Dólar do automóbil de Guizhou
Dólar do automóbil de Guizhou [1] | |
---|---|
A/: Automóbil circulando cara á esquerda, con herba diante.
Lendas: 造府政省州贵 / 分二錢七 ("Feita polo Goberno da Provincia de Kweichow / 7 quián e 2 fēn"). |
R/: Flor central rodeada por ideogramas chineses.
Lendas: 年七十國民華中 / 貴 幣銀 州 / 圓壹 ("Ano 17 da República Chinesa / Moeda de prata de Kweichow / 1 iuan"). |
O dólar do automóbil (chinés simplificado: 贵州汽车币; chinés tradicional: 貴州汽車幣; pinyin: Guìzhōu qìchē bì; lit. 'moeda do automóbil de Guizhou'), coñecida tamén como auto dólar ou iuan do automóbil, é unha moeda de prata co valor facial dun iuan emitida en 1928 polo señor da guerra chinés Zhou Xicheng para conmemorar a construción de estradas na provincia de Guizhou.
A moeda caracterízase pola representación no seu anverso do automóbil de Zhou Xicheng circulando por unha estrada, con herba en primeiro plano disposta de maneira que se lea o seu nome en ideogramas: 西成; Xīchéng.
Zhou ascendeu ao poder a mediados da década de 1920. Posteriormente adquiriu o primeiro automóbil coñecido da provincia rural daquela coñecida como Kweichow e supervisou a construción de estradas en toda a rexión. Aínda que algunhas fontes describen o automóbil de Zhou como un modelo concreto da Hudson Motor Car Company, o vehículo reproducido na moeda non parece corresponder exactamente a ningún modelo real.
Producíronse 648 000 moedas deste tipo nunha pequena ceca establecida por Zhou en Guiyang. A moeda deixou de circular a principios da década de 1930, en parte por mor da demanda do coleccionismo numismático internacional. Co tempo converteuse nunha moeda escasa no ámbito do coleccionismo, polo que tamén é obxecto de falsificacións. Un exemplar certificado como auténtico e en perfecto estado acadou os 336 000 dólares nunha poxa en 2023.
Antecedentes
[editar | editar a fonte]Antes de finais do século XIX, o uso de moeda de prata na China limitábase en gran medida aos reais de oito españois e hispanoamericanos, e outras moedas estranxeiras importadas, utilizadas xunto cos cash de cobre e a moeda local en pequenos lingotes de prata (sycee). A produción nacional de moedas de prata a grande escala iniciouse cara a 1890 na Casa da Moeda de Cantón para competir coa prata estranxeira, e en 1910 xa existían cecas provinciais de prata na metade das provincias chinesas. A introdución da produción centralizada de moedas de prata por parte da dinastía Qing atrasouse por mor da incerta primacía do tael ou dólar (圓; yuán) como padrón monetario base. A ceca central de Tianjin só produciu cantidades limitadas dos coñecidos como "dólares do dragón" antes da Revolución de 1911, e foi destruída o ano seguinte. A cuñaxe centralizada retomouse en 1915, mais foi suspendida pola aparición do período dos Señores da Guerra. Non se conseguiría un sistema unificado de cuñaxe nacional ata 1932-1933, coa apertura da Casa da Moeda Central de Shanghai polo Goberno nacionalista.[2][3]
As moedas con bustos de influentes líderes políticos e militares substituíron os deseños do "dólar do dragón". As moedas con representacións de Sun Yat-sen e Yuan Shikai foron comúns nos primeiros anos da República. Outras figuras aparecían en diversas moedas de cobre, de prata e de ouro, concibidas adoito como pezas conmemorativas e non como moeda circulante. Señores da guerra rexionais como Tang Jiyao, Lu Rongting, Duan Qirui, Cao Kun e Zhang Zuolin encargaron cuñaxes nas que aparecían eles mesmos para conmemorar os seus logros e aumentar o seu prestixio político durante a axitación política e militar de finais da década de 1910 e a de 1920.[4]
Yuan Zuming foi gobernador militar da provincia de Guizhou ata a súa morte a mans das forzas nacionalistas en 1927 por unha suposta falta de lealdade. Logo disto, o seu lugartenente Zhou Xicheng asumiu o control total da provincia. Zhou, que xa era un destacado gobernador civil e señor da guerra, aliñouse estreitamente co Goberno nacionalista e investiu grandes cantidades de diñeiro na infraestrutura civil de Guizhou.[5]
