Eduardo Mosquera Montes
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 7 de febreiro de 1850 ![]() Padrón, España ![]() |
Morte | 12 de abril de 1887 ![]() Santiago de Compostela, España ![]() |
Catedrático de universidade | |
![]() | |
Datos persoais | |
Educación | Universidade de Santiago de Compostela ![]() |
Actividade | |
Ocupación | escritor, xornalista, avogado ![]() |
Familia | |
Irmáns | Ramón Mosquera Montes ![]() |
![]() |
Eduardo Mosquera Montes, nado en Padrón o 7 de febreiro de 1850 e finado en Santiago de Compostela o 12 de abril de 1887[1][2], foi un avogado, catedrático e escritor galego.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Fillo do xefe da Facenda Pública e político galego José Mosquera Pallares e de Vicenta Montes, estudou a carreira de Dereito na Universidade de Santiago.
Durante o Sexenio Democrático destacou como membro da Academia de la Juventud Católica, de Santiago[3], e coa Restauración foi un dos asinantes do denominado Comité conservador alfonsino de Santiago que deron a benvida ao novo réxime[4].
Foi membro da comisión organizadora dos Xogos Florais de Santiago, celebrados o 28 de xullo de 1875, baixo a presidencia de Antonio Casares, dentro da Sociedade Económica de Amigos do País e constituída o 22 de marzo[5]. Xunto a el, formaban parte da devandita comisión o alcalde Andrés Tomás Bouza, os catedráticos Joaquín Díaz de Rábago e Francisco Romero Blanco, o futuro catedrático de Dereito Ramiro Rueda Neira, Pegerto Pardo Balmonte, José López Romero, Antonio Llamas, Pedro Pais Lapido, Manuel Bibiano Fernández e Manuel Pérez Santamarina[6].
O 20 de setembro de 1876 tomou posesión da praza de profesor auxiliar da Facultade de Dereito, que desenvolveu ata o 20 de agosto de 1880. Tempo despois obtivo por oposición o cargo de auxiliar gratuíto da mesma facultade, que desenvolveu desde o 10 de outubro de 1882, pasando pouco máis tarde a exercer a praza de profesor auxiliar desde o 20 de xullo de 1883. Cesou o 4 de xaneiro de 1887, posto que ao día seguinte tomou posesión por fin como catedrático numerario da materia de Dereito Mercantil «de España e das principais nacións de Europa e América» da Universidade de Santiago de Compostela.
Colaborou en La Gacetilla de Santiago, El Diario de Santiago e El Porvenir e fundou e dirixiu en Santiago de Compostela a Revista Compostelana de Instrucción y Recreo (1876 a 1877). Foi fundador e presidente da Academia Compostelana de Jurisprudencia. Publicou Tratado de la sucesion testamentaria en 1883.
Vida persoal
[editar | editar a fonte]Casou con Isabel Amores Domínguez, coa que tivo a José, Ángel e Eduardo Mosquera Amores, este último falecido xusto oito días antes ca el[7]. Foi irmán, entre outros, do avogado, xuíz e xornalista Antolín Mosquera Montes e do avogado e político Ramón Mosquera Montes, que foi alcalde de Santiago.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ "Noticias regionales". El Lucense. 14 de abril de 1887.
- ↑ "Obituario". El Ciclón (en castelán) (Santiago). 16-4-1887. p. 1.
- ↑ Sesión pública celebrada el día 22 de mayo de 1870 en honor de su santidad Pío IX (en castelán). Santiago de Compostela: Academia de la Juventud Católica de Santiago. 1870. p. 4.
- ↑ "El lunes 18 (...)". El Ejemplo (en castelán) (A Coruña). 24-1-1875. p. 2.
- ↑ "Sección local". El Diario de Santiago (en castelán) (Santiago). 23-3-1875. p. 2.
- ↑ Album de las composiciones premiadas en los Juegos Florales celebrados en la ciudad de Santiago en Julio de 1875 (en castelán). Santiago de Compostela. 1875.
- ↑ "Necrolóxica". Gaceta de Galicia. 5 de abril de 1887.