Dereitos LGBT en Marrocos
Marrocos | |
Bandeira | |
Escudo | |
Homosexualidade | |
---|---|
É legal | |
Condena | 6 meses a 3 anos de prisión |
Protección legal contra a discriminación | |
Laboral | |
Bens e servizos | |
En todos os aspectos | |
Protección legal de parella | |
Acceso igualitario á unión civil | |
Matrimonio entre persoas do mesmo sexo | |
Dereitos reprodutivos e de adopción | |
Dereito de adopción conxunta |
A homosexualidade en Marrocos está reducida pola visión que o islam impón. As persoas pertencentes ó colectivo enfróntanse a certos desafíos legais e sociais non experimentados por outros residentes. A actividade sexual entre persoas do mesmo sexo é ilegal. Os homosexuais masculinos vense marcados pola hshuma (‘vergoña’) e o haram (‘pecado’), nunha sociedade na que a distinción entre gais activos e pasivos segue sendo moi grande.[1]
A homosexualidade feminina, o sihaq, non se menciona no Corán, pero se mantén oculta de igual maneira, e apenas foi tratada ou estudada.[2]
Historia
[editar | editar a fonte]- Véxase tamén: Homosexualidade na Antiga Roma.
Marrocos foi conquistada por Roma no ano 40, converténdose en parte integrante do Imperio Romano, aínda que a súa autoridade non se estendeu máis alá das cidades portuarias e as chairas costeiras, deixando o interior ás tribos bérberes. As cidades romanas adoptaron o estilo de vida romano, no que a homosexualidade máis ou menos aceptada como unha relación de poder, na que a penetración de escravos ou xoves non estaba mal vista, pero na que un cidadán que se deixaba penetrar debía soportar o desprezo dos seus concidadáns. A cristianización do Imperio cambiou esta situación cara ao século III e IV. Aínda que o Marrocos romano era pequeno na época, as leis romanas contra a homosexualidade tamén tiveron alí a súa aplicación.
- Véxase tamén: Poesía homoerótica hispano-árabe.
No 681 os árabes alcanzaron Marrocos, conquistándoa e converténdose as tribos bérberes ao islam. A pesar da condena expresa da homosexualidade que existen no Corán, o Hadiz e a Sunna, o Fiqh e a Sharía, na sociedade medieval islámica floreceu a poesía homoerótica, como mostran os versos de Abu Nuwas. En poemas e prosa loábase a beleza de raparigos e expresábase o desexo por eles, e mesmo se dan consellos sexuais. Esta literatura tivo o seu momento cume no século XII, aínda que se pode seguir o rastro ata o século XVI.[3]
A partir de mediados do século XIII a sociedade islámica sufriu unha transformación que levou á decadencia cultural e a un seguimento máis estrito do Corán; as mulleres comezaron a ter que levar veo e a homosexualidade era condenada. A isto se uniron as influencias occidentais vitorianas no século XIX, que estenderon unha moralidade moi estrita e hipócrita.[3]
No século XIX estendeuse o turismo homosexual cara ao Magreb, Exipto e Turquía. Tánxer converteuse nunha cidade cosmopolita e libre nos anos cincuenta, na que se movían todo tipo de persoas, desde millonarios, contrabandistas e espías, ata intelectuais e diplomáticos. Paul Bowles escribiu sobre as súas experiencias na cidade no seu libro The sheltering sky (1949), o que atraeu a outros intelectuais como o fotógrafo Cecil Beaton e os escritores Rupert Croft-Cooke, Truman Capote e Gore Vidal, para acabar seducindo a todos os demais autores importantes pertencentes á Xeración Beat: Allen Ginsberg, William Burroughs e Tennessee Williams. Esta situación terminou abruptamente en 1956 coa volta da cidade a Marrocos, aínda que o país enteiro se converteu entón en destino preferido de homosexuais ricos ou sonados: Roland Barthes, Julian Beck, Joe Orton, Michel Focault, Yves Saint Laurent, Francis Bacon ou Jean Genet.[3]
Lexislación
