Saltar ao contido

Dólar de Yuan Shikai

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Dólar de Yuan Shikai [1]
A/: Busto de Yuan Shikai cara á esquerda, con uniforme militar, con ideogramas chineses por riba.

Lendas: 年三國民華中 ("Ano 3 da República da China").

R/: Dous ideogramas dentro dunha grilanda vexetal.

Lendas: 壹 圓 ("un iuan").

O dólar de Yuan Shikai ou iuan de Yuan Shikai (en chinés simplificado: 袁大头) é unha moeda de prata co valor nominal dun iuan, emitida polo Goberno da República da China entre 1914 e 1928.

A partir de 1914, en toda a República de China comezaron a cuñarse moedas de prata coa efixie do líder militar Yuan Shikai (1859-1916), en substitución das anteriores moedas imperiais. A máis prominente e numerosa destas moedas, o coñecido como “dólar de Yuan Shikai” ou “iuan de Yuan Shikai”, seguiu producíndose moito despois da morte de Yuan en 1916. Deseñada polo gravador italiano Luigi Giorgi (1880-1954),[2] a moeda amosa no anverso un busto de perfil de Yuan vestido con uniforme militar, e no reverso unha coroa de cereais e a expresión do seu valor facial. Esta moeda serviu para substituír o “Dólar do Dragón” e as diversas moedas de prata estranxeiras de características similares que estaban en circulación na China.

De 1914 a 1928, varias casas de moeda de China produciron regularmente moedas dun dólar (iuan), cunha tiraxe total superior aos mil millóns de exemplares. Ata 1920, todas as moedas levaban a data do ano republicano 3 (1914), independentemente do ano de fabricación. Algunhas casas de moeda produciron moedas con novas datas durante a década de 1920, mais estas só coincidían incidentalmente coa data de produción; varias cecas produciron moedas de diferentes datas, e algunhas delas podían utilizarse como marcas de ceca. Logo da Expedición do Norte, o incipiente Goberno nacionalista interrompeu a produción das moedas en favor do coñecido como “dólar Memento”. No entanto, a circulación e a produción rexional da moeda continuou, con exemplares de baixa calidade producidos na provincia de Gansu e nas zonas controladas polos comunistas durante a década de 1930. A produción viuse reducida polo abandono do padrón prata en 1935, pero volveu en resposta á hiperinflación durante a guerra civil chinesa, cunha gran tiraxe de moedas na Ceca de Cantón en 1949.

A República Popular reemitiu esta moeda a mediados da década de 1950 para a súa circulación no Tíbet, que acababa de ser anexionado.

Antecedentes e creación

[editar | editar a fonte]

En resposta á ampla circulación de moedas de prata estranxeiras na China ao longo do século XIX, o vicerrei de Liangguang Zhang Zhidong autorizou a produción nacional de dólares de prata, denominados tamén iuans —alcumados "dólar do dragón", polo seu deseño—, e os primeiros comezaron a fabricarse na provincia de Cantón en 1889. Foron as primeiras moedas de prata producidas a máquina e cuñadas a gran escala na China, aínda que non lograron competir coa prata estranxeira, sinaladamente os dólares de comercio e os reais de oito españois e pesos hispanoamericanos. Logo de décadas de debate entre os padróns de ouro e de prata, así como de competencia entre o peso do iuan e o do tael, o Goberno optou por adoptar o iuan de prata como unidade monetaria base en 1910.[3][4]

Tras a Revolución de 1911 e o colapso da dinastía Qing, o Goberno de Beiyang reafirmou o iuan como unidade monetaria básica en 1913.[5] A ceca central de Tianjin quedara inutilizada durante a Revolución, o que limitou as primeiras moedas da república ás reservas xa existentes de "dólares do dragón" e diversas emisións provinciais. A principios de 1914, o Ministerio de Finanzas reabriu a ceca central e retomou a produción de moedas co antigo deseño do dragón. En 1912 producíronse dous dólares diferentes de prata, un coa efixie do presidente Sun Yat-sen e outro coa do daquela vicepresidente Li Yuanhong, que serviron principalmente como moedas conmemorativas, cunha circulación real limitada.[6][7][8] En 1914, a Lei da Moeda de Curso Legal (國幣條例; Guóbì tiáolì) determinou a produción de moeda nacional de prata para substituír a moeda estranxeira.[4]

