Poesía homoerótica hispano-árabe
Existe unha recorrente presenza de poemas de carácter homoerótico na poesía hispanoárabe. A literatura erótica, a miúdo da máis alta calidade, floreceu na cultura islámica nunha época na que a homosexualidade, introducida como un refinamento cultural na cultura omeia, xogaba un papel importante nela[1].
Historia e características
[editar | editar a fonte]Entre os reis andalusíes a práctica da homosexualidade con mozos era bastante corrente; entre eles, o abadí Al-Mu'tamid de Sevilla e Yusuf III do reino nazarí de Granada escribiron poesía homoerótica. A preferencia polos cristiáns escravos no canto de mulleres ou efebos da súa propia cultura contribuíu a provocar a hostilidade dos reinos cristiáns. Tamén entre a comunidade xudía de al-Ándalus a homosexualidade foi incluso normal entre a aristocracia.[2]
A contradición entre a condenatoria legalidade relixiosa e a permisiva realidade popular foi superada mediante o recurso a unha sublimación neoplatónica, o «amor udrí», dunha ambigua castidade. O obxecto de desexo, xeralmente un criado, escravo ou prisioneiro, invertía o rol social na poesía, converténdose en dono do amante, do mesmo modo que sucedeu co amor cortés da Europa medieval cristiá.[1]
O homoerotismo presente na poesía andalusí establece un tipo de relación similar ó descrito na antiga Grecia: o poeta adulto asume un papel activo fronte a un efebo, que asume o pasivo, o que chegou a producir un tópico literario, o da aparición do bozo que permite, dada a ambigüidade descritiva dos poemas, tanto nas imaxes como nos usos gramaticais, identificar o sexo do amante descrito. Gran parte da poesía erótico-amorosa da época dedícase ó copeiro ou escanciador de viño, combinando os xéneros báquico (خمريات jamriyyat) e homoerótico (مذكرات mudhakkarat).[1][3][4]
Comezou a florecer na primeira metade do século IX, durante o reinado de Abderramán II, emir de Córdoba. A caída do Califato de Córdoba no século XI e o subseguinte dominio dos almorábides e a división nos reinos de taifas, descentralizaron a cultura por todo al-Ándalus, producindo unha época de esplendor na poesía. A invasión almohade trouxo o xurdimento de novas cortes literarias nos séculos XII e XIII. A maior autonomía feminina nesta etnia norteafricana fixo aparecer un maior número de poetisas, algunhas das cales escribiron tamén poemas que cantaban a beleza feminina.[5][6][7]
Contexto
[editar | editar a fonte]A civilización desenvolvida no Califato Omeia dende Córdoba competía coa da Europa cristiá e incluso chegou a superala. Tras a morte de Carlomagno no ano 814 e o posterior declive do seu Imperio, a única cidade que rivalizaba con Córdoba en Europa era Constantinopla, capital do Imperio bizantino e situada ó outro extremo do continente. Os califas de Córdoba superaban ós seus contemporáneos bizantinos en cultura. A literatura, en especial a poesía, foi cultivada con entusiasmo, como sucedía en todos os países árabes; durante a época, o árabe chegou a superar ó latín como lingua nas obras sobre medicina, astronomía e matemáticas; os cristiáns da península aprendían árabe para perfeccionar un expresivo e elegante estilo, e eruditos de toda a Europa cristiá viaxaban a Toledo ou a Córdoba para realizaren os seus estudos. É probable que mantivesen un estándar de administración pública superior: moitos dos súbditos cristiáns e xudeus preferían o goberno dos infieis, cuxa lexislación non era máis intolerante que as leis cristiás.[5]
Tras a conquista árabe no ano 711 produciuse un florecemento único na Península Ibérica da poesía homoerótica, que repetía un fenómeno do mundo islámico en xeral, con paralelismos na lírica erótica de Iraq, Persia, Afganistán, a India, Turquía e países do norte de África como Exipto, Tunisia e Marrocos. As antoloxías de poesía medieval islámica das grandes capitais árabes mostran, ó longo de case un milenio, a mesma corrente de homoerotismo apaixonado que se atopa nos poemas de Córdoba, Sevilla ou Granada.[5]
A homosexualidade, consentida baixo a base dunha tolerancia coránica xeral aos pecados da carne, introduciuse como un refinamento cultural entre os Omeyas, pese ás protestas dalgunhas escolas xurídicas. Así, Ibn Hazm de Córdoba foi tolerante co homoerotismo, mostrando só a súa reprobación cando se mesturaba con algún tipo de inmoralidade pública, actitude que, polo que parece, compartían os seus contemporáneos.[1]
Tanto no filosófico como no literario o clasicismo grego foi coñecido e respectado polos autores andalusís, cuxa labor de tradución e compilación foi esencial na supervivencia de moitos textos clásicos. Moitos dos temas da poesía andalusí, como o eloxio da beleza efébica, beben directamente da poesía homoerótica grega, que coñeceron a través de traducións dende a época da gran biblioteca da Córdoba do califa omeia Hisham II.[8]
A lei islámica e a homosexualidade
[editar | editar a fonte]A severidade e a intolerancia que caracterizaban o xudaísmo e o cristianismo tradicionais en materia sexual reapareceron nas leis da terceira relixión abrahámica. Respecto á homosexualidade, algunhas importantes escolas, como a do teólogo Malik de Medina ou a do literalista Ibn Hanbal, contemplaban a pena de morte, xeralmente por lapidación. Outras escolas de leis máis liberais reduciron o castigo á flaxelación, xeralmente cen lategazos.[5]