[editar | editar a fonte]O artigo 489 do código penal de Marrocos, introducido o 26 de novembro de 1962, criminaliza "actos licenciosos ou contra natura cun individuo do mesmo sexo".[4] As penas poden ir de 3 meses a 6 anos de prisión e multas de 120 a 1200 dirhams.[5] En xeral, a policía adoita facer a vista gorda, mentres os homosexuais sexan discretos,[6] aínda que a situación cambiou nos últimos anos e as autoridades marroquís aumentaron a presión sobre a comunidade LGTB.[7] Non adoita haber xuízos polo artigo 489, posiblemente debido ás presións internacionais que provoca. En cambio, prefírense as acusacións de "escándalo público". Segundo Kifkif, desde a independencia de Marrocos en 1956, máis de 5000 homosexuais pasaron polos tribunais por delitos relacionados co artigo 489, sendo na súa maioría homes.[8]
Como consecuencia, non existe ningún tipo de protección contra discriminación ou abusos para os homosexuais, nin recoñecemento de ningún tipo nin individual, nin para parellas, nin para asociacións. A lei tamén foi empregada contra turistas e residentes estranxeiros.[9][10]
En 2004 foron detenidas 43 persoas, 30 homes e 10 mulleres, en Tetuán acusados de «incitar á depravación e transgredir a moral pública». Tratábase dunha festa de aniversario, na que os organizadores chamaron á policía porque xoves intentaban colarse sen estar invitados. Os islamistas acusaron ás persoas detenidas de querer formar unha asociación gay: «Hai grupos que intentan colocar ao noso país ante a política dos feitos consumados, incrustar e defender ás células de homosexuais a través do balbordo». Finalmente as 43 persoas foron liberadas tras 48 horas no calabozo, por orde do Ministerio de Xustiza, sen que estea moi clara a razón.[11] En 2007 detivéronse 6 persoas en Alcazarquivir, que cumpriron entre catro e dez meses de cárcere. En 2008 foron 21 persoas as detenidas por homosexualidade en Meknes.[12]
Tras unha noticia sobre un "matrimonio gay" da revista Al Michaal de Casablanca en marzo de 2009, as autoridades marroquís afirmaron "que xorden voces, a través dos medios de comunicación que intentan facer a apoloxía de comportamentos innobles que constitúen unha provocación para a opinión pública nacional e non teñen en conta os valores morais e doutrinais da nosa sociedade", ademais da súa "firme determinación a facer fronte, no marco das leis en vigor, a todas as actuacións contrarias aos nosos valores [...] relixiosos ou morais". As declaracións xorden no ambiente creado tras os disturbios de Alcázarquivir, a aparición dunha entrevista con Samir Bargachi, presidente de Kifkif desde 2007, na revista TelQuel e dunhas fotografías do embaixador de España en Rabat, Luis Planas, con Bargachi e Paco Ramírez, secretario da asociación LGTB COLEGAS, que levou a diversos xornais marroquís a acusar a España de inxerencia.[13][14]
En 2014 saltou aos xornais o caso dun cidadán británico de 69 anos condenado a 4 meses por homosexualidade. Ray Cole, que coñecera a un xove marroquí por Internet e visitábao por segunda vez, foi finalmente liberado tras unha campaña internacional ao su favor, liderada polo seu fillo, Adrian Cole. Do seu amigo marroquí non se tiveron máis noticias.[15][16] En 2016 houbo un caso similar cun turista español de 70 anos detenido en Marrakech. O español non foi encarcerado e, tras presentarse ante o xuíz, foi posto en liberaded «con posibilidade de regresar a España cando o desexe», aínda que non está claro se se presentaron cargos.[17] Entre 2013 e 2014 varios homes foron condenados pola xustiza marroquí; por exemplo, en maio de 2013 condenouse a 3 anos de cárcere a dous homes que levaban 10 anos nunha relación extramatrimonial;[18] ese mesmo mes, dos xoves foron condenados a catro meses de cárcere tras ser pillados in fraganti nun coche;[19] en maio de 2014 seis homes foron condenados a entre 1 e 3 anos de cárcere por «homosexualidade, incitación á prostitución, embriaguez en público e conducir en estado de embriaguez».[20] En xuño de 2015, máis de 20 homes foron detenidos por homosexualidade en Agadir.[21]
Aceptación social
[editar | editar a fonte]- Véxase tamén: Homosexualidade e islam.