Fotografía de Yuan Shikai (antes de 1916).[9]

Neste contexto, a finais de 1914 entrou en produción unha nova emisión de dólares de prata producida de xeito central, cun retrato do daquela presidente, Yuan Shikai, un antigo xeneral Qing que exerceu como xefe do Goberno de Beiyang na nacente República da China. A moeda ficou en produción despois do mandato de Yuan como emperador Hongxian en 1915-1916 e á súa morte o 6 de xuño de 1916.[6][10]

Deseño e especificacións

[editar | editar a fonte]

Luigi Giorgi,[2] gravador xefe da Casa da Moeda de Tianjin fora o primeiro creador dun deseño para un dólar que representaba a Yuan Shikai, tamén en 1914: tratábase dun dólar de prata conmemorativo, non circulante, que presentaba un busto frontal do presidente con uniforme militar e cun sombreiro con plumas.[11] Despois disto, Giorgi deseñou un proxecto destinado a unha emisión estándar, que representa a Yuan de medio perfil e sen sombreiro. Ambas as representacións estiveron baseadas en senllas fotografías de Yuan, xa que Giorgi non o vira en persoa. Despois de que Giorgi lle presentase un modelo de moeda a Yuan, este considerou a súa representación inexacta e pouco atractiva, e deulle indicacións para producir un novo deseño da moeda.[12][13]

O deseño final da versión ordinaria do dólar presentaba unha vista de perfil de Yuan Shikai ollando cara á esquerda no anverso, vestindo un uniforme militar e cun corte de pelo integral. No reverso, tomado da emisión da proposta orixinal, está escrito o valor da moeda, "un iuan" (壹圓; Yī yuán), rodeado por unha coroa de cereal, probablemente de orxo.[13][14]

Espacificacións

[editar | editar a fonte]

A moeda ten 39 mm de diámetro e 2,66 mm (0,10 polgadas) de espesor, con canto estriado. O seu peso pode variar moi lixeiramente dun exemplar a outro, o que leva a que as fontes difiran á hora de indicar o seu peso estándar, aínda que o oficial estaba fixado en 72 candaríns, ou o 72 % do peso do tael. A definición do tael foi inconsistente durante a dinastía Qing, mais estandarizouse en 37,301 gramos a fins de 1914, o que levou a establecer un peso oficial da moeda en 26,857 gramos. As leis monetarias da República permitían unha variación de peso do 3 ‰ (0,08 gramos), aínda que na práctica o peso das moedas ficaba adoito fóra do rango legal.[15]

Inicialmente pretendíase que a pureza da súa aliaxe fose de 900 milésimas, mais, como para a súa cuñaxe se reutilizaron grandes cantidades de dólares de prata imperiais cuñados provincialmente, que con frecuencia tiñan unha menor calidade e pureza, finalmente esta reduciuse lixeiramente, ata as 890 milésimas.[13][16]

Divisores e múltiplos do dólar Yuan Shikai

[editar | editar a fonte]

Xunto co dólar aprobouse tamén a cuñaxe dunha serie de moedas con valores faciais máis pequenos e cun deseño practicamente igual ao do dólar, que inicialmente se pretencía pór en produción o mesmo ano. Estes valores divisionarios abranguían os 50 centavos ou 5 jiao (medio dólar), os 20 centavos ou 2 jiao, e os dez centavos ou jiao.[17][18] Estas moedas divisionarias presentan un deseño de anverso idéntico, coas súas respectivas expresións do valor facial no interior da coroa no reverso. A pureza da aliaxe destas moedas rebaixouse a 700 milésimas.[13]

A produción das moedas divisionarias do dólar de Yuan Shikai atrasouse ata setembro de 1916 para permitir que o dólar circulase como unidade monetaria principal. Antes disto, as moedas provinciais de vinte centavos producidas nas cecas de Cantón e de Mukden satisfacían a demanda de moedas con valores inferiores.[6]