Cara a 1926, Zhou importou o primeiro automóbil coñecido da provincia, descrito nas memorias do asesor de enxeñaría Oliver Julian Todd como un "automóbil americano de sete prazas".[6] Algunhas fontes describen este automóbil como un modelo "de teito brando" producido pola Hudson Motor Car Company.[7] Ademais da construción de estradas a grande escala por toda a provincia, Zhou patrocinou varios proxectos de infraestrutura en Guiyang, entre eles, a construción dun estaleiro e unha pequena fábrica de moeda na cidade.[8]
Historia e deseño
[editar | editar a fonte]A principios da década de 1920 non existían casas da moeda en Guizhou, que dependía da cuñaxe producida noutras provincias. Logo do establecemento en 1926 da ceca provisional no sur de Guizhou, utilizando maquinaria e cuños procedentes da ceca de Chengdu,[9] e en gran parte grazas aos equipamentos e aos técnicos proporcionados polo estaleiro local, a ceca de Guiyang estivo en disposición de producir moedas en 1928.[8]
De xeito diferente a moitos outros caudillos rexionais da China, Zhou nunca encargou cuñaxes coa súa propia imaxe, quizais motivado polo desexo de evitar a asociación con outros caudillos e de darlle énfase á súa lealdade ao Goberno nacionalista.[8]
Aínda que o "dólar do automóbil" serve para recoñecer a reputación de Zhou na construción de estradas en xeral, considérase que a moeda conmemora formalmente a finalización en 1928 dunha estrada provincial en Guizhou, xa que só se cuñou ese ano.[10]
Anverso
[editar | editar a fonte]O anverso amosa un automóbil que circula por unha estrada, cara á esquerda, con herba en primeiro plano disposta de tal xeito que se pode ler o nome persoal do seu creador, Xicheng (西成; Xīchéng), en caracterses chineses, cando a moeda se inclina 90 graos.[10][11][12]
Aínda que pretendeu representar o coche de Zhou, o vehículo que aparece na moeda non se axusta con exactitude á súa descrición, xa que, entre outras cousas, se representa cun teito duro e cun deseño que non se corresponde con ningunha marca nin modelo concretos.[10][13]
O deseño do coche e a herba está rodeado por unha grafila perlada, e arredor aparece un texto no que se menciona o Goberno de Guizhou como emisor, así como o peso en prata da moeda: 7 quián e 2 fēn.[1][14]
Reverso
[editar | editar a fonte]Pola súa banda, o reverso presenta un texto en chinés que rodea un selo central en forma de roseta, asociado á cuñaxe de moedas da República de Sichuan. Arredor deste núcleo central hai catro caracteres que rezan "Moeda de prata de Guizhou" (chinés: 貴州銀幣; pinyin: Guìzhōu yínbì). Estes caracteres centrais están rodeados por unha grafila punteada, coa data na súa parte superior no calendario Minguo: 17 (1928 d. C.). Na parte inferior, o valor facial expresado como "Un iuan" (chinés: 壹圓; pinyin: Yī yuán).[1][14][15]
Tanto no anverso como no reverso aparecen dous pequenos rosetóns aos lados. A moeda, cuñada en prata, pesa 25,8 g e ten un diámetro de 39 mm. Emitíronse 640 000 pezas.[1][14][15]
Existen algunhas variedades da moeda, que se diferencian por pequenos matices na representación do coche e da herba, e tamén no texto. As liñas da toma de aire do coche que adoitan curvarse cara á parte superior, permanecen rectas nalgunhas variantes. Ademais, o normal é que haxa dúas porcións de herba visibles ao longo do bordo no recanto inferior dereito na maioría das variedades, mais nalgúns exemplares vense tres porcións. Outra variedade amosa raios adicionais nas rodas do coche.[14]
Popularidade e coleccionismo
[editar | editar a fonte]A moeda fíxose moi popular entre os coleccionistas pouco despois do seu lanzamento, ata o punto de que xa a principios da década de 1930 comezara a ser cada vez máis difícil de achar na circulación, por mor da demanda dos coleccionistas internacionais.[11]
Un exemplar nunhas condicións excelentes de conservación (clasificada como AU53 pola Numismatic Guaranty Company) acadou os 192 000 dólares en xaneiro de 2022.[16] En xuño de 2023, este récord foi superado por un espécime aínda mellor (MS62), que se adxudicou en 336 000 dólares na Feira Numismática Internacional de Hong Kong.[17]
Debido á rareza da moeda, esta é comunmente obxecto de falsificación. Os exemplares falsificados adoitan ser de maior calidade e consistencia, debido aos defectos endémicos do cuño e á mala calidade do metal da cuñaxe orixinal.[16][18]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ 1,0 1,1 1,2 1,3 "1 Yuan "Auto Dollar"". Numista.com
- ↑ Wright, R. N. J. (1992). Páxinas 97-98.
