Saltar ao contido

Imperio Almohade

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Imperio almohade»)
Modelo:Xeografía políticaImperio Almohade

Localización
lang=gl Editar o valor en Wikidata
CapitalTinmel (pt) Traducir
Marrakech Editar o valor en Wikidata
Poboación
Lingua oficiallingua árabe Editar o valor en Wikidata
RelixiónIslam e Sunnismo Editar o valor en Wikidata
Datos históricos
Precedido por
Creación1121 Editar o valor en Wikidata
Disolución1269 (Gregoriano) Editar o valor en Wikidata
Sucedido porReino de Portugal e Dinastía merínida Editar o valor en Wikidata
Organización política
Forma de gobernomonarquía
Califato Editar o valor en Wikidata
MoedaDinar Editar o valor en Wikidata

A Dinastía Almohade foi unha potencia relixiosa bérber que se converteu na quinta dinastía moura, situada cronoloxicamente desde mediados do século XII até mediados do século XIII. O nome latino deriva da corruptela do árabe الموحدون al-Muwahhidun, i.e. "os monoteístas" ou "os unitaristas", que alude ao fundamentalismo do movemento (véxase Tawhid).

Os almohades xurdiron en Marrocos no século XII, descontentos co fracaso dos almorábides á hora de vigorizar os estados musulmáns na Península Ibérica, así como tamén en soster a reconquista cristiá. Conquistaron o norte de África até Exipto, e ocuparon sucesivamente gran parte de Al-Andalus.

A fundación do movemento débese a Ibn Tumart (c. 1080 - c. 1130), membro dos Masmuda, unha tribo bérber da Cordilleira do Atlas. Fillo do encargado de acender as lámpadas dunha mesquita, e notado pola súa piedade desde a xuventude, sería un rapaz pequeno e deformado que vivía como un mendigo devoto.

Mentres era novo, Ibn Tumart fixo a peregrinación á Meca, de onde foi expulsado polas súas críticas feroces ao cansazo excesivo doutros. De aí foi para Bagdad, onde se adheriu a unha escola ortodoxa. Mais construíu el mesmo un sistema propio, combinando as ensinanzas do seu mestre co misticismo e partes doutras doutrinas, centrado no unitarismo e que representaba unha revolta contra o que na súa opinión sería o antropomorfismo de Alá na ortodoxia musulmá.

Após o seu regreso a Marrocos, coa idade de 28 anos, comezou a predicar contra os principios relixiosos da interpretación persoal, aceptando só a tradición (Suna) e o consenso (Ijma). O emir almorábide Ali ibn Yusuf chegou a convocar un debate teolóxico en Fez, convocando a Ibn Tumart. Na conclusión deste debate foi declarado que os puntos de vista deste eran demasiado radicais. Ibn Tumart foi condenado á prisión mais o emir permitiulle a fuga.

Despois de expulsáreno doutras cidades polas súas demostracións dun empeño relixioso excesivo, Ibn Tumart refuxiouse xunto co seu pobo, os Masmuda, na cordilleira do Atlas. Fundou o movemento dos almohades, autoproclamouse mahdi (o guiado, profeta redentor do islam) e exhortou todos os musulmáns, especialmente os da Península Ibérica, a retornar ás orixes da súa fe, o Corán.

Imperio almohade

[editar | editar a fonte]
Torre Hassan, de arquitectura almohade, en Rabat, Marrocos

É moi probábel que a influencia de Ibn Tumart non tivese eco no futuro se non fose por Abd al-Mu'min, outro bérber, de Alxeria, que sería un soldado e membro da clase gobernante. Cando Ibn Tumart morreu en 1128 no mosteiro que fundou en Tinmel, despois dunha grave derrota fronte aos almorábides, Abd al-Mu'min mantivo a súa morte en segredo por dous anos, até estabelecer o seu poder. Entón asumiuse como seguidor do mahdi.

Entre 1130 e a súa morte en 1163, Abd al-Mu'min non só expulsou os almorábides, como aumentou o seu poder por todo o norte de África até ao Exipto, tornándose emir de Marraquex en 1149. O seu fundamentalismo levouno até tomar medidas de expurga dos sospeitosos de pouca fe e falla en cumprir todos os ritos relixiosos, a máis grave de todas terminando na eliminación de toda unha tribo.

Os almohades entón trataron de unificar as taifas e formar un goberno islámico que puidese facer fronte aos cristiáns. En pouco máis de trinta anos, os almohades conseguiron forxar un poderoso imperio que se estendía desde Santarém (no actual Portugal) até Tripoli (na actual Libia), incluíndo todo o norte de África e o sur da Península Ibérica.