As leis de reforma da cuñaxe de 1914 abranguían tamén a produción de moedas de cinco centavos (5 fen) de cuproníquel, compostas por un 75 % de cobre, e ese ano chegaron a cuñarse algúns espécimes en proba na ceca de Tianjin utilizando o mesmo deseño.[22] Porén, a poboación consideraba que as moedas de níquel non eran dignas de confianza e estas probas nunca chegaron a cuñarse en gran número nin a entrar en circulación.[17][23] Tamén hai testemuños doutras probas de moedas de cinco centavos en prata,[24] en cobre[25] e en peltre.[26]

Proxecto de 20 dólares (20 iuans) (1919).[27]

En 1919, o ministro de Finanzas, Cao Rulin, investigou acerca da posibilidade de introducir unha moeda de ouro estandarizada. A Casa da Moeda de Tianjin produciu moedas de ouro de dez e de vinte dólares (10 e 20 iuans), cunha versión modificada con respecto ao deseño do dólar Yuan Shikai. O anverso das moedas presenta o retrato rodeado por un deseño ornamental, en tanto que o reverso amosa a lenda e a data do ano 8.[28] Esta moeda produciuse en cantidades relativamente pequenas e nunca chegou a entrar en circulación. O programa suspendeuse e os espécimes cuñados a modo de proba acabaron en mans dos coleccionistas numismáticos.[29]

Produción

[editar | editar a fonte]

A produción dos dólares de Yuan Shikai comezou na Casa da Moeda de Tianjin en decembro de 1914, seguida pola ceca de Nanjing en xaneiro de 1915, xunto coa de Cantón nalgún momento do mesmo ano. A ceca de Wuchang comezou a produción da moeda en 1916, xunto cunha tiraxe comparativamente pequena de moedas na ceca de Mukden.[30] As datas das moedas, que figuran no calendario da República da China, son inconsistentes e rara vez reflicten o ano real da súa cuñaxe. De 1914 a 1919, todas as moedas da serie estaban marcadas como “ano 3” (1914). As casas de moeda comezaron a producir moedas con novas datas en 1920 (“ano 9”), aínda que as diferentes cecas marcaron as moedas indistintamente como “ano 8”, “ano 9” ou “ano 10”, e nos anos seguintes ningunha casa de moeda actualizou consistentemente as datas para que estas coincidisen cos anos de produción.[31]

Hai moedas dun dólar coas datas dos anos 3, 8, 9 e 10 (1914, 1919, 1920 e 1921). As pezas de vinte centavos (2 jiao) amosan os anos 3, 5 e 9, e as de dez centavos (jiao) os anos 3 e 5. Todos os medios dólares (½ iuan) están datados no ano 3.[32] En tanto que que os dólares do ano 3 amosan a inscrición 年三國民華中 (Nián sān guómín huázhōng; “Ano 3 da República da China”), as emisións posteriores do dólar engaden o carácter 造 (Zào), con datas no formato 造年十國民華中 ("Feito no ano 10 da República da China").[33][14] En 1922, a maioría das casas de moeda que producían o dólar de Yuan Shikai producían a moeda cunha data diferente. Estes pretendían ser unha forma de identificar que casa de moeda producira unha moeda determinada, servindo funcionalmente máis como marcas de ceca que como indicación fidedigna da súa data de cuñaxe.[34]

A misioneira Mildred Cable informou de que os dólares de Yuan Shikai circularon en Gansu en 1926, pero só se aceptaron no seu valor total os exemplares que amosaban a data do Ano 3, xa que as datas posteriores á morte de Yuan se recibían con sospeita.[35]

Os bancos chineses empezaron a sentirse incómodos con estas moedas cara a 1917, xa que entraban en circulación dólares que non cumprían, aínda que fose lixeiramente, co peso e coa pureza da aliaxe legalmente prescritos. Este problema limitábase inicialmente a unha ou dúas fábricas de moeda, pero debido a que os cuños das distintas fábricas eran idénticos, non se podía determinar con certeza a orixe de cada exemplar. En outubro de 1917 presentáronse queixas ante o Ministerio de Finanzas, pero pouco se fixo para arranxar o problema, xa que o poder dos Señores da Guerra e a constante perda de autoridade do Goberno de Beiyang levaron a unha menor supervisión da cuñaxe.[30]