- ↑ Wright, R. N. J. (1978). Páxinas 148-149.
- ↑ Bevan, P. (2019). Páxinas 346-347.
- ↑ Bevan, P. (2019). Páxinas 347-350.
- ↑ Bevan, P. (2019). Páxina 352.
- ↑ Wright, R. N. J. (1978). Páxina 159.
- ↑ 8,0 8,1 8,2 Bevan, P. (2019). Páxinas 354-355.
- ↑ Wright, R. N. J. (1978). Páxinas 168-170.
- ↑ 10,0 10,1 10,2 Bevan, P. (2019). Páxinas 345-346.
- ↑ 11,0 11,1 "'Motor-Car' Dollar Which Brought Bad Luck to Kweichow General". En The China Weekly Review. 11 de novembro de 1933. Páxinas 450-451
- ↑ Hernandez, J. (2013).
- ↑ Wright, R. N. J. (1978). Páxinas 169-170.
- ↑ 14,0 14,1 14,2 14,3 Kann, E. (1954). Páxinas 261-263.
- ↑ 15,0 15,1 Thomas, M.; Schmidt, T. L. (eds.) (2017). Páxina 434.
- ↑ 16,0 16,1 "NGC-certified Chinese "Auto Dollar" Realizes $192,000 in January Sale". Numismatic Guaranty Company. 7 de febreiro de 2022
- ↑ "'Long-Whiskered Dragon' Dollar Flies to $690,000, Bringing the Heat to $9.7 Million HKINF World Coins Platinum Event". En Numismatic News. 26 de xuño de 2023.
- ↑ "Year 17 (1928) Kweichow L&M-609 Dollar". Numismatic Guaranty Company.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Dólar do automóbil de Guizhou |
Bibliografía
[editar | editar a fonte]- "'Motor-Car' Dollar Which Brought Bad Luck to Kweichow General". En The China Weekly Review. 11 de novembro de 1933. Páxinas 450-451.
- Bevan, P. (2019). "Zhou Xicheng's 'Guizhou Auto Dollar': Commemorating the Building of Roads for Famine Relief". En Journal of the Royal Asiatic Society. Vol. 29. Nº 2. Páxinas 345-359.
- Hernandez, J. (2013). "A Warlord Produces the China 1928 Auto Dollar". Professional Coin Grading Service. 12 de agosto.
- Kann, E. (1954). Illustrated Catalog of Chinese Coins (Gold, Silver, Nickel, and Aluminum). Ye Olde Printerie, Hong Kong.
- Thomas, M.; Schmidt, T. L. (eds.) (2017). 2018 Standard Catalog of World Coins: 1901-2000. Krause Publications. ISBN 9781440247972
- Wright, R. N. J. (1978). "The Silver Coinage of China, 1912-1928". En The Numismatic Chronicle. Vol. 18. Nº 138. Royal Numismatic Society. Páxinas 147-175.
- Wright, R. N. J. (1992). "The Debasement of the Republican Silver Coinage of Yunnan Province". En The Numismatic Chronicle. Vol. 152. Nº 152. Royal Numismatic Society. Páxinas 97-109. ISBN 9781440247972