Saltar ao contido

Escuela Superior de Mecánica de la Armada

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Escuela Superior de Mecánica de la Armada
Tipoescola militar
EnBuenos Aires
PaísArxentina
34°32′18″S 58°27′49″O / -34.53841667, -58.46361111
editar datos en Wikidata ]

A Escuela Superior de Mecánica de la Armada, renomeada a Escuela de Mecánica de la Armada, tamén coñecida como ESMA, é unha das dependencias da Armada Arxentina destinada á formación de suboficiais desa forza nos aspectos mecánicos e de enxeñaría da navegación.

Desde 2005, instalada na localidade bonaerense de Puerto Belgrano, a 28 km de Bahía Blanca, a súa sede principal estivo ata data recente situada na esquina de Avenida del Libertador e Santiago Calzadilla na cidade de Bos Aires. Cobrou penosa sona por funcionar, durante a ditadura (1976-1983) autodenominada Proceso de Reorganización Nacional, como centro clandestino de detención. Foi o máis grande e activo dos centros, ocupando o casino de oficiais, por onde pasaron máis de 5.000 detidos desaparecidos.

Clausurado tras o retorno á democracia, en 2004 propúxose convertelo nun museo para recordar a represión, documentando o terrorismo de Estado, e un Arquivo Nacional da Memoria. A Lei Nº 1412 sancionada o 5 de agosto dese ano pola Lexislatura porteña destinouna a conformar o "Espacio para la Memoria y para la Promoción y Defensa de los Derechos Humanos".

Localización

[editar | editar a fonte]

O predio da Escola de Mecánica da Armada ocupa 17 ha, cedidas á Armada en 1924 pola cidade de Bos Aires (nese entón, ao intendente designábao o presidente da Nación) para formar un centro de instrución militar. Atópase na zona norte da cidade de Bos Aires, no barrio de Núñez), con fronte sobre a Avenida do Libertador ao 8200. Ademais da ESMA, funcionaban alí o Liceo Naval Almirante Brown, a Escuela de Guerra Naval, a Dirección de Educación Naval, a Escuela Nacional de Náutica e a Escuela Fluvial.

O centro de detención clandestino, chamado en clave Selenio, funcionaba no edificio do Casino de Oficiais. Ocupaba o terceiro piso, o ático á mansarda e o soto. A súa disposición variou ao redor de 1978, pero manténdose na mesma área.

Funcionamento

[editar | editar a fonte]

A ESMA funcionou como centro de detención desde o mesmo inicio da ditadura; o día do golpe de estado xa aloxou secuestrados polas forzas armadas, entre eles Pedro Eladio Vázquez. A súa condición clandestina fora sen dúbida premeditada; segundo declaracións do capitán de fragata Jorge Félix Busico[1], os oficiais a cargo da institución tiñan estritas instrucións de non revelar a súa identidade nin a súa afiliación militar ao realizar a captura dos presuntos subversivos.

Estaba a cargo do grupo de tarefas 3.3.2, encargado da zona norte do Gran Bos Aires e da Capital Federal; este estaba dirixido polo contraalmirante Rubén Jacinto Chamorro e o capitán Jorge Eduardo Acosta (o Tigre). Pertenceron ao mesmo outros soados represores, entre eles Alfredo Astiz, Ricardo Miguel Cavallo e Adolfo Scilingo. Indirectamente dependía en última instancia do comandante en xefe da Armada, que entre 1976 e 1978 foi o almirante Eduardo Massera, cuxo nome en clave era Cero o Negro.

O compromiso de Massera co accionar da ESMA foi directo; de acordo a testemuños recollidos pola CONADEP[2], el mesmo estivo presente na conformación do grupo de tarefas, ditou a conferencia inaugural aos oficiais que o compoñían e participou persoalmente nos primeiros operativos clandestinos. Sete meses tras o golpe o grupo de tarefas pasou a depender directamente de Massera.

O presbítero Alberto Ángel Zanchetta foi capelán da ESMA durante 1977.

Distribución

[editar | editar a fonte]

O centro de detención ocupaba parte do casino de oficiais.

O soto aloxaba as celas e salas de tortura onde levaba aos recentemente chegados ao centro; para chegar alí había que descender por unha escaleira visíbel ao entrar ao "Salón Dourado", que era parte da escaleira principal. Ingresábase por unha gran porta verde de ferro, con garda armada. Encontrábanse tamén alí a enfermería, un laboratorio fotográfico, a armería e os dormitorios dos gardas.

Planta baixa

[editar | editar a fonte]

Na planta baixa estaba o Salón Dourado. Nas dependencias destinadas en principio a comedor de oficiais, salón de conferencias e sala de reunións realizábase a intelixencia e planificación das tarefas.