En 1920, a Casa da Moeda de Hangzhou comezou a producir a moeda por encarga do Banco da China e do Banco de Comunicacións. En 1924, a ceca de Anqing comezou a producir tamén o dólar Yuan Shikai en pequenas cantidades. A produción de Anqing comezou a aumentar drasticamente en 1924, e pasou a producir millóns de moedas do ano 8 significativamente degradadas e cuñadas cunha lei abranguida entre 740 e 830 milésimas. Esta ceca pechou en 1926. A ceca de Fuzhou, que anteriormente producía pezas rexionais de vinte centavos (2 jiao), produciu grandes cantidades de dólares de Yuan Shikai en 1924 ou 1925. Pouco se sabe das moedas de Fuzhou, á parte de que se cuñaron en prata de calidade inferior.[36]

A Casa da Moeda de Mukden produciu a moeda cunha pureza de 730 milésimas durante un só día en xuño de 1926. Circularon tamén informes de que esta ceca produciu a moeda en 1927 e 1928, e de que gran parte da tiraxe tería sido enviada desde Manchuria para o seu uso en Pequín. É probable que a produción en Mukden regresas por mor da ocupación de Pequín por parte do señor da guerra da Camarilla Fengtian Zhang Zuolin de 1926 a 1928. En febreiro de 1929, logo da Expedición do Norte e a derrota de Zhang por parte do Goberno nacionalista, ordenóuselle á casa da moeda que cambiase a produción ás recuñaxes do Goberno nacionalista do “dólar Memento” de 1912, coa imaxe de Sun Yat-sen.[6][37]

Tiraxes do dólar Yuan Shikai por ceca [38]
Data Tianjin Nanjing Cantón Wuchang Mukden Hangzhou
1915 38.500.000 30.000.000 2.500.000
1916 35.500.000 24.000.000 3.000.000 11.500.000 500.000
1917 21.000.000 20.000.000 6.500.000
1918 20.500.000 35.000.000 15.000.000
1919 41.500.000 38.000.000 23.000.000
1920 29.000.000 52.000.000 16.500.000 12.000.000
1921 7.000.000 15.500.000 4.500.000
1922 2.000.000 25.500.000 3.000.000 39.000.000
1923 8.000.000 58.000.000 1.000.000 60.500.000
1924 7.500.000 7.500.000
1925 7.000.000 31.500.000 [39]2.500.000 78.000.000
1926 29.000.000 500.000 18.500.000 29.500.000
1927 29.000.000 16.000.000
1928 16.500.000

Aspectos económicos

[editar | editar a fonte]

En 1915, a Asociación de Banqueiros Nativos de Shanghai deixou de recoñecer os dólares de prata imperiais e comezou a calcular os tipos de cambio utilizando o dólar de Yuan Shikai.[40] Os prezos da prata aumentaron durante o transcurso da primeira guerra mundial e as exportacións internacionais diminuíron, o que provocou unha escaseza de moedas de prata estranxeiras —sinaladamente o peso mexicano—, que foron substituídas de camiño polo dólar de Yuan Shikai como a principal moeda comercial dentro da China. As formas tradicionais de moeda, como o tael e as cuñaxes de cobre, diminuíron por mor da primacía desta moeda. En 1924, unha investigación do Banco de Shanghai descubriu que o dólar de Yuan Shikai se convertera na principal forma de moeda en 47 das 48 cidades estudadas; a única excepción foi Dalian, ocupada polos xaponeses, onde predominaban as moedas en iens e os billetes do Banco de Corea.[41] Os billetes trocables por dólares de Yuan Shikai gañaron presenza na circulación á medida que diminuíu o uso do cobre.[42]

Emisións posteriores e falsificacións

[editar | editar a fonte]

Aínda que o Goberno nacionalista detivo a produción da moeda en favor do dólar Memento, a produción local de dólares do modelo de Yuan Shikai en zonas fóra do seu control continuou durante as décadas de 1930 e 1940. En 1930, o Goberno provincial do señor da guerra Feng Yuxiang iniciou a produción local destas moedas cunha pureza de 730 milésimas, probablemente en Lanzhou. Inicialmente incluíuse gravado o nome da provincia xunto co retrato de Yuan en 1930, mais esta inscrición eliminouse posteriormente para permitir que a moeda puidese circular tamén noutros territorios.[35]

