Saltar ao contido

Deporte

Este é un dos 1000 artigos que toda Wikipedia debería ter
1000 12/16
Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Deportista»)

O fútbol é un deporte moi popular en moitas partes do mundo.

O deporte[1] é unha actividade física, lúdica e mental que está suxeita a unha serie de determinadas regras. Algúns deportes practícanse con vehículos. Neste caso é máis importante a destreza e a concentración que a actividade física. Xeralmente practícase un deporte para divertirse, mais existen competicións nas que os deportistas xogan para ver quen é o mellor. Os deportes poden ser colectivos ou individuais: nos colectivos, xógase en equipo, e nos individuais, xoga unha persoa contra outra (ou outras).

É posíbel que os deportes nacesen na prehistoria, aínda que isto non está demostrado. O que si está demostrado é que moitas civilizacións antigas practicaban deportes, como a azteca, a exipcia, a grega, a chinesa, a aborixe australiana, ou a romana. De feito, os Xogos Olímpicos teñen a súa orixe na cidade Olimpia da antiga Grecia.

En 2013, a Asemblea Xeral das Nacións Unidas declarou o 6 de abril como o Día Internacional do Deporte para o Desenvolvemento e a Paz [2]. Con esta celebración preténdese recoñecer o papel do deporte na adopción de hábitos de vida saudables.

Existen utensilios e estruturas que suxiren que os chineses xa realizaban actividades deportivas no ano 4000 a. C.[3] A ximnasia parece que foi un deporte popular na antiga China.

Os monumentos aos emperadores indican que unha certa cantidade de deportes, incluíndo a natación e a pesca, foron xa deseñados e regulados hai miles de anos no Antigo Exipto.[4] Outros deportes exipcios inclúen o lanzamento de xavelina, o salto de altura e a loita. Algúns deportes da antiga Persia como a arte marcial iraniana de Zourkhaneh están ligados ás habilidades na batalla.[5] Entre outros deportes orixinarios de Persia están o polo e a xusta. Por outra banda, en América as culturas mesoamericanas como os maias practicaban o xogo de pelota, que á súa vez era un ritual.

Unha ampla variedade de deportes estaban xa establecidos na época da Antiga Grecia, e a cultura militar e o desenvolvemento dos deportes en Grecia influíronse mutuamente. Para os gregos o deporte era unha parte moi importante da súa cultura, polo que crearon os Xogos Olímpicos, competición que se disputou dende o ano 777 a.C. ao 394 d.C., cada catro anos en Olimpia, pequena poboación no Peloponeso.[6]

Os deportes viron aumentada a súa capacidade de organización e regulación dende os tempos da Antiga Grecia ata a actualidade. A industrialización incrementou o tempo de lecer entre a cidadanía nos países desenvolvidos, conducindo a unha maior dedicación do tempo para ver competicións deportivas e máis participación en actividades deportivas, facilitada por unha maior accesibilidade a instalacións deportivas. Estas pautas continuaron coa chegada dos medios de comunicación de masas. Na actualidade, moitas persoas fan exercicio para mellorar a súa saúde e modo de vida. O deporte considérase unha actividade saudable que axuda a manterse en forma psicolóxica e fisicamente, especialmente na terceira idade.

Deporte profesional

[editar | editar a fonte]

O aspecto de entretemento do deporte, xunto ao crecemento dos medios de comunicación e o incremento do tempo de lecer, provocaron que se profesionalice o mundo do deporte. Isto levou a certa polémica, xa que para o deportista profesional pode chegar a ser máis importante o diñeiro ou a fama que o propio acto deportivo. Ao mesmo tempo, algúns deportes evolucionaron para conseguir maiores beneficios ou seren máis populares, en ocasións perdéndose algunhas valiosas tradicións.

Esta evolución conduce a un aumento da competitividade, dado que a loita pola vitoria adquire outro significado ao incluírse tamén o apartado económico. Este aumento leva á aparición dun importante lado negativo da profesionalidade, como o uso de artimañas e trampas como a dopaxe.