A visión da homosexualidade en Marrocos está intimamente relacionada co islam. O nome da homosexualidade, liwat, provén do nome do Lot bíblico, que puido fuxir coas súas fillas da destrución de Sodoma.[2] Tanto o Corán como os hadices condenan a homosexualidade. Tamén a sahria, a lei musulmá, considera a homosexualidade un acto punible, aínda que non se mencione unha pena concreta.[22] Aínda en 2003 o gran ulema de Rabat-Salé declaraba á prensa que aos gais había que entregalos ao carniceiro.[1] Nos últimos anos os sectores máis conservadores insistiron que a homosexualidade é "allea aos costumes e tradicións locais" e puxérona ao mesmo nivel que a delincuencia e o terrorismo (ambos "reaccionan co seu corpo a problemas morais").[23]
En xeral o homosexual "activo" é aceptado e considerado viril, en cambio o "pasivo" é considerado feminino e débil. Todos insultos e expresións que falan da homosexualidade refírense ao pasivo, considerado un enfermo ou un erro da natureza. Por outra parte, o efeminado é tolerado porque non representa unha ameaza á virilidade dos homes.[1]
En 2006 un estudante de Ciencias Económicas da Universidade de Fez foi sacado da súa habitación no colexio maior Dar el Mahraz e obrigado a ir ata o campus, onde uns 400 islamistas, entre os que se atopaban membros dos partidos Partido da Xustiza e do Desenvolvemento e Xustiza e Caridade, lle someteron a un xuízo paralelo. "Expulsáronlle" do colexio maior e "condenáronlle" a que só estivese no campus o menor tempo posible, entrando por unha porta traseira. O maior dano producíronllo ao facer pública a homosexualidade do alumno, que en consecuencia foi desafiuzado pola súa familia e teme polo seu posto de traballo.[24]
Especialmente grave foi o caso dunha muller transxénero que foi perseguida e violentamente agredida na rúa por unha multitude en Fez en xullo de 2015. A muller foi finalmente salvada pola policía, que puido evacuala nun coche policial.[25][26] Outro caso moi grave aconteceu en Beni Mellal, cando un grupo de homes irrompeu nunha vivenda onde sorprenderon a unha parella gay espidos na cama. Os dous homes foron brutalmente agredidos e logo, ensanguentados e espidos, son sacados á rúa para unha humillación pública.[7][27] Ambos casos déronse a coñecer grazas a gravacións que se publicaron en Internet.[7][25]
Homoerotismo
[editar | editar a fonte]Algúns comportamentos considerados en Occidente como homoeróticos, non son vistos como tales polos marroquís. O pasear collidos da man, os baños turcos, mesmo as masturbacións en grupo etc., sobre todo en áreas rurais, non son considerados actos sexuais, senón culturais.[2]
Disturbios de Alcazarquivir
[editar | editar a fonte]Un dos maiores escándalos en relación coa comunidade LGTB deuse en Alcazarquivir, unha pequena cidade 120 km ao sur de Tánxer, a raíz dun vídeo que circulaba en YouTube e que aparentemente mostraba imaxes dunha festa privada realizada o 17 de novembro de 2007.[28] Parece que se trataba dun ritual tradicional dos gnauas, descendentes de escravos negros que forman unha irmandade sufí; aínda que outros afirmaban que se trataba dunha voda entre homosexuais.[29]