A mediados da década de 1930, as forzas comunistas da República Soviética da China comezaron tamén a reproducir dólares de Yuan Shikai de mala calidade con datas do ano 3, xunto cos seus dólares específicos. Os dólares de Yuan Shikai producidos polos comunistas teñen uns trazos tan grosos que visualmente semellan falsificacións; porén, o que os diferencia destas é o seu contido de prata, relativamente alto, cunha pureza de 700 a 80o milésimas.[43]

A China abandonou de súpeto o padrón prata en 1935 e, como consecuencia, pasaron a ocupar a circulación grandes cantidades de papel moeda, o que provocou a detención da produción rexional das imitacións do dólar de Yuan Shikai. Logo da inflación a gran escala producida durante a segunda guerra sino-xaponesa e o rexurdimento da guerra civil chinesa, o iuan entrou en hiperinflación en 1948-1949. Isto obrigou as casas de moeda das provincias do sur e do oeste, aliñadas cos nacionalistas, a retomar a produción de moedas de prata. A Casa da Moeda de Cantón produciu unha mestura ecléctica de dólares Memento, de Yuan Shikai e doutros modelos durante varios meses en 1949. O que deu lugar mesmo a exemplares híbridos, co anverso dun modelo e o reverso doutro.[44] Unha variedade específica producida en Cantón en 1949 circulou en Hainan antes da Batalla da illa de Hainan.[45]

Ademais, o Goberno nacionalista realizou consultas á Royal Mint, de Londres, e á Casa da Moeda de Birmingham, para complementar a súa produción de moedas durante a hiperinflación. A Ceca de Birmingham chegou a gravar matrices para dólares de Yuan Shikai do ano 8 e mesmo a cuñar varios espécimes de proba; os dous exemplares coñecidos destas probas presentaban a data 1949 escrita a lapis nas moedas. No entanto, non se chegou a iniciar a produción destas moedas no estranxeiro antes da vitoria comunista na guerra e o exilio do Goberno nacionalista a Taiwán.[44]

No Tíbet

[editar | editar a fonte]

De 1950 a 1951, a República Popular da China, que se acababa de crear, ocupou e anexionou o Tíbet, e colocou a zona baixo unha administración autónoma encabezada polo décimo cuarto Dalai Lama, Tenzin Gyatso. Cando o Goberno comunista contratou traballadores para construír estradas e outras infraestruturas, os pagamentos en papel moeda foron vistos con sospeita e rexeitados pola poboación local. O Goberno esgotou axiña a súa subministración existente de dólares de prata e comezou a reemitir grandes cantidades de dólares de Yuan Shikai do ano 3 en Sichuan, entre principios e mediados da década de 1950. As cantidades das tiraxes específicas destas reemisións da moeda non están dispoñibles, pero probablemente se cifren en decenas ou centos de millóns. As moedas eran de prata de pureza relativamente alta, e algúns espécimes chegan ás 870 milésimas.[46]

Moitos destes dólares foron obxecto de contrabando cara á India por parte de comerciantes tibetanos que compraban con eles produtos occidentais en Calcuta e que despois llos vendían cun beneficio considerable a membros do exército chinés en Lhasa.[47]

Coleccionismo

[editar | editar a fonte]

Os dólares Yuan Shikai son relativamente accesibles en comparación con outras moedas de prata chinesas, por mor das súas grandes tiraxes, o que as fai particularmente populares entre os coleccionistas de moedas.[48] No ámbito do coleccionismo, estas moedas alcúmanse "dólares do home gordo", debido a unha mala tradución do seu alcume chinés: 袁大头; Yuán dàtóu ("dólar cabezón").[49]

Tamén se achan entre as moedas chinesas máis comunmente falsificadas.[50]

