Elektra Records
Elektra Records | |
---|---|
Acrónimo | Elektra |
Tipo | selo discográfico |
Data de fundación | 1950 |
Fundador(es) | Jac Holzman |
Nomeado en referencia a | Electra |
Organización matriz | Warner Music Group |
Sede | Nova York |
País | Estados Unidos de América |
Na rede | |
http://www.elektra.com | |
[ editar datos en Wikidata ] |
Elektra Records é un selo discográfico estadounidense pertencente ao Warner Music Group. No ano 2004, consolidouse no Atlantic Records Group do grupo Warner. Despois de cinco anos de inactividade, o selo foi reactivado por Atlantic no 2009.
Historia
[editar | editar a fonte]Comezos
[editar | editar a fonte]Jac Holzman e Paul Rickolt fundaron Elektra no ano 1950, e investiron na compañía 300 dólares. O primeiro LP de Elektra, New Songs (EKLP 1 editado en marzo de 1951), foi unha colección de Lieder e cancións semellantes que vendeu só un feixe de copias. Durante os anos 50 e principios dos 60 o selo concentrouse en gravacións de música folk, editando álbums de Theodore Bikel, Ed McCurdy, Oscar Brand, Judy Collins e cantantes protesta como Phil Ochs e Tom Paxton. Holzman tamén gravou a Josh White, que estivera sen contrato discográfico debido ás listas negras do macarthismo.
A entrada de Elektra no mundo do pop fixo que o selo gañase prestixio na escena musical, converténdose nunha das primeiras discográficas en asinar contratos con bandas do recente rock psicodélico de 1966-1967. Os artistas máis importantes que asinaron con Elektra nesta época foron Paul Butterfield Blues Band, Love, The Doors, The Stooges e MC5. Tamén asinaría un contrato con Tim Buckley, o pai de Jeff Buckley.
Tamén en 1967, Elektra lanzou a súa influente Nonesuch Explorer Series, unha das primeiras coleccións da que agora é chamada world music. Extractos de varias gravacións para Nonesuch Explorer foron posteriormente incluídos nos dous discos de ouro das naves Voyager, enviadas ao espazo en 1977.
A fusión con Asylum Records
[editar | editar a fonte]Elektra, xunto coa subsidiaria Nonesuch Records, foi mercada por Kinney National Company en 1970. Pouco despois Kinney consolidou os seus selos baixo o paraugas de Warner Communications. Holzman estivo ao cargo de Elektra ata 1972, cando se fusionou con Asylum Records para converterse en Elektra/Asylum Records; O fundador de Asylum, David Geffen, faríase cargo entón do novo selo. Holzman, mentres tanto, foi nomeado vicepresidente sénior e xefe de tecnoloxía de Warner. Holzman tamén creou Discovery Records. En 1975, Geffen renunciou debido a problemas de saúde e foi substituído por Joe Smith, que posteriormente sería CEO de Capitol Records.
Aínda que a compañía aparecía listada como "Elektra/Asylum Records" nos créditos do selo, cos anos a empresa comezou a chamarse a si mesma de xeito non oficial Elektra Records novamente (con Asylum operando como subsidiaria). En 1982, Elektra lanzou unha subsidiaria de jazz chamada Elektra/Musician. Nos anos seguintes Bob Krasnow converteuse no presidente e CEO de Elektra, e baixo o seu liderado o selo acadou o seu pico comercial, durante o resto dos anos 80 e de principios a mediados dos 90.
Elektra Entertainment Group
[editar | editar a fonte]En 1989, a compañía cambiou oficialmente o seu nome a Elektra Entertainment. Durante ese tempo, Elektra desenvolveu unha relación co selo baseado no Reino Unido 4AD, converténdose no distribuidor en Norteamérica para artistas de 4AD como Pixies, The Breeders, Frank Black e The Amps. Isto levou a que a irmá de Elektra, Warner Bros. Records, asinase un contrato de distribución exclusiva para case todas as edicións de 4AD dende 1992 ata 1998.