Porén, outros aspectos da cultura islámica mostran certa contradición coa severidade, herdada do Vello Testamento, que dominaba a legalidade do islam a este respecto. A actitude popular era moito menos hostil co homoerotismo e os visitantes europeos sorprendíanse da relaxada tolerancia con este tema entre os árabes, que non parecían encontrar nada contranatural nas relacións entre homes e rapaces. Nos tratados árabes medievais sobre o amor, esta chamada "intoxicación emocional" é provocada non só polo amor das mulleres, senón tamén polo de rapaces e outros homes. Mentres no resto de Europa era penada coa fogueira, en al-Ándalus a homosexualidade era común e intelectualmente prestixiosa; a obra de autores como Ibn Sahl de Sevilla, explícita neste sentido, levouse a todos os confíns do mundo islámico como exemplo de poesía amorosa.[5][8]
A única mención de Ibn Hazm ó lesbianismo en O colar da pomba é, en aplicación do islam, condenatoria. Pero as referencias árabes ó lesbianismo non son tan aparentemente condenatorias: menciónanse polo menos unha ducia de romances entre mulleres en The Book of Hind, ela mesma unha lesbiana arquetípica; perdeuse un Tratado sobre o lesbianismo (Kitab al-Sahhakat) do século IX, e traballos posteriores sobre erotismo árabe contiñan capítulos sobre este tema. Algunhas mulleres en al-Ándalus tiveron acceso á educación e puideron escribir libremente. Nos seus poemas, o amor por outra muller está tratado do mesmo xeito que o dos poetas homes por outros homes.[5][9]
En parte esta tolerancia ó homoerotismo é debida a que o islamismo non recoñece unha separación tan marcada entre a carne e o espírito como o cristianismo e ten aprecio polo pracer sexual. Outras razóns poderían ser estéticas: no Corán é un home, Yūsuf (o patriarca cristián Xosé), quen na azora XII é presentado como o máximo representante da beleza. En tal texto coránico móstrase tamén o concepto platónico de que o amor nace da beleza, de modo terrible, arrebatador. García Gómez sinala na súa introdución a O colar da pomba que os musulmáns chaman "al-iftitān bi-l-suwar" ó "trastorno ou conmoción que sofren as almas ó contemplaren a beleza concretada en formas harmoniosas", ilustrándoo coa historia das nobres exipcias que se cortan os dedos mentres pelan laranxas, arrebatadas pola beleza de Yūsuf.[1][10]
Entre os reis andalusíes a práctica da homosexualidade con mozos era bastante corrente; Abderramán III, Alhakén II (quen tivo descendencia por primeira vez á idade de 46 anos, cunha escrava vasca cristiá que se travestía á moda de Bagdad, coma se fose un efebo), Abd Allah da Taifa de Granada, o nazarí Muhammed VI; entre eles, o abadí Al-Mu'tamid da Taifa de Sevilla e Yusuf III do Reino nazarí de Granada escribiron poesía homoerótica; Abderramán III, Alhakén II, Hisham II e Al-Mu'tamid mantiveron abertamente haréns masculinos. Consta que os hispanoárabes preferían como compañeiros sexuais ós cristiáns e cristiás escravos antes que ás mulleres ou ós efebos da súa propia cultura, o que provocaba a inimizade e as continuas hostilidades dos reinos cristiáns. É coñecido o martirio do neno cristián Paio por resistirse ós desexos de Abderramán III, primeiro califa omeia de Córdoba, feito polo que foi posteriormente canonizado.[2][8]
Tamén entre a comunidade xudía de al-Ándalus a homosexualidade foi incluso normal entre a aristocracia. Citando o tomo colectivo Aspects of Jewish Culture in the Middle Ages (1979), en España había "unha cultura cortesá e aristocrática caracterizada por un individualismo romántico [no cal había] unha intensa exploración de todas as formas da sexualidade liberadora: heterosexualidade, bisexualidade, homosexualidade". O pracer homosexual non só era frecuente, senón que se tiña por máis refinado entre os acomodados e os cultos; polo que parece, existen datos que indican que os prostitutos sevillanos a principios do século XII cobraban máis que as súas compañeiras femininas e tiñan unha clientela de clase máis elevada. As prostitutas quedaban relegadas á plebe urbana e, sobre todo, ós campesiños que visitaban as cidades.[2][8]
Homoerotismo na literatura andalusí
[editar | editar a fonte]Para superar a contradición entre a legalidade relixiosa e a realidade popular, a literatura árabe recorreu a un curioso hadiz atribuído ó mesmo Mahoma: "Aquel que ama e se mantén casto e oculta o seu secreto e morre, morre como un mártir". O poeta, aprehensor de beleza, víase impelido a cantar a beleza masculina. A sublimación do amor cortés a través do neoplatonismo, de cantar a beleza corporal transcendida en Beleza ideal, permitía ó poeta expresar os seus sentimentos homoeróticos sen perigo de censura moral.[1][5]
O amor homosexual (مذكرات mudhakkarat) como tema literario deuse no ámbito da poesía en todo o mundo árabe; o xurista e literato persa Muhammad ibn Dawud (868-909) escribiu ós dezaseis anos o Libro da flor, unha antoloxía dos estereotipos da lírica amorosa que dedica amplo espazo ós versos homoeróticos; Emilio García Gómez salienta que a angustia de Ibn Dawud, debida á paixón homoerótica que sentiu toda a súa vida por un dos seus compañeiros de escola (a quen lle dedicou o libro), foi un resorte que lle conduciu a concretar un platonismo que García Gómez identifica como un "anhelo colectivo" na cultura árabe de reconducir un "nobre caudal espiritual" que non atopaba saída. Ibn Dawud revestiuno co mito árabe do "amor udrí", cuxo nome provén da tribo dos Banu Udra, que ven significar "Fillos da Virxindade": un idealismo refinado creado polos retóricos orientais, unha "ambigua castidade", segundo García Gómez, que era "unha mórbida perpetuación do desexo".[10]
