Saltar ao contido

Dios ke te crew

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Dios ke te crew
MØU e Sokram nunha entrevista para Nós TV.
OrixeOrdes, Galicia
Período2003 - presente
Xénero(s)Hip hop
Selo(s) discográfico(s)DKTC Boa Music
MembrosSokram, MØU, Jamas, DJ Murdock
Na rede
https://www.diosketecrew.org/
Facebook: Diosketecrew Twitter: DiosketeCrew Musicbrainz: 3fe079b2-554d-430a-b165-375c400a75b5 Songkick: 408758 Discogs: 4957088 Editar o valor en Wikidata

Dios ke te crew (DKTC) é un grupo de hip hop de Ordes formado en 2003 a iniciativa dos integrantes de Ghamberros: García Mc e Jamas. Nun inicio estaba formado por un grupo de graffiti, un de breakdance, DJs e rap. Todos estes aspectos do hip hop únense nas presentacións en directo do grupo, onde é común presenciar pezas de graffiti no fondo do escenario e bailar breakdance, mentres o grupo musical interpretaba as súas cancións.

Traxectoria

[editar | editar a fonte]
Dios ke te Crew no 2007.

O grupo comezou en 2003 cando a organización do Festigal contactou co grupo de rap Ghamberros que convidaron á parte en activo da banda 5 Talegos, ambos os dous formados en Ordes, e estes presentáronse como Dios Ke Te Crew. Formaron o grupo Sokram, MØU, García MC, Jamas e Dj Murdock. Na parte non musical uníronse os graffiteiros Vandals Crew e Cousas Novas, e os breakers de Compostela Playmovil Kids (os cales xa non forman parte da crew).

A primeira gravación acreditada de Deus ke te Crew foi a curtametraxe incluída na película colectiva Hai que botalos, un recompilatorio de curtametraxes postas en circulación co motivo das eleccións ao Parlamento de Galicia de 2005. Contribuíu á banda sonora do episodio titulado "O derradeiro", co tema titulado "Herdeiros da ditadura".

En 2006 lanzaron o seu primeiro traballo en formato profesional, un LP titulado Xénese con 16 temas.[1] Foi gravado no propio estudo do grupo, Rapapoulo, e autoeditado polo seu propio selo, DKTC Sons e a editora galega Falcatruada. Distribuído por Discmendi en España, foi o primeiro LP de rap realizado enteiramente en galego. Ten influencias do jazz, rock, reggae, hardcore e funk, e contou coa colaboración do actor Miguel de Lira, interpretando o Cabo Ameneiro, un garda civil que interrompe unha festa do grupo. No deseño do CD inclúense ilustracións e graffitis de membros do colectivo. O disco vendeu máis de 7 000 copias.[2]

Nas súas actuacións por toda España, compartiron escenario con artistas coma Saian Supa Crew, The Beanuts, Dealema, Foreign beggars, Ojos de Brujo, La Mala Rodríguez, SFDK, Violadores del Verso, Sólo los Solo ou La Excepción. A súa música foi incluída na curtametraxe Mártires, de Xosé Zapata.[3]

En 2011 saíu á luz o seu segundo traballo, Humanose, con 13 novos temas, e editado esta vez pola discográfica Boa Music.[2] En 2013, coincidindo co décimo aniversario do grupo, sacaron o sinxelo Dez, con dous novos temas, e comezaron unha xira por toda España.[4][5]

En decembro de 2018, tras unha tempada na que os membros do grupo traballaron noutros proxectos á marxe da banda, publicaron o videoclip de "Silencio", un dos temas do seu novo disco e anunciaron que García MC xa non formaba parte do grupo. [5] En marzo de 2019, viu a luz o videoclip de "Melancolía", dirixido por Xaime Miranda e inspirado no filme Melancholia, de Lars von Trier.[6] En maio de 2019 publicouse o disco completo, de título O ciclo da serpe, sendo este o terceiro álbum de longa duración do grupo.[6] Contou coas colaboracións de Alto Asalto, Hermano L de La Puta Opepé, Croma, Homes Sen Medo, Santonio, Javi Pardiñas de Bush Doctors, Inés Miranda e Miguel de Lira, que retomou a personaxe do Cabo Ameneiro.[6]

Discografía

[editar | editar a fonte]
Concerto na Coruña o 6 de decembro do 2008.
  • Xénese (LP) (DKTC sons 2006)
  • Humanose (LP) (Boa Music, 2011)
  • Dez (Maxi Single) (DKTC sons 2013)
  • O ciclo da serpe (LP) (DKTC sons 2019)
  • En que ano estamos?! (EP) (DKTC sons 2022)

Antigos membros

[editar | editar a fonte]
  1. ""Xénese", o rap contundente e en galego de Dios Ke Te Crew". El Correo Gallego. 25 de abril de 2006. Arquivado dende o orixinal o 25 de outubro de 2019. Consultado o 25 de outubro de 2019. 
  2. 2,0 2,1 "Dios Ke Te Crew saca a rúa o seu agardado segundo disco Humanose". 20 de xullo de 2011. Consultado o 25 de outubro de 2019. 
  3. "NOVAS DO SECTOR: A CURTAMETRAXE MÁRTIRES DE XOSÉ ZAPATA PRESENTASE O XOVES NUN CINE DE PARÍS E COMEZA UNHA XIRA POR TRES CIDADES FRANCESAS". 21 de novembro de 2006. Consultado o 25 de outubro de 2019. 
  4. "Dios ke te Crew: Hai 10 anos o deus Hip-Hop estaba realmente anoxado co capitalismo, e así segue!". Sermos Galiza. 25 de maio de 2013. Arquivado dende o orixinal o 25 de outubro de 2019. Consultado o 25 de outubro de 2019. 
  5. 5,0 5,1 "Sokram (Dios Ke Te Crew): "Hai unha autocensura que nos impoñemos polo medo á represión"". Galicia Confidencial. 4 de xaneiro de 2019. Consultado o 25 de outubro de 2019. 
  6. 6,0 6,1 6,2 Tarrío, Matías (7 de maio de 2019). "Dios Ke Te Crew. O colectivo hip hop de Ordes presenta disco cun show irrepetible". praza.gal. Consultado o 25 de outubro de 2019. 
  7. "Oleiros organiza un taller de «hip-hop» para conmemorar el Día das Letras Galegas". La Voz de Galicia (en castelán). 7 de maio de 2009. Consultado o 21 de xaneiro de 2020. 

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]