Ao igual que sucedeu cos seus selos irmáns, a fortuna de Elektra comezou a decaer a mediados dos 90, en parte debido a unha serie de loitas entre os executivos de Warner, que danaron seriamente a reputación colectiva do grupo. Descontento cos grandes cambios estruturais promulgados polo entón presidente do Warner Music Group Robert Morgado, Bob Krasnow renunciou en xullo de 1994, e outros seguiron o seu exemplo, como o CEO de Warner Bros Mo Ostin, e o seu amigo e protexido Lenny Waronker. Krasnow foi substituído por Sylvia Rhone, e durante un ano o selo foi renomeado como Elektra Entertainment Group.
En setembro de 1994 desatouse outra polémica que danou á etiqueta, cando a banda Metallica demandou a Elektra para rescindir o seu contrato e obter a propiedade das súas gravacións. O grupo baseou a súa reclamación nunha sección do Código Laboral de California que permitía aos empregados ser liberados dun contrato de servizos persoais despois de sete anos. Nese tempo Metallica levaba co selo máis dunha década e vendera máis de 40 millóns de discos, pero aínda traballaba baixo os termos do seu contrato orixinal de 1984, que lle proporcionaba uns relativamente baixos royaltis dun 14%. O grupo tamén afirmou que tomara esa decisión porque Robert Morgado se negara a aceptar un novo contrato que traballaran con Bob Krasnow pouco antes de que este deixase o selo, Elektra respondeu con outra demanda contra o grupo, pero en decembro unha revista de Nova York informou de que o xefe de Warner Music Doug Morris ofrecéralle á banda un lucrativo novo contrato a cambio de retirar a demanda. En xaneiro Metallica e Elektra anunciaron conxuntamente que arranxaran os seus problemas e os termos do seu acordo mantivéronse en segredo.
A pesar de ter un bo número de artistas destacados, cando a década dos 90 chegaba ao seu fin Elektra comezou a notar un descenso dos seus ingresos. Tamén desenvolveu un certo grao de mala fama na industria por non promocionar correctamente moitos dos seus lanzamentos, gañándose o alcume de "Neglektra" por parte de moitos dos seus artistas.
Absorción por parte de Atlantic
[editar | editar a fonte]En febreiro do 2004 Time Warner vendeu o Warner Music Group a un grupo de investidores privados formado por Thomas Lee Partners, Bain & Company e Edgar Bronfman Jr.
Buscando maneiras de aforrar cartos, os novos donos de WMG decidiron fusionar Elektra e Atlantic Records. Debido a que era a etiqueta máis pequena das dúas, o 40% das operacións de Elektra pasaron a formar parte da nova empresa, mentres que o 60% restante eran as de Atlantic. A nova compañía pasou a chamarse Atlantic Records Group, converténdose Elektra nunha subsidiaria que estivo inactiva ata que foi reactivada en 2009 (aínda que artistas que levaban moito tempo en Elektra, como Tracy Chapman, Björk e Yolanda Adams, continuaron editando baixo ese nome, mentres que os máis recentes, como Jason Mraz e Jet, foron transferidos a Atlantic). O catálogo de Elektra continuou sendo editado por Rhino Records.
Reactivación
[editar | editar a fonte]O Atlantic Records Group anunciou a reactivación de Elektra Records como entidade independente dentro de Warner Music o 1 de xuño de 2009. O selo está encabezado por dous novos copresidentes, Mike Caren e John Janick, e actualmente usa unha versión modificada do logo dos anos 70.
A primeira edición do "novo" selo foi a banda sonora da serie de HBO True Blood, e o seu primeiro álbum foi IRM de Charlotte Gainsbourg. O selo é agora o fogar de artistas como Uffie, Little Boots, Justice, Cee-Lo Green e Bruno Mars.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Páxina do selo (en inglés)