Tanto a tradición punitiva como a sentimental figuran na literatura andalusí, e destacadamente nos escritos do seu máis coñecido teórico do amor, Abu Muhammad 'Ali ibn Ahmad ibn Sa'id ibn Hazm (994-1064), máis coñecido como Ibn Hazm, que di do amor n'O colar da pomba:
Non está reprobado pola fe nin vedado na santa Lei, por canto os corazóns están nas mans de Deus Honrado e Poderoso, e boa proba de iso é que, entre os amantes, se contan califas e rectos imáns.Ibn Hazm
Para Ibn Hazm, o amor escapa ó control do home, "é unha especie de natureza, e o home só ten poder sobre os movementos libres dos seus órganos". N'O colar da pomba, nunha mestura de xeneralizacións teóricas e exemplificacións ou anécdotas persoais (aínda que a gran maioría se refiren ó amor heterosexual, especialmente por hermosas esclavas), intercálanse repetidamente as historias de homes que se namoran doutros homes. En ocasiones a atribución é escura, dado que o texto, referíndose neutralmente ó ser amado, pode estar dedicado tanto a un home como a unha muller:[5]
Outras sinais son: que o amante voe presuroso ao sitio onde está o amado; que busque pretextos para sentar ó seu carón e acercarse a el; e que abandone os traballos que lle obrigarían a estar lonxe del, que dea ó traste cos asuntos graves que lle forzarían a separarse del, e se faga o calaceiro en marchar do seu lado.Ibn Hazm.
Da influencia bagdadí de Ibn Dawud os andalusís aprenderon as regras do xogo do amor cortés: a inasequibilidade do ser amado porque pertence a outro (non por adulterio, senón porque xeralmente se trataba dun escravo doutro dono); o espía, o amigo favorable, o calumniador... forman parte dunha serie de figuras preestablecidas que acompañaban ós amantes na súa historia.[1][3]
Outro dos poetas que cantaron os praceres ilícitos do vino e os efebos foi Abū Nuwās al-Hasan Ibn Hāni' al-Hakamī, máis coñecido como Abu Nuwas (Ahvaz, Irán, 747 - Bagdad, 815). O amor homoerótico que celebraba é similar ó descrito na antiga Grecia: o poeta adulto asume un rol activo fronte a un adolescente que se lle somete. O interese polos efebos era completamente compatible co interese polas mulleres; ambos compartían un papel socialmente subordinado, feito que na poesía se enfatizaba mostrándoos como membros dunha clase inferior, ou escravos ou cristiáns cativos.
Cabe salientar que, así como o rol activo non era socialmente condenado, o adulto que tomaba un papel pasivo na relación homosexual era obxecto de escarnio. Por iso a diferenza de idade entre amante e amado era crucial nunha relación homosexual; de aí que a aparición do velo facial no efebo fose un topos extremadamente popular na poesía homoerótica árabe, porque marcaba a transición a unha situación insostible, aínda que enseguida xerou unha resposta na defensa da beleza que se mantiña nun mozo plenamente barbado.[3]
Estrofas e xéneros da poesía árabe clásica
[editar | editar a fonte]A poesía árabe clásica usaba tres tipos básicos de versos ou formas estróficas: a casida, unha oda longa e monorrima; a qita ou quita, fragmento ou poema breve e monorrimo sobre un só tema ou imaxe; e a muwassah ou moaxaja, unha forma estrófica que apareceu máis tarde. Estes dous últimos dedicábanse usualmente a cuestións relacionadas cos praceres da vida, descricións do viño e do seu consumo, o amor ou expresións de pesar polo efémero de tales praceres.[11][12]
A casida era a forma habitual para os grandes xéneros: o panexírico ou madih, en honra ou louvanza dun grande home; o elexíaco, ritza ou martiyya, conmemorando a morte dun grande home; e o xénero satírico, hiya ou hichá, no que se ridiculiza ó inimigo. A casida de xénero erótico era coñecida como nasib e estaba estreitamente unida co ogniya, os versos adaptados ó canto e o acompañamento musical, cultivado por numerosas poetisas. Todos estes xéneros poden considerarse, ata certo punto, variantes impregnadas do assifat o xénero descritivo, polo luxo exuberante de imaxes e matices das que facía gala a poesía andalusí.[11][12]
Dous xéneros ou temáticas nos que pode atoparse poesía homoerótica son a jamriyyat ou khamriyyat (poesía báquica) e o xénero erótico-amoroso, o ghazal ou gazal, que segundo o sexo do obxecto de desexo pode coñecerse como mu'annathat, se é dedicado a unha muller, ou mudhakkarat se é dirixido a homes novos. Unha inmensa maioría deste tipo de poesía refírese ó copeiro, combinando o tema báquico e o erótico.[4][13]
Séculos IX e X. Época omeia
[editar | editar a fonte]A poesía erótica comezou a florecer en al-Ándalus baixo o mandato de Abderramán II (792-852) no daquela Emirato de Córdoba. O seu neto Abd Allah I (844-912) xa escribiu versos amorosos para unha «gacela de ollos escuros», segundo recolleu Ibn Hazm. A ambigüidade nos usos gramaticais estendíase ás imaxes utilizadas para describir a beleza tanto dos efebos como das doncelas, dificultando saber o sexo do amante descrito. Existían, porén, algúns indicios que en ocasións quedan enmascarados nas traducións: algúns termos femininos, como gacela e lua, en árabe son masculinos. Outro indicativo era a alusión do velo facial, o bozo que aparece no rostro do efebo tanto diminuíndo a súa beleza como aumentando o seu atractivo ó evidenciar a súa masculinidade.[1][5]
Oh ti, en cuxas meixelas escribiu o velo dúas liñas que,
ó destruíren a túa beleza, espertan ansias e coidados!
