He Ziliang (何子樑) na Casa da Moeda de Nanjing.[6]
O anverso destas moedas, coñecidas como dólares Memento, presenta un retrato de Sun Yat-sen dentro dunha grafila perlada, flanqueado a ambos os lados por flores de pexegueiro. Sobre esta grafila interior aparece a lenda 中華民國 ("República da China") e debaixo o texto 開國紀念幣 ("Moeda conmemorativa da fundación da República").[1][6]
No reverso, a inscrición 壹圓 ("un iuan") está rodeada por unha grilanda vexetal composta por arroz e feixóns, circunscrita nunha grilanda perlada, arredor da cal aparece o texto en inglés: MEMENTO e BIRTH OF REPUBLIC OF CHINA. As moedas non expresan a súa data en ningunha das súas faces.[1][6]
Produción
[editar | editar a fonte]Emisión inicial: 1912
[editar | editar a fonte]O retrato de Sun Yat-sen está realizado dun xeito pouco coidado, probablemente por mor dun gravado deficiente e demasiado rápido dos cuños de aceiro, para que a moeda entrase axiña en produción. O numismático Eduard Kann sinalou a precipitación e a baixa calidade do deseño, e escribiu que "artisticamente, a moeda deixa moito que desexar".[6]
Producíronse tamén moedas da mesma serie e cun deseño similar con denominacións de 20 e de 10 centavos (jiao). A versión de 20 centavos amosa o texto en inglés no anverso arredor dun retrato de Sun Yat-sen —proporcionalmente meirande, en relación coa moeda dun dólar—, cun reverso distintivo que presenta unha bandeira de cinco cores cruzada e a bandeira do Levantamento de Wuchang. Aínda que non levaba indicación do valor facial, o seu peso e diámetro eran os esperables para unha moeda de 20 centavos, e con tal valor circulou. Pola súa banda, a moeda de dez centavos presenta un retrato idéntico ao do dólar, aínda que coa expresión do valor 枚十當圓 ("Dez pezas nun yuan") no reverso. Esta moeda non chegou a entrar en circulación.[6]
Pola súa concepción como moedas conmemorativas, estiveron máis orientadas a ser gardadas como recordos que á súa circulación masiva, unha función que si que cumprían as moedas de prata emitidas a nivel provincial e os dólares do dragón que se mantiñan en circulación. Igualmente, un novo dólar de emisión xeral que presentaba no seu anverso o seguinte presidente, Yuan Shikai, que comezou a producirse na Casa da Moeda de Tianjin a finais de 1914 coñecido como —dólar Yuan Shikai—, pasou a se converter na principal moeda con este valor nos inicios da República.[4]
Emisión de 1927
[editar | editar a fonte]En 1926, Chiang Kai-shek, líder do Kuomintang, lanzou a Expedición do Norte. Logo da toma de Nanjing en abril de 1927, o Goberno nacionalista interrompeu a produción de dólares Yuan Shikai e, ante a falta dun novo deseño, comezou a producir novamente o dólar co mesmo deseño do Memento de 1912, para o que se utilizaron as cecas de Nanjing, Wuchang e Hangzhou. O deseño de 1927 amosa algunhas variantes moi lixeiras, como unha cabeza algo máis estreita e un bigote máis pequeno.[8] Con todo, a característica diferenciadora máis clara entre ambas as emisións radica en que a de 1912 ten estrelas como elemento separador da lenda do reverso, en tanto que a de 1927 ten rosetas.[1]
Ao considerar inadecuado o deseño do dólar Memento, o Ministerio de Finanzas encargou en 1927 unha nova moeda dun dólar e, despois de varias propostas e emisións en proba tanto nacionais como internacionais, en 1929 adoptou un novo modelo, que foi producido en masa a partir de 1932 aproveitando a inauguración da nova Casa da Moeda Central de Shanghai, o que puxo fin á produción do dólar Memento.[9][10]
Emisión de 1949
[editar | editar a fonte]O Goberno nacionalista abandonou de súpeto o padrón prata e conseguintemente a produción de moedas de prata en 1935, e no canto delas circularon grandes cantidades de papel moeda. Mais logo da inflación a gran escala durante a segunda guerra sino-xaponesa e a reaparición da guerra civil chinesa, o iuan entrou en hiperinflación en 1948-1949, o que obrigou as casas de moeda das provincias do sur e do oeste, aliñadas co nacionalismo, a volver á produción de moedas de prata. A Casa da Moeda de Cantón produciu entón durante varios meses en 1949 pequenas cantidades de recuñaxes cunha mestura ecléctica de dólares con deseños anteriores, entre eles os dólares Memento, os dólares Yuan Shikai e outros. Mesmo chegaron a producirse moedas híbridas con anversos dun deseño e reversos correspondentes a outro.[11]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ 1,0 1,1 1,2 1,3 "1 Yuan Memento: Birth of the Republic". Numista.com
- ↑ "2 jiao Memento". Numista.com
- ↑ Jin, Xu (2021). Páxinas 241-243.
- ↑ 4,0 4,1 Wright, R. N. J. (1978). Páxina 149.
- ↑ Kann, E. (1953). Páxinas 187-188.
- ↑ 6,0 6,1 6,2 6,3 6,4 Kann, E. (1953). Páxinas 188-189.
- ↑ "2 Jiao Memento: Birth of the Republic". Numista.com
- ↑ Kann, E. (1953). Páxina 193.
- ↑ Wright, R. N. J. (2003). Páxina 314.
- ↑ Kann, E. (1953). Páxinas 200-201.
- ↑ Wright, R. N. J. (2003). Páxinas 328-329.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Kann, E. (1953). Illustrated Catalog of Chinese Coins (Gold, Silver, Nickel & Aluminum). Los Angeles.
- Jin, Xu (2021). Empire of Silver: A New Monetary History of China. Yale University Press. ISBN 978-0-300-25004-6
- Wright, R. N. J. (1978). "The Silver Coinage of China, 1912-1928". En The Numismatic Chronicle. Nº 138. Royal Numismatic Society. Páxinas 147-175.
- Wright, R. N. J. (2003). "The Yuan Shih-k'ai Dollar (Y. 329). A Review". En The Numismatic Chronicle. Nº 163. Royal Numismatic Society. Páxinas 313-334.