  1. "1 Yuan "Fat Man dollar". Numista.com
  2. 2,0 2,1 Non confundir con outro Luigi Giorgi (1848-1912), gravador xefe da Casa da Moeda de Roma. Véxase "Giorgi Luigi (Milano 1880 – Varese 1954)". Società numismatica Italiana. 2024.
  3. Jin, Xu (2021). Páxinas 241-243.
  4. 4,0 4,1 Deng, K. G. (2009). Páxinas 625-627.
  5. Jin, Xu (2021). Páxina 245.
  6. 6,0 6,1 6,2 6,3 Wright, R. N. J. (1978). Páxina 149.
  7. Shih, K. (2009) [1949]. Páxina 141.
  8. Kann, E. (1953). Páxinas 187-188.
  9. Chinadaily.com.cn. 15 de setembro de 2015.
  10. Wright, R. N. J. (2003). Páxinas 313-314.
  11. "1 Yuan / 1 Dollar Founding of the Republic: Yuan Shikai". Numista.com
  12. "Giorgi Luigi (Milano 1880 – Varese 1954)". Società numismatica Italiana. 2024.
  13. 13,0 13,1 13,2 13,3 Kann, E. (1953). Páxina 212.
  14. 14,0 14,1 Wright, R. N. J. (2003). Páxinas 314-317.
  15. Wright, R. N. J. (2003). Páxinas 317-318.
  16. Wright, R. N. J. (2003). Páxina 314.
  17. 17,0 17,1 Shih, K. (2009) [1949]. Páxina 144.
  18. Kann, E. (1953). Páxina 213.
  19. "½ Yuan "Fat Man dollar" type". Numista.com
  20. "2 Jiao "Fat Man dollar" type". Numista.com
  21. "2 Jiao "Fat Man dollar" type". Numista.com
  22. "5 Fen Pattern; "Fat Man dollar" type; copper-nickel". Numista.com
  23. Kann, E. (1953). Páxinas 286-287.
  24. "5 Fen Pattern; "Fat Man dollar" type; silver". Numista.com
  25. "5 Fen Pattern; "Fat Man dollar" type; copper". Numista.com
  26. "5 Fen Pattern; "Fat Man dollar" type; pewter". Numista.com
  27. "20 Yuan "Fat Man dollar" type. Numista.com
  28. "10 Yuan "Fat Man dollar type" / "20 Yuan "Fat Man dollar" type". Numista.com
  29. Kann, E. (1953). Páxinas 432-433.
  30. 30,0 30,1 Wright, R. N. J. (2003). Páxina 319.
  31. Wright, R. N. J. (2003). Páxinas 320-325.
  32. Kann, E. (1953). Páxinas 212-213.
  33. "1 Yuan "Fat Man dollar"; seven characters". Numista.com
  34. Wright, R. N. J. (2003). Páxina 320.
  35. 35,0 35,1 Wright, R. N. J. (2003). Páxinas 326-327.
  36. Wright, R. N. J. (2003). Páxinas 320-322.
  37. Wright, R. N. J. (2003). Páxinas 323-326.
  38. Wright, R. N. J. (2003). Páxinas 323, 326-326.
  39. Producido en Nanchang por encarga da Casa da Moeda de Wuchang. Wright, R. N. J. (2003). Páxina 322.
  40. Dean, A. (2018). Páxina 11.
  41. Kuroda, A. (2005).. Páxinas 113-114, 116.
  42. Kuroda, A. (2005).. Páxinas 117-118.
  43. Wright, R. N. J. (2003). Páxina 328.
  44. 44,0 44,1 Wright, R. N. J. (2003). Páxinas 328-329.
  45. "NGC Now Recognizes China (1920) Hainan Dollar Variety". Numismatic Guaranty Company (NGCcoin.uk).
  46. Wright, R. N. J. (2003). Páxinas 330-331.
  47. Shakya, Tsering (1999). The Dragon in the Land of Snows. A History of Modern Tibet since 1947. Pimlico, Londres. Páxina 135. ISBN 9780712665339
  48. "The Origin of the Yuan Shikai Dollar". Professional Coin Grading Service (PCGS.com).
  49. Searls, B. J. (2012). "The 'Fatman' Dollar Challenge". Professional Coin Grading Service (PCGS.com).
  50. "Top 25 Most Commonly Counterfeited Chinese Coins". Numismatic Guaranty Company (NGCcoin.uk).

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]