Non sabía que o teu ollar era un sabre, ata agora
que te vexo vestir os tahalíes do velo.Ibn Said al-MaghribiO libro das bandeiras dos campións
Ibn Abd Rabbihi (Córdoba, 860-940), poeta das cortes de Abd Allah I e Abderramán III e un dos máis temperáns representantes das belas letras andalusíes, escribiu sobre un mozo no típico ánimo de sometemento ó amado.[5][15]
Dinlle aquilo que me pedía, fixen del o meu señor...
O amor puxo bridas no meu corazón
como un cameleiro pon bridas no seu camelo.
Outro dos temas da poesía árabe era a poesía báquica (خمريات jamriyyat), celebrando, pese ás prohibicións relixiosas, o viño e a embriaguez; en ocasións mesturábase co homoerotismo na figura do copeiro ou escanciador. Así, algúns poetas foron máis explícitos e menos castos na expresión da súa paixón, como Ali ibn Abi l-Husayn (m. 1038):[1]
Cantas noites me serviron as copas
as mans dun corzo que me compromete!
Facíame beber dos seus ollos e da súa man
e era embriaguez sobre embriaguez, paixón sobre paixón.
Eu tomaba os beixos das súas meixelas e mollaba os meus beizos
na súa boca, ambas máis doces que o mel.Ibn al-Kattānī, Tašbīhāt, nº 177.
Era relativamente frecuente na poesía amorosa árabe que o obxecto de desexo fose un escravo ou cativo. Non era estraño que se tratase de xente blonda; o mesmo Ibn Hazm sinalaba que varios califas se inclinaban pola cor loura, incluso que moitos deles, por herdanza materna e dada esta preferencia familiar, eran louros e de ollos azuis. Yusuf ibn Harun ar-Ramadi (926-1013) escribiu sobre un escravo louro:[1]
Turbado polas miradas, pareceríache
que acaba de espertar do sopor do soño,
a brancura e a rubicundez asócianse na beleza,
sen que sexan contrarias, pois son semellantes;
como cadeas de ouro roibento sobre un rostro de prata,
así a aurora, branca e loura,
é a que parece imitalo.
Cando aparece o rubor nas súas meixelas
é como o viño puro en cristal de rocha.Ibn al-Kattānī, Tašbīhāt, nº 233.
Noutro poema, Ar-Ramadi deu proba da súa bisexualidade narrando unha noite de paixón cun efebo e unha escrava: "Estendía a miña man ó pavo real unhas veces / e outras retirábame cara a rula". Ar-Ramadi, panexirista de Almanzor e un dos máis destacados poetas cordobeses do século X, chegou a namorarse tanto dun mozo cristián que facía o sinal da cruz cando bebía viño. Cando a súa turbulenta carreira política o levou a prisión, namorouse dun escravo negro: "Mirei nos seus ollos e embriagáronme... Eu son o seu escravo e el é o meu señor". Esta submisión e inversión dos roles sociais na poesía árabe aseméllase ó romanticismo de cabalarías da Europa medieval cristiá.[1]
Cabe mencionar tamén a Ibn Hani ibn Sa'dun (c. Sevilla, 927-972) que destacou no Califato de Córdoba polo atrevemento da súa lírica. Nas súas poesías, que conxugaban as correntes clásicas de tradición beduína coas renovacións modernistas, practicou o xénero do autoeloxio ou a xactancia (fajr), facendo gala tanto da súa homosexualidade como da súa adscrición ó xiísmo, facción do islam perseguida no seu tempo polos Omeias.[16]
Século XI, o esplendor da poesía árabe clásica
[editar | editar a fonte]A caída do Califato Omeia e a fragmentación subseguinte nos reinos de taifas produciron un éxodo dos poetas ás distintas cortes que se formaron, descentralizando a cultura a todo al-Ándalus. Ó crecer o número de cortes creceu o de poetas, e a posibilidade de que xurdiran bos creadores.[6]
Córdoba
[editar | editar a fonte]En Córdoba destacou a figura do extraordinario poeta e filólogo Ibn Suhayd (992-1035), fillo dun ministro de Almanzor. Ibn Suhayd presentábase como un personaxe cínico e libertino, imaxe que el mesmo se encargou de difundir e que pode lembrar a Lord Byron. Cultivou os xéneros modernistas, que cantaban os praceres da vida: o amor, o viño, a caza, o sentimento grato da natureza, porque reflectían a súa forma de vivir, a súa evidente actividade báquica e bisexual, a súa actitude en contra do establecido. Nun dos seus poemas, tras describir unha festa con mulleres novas en flor, aparece un paxe real, un efebo adolescente e efeminado:[6]
Eu seguino ata a porta da súa casa,
porque hai que seguir á peza ata alcanzala,
ateino coas miñas rendas
e foi dócil ó meu bocado.
Fun beber ós pozos do desexo
e pasei por riba da vileza do pecado...Ibn Suhayd, Dīwān
O máis aclamado lírico desta época é o cordobés Ibn Quzman (c. 1080-1160), considerado un dos grandes poetas medievais. Alto, louro e de ollos azuis, Ibn Quzman foi un bohemio irreverente que levaba e facía gala dunha vida licenciosa. A súa figura lembra a do bagdadí Abu Nuwas na corte de Harun al-Rashid, tamén completamente liberal no canto ó seu homoerotismo.[9]
Teño un amado alto, branco, blondo.
Viches de noite a lúa? Pois el brilla máis
Deixoume o traidor e veu logo a verme e a saber as miñas novas:
tapou a miña boca, calou a miña lingua,
fixo como a lima cos meus barruntos.Ibn Quzman[17]
Lonxe das casidas e dos cánones do verso clásico árabe, Ibn Quzman levou ó seu máis alto nivel o zéjel, un tipo de moaxaja ou poesía en estrofas que se escribía en árabe dialectal hispánico. Nun estilo deliberadamente popular e profuso en situacións eróticas, os seus zéjeles celebraban o viño, a festa e o amor por mulleres e mozos. Ibn Quzman gustaba dos praceres da vida e de ir sempre ben vestido, pero odiaba traballar:[18]
Dende que nacín ata agora, práceme o descaro,
e hai algunhas cousas que nunca me faltan:
con todo bebedor e fornicador me xunto.Ibn Quzman
Cando alguén lle recordou que quen é serio nesta vida será recompensado co Paraíso, o irreverente Ibn Quzman respondeulle estar no Paraíso nesta vida, vindicando o seu libertino estilo de vida:[18]
Se o paraíso me desen, viño sería
e amar beldades.
Alí fomos de broma e desenfreo,
agora con mozos, logo con mulleres;
correron copas e houbo o que houbo.
Conselleiros, deixádevos de monsergas:
o meu vicio é a miña virtude!Ibn Quzman.
Golpeado pola pobreza ó final dos seus días, e encarcerado repetidas veces acusado de herexía pola súa actitude de desafío ás autoridades relixiosas, Ibn Quzman acabou os seus días dedicado ó ensino nunha mesquita.[2][18]
Sevilla
[editar | editar a fonte]Sevilla converteuse nun reino independente, unha taifa, baixo a soberanía dos Banu 'Abbad, unha rica e aristocrática familia de provincias que gobernou con intelixencia, falta de escrúpulos, ambición, valor, orgullo e unha elevada sensibilidade estética, e que conduciu a Sevilla a ser a capital poética da Al-Ándalus dos reinos de taifas. A poesía sevillana adquiriu un novo grado de exquisitez e beleza formal no reinado de Al-Mutadid (Sevilla, ? - 1069), rei da taifa de Sevilla (1042-1069). Un dos mellores poetas da súa corte, na que os ministros eran poetas e os poetas ministros, foi o seu propio fillo Al-Mu'tamid (1040-1095). Dende ben novo uniulle unha «amizade equívoca e apaixonada» con outro dos grandes poetas da época, Ibn Ammar (1031-1086), tamén coñecido como Ibn Ammar ou Abenamar, do que foi discípulo en Silves. Desterrado por Al-Mutadid a Zaragoza para evitar a perniciosa influencia sobre o seu fillo, Ibn Ammar escribiu unha casida ó rei pedindo perdón, pero talvez a mención das súas diversións e das súas noites de mocidade con Al-Mutamid en Silves provocou que a casida non tivese efecto:[6]
Ó lembrar o tempo da miña mocidade, é como se se me prendese
o lume do amor no peito.
Aquelas noites nas que non facía caso da sensatez do consello
e seguía os erros dos aloucados;
condenei ó insomnio ás pálpebras somnolentas
e recollín o tormento das tenras gaias.Ibn Bassam, Dajira.
Pese a queixarse do seu destino en Zaragoza, Ibn Ammar puido dedicar aos seus gazais, xénero que dominou con mestría, ós belos efebos da corte de Ibn Hud. Á morte de Al-Mutadid, o novo rei Al-Mutamid mandou traer de novo ó seu antigo amigo e amante, e xuntos gobernaron Sevilla, como rei e ministro. Ó final das súas vidas a súa relación torceuse por un enfrontamento de Ibn Ammar, daquela gobernador de Murcia, co rei de Valencia; Al-Mutamid escribiu unha casida satírica, na que ridiculizaba as orixes humildes de Ibn Ammar. Na casida coa que lle respondeu o poeta burlábase dos abadíes, da esposa e fillos de Al-Mutamid, e acusáballe de sodomía, lembrando os días de Silves:[6]
Abrazábate a cintura tenra,
bebía da boca auga clara.
Eu contentábame co que era permitido,
pero ti querías aquilo que non o é.
Exporei aquilo que ocultas:
¡Oh gloria da cabalería!
Defendiches as aldeas,
pero violaste as persoas.Al-Mu‘tamid.
Cando máis adiante Al-Mutamid puido apresar a Ibn Ammar perdoouno, pero ó decatarse de que este se vanagloriaba do seu indulto entrou en cólera e matouno coas súas propias mans. Tras o cal, porén, chorouno e ofreceulle un suntuoso funeral.[5]
Levante
[editar | editar a fonte]Os antigos funcionarios do califato apoderáronse das provincias do Levante da Península Ibérica, o Sarq al-Ándalus, que coa chegada das elites cordobesas tivo un gran desenvolvemento urbanístico e cultural. Ibn Jafaya de Alzira (1058-1139) pode considerarse un dos mellores poetas modernistas de al-Ándalus. Destacou especialmente polo desenvolvemento do tema modernista do xardín (rawdyyāt), ata o punto que a lírica sobre a natureza foi denominada en al-Ándalus, en referencia ó seu apelido, de estilo jafayyi. Na súa poesía realizaba encadeamentos sutiles de imaxes, cargadas de connotacións a outros temas, entre eles o homoerotismo; nun rawdiyyat, a descrición dun xardín introduce un sorriso, un exército, o viño na súa copa que é un cabalo e finaliza nun belo mozo. É indicativo o uso do termo «lua» (de xénero masculino en árabe) para referirse ó rapaz:[1][6]
O viño é abatido e cae de bruces,
expulsando pola súa boca un aroma violento;
a copa é un cabalo alazán que dá voltas,
cunha suor na que flúen as burbullas;
corre co viño e a copa, unha lúa
de rostro fermoso e sorriso melado;
armado de punta en branco, na súa cintura e no seu ollar,
hai tamén armas e espadas penetrantes.Ibn Jafaya, Diwan
Séculos XII e XIII. Época almohade
[editar | editar a fonte]A invasión de Al-ándalus polos almohades (al-Muwahhidūn, «os que recoñecen a unidade de Deus»), provenientes de Marrocos, provocou o xurdimento de novas cortes literarias nos séculos XII e XIII. Xunto á aparición de poetisas, debido á maior autonomía feminina (se cadra por unha antiga tradición matriarcal) nesta etnia norteafricana, houbo un florecemento da poesía mística, na cal as palabras do amor terreal cambiaron de ámbito para expresaren o tránsito da alma cara ó amor de Deus.[7]
Iso non significou o abandono da poesía amorosa, na que o homoerotismo seguiu estando presente nunha nova forma preciosista. Emilio García Gómez sinala que as metáforas, gastadas polo uso se lexicalizaron para, posteriormente, xerar novas metáforas que poderían chamarse de «segunda potencia». Describindo un efebo, nuns versos que combinan a comparación lexicalizada da auga rizada como unha cota de malla e a cor roiba das laranxas, Safwan ibn Idris de Murcia (1165-1202) escribiu:
Gacela chea de coquetería,
que ás veces nos agrada e ás veces nos asusta;
arrebola laranxas nunha poza
como quen mancha de sangue unha cota de malla.
É como se botase os corazóns dos seus amantes
no abismo dun mar de bágoas.Al-Kutubī, Wafat al-wafayāt
Tamén cabe destacar o afamado Muhammad Ibn Galib, coñecido como al-Rusafi (m. 1177), nacido en al-Rusafa (actual Ruzafa, en Valencia) pero residente en Málaga. Dentro do mesmo fenómeno preciosista, al-Rusafi, traspoñendo o tema da belleza dos efebos á descrición dos artesáns, e invertendo a metáfora lexicalizada da esvelteza da cintura como unha póla, dixo nun poema:[19]
Aprendeu o oficio de carpinteiro e díxenme:
"Tal vez aprendeuno do aserrar dos seus ollos nos corazóns"
malpocados os troncos que se apresta a cortar,
unhas veces tallándoos e outras a golpes!
Agora que son madeiros, comezan a coller o froito do seu delito,
de cando, sendo pólas, se atreveron a roubar a esbeltez do seu talle.al-Rusafi, O libro das bandeiras
Na corte de Sa‘īd ibn Hakam de Menorca formouse tamén unha pequena corte literaria de exiliados andalusíes da península, onde os poetas continuaron con este preciosismo. Un dos seus hóspedes foi Ibn Sahl de Sevilla (1212-1251). Nacido xudeu, Ibn Sahl fíxose musulmán, experiencia que describiu mediante poemas homoeróticos; así, amando a un efebo chamado Musa (Moisés), abandónao por outro chamado Muhammad (Mahoma). Un dos poemas dedicados ó seu primeiro amante é unha mostra do preciosismo da época e das imaxes de «segunda potencia», onde as patillas se asemellan ás patas dos escorpións e os ollos a frechas ou espadas:[7]
É un sol coa túnica de púrpura
ou unha lúa ascendendo sobre unha póla de salgueiro?
Mostra uns dentes ou son perlas enfiladas?
Son ollos o que ten ou dous leóns?
Unha meixela de mazá ou unha rosa
que dous escorpións gardan dúas espadas?Ibn Sahl
A poesía homoerótica feminina
[editar | editar a fonte]Aínda que a situación da muller andalusí era a da reclusión tras o veo e o harén, houbo entre as clases superiores algunhas que, sendo fillas únicas ou sen irmáns homes, se liberaban ó permaneceren solteiras. A chegada dos almohades no sécuo XII importou tamén unha tradición de liña matriarcal que outorgaba certa liberdade á muller, favorecendo un pouco máis o seu acceso á educación e á produción literaria.[14]
Outro sector que podía acceder ás tertulias nas que se creaba a poesía eran as escravas non concubinas. Tamén no amor eran máis libres: debido a que os árabes consideraban necesario que o amado tivese a liberdade de outorgar o seu amor, os escravos de ambos sexos asumían, tanto na literatura como no mundo real, o papel de señores dos seus amantes, un dos tópicos do amor cortés árabe. As que máis se relacionaban co ambiente literario eran as cantoras (qiyan), que recibían unha esmerada educación para satisfaceren tanto física como esteticamente ó home. Sendo o talento máis prezado o musical, as cantoras aprendían centenares de versos e eran capaces de improvisar composicións propias.[14]
O amor descrito polas poetisas é o tópico do amor cortés árabe; en contraste coa poesía homoerótica, o amado non é descrito fisicamente, salvo nalgunhas excepcións. En moitos casos a súa obra chega como un eco da voz e do punto de vista masculinos, e chegan a cantar a belleza feminina allea, simulando un amor sáfico que algúns autores dubidan que tivese un paralelo na vida real, como é o caso das irmás Banat Ziyad de Guadix, Hamda e Zaynab, ás que os autores atribúen indistintamente a autoría dos poemas conservados baixo o seu apelido. Nun dos seus poemas exprésase a paixón dunha das irmás por unha moza, deixando a dúbida de se é realmente homoerotismo ou un mero tópico literario:[7][14]
Esa é a razón que me impide dormir:
cando solta os seus bucles sobre o rostro,
semella a lúa nas tebras da noite;
é como se á aurora se lle tivese morto un irmán
e a tristura se vestise de loito
Cabe salientar a figura da princesa Wallada bint al-Mustakfi (994-1077 ou 1091), á que se chamou «a Safo andaluza». Filla do Califa de Córdoba Muhammad III, a morte do seu pai en 1025 deixoulle unha fortuna en herdanza que lle permitiu converter o seu fogar nun lugar de paso para escritores. Tivo unha relación escandalosa co tamén poeta Ibn Zaidun, en cuxas antoloxías adoitan recollerse os poucos poemas seus que nos chegaron. Segundo as crónicas, a princesa Wallada prendouse de Muhya bint al-Tayyani, filla dun vendedor de figos cordobés, e coidou da súa educación ata convertela en poetisa. Suponse unha relación lésbica entre elas, pero non hai evidencias.[12][14][20]
Traducións e antoloxías
[editar | editar a fonte]Aínda que os poemas de amor dedicados a mozos son numerosos na literatura andalusí, o homoerotismo andalusí ten sido un tema apenas estudado, e a perda de materiais (en especial da época nazarí) foi enorme, debido á cega destrución a mans dos cristiáns conquistadores, como a gran queima de manuscritos ordenada polo Cardeal Cisneros. Os cristiáns esaxeraron a extensión da libertinaxe andalusí, especialmente as prácticas homosexuais; considerárona unha doenza, moi atraente superficialmente, pero non só contaxiosa, senón incurable. Aínda que no século XIV o reino nazarí de Granada non representaba ameaza ningunha para Castela, houbo un medo esaxerado ás invasións do sur. Esta actitude perdurou ata a idade contemporánea; segundo Claudio Sánchez-Albornoz, «sen a Reconquista, tería triunfado a homosexualidade, tan practicada na España moura».
Daniel Eisenberg menciona a presenza dunha pequena antoloxía «no capítulo "Perversión" do libro homofóbico de Claudio Sánchez-Albornoz, De la Andalucía islámica a la de hoy (1983)»; tamén destaca os Poemas arábigoandaluces de Emilio García Gómez, publicado nun momento de liberalización a final da década de 1920, como a primeira colección en alcanzar unha atención xeral; así como a tradución que fixo este da obra completa de Ibn Quzman, Todo Ben Quzman (Gredos, 1972); e unha terceira colección traducida por García Gómez, El libro de las banderas de los campeones.[2]
Na Real Biblioteca de San Lorenzo de El Escorial atópanse tamén textos homoeróticos en árabe: El abandono del pudor y el primer bozo de la mejilla; Excusas sobre el amor del primer bozo en la mejilla; e El jardín del letrado y las delicias del hombre inteligente.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ 1,00 1,01 1,02 1,03 1,04 1,05 1,06 1,07 1,08 1,09 1,10 1,11 RUBIERA MATA, H. (1992). La poesía árabe clásica en al-Andalus: época omeya. Cervantes Virtual. Arquivado dende o orixinal o 16 de xaneiro de 2010. Consultado o 11 de xaneiro de 2011.
- ↑ 2,0 2,1 2,2 2,3 2,4 BLAS VEGA, J. (1996). Los territorios literarios de la historia del placer. Huerga Y Fierro Editores. ISBN 84-89678-60-X.
- ↑ 3,0 3,1 3,2 www.glbtq.com (ed.). "Middle Eastern Literature: Arabic". glbtq, an encyclopedia of gay, lesbian, bisexual, transgender & queer culture. Arquivado dende o orixinal (Html) o 15/06/2010. Consultado o 12/01/2011. (en inglés)
- ↑ 4,0 4,1 MORAL, C. del, Contribución a la historia de la mujer a partir de las fuentes literarias; en MÁRQUEZ VILLANUEVA, F. et alt. (eds.) (1998). La sociedad medieval a través de la literatura hispanojudía: VI Curso de Cultura Hispano-Judía y Sefardí de la Universidad de Castilla-La Mancha. Univ. de Castilla La Mancha. ISBN 978-84-89492-96-7. (en castelán)
- ↑ 5,00 5,01 5,02 5,03 5,04 5,05 5,06 5,07 5,08 5,09 5,10 MURRAY, S.O.; ROSCOE, W. (1997). Islamic homosexualities: culture, history, and literature. NYU Press. ISBN 0-8147-7468-7. (en inglés)
- ↑ 6,0 6,1 6,2 6,3 6,4 6,5 RUBIERA MATA, H. Cervantes Virtual, ed. "La poesía árabe clásica: el esplendor (Siglo XI)". Arquivado dende o orixinal o 23/11/2010. Consultado o 12/01/2011. (en castelán)
- ↑ 7,0 7,1 7,2 7,3 RUBIERA MATA, H. Cervantes Virtual, ed. "La poesía árabe clásica en al-Andalus III: el dorado crepúsculo (Siglos XII-XIII)". Arquivado dende o orixinal o 31/10/2007. Consultado o 12/01/2011. (en castelán)
- ↑ 8,0 8,1 8,2 8,3 REINA, M.F. (2007). Antología de la poesía andalusí. EDAF. ISBN 84-414-1832-2. (en castelán)
- ↑ 9,0 9,1 CROMPTON, L. (2006). Homosexuality and civilization. Harvard University Press. ISBN 0-674-02233-5.
- ↑ 10,0 10,1 ALDRICH, R. (2008). Gays y lesbianas: vida y cultura, un legado universal. Editorial NEREA. ISBN 84-96431-19-3. (en castelán)
- ↑ 11,0 11,1 SCHEINDLIN, R., La situación social y el mundo de valores de los poetas hebreos; en MÁRQUEZ VILLANUEVA, F. et alt (eds.) (1998). La sociedad medieval a través de la literatura hispanojudía: VI Curso de Cultura Hispano-Judía y Sefardí de la Universidad de Castilla-La Mancha. Univ. de Castilla La Mancha. ISBN 84-89492-96-4. (en castelán)
- ↑ 12,0 12,1 12,2 EGUILAZ Y YANGUAS, L. (1864). Poesía histórica, lírica y descriptiva de los árabes andaluces. Imprenta de Manuel Galiano. (en castelán)
- ↑ SCOTT MEISAMI, J.; STARKEY, P. (1998). Encyclopedia of Arabic literature, Vol. 1. Routledge. ISBN 0-415-18571-8. (en inglés)
- ↑ 14,0 14,1 14,2 14,3 14,4 RUBIERA MATA, M.J. (1989). Poesía femenina hispanoárabe. Castalia. ISBN 84-7039-569-6. (en castelán)
- ↑ CHEJNE, A.G. (1999). Historia de España musulmana. Cátedra. ISBN 84-376-0225-4. (en castelán)
- ↑ ANDÚ RESANO, F. (2007). El esplendor de la poesía en la Taifa de Zaragoza. Mira, Zaragoza. ISBN 978-84-8465-253-3.
- ↑ CORRIENTE, F. www.webislam.com, ed. "Blog de Rajola Ibn Quzman, Muhammad (Abenguzmán y Ben Guzmán; Córdoba, 1086, 1160)". Arquivado dende o orixinal o 02/12/2021. Consultado o 26/04/2022. (en castelán)
- ↑ 18,0 18,1 18,2 BOER, H. den; SIERRA MARTÍNEZ, F. (1992). El Humor en España. Rodopi. ISBN 90-5183-398-9.
- ↑ TRIKI, H.; LEGADO ANDALUSÍ (1999). Itinerario cultural de Almorávides y Almohades: Magreb y Península Ibérica. Fundación El legado andalusí. ISBN 84-930615-0-6. (en castelán)
- ↑ WILSON, K.M. (1991). An Encyclopedia of continental women writers, Vol. 1. Garland Pub. ISBN 0-8240-8547-7.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Emilio García Gómez (1978). El libro de las banderas de los campeones de Ibn Said al-Maghribi. Barcelona, Seix Barral. ISBN 978-84-322-3840-6. (en castelán)
- Ibn Hazm; Emilio García Gómez (ed.) (1967). El collar de la paloma. Sociedad de Estudios y Publicaciones. (en castelán)