Dialeteísmo
O dialeteísmo (en inglés: dialetheism) é unha postura filosófica segundo a cal existen proposicións que son verdadeiras e falsas ao tempo. Máis precisamente, é a crenza de que poden existir enunciados verdadeiros a negación dos cales é tamén verdadeira. Este tipo de proposicións reciben o nome de "contradicións verdadeiras" ou dialéteias (en inglés: dialetheia).
O termo foi cuñado por Graham Priest e Richard Sylvan. Priest define o dialeteísmo como a posición que defende que existen contradicións verdadeiras.[1] Pola súa banda, Jc Beall difire de Priest ao considerar un deflacionismo metodolóxico respecto dos predicados de verdade.[2]
Consecuencias formais
[editar | editar a fonte]Na lóxica clásica, introducir unha contradición p ^ ¬p (en galego, "p e non p") como premisa (é dicir, asumir que tanto p como ¬p son verdadeiras) permite demostrar calquera proposición, q. De feito, xa que p é verdadeira, a disxunción p v q tamén o é. Isto, xunto con ¬p, permite concluír q mediante o siloxismo disxuntivo. Esta característica adoita denominarse "principio de explosión", xa que a verdade dunha contradición fai "estoupar" o número de teoremas do sistema.[3]
Motivacións
[editar | editar a fonte]Resolución de paradoxos
[editar | editar a fonte]O paradoxo do mentireiro e mais o paradoxo de Russell involucran enunciados autocontraditorios da lóxica clásica e a teoría informal de conxuntos, respectivamente. As contradicións supoñen un problema para estas teorías porque producen a súa "explosión" (é dicir, se unha contradición é verdadeira, entón todas as proposicións o son). O xeito habitual de resolver este problema é prohibir este tipo de enunciados revisando os axiomas da lóxica. Os dialeteístas, pola súa banda, responden a esta situación aceptando que estas contradicións son verdadeiras. O dialeteísmo permite o axioma de comprehensión da teoría de conxuntos sen ningún tipo de restricións, xa que afirma que calquera contradición resultante non é máis ca un teorema do sistema.[4]
Secasí, os paradoxos autorreferenciais, como certas versións reforzadas do mentireiro, tamén poden resolverse abandonando o marco da lóxica clásica e aceptando lóxicas con máis de dous valores de verdade, como as lóxicas plurivalentes, a lóxica difusa ou a lóxica de Łukasiewicz.
Razoamento humano
[editar | editar a fonte]Ás veces, as situacións ambiguas poden facer que os seres humanos afirmen tanto unha proposición como a súa negación. Por exemplo, se unha persoa está na porta dunha habitación, pode parecer razoable dicir que está na habitación e que non o está.
Algúns críticos sosteñen que esta situación só reflicte unha ambigüidade da nosa linguaxe, e non unha calidade dos nosos pensamentos. Xa que logo, se substituímos as proposicións contraditorias por unha máis específica ("A persoa está na porta"), a contradición desaparece.
Doutrinas filosóficas
[editar | editar a fonte]Algunhas doutrinas filosóficas históricas, especialmente nas correntes orientais, pódense interpretar dende unha perspectiva dialeteísta. A noción xaina do anekāntavāda (en sánscrito: अनेकान्तवाद; "múltiples caras") sostén que todas as proposicións son verdadeiras nun sentido e falsas noutro.[5] Algúns intérpretes pensan que esta teoría implica que as dialéteias son ubicuas. Porén, tecnicamente, unha contradición lóxica é unha proposición que é verdade e falsa no mesmo sentido; polo tanto, unha proposición que é verdadeira nun sentido e falsa noutro non constitúe unha contradición.
Por outra banda, o sistema da lóxica budista, o catuṣkoṭi (en sánscrito: चतुष्कोटि, tamén indica que unha afirmación e a súa negación poden coexistir.[6][7]
O filósofo británico Graham Priest, no seu libro Beyond the Limits of Thought (2002), sostivo que as dialéteias xorden no limiar da capacidade da nosa expresión, en moitos contextos tanto filosóficos como da semántica formal.[8]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Whittle 2004.
- ↑ Beall 2004.
- ↑ Ben (2007-11-23). "(Blog&~Blog): Why Contradictions Don't Explode (or, "How Not To Argue Against Dialetheism," pt. 1)". (Blog&~Blog). Consultado o 2024-12-24.
- ↑ Weber 2010.
- ↑ Matilal 1998, pp. 127-139.
- ↑ Ganeri 2002, pp. 77-79.
- ↑ Berger 2024.
- ↑ Priest 2002.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Beall, Jc (2004). "True and False—As If". En Armour-Garb, Bradley; Beall, Jc; Priest, Graham. The Law of Non-Contradiction: New Philosophical Essays (en inglés). Oxford University Press. pp. 197–216. doi:10.1093/acprof:oso/9780199265176.003.0013.
- Berger, Douglas (2024). "Nagarjuna (c. 150—c. 250)" (en inglés).
- Ganeri, Jonardon (2002). The Collected Essays of Bimal Krishna Matilal: Mind, Language and World (en inglés). Oxford University Press.
- Matilal, Bimal Krishna (1998). The Character of Logic in India (en inglés). State University of New York Press.
- Priest, Graham (2002). Beyond the Limits of Thought (en inglés). Oxford University Press. ISBN 9780199254057. doi:10.1093/acprof:oso/9780199254057.001.0001.
- Weber, Zach (2010). "Transfinite Numbers in Paraconsistent Set Theory". The Review of Symbolic Logic (en inglés) 3 (1): 71–92. doi:10.1017/S1755020309990281.
- Whittle, Bruno (2004). "Dialetheism, Logical Consequence and Hierarchy". Analysis (en inglés) 64 (4): 318–326. JSTOR 3328940.