Primeiro e segundo piso

[editar | editar a fonte]

No primeiro e segundo piso estaban os dormitorios dos oficiais, onde os detidos non tiñan acceso.

Terceiro piso e faiado

[editar | editar a fonte]

O terceiro piso e o faiado era para aloxamento dos detidos-desaparecidos que xa pasaran polos interrogatorios iniciais, onde permanecían permanentemente encapuchados en habitacións sen fiestras chamadas capuchas.

A área alcumada Capucha estaba situada á dereita do edificio. Non tiña fiestras, senón pequenas bufardas que daban a celas pequenas denominadas "camarotes". Pola escasa circulación de aire utilizábanse dous extractores que producían moito ruído. Accedíase por unha escaleira e na entrada tiña un garda armado cun libro no que se anotaban todos os movementos. Pódese aclarar que os secuestrados tiñan o seu rostro e as súas cabezas literalmente baixo unha capucha, algúns durante meses ata por anos. Porén debían alimentarse levantando a capucha ata unha altura que lles facilitase comer sen saber o que comían ata que o o seu sentido gustativo o descifrase. O Pañol era o depósito do que se obtiña nos roubos das vivendas dos secuestrados. Ocupaba a metade norte do faiado. Alí atopábanse tamén tres habitacións, unha delas destinada ás prisioneiras embarazadas.

Nunha parte do que foi o Pañol, máis norte do faiado, construíuse a fins de 1977 o que se denominou o Acuario. Era unha serie de pequenas oficinas, unidas por un corredor central ao que se accedía por unha porta controlada por un garda provisto dun rexistro de entradas e saídas. Alí permanecían unha parte do día algúns prisioneiros. Trasladaron desde o soto o arquivo de prensa e a biblioteca; algúns detidos eran forzados a traballar alí realizando traducións de artigos de prensa proporcionados polo Ministerio de Relacións Exteriores, e preparando notas para a televisión nacional e o servizo de Radiodifusión Arxentina ao Exterior. Tras o retiro de Massera, preparábase alí tamén un resumo diario de noticias para este. Outros detidos estaban asignados á clasificación do material secuestrado no Pañol, e outros a tarefas de mantemento do centro.

Desde o faiado podíase acceder a unha escaleira situada na fronte da porta de entrada, que conducía a un segundo faiado chamado Capuchita. Este era o lugar onde orixinariamente estaba o tanque de auga que abastecía todo o piso do casino de oficiais; alí había dúas salas de tortura e un espazo onde se mantiña aos prisioneiros da mesma forma que en Capucha, aínda que en peores condicións. Constaba duns 15 a 20 tabiques que separaban aos secuestrados entre si.

Este lugar foi utilizado polos membros do Servizo de Intelixencia Naval, SEN, para torturar e manter aos seus secuestrados separados dos da ESMA. Capuchita tamén se prestaba á forza Aérea e ao Exército.

Os baños estaban situados entre a Capucha e o Pañol.

Os detidos

[editar | editar a fonte]

Pola ESMA pasaron case 5.000 detidos-desaparecidos, dos cales máis do 90% foron asasinados. A execución anunciábase normalmente como un "traslado" para un cárcere común; os detidos eran trasladados ao soto, sedados con inxeccións, e executados de diversos xeitos. Algúns eran fusilados e incinerados no campo de deportes situado no predio. Outros eran subidos a avións das forzas armadas e guindados, inconscientes, ao río da Prata desde grande altura[3].

Unha particularidade da ESMA son as fotos dos cativos. As fotos foron tomadas por Víctor Melchor Basterra, obreiro gráfico e militante do Peronismo de Base, que estivo secuestrado alí desde 1979 ao peche do campo. Dentro da ESMA encargáronlle tomar fotos de prisioneiros e represores, que logo eran utilizadas de diversos xeitos (documentos falsos, propaganda etc.). Basterra fixo copias daquelas fotos e cando empezou a ter permisos de saída comezou a sacalas do campo. Declarou no Xuízo ás Xuntas Militares durante máis de 5 horas, o máis prolongado do proceso e achegou todas as probas fotográficas que sacou da ESMA.

A ESMA converteuse na base do poder político da Mariña e en particular de Eduardo Massera, integrante pola Armada da primeira Xunta de Comandantes. Comezou a funcionar en marzo de 1976 e clausurouse en novembro de 1983, logo das eleccións nas que gañou Raúl Alfonsín e poucos días antes de que asumisen as autoridades constitucionais.

O 10 de agosto de 1978, Massera invita a Patricia Derian, Subsecretaría de Dereitos Humanos do goberno dos Estados Unidos (Administración Carter) e activista dos dereitos civís