O 21 de novembro produciuse unha petición de investigación por parte do Partido da Xustiza e o Desenvolvemento, numerosas asociacións locais e polo capítulo local da Asociación Marroquí de Dereitos Humanos. A petición foi publicada nos xornais e, sobre todo naqueles de lingua árabe, con títulos e comentarios amarelistas, destacando o columnista Rachid Nini no xornal Al Massae. O venres seguinte, os sermóns das mesquitas ruborizaron aos crentes, provocando disturbios nos que participaron entre 6000 e 13000 persoas, algúns con rifles, e que se dirixiron á casa na que tivera lugar a festa. De camiño, intentaron saquear unha xoiaría que pertencía a un home que aparantemente apoiaba aos homosexuais.[29]
Entre o 23 e o 25 de novembro, a policía detivo a 6 homes acusados de infrinxir o artigo 489. O 28 de novembro, o xornal Atajdid informaba dunha «Intifada anti-homosexual en Alcazarquivir». O xoves seguinte organizouse outra manifestación en contra dos homosexuais liderada polo Partido da Xustiza e o Desenvolvemento á que asistiron unhas 1000 persoas. Os seis detenidos foron declarados culpables e condenados a penas de cárcere de entre catro e dez meses, a pesar de que a única proba era o vídeo, no que non se aprecia ningún tipo de actividade sexual.[29] O xulgado de apelación de Tánxer mantivo as condenas, aínda que reducindo lixeiramente as penas.[4]
Os disturbios tiveron como consecuencia que a homosexualidade sexa discutida abertamente por primeira vez no país, chegándose a tratar por vez primeira nun programa da televisión.[30] En xaneiro de 2008, 150 intelectuais, políticos e xornalistas marroquís asinaron un manifesto en contra dos feitos acontecidos en Alcazarquivir. Entre eles atopábanse figuras do talle de Tahar Benjelloun, Abdellatif Laabi, Mohamed Chafik, Fouzia Assouli, o exministro Mohamed el Gahs ou Laarbi Messari do partido nacionalista Istiqlal. Os asinantes protestaban polo ataque ás liberdades individuais, pero tamén pola forza mostrada polos "integristas".[31]
Loita polos dereitos civís
[editar | editar a fonte]Kifkif («de igual a igual» en árabe) é a única base asociativa da comunidade LGTB en Marrocos.[32] Estabelecida en 2004 por activistas homosexuais marroquís tras as detencións de Tetuán. En setembro de 2006, Kifkif solicitou ao Ministerio do Interior marroquí o seu recoñecemento legal como asociación, sendo rexeitados todos os intentos. Aínda que non está legalizada, mantén unha certa actividade. O colectivo lanzou a revista Mithly e o grupo Menna w Fena, dedicado especificamente aos colectivos de mulleres lesbianas, as persoas bisexuais, transexuais ou queer.[33]
O Colectivo Aswat, relacionado coa revista LGTB Aswat,[34] é outro grupo que defende os dereitos LGBT en Marrocos.[35]
Desde 2007, o 20 de outubro, os homosexuais marroquís celebran o seu día nacional, unha especie de orgullo gai, pero con moita discreción e segredismo ou no estranxeiro. A data conmemora o suicidio de Leila Amrouche, unha lesbiana que preferiu a morte a un matrimonio forzado co que a súa familia pretendía curar a súa homosexualidade.[36]
O 2 de xuño, o baxista de Placebo, Stefan Olsdal, durante o festival de música Mawazine, mostrou no seu torso espido o número 489 riscado, en referencia ao artigo 489 do código penal, en protesta pola ilegalidade da homosexualidade.[37] En xuño de 2015, Lara Alcázar, voceira española de Femen, foi detida e expulsada de Marrocos.[37] Semella ser que Alcázar ía formar parte da protesta realizada por dúas militantes de Femen francesas, que o 3 de xuño se mostraron en topless e bicándose, con mensaxes a favor dos dereitos LGBT escritos sobre o seu torso, na Torre Hasán. Ambas tamén foron expulsadas.[38] Ao día seguinte, dos homes achegáronse ao mesmo lugar, a Torre Hasán, para bicarse. Ambos foron detenidos e enfróntanse a penas de ata tres anos de cárcere.[39] Lahcen e Mohsine, a pesar do apoio de máis de 74.000 persoas que recibiron nunha petición internacional organizada polo Colectivo Aswat, recibiron unha condena de catro meses.[40][41]