Imperio almohade na Península Ibérica e rutas de ataque desde Castela (C) e Aragón (A). Sinálanse tamén o reino de Portugal (P), o Reino de León (L) e o Reino de Navarra (N)

En 1170 os almohades transferiron a súa capital para Sevilla, onde fundaron a grande mesquita, posteriormente convertida en catedral cristiá. A torre da mesquita, a Xiralda, foi construída en 1184 para sinalar a ascensión de Abu Yusuf Ya'qub al-Mansur. Foi durante este período que resurxiron os estudos filosóficos con Averrois e Ibn Tufail.

No entanto, desde Yusuf II, trataban os seus dominios fóra de Marrocos como provincias e gobernaban os seus correlixionarios na Península Ibérica e no restante do norte de África a través de gobernadores locais. Cando os emires atravesaban o Estreito de Xibraltar era para facer a jihad contra os cristiáns e volver para a súa capital, Marraquex.

A pesar dos esforzos dos gobernantes, a dinastía almohade tivo problemas desde o inicio en manter a turbulenta Granada pacificada e, por outro lado, algunhas das súas posturas mais radicais foron mal recibidas pola poboación musulmá da península, habituada ao compromiso e á coexistencia cos cristiáns.

Xiralda en Sevilla.

Os príncipes almohades tiveron unha carreira máis longa e marcante do que os seus antecesores almorábides. Yusuf I (11631184) e al-Mansur (1184-1199), sucesores de Abd al-Mu'min, eran homes fortes. Inicialmente o seu goberno levou á fuga de moitos xudeus e cristiáns para os estados cristiáns de Portugal, Castela e Aragón, mais acabaron por se tornar menos extremistas que os almorábides.

A invasión do novo Reino de Portugal polos almohades comandados persoalmente polo califa Abu Yusuf Ya'qub al-Mansur foi trabada en 1190 en Tomar, polos cabaleiros templarios de Gualdin Pais.

Ya'qub al-Mansur era un home de grande cultura, que escribía en bo estilo árabe e protexía o filósofo Averroes. O seu título al-Mansur, "O Vitorioso", débese á derrota que inflixiu a Afonso VIII de Castela, en 1195, na Batalla de Alarcos. Pero os reinos cristiáns da Península Ibérica estaban xa demasiado fortes para unha invasión musulmá, e os almohades non conseguiron conquistas sinalábeis.

Arte almohade

[editar | editar a fonte]

As construcións almohades caracterízanse pola simplicidade e austeridade, un reflexo da vida difícil dos nómades do Magreb. A pesar diso, moitos edificios teñen un tamaño considerábel. Exemplos clásicos deste movemento son a Torre del Oro e a Giralda, en Sevilla, a mesquita Kutubiyya de Marraquex e a Torre Hasan en Rabat.

Declive dos almohades

[editar | editar a fonte]
Batalla das Navas de Tolosa

1212 marcou o inicio da decadencia dos almohades. As forzas de Muhammad an-Nasir (11991214), sucesor de al-Mansur, despois dun avance inicialmente exitoso para o norte, foron aniquilados por unha alianza de tropas cristiás na batalla de Navas de Tolosa na Serra Morena. Esa batalla destruíu o dominio almohade.

En 1216-7 os merínidas enfrontan os almohades en Fez. Ibn Hud proclámase emir de Murcia en 1227, facéndolles fronte aos almohades, e Tunes tórnase independente tres anos máis tarde.

Muhammad (I de Granada) Ibn al-Ahmar proclámase emir de Arjona, Xaén, Guadix e Baza en 1232. Cinco anos despois é recoñecido como emir de Granada.

Os almohades encoraxaron o establecemento de cristiáns até mesmo en Fez, e despois da Batalla de Navas de Tolosa, ocasionalmente facían alianzas cos reis de Castela. En África conseguiron expulsar os exércitos dos reis normandos de Sicilia das cidades costeiras. A historia do seu declive é diferente da dos almorábides. Non foron tomados por un poderoso movemento relixioso, simplemente foron perdendo territorios coa revolta de tribos e cidades. Os seus inimigos máis importantes acabaron por ser os merínidas, que fundaron a seguinte dinastía moura. En 1268 os merínidas gobernan o Magreb.

O último califa almohade, Idris II, estaba reducido á posesión de Marraquex, onde foi asasinado por un escravo en 1269. Tras o declive dos almohades, chegará a dinastía merínida.

Califas almohades (1145-1269)

[editar | editar a fonte]

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]