O mundo do deporte como espectáculo move anualmente unha cantidade próxima aos 70 000 millóns de euros,[7] entre venda de entradas, dereitos televisivos e patrocinios. Se se inclúen aqueles consumos relacionados coa práctica do deporte, como material e roupa deportivos, equipamentos, e gastos en saúde e forma física, a industria do deporte xera cada ano a nivel global preto de 600 000 millóns de euros.[8]

Tipos de deportes

[editar | editar a fonte]
Deportes tradicionais galegos
Deportes de pelota
O wáter-polo é un dos máis clásicos deportes de pelota.

Os deportes de pelota son aqueles no que o seu elemento esencial é unha pelota. Existen moitos xogos populares e deportes que implican pelotas ou obxectos semellantes e poden agruparse polo obxectivo xeral do xogo:

Atletismo

Atletismo é o nome que recibe un amplo conxunto de probas deportivas divididas en carreiras, saltos e lanzamentos. Pódense practicar en pavillóns ou ao ar libre. Os deportes de forza inclúen culturismo e halterofilia.

Deportes de loita

Nos deportes de contacto dous combatentes loitan o un contra o outro usando as certas regras de contacto, co obxectivo de simular partes do combate corpo a corpo verdadeiro. O boxeo, as artes marciais de competición (aikido, Jiu-Jitsu, judo, karate, kendo, taekwondo...), as artes marciais mixtas, a esgrima, a loita canaria, o sumo e a loita libre son os exemplos de deportes de combate.

Deportes acuáticos

Existen ducias de deportes que inclúen auga. Poden ser na auga (natación), sobre a auga (esquí náutico, piragüismo, remo, surf, vela, wíndsurf, pesca deportiva) ou baixo a auga (mergullo).

Deportes de tiro

Practícanse en diferentes modalidades, como o tiro con arco e o tiro olímpico.

Deportes aéreos

Os aeronáuticos considéranse deportes porque esixen ademais da capacidade física do deportista tamén a súa habilidade, destreza, competitividade, afán de superación e respecto polas normas e os outros deportistas. Inclúense nestes acrobacia aérea, paracaidismo, paramotor, parapente, voo sen motor, voo libre.

Deportes na natureza

Os deportes de aventuras son todos aqueles que implican, ademais de actividade física, unha intensa actividade recreativa no medio natural. Entre os deportes de aventura na montaña están a escalada, a espeleoloxía e o montañismo. Os deportes extremos, son todos aqueles deportes que comportan unha real ou aparente perigosidade polas condicións difíciles ou arriscadas en que se practican.

Deportes de inverno

Son aquelas modalidades deportivas en que a práctica está relacionada coa neve ou o xeo, ben en condicións naturais ou reproducidas de maneira artificial, como son o esquí (alpino, de fondo, ou de travesía), os saltos de esquí, o snowboard e o curling.

Deportes con medios mecánicos

Empregan outros medios, como o ciclismo, a patinaxe, o skateboard e o snakeboard.

Deportes de motor

Os deportes de motor son o conxunto de disciplinas deportivas practicadas con vehículos motorizados. O automobilismo practícase con automóbiles, e por extensión tamén con karts, camións e buggies, o motociclismo con motocicletas e por extensión tamén con motoneves e cuadrimotos.

Outros deportes
  1. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para deporte.
  2. "Día Internacional del Deporte para el Desarrollo y la Paz. 6 de abril" (en castelán). Consultado o 28.11.2022. 
  3. "Sports History of China". Arquivado dende o orixinal o 03 de marzo de 2009. Consultado o 8 de xuño de 2015. 
  4. "State Information Services Ancient Egyptian Sport". www.sis.gov.eg. Consultado o 8 de xuño de 2015. History of Sports in Ancient Egypt
  5. "News Kuwait Information". www.kuwait-info.com. Arquivado dende o orixinal o 26 de marzo de 2007. Consultado o 8 de xuño de 2015. 
  6. International Olympic Committee – Olympic Games
  7. Datos de 2014
  8. "Winning in the Business of Sports - A. T. Kearney". www.atkearney.com. Consultado o 16 de xuño de 2015. 

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]