Subcultura LGTB
[editar | editar a fonte]O rexeitamento social e legal provocou que a homosexualidade masculina se viva de xeito oculto. Moitos homes homosexuais casan e teñen fillos, mentres que, detrás da fachada de respectabilidade social, continúan mantendo encontros sexuais clandestinos con outros homes en cafés, cines, clubs nocturnos, hammams etc.[2] Tamén existen lugares de encontro en parques públicos.[1]
Nas grandes cidades, Tánxer, Casablanca e sobre todo Marrakech, existen algúns lugares de encontro para homosexuais, coñecidos no ambiente, pero nos que o público está mesturado, homo, bi e heterosexuais, e que son practicamente indistinguibles dos demais bares, cafés e discotecas. Nalgúns, os homosexuais reciben mesmo algunha protección de agresións externas.[1]
Internet cambiou bastante o panorama LGTB en Marrocos. Empréganse páxinas árabes e francesas, como Gaymaroc.net, para facer amizades e saír do illamento.[1]
Cultura LGTB
[editar | editar a fonte]Rachid O. foi o primeiro autor en recoñecer publicamente a súa homosexualidade. Con todo, a identidade de Rachid O. non se fixo pública e os seus libros só se publicaron baixo pseudónimo en Francia.[24]
O escritor homosexual máis coñecido é Abdellah Taia, que saíu do armario en xaneiro de 2006 nunha entrevista na revista TelQuel, o primeiro en facelo desta maneira. Taia vive autoexiliado en París onde traballa como xornalista.[42] A obra de Taia reflicte, aínda que non exclusivamente, o feito de crecer como homosexual en Marrocos durante os anos oitenta e os anos noventa, cun fondo autobiográfico.[43]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ 1,0 1,1 1,2 1,3 1,4 1,5 Laetitia Grotti e Maria Daïf (2004). "Être homo au Maroc". TelQuel (en francés). Arquivado dende o orixinal o 04 de febreiro de 2009. Consultado o 14 de febreiro de 2009.
- ↑ 2,0 2,1 2,2 2,3 AA.VV. "Morocco". The International Encyclopedia of Sexuality (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 26 de decembro de 2008. Consultado o 14 de febreiro de 2009.
- ↑ 3,0 3,1 3,2 Aldrich, Robert (Ed.) (2007). Gleich und anders. Hamburgo: Murmann. 978-3-938017-81-4.
- ↑ 4,0 4,1 "Morocco: Protect Rights to Privacy and Fair Trial". Human Rights Watch (en inglés). 25 de febreiro de 2008. Consultado o 13 de febreiro de 2009.
- ↑ "Morocco". Behind the mask (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 27 de febreiro de 2009. Consultado o 13 de febreiro de 2009.
- ↑ I. Cembrero (4 de xuño de 2004). "Redada contra homosexuales de Tetuán que querían asociarse". El País (en español). Consultado o 14 de febreiro de 2009.
- ↑ 7,0 7,1 7,2 Flick (27 de marzo de 2016). "Difunden en redes sociales imágenes de una brutal agresión a una pareja gay marroquí". Dos Manzanas (en español). Consultado o 28 de marzo de 2016.
- ↑ ju (16 de maio de 2010). "Erstes schwullesbisches Magazin in Marokko". QueerNews.at (en alemán). Arquivado dende o orixinal o 17 de xullo de 2010. Consultado o 13 de xuño de 2010.
- ↑ "Brite in Marokko verurteilt". Queer.de (en alemán). 5 de outubro de 2004. Consultado o 13 de febreiro de 2009.
- ↑ "Arrests After ‘Gay Swoops’ in Bahrain, Egypt and Morocco". UK Gay News (en inglés). 23 de xaneiro de 2009. Arquivado dende o orixinal o 05 de febreiro de 2009. Consultado o 13 de febreiro de 2009.
- ↑ I. Cembrero (16 de xuño de 2004). "Los islamistas, contra los 'gays'". El País (en español). Consultado o 7 de xullo de 2007.
- ↑ I. Cembrero (25 de marzo de 2008). "La gendarmería de Marruecos detiene a 21 homosexuales". El País (en español). Consultado o 14 de febreiro de 2009.
- ↑ staff writer (6 de marzo de 2009). "Revuelo islamista contra la homosexualidad en Marruecos". afol News (en español). Arquivado dende o orixinal o 10 de marzo de 2009. Consultado o 26 de marzo de 2009.
- ↑ I. Cembrero (24 de marzo de 2009). "Marruecos anuncia el fin de toda tolerancia con la homosexualidad". El País (en español). Consultado o 26 de marzo de 2009.
- ↑ Martinez, Aashta (8 de outubro de 2014). "Un británico de 69 años, condenado a cuatro meses de prisión en Marruecos por homosexualidad y finalmente liberado". Dos Manzanas (en español). Consultado o 11 de xaneiro de 2015.
- ↑ Martinez, Aashta (16 de outubro de 2014). "El turista británico detenido en Marruecos por homosexualidad narra su calvario en prisión". Dos Manzanas (en español). Consultado o 11 de xaneiro de 2015.
- ↑ "En libertad el español detenido en Marrakech por practicar la homosexualidad". 20 Minutos (en castelán). EFE. 24 de novembro de 2016. Consultado o 26 de novembro de 2016.
- ↑ Flick (11 de maio de 2013). "Marruecos: tres años de cárcel a dos hombres por mantener una relación homosexual". Dos Manzanas (en español). Consultado o 11 de xaneiro de 2015.
- ↑ Flick (22 de maio de 2013). "Marruecos: nueva condena de cárcel por mantener relaciones homosexuales". Dos Manzanas (en español). Consultado o 11 de xaneiro de 2015.
- ↑ Calibán (23 de maio de 2014). "Marruecos: seis hombres condenados a penas de prisión por cometer actos homosexuales". Dos Manzanas (en español). Consultado o 11 de xaneiro de 2015.
- ↑ McCormick, Joseph Patrick (19 de xuño de 2015). "More than 20 people arrested in Morocco accused of homosexuality". Ink News (en inglés). Consultado o 20 de xuño de 2015.
- ↑ Véxase tamén: Homosexualidade e islam
- ↑ Maruja Torres (5 de agosto de 2004). "Ibrahim de día, sultana de noche". El País (en español). Consultado o 15 de febreiro de 2009.
- ↑ 24,0 24,1 Ignacio Cembrero (16 de xullo de 2006). "El escarnio diario de Ahmed". El País (en español). Consultado o 15 de febreiro de 2009.
- ↑ 25,0 25,1 Flick (3 de xullo de 2015). "Una horda de salvajes agrede brutalmente a una mujer tránsgenero en Fez (Marruecos)". Dos Manzanas (en español). Consultado o 28 de marzo de 2016.
- ↑ "Una muchedumbre apalea a un presunto travesti en Marruecos". 20 Minutos. EFE. 30 de xuño de 2015. Consultado o 10 de abril de 2016.
- ↑ "Una veintena de ONG piden libertad para los homosexuales marroquíes agredidos". 20 Minutos. Agencias. 29 de marzo de 2016. Consultado o 10 de abril de 2016.
- ↑ Un vídeo mostrando imaxes da festa e dos disturbios posteriores pódese ver en Mariage ou semblant d'homosexuels à Ksar el kabir maroc en Dailymotion
- ↑ 29,0 29,1 29,2 Doug Ireland (20 de decembro de 2007). "Homo Witch Hunt in Morocco". Gay City News (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 18 de abril de 2009. Consultado o 13 de febreiro de 2009.
- ↑ ACN Press (16 de decembro de 2007). "La homosexualidad se debate en Marruecos por la primera vez en la historia". Canarias24horas.com (en inglés). Consultado o 13 de febreiro de 2009.[Ligazón morta]
- ↑ Ignacio Cembrero (19 de xaneiro de 2008). ""¡No a la Inquisición en Marruecos!"". El País (en español). Consultado o 7 de xullo de 2007.
- ↑ "Colectivo LGBTQ de Marrocos: Web oficial". Arquivado dende o orixinal o 29 de novembro de 2016. Consultado o 07 de abril de 2019.
- ↑ "Présentation Menna w Fena". Menna w Fena (en francés). Arquivado dende o orixinal o 03 de marzo de 2016. Consultado o 23 de xuño de 2017.
- ↑ "مجلة أصوات للأقليات الجنسية بالشرق الأوسط والمغرب الكبير". Aswat Magazine LGBT فيسبوك (en árabe). Consultado o 20 de xuño de 2015.
- ↑ "Collectif Aswat - مجموعة أصوات". Facebook (en árabe - francés - inglés). Consultado o 20 de xuño de 2015.
- ↑ Erena Calvo (20 de outubro de 2011). "Los homosexuales marroquíes, entre el miedo y la desprotección, celebran su día". El Mundo (en español). Consultado o 22 de outubro de 2011.
- ↑ 37,0 37,1 Amadeu, Juli (6 de xuño de 2015). "Marruecos expulsa a una cooperante española, detiene a una pareja gay y denuncia que desde el extranjero se trata de “socavar la moral pública”". Dos Manzanas (en español). Consultado o 6 de xuño de 2015.
- ↑ Morgan, Joe (3 de xuño de 2015). "Morocco expels two topless women over gay kiss protest". Gay Star News (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 20 de xuño de 2015. Consultado o 6 de xuño de 2015.
- ↑ Wee, Darren (5 de xuño de 2015). "Morocco arrests two men for kissing in public". Gay Star News (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 10 de xuño de 2015. Consultado o 6 de xuño de 2015.
- ↑ Amadeu, Juli (17 de xuño de 2015). "Más de 71.000 personas exigen la exoneración de dos jóvenes detenidos en Marruecos por ser homosexuales". Dos Manzanas (en español). Consultado o 20 de xuño de 2015.
- ↑ Collectif Aswat (19 de xuño de 2015). "Ils vont passer quatre mois derrière les barreaux uniquement parcequ'ils sont gays!". Facebook (en francés). Consultado o 20 de xuño de 2015.
- ↑ Trinidad Deiros (28 de setembro de 2008). "Mi país vive en la negación de la homosexualidad". Público (en castelán). Consultado o 14 de febreiro de 2009.
- ↑ Kersten Knipp (27 de xuño de 2008). "Der marokkanische Schriftsteller Abdellah Taïa. Melancholie und Einspruch". antara.de (en alemán). Consultado o 14 de febreiro de 2009.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]A Galipedia ten un portal sobre: Diversidade sexual |
Outros artigos
[editar | editar a fonte]Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- WilliamAPercy.com («Africa, North», páxs. 19-22, de Geoff Puterbaugh, en Encyclopedia of Homosexuality, editada por Wayne R. Dynes. Garland Publishing, 1990.
- Erena Calvo (2011). "Los homosexuales marroquíes, entre el miedo y la desprotección, celebran su día". El Mundo (en castelán). Consultado o 22 de outubro de 2011.
- DeriveApprodi.org («Arabi e noi» [os árabes e nós], de Vincenzo Patanè, 2002; en italiano).
- GayMaroc.net (páxina web para a comunidade LGBT de Marrocos).
- GayMaroc.org (foro para homosexuais de Marrocos).
- Homosexuality in Morocco & in Islam, vídeo en YouTube en cinco partes 1, 2, 3, 4 e 5, (en inglés).
- Djamel Belayachi (2010). "Being gay in Morocco". Afrik.com (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 10 de xuño de 2010. Consultado o 13 de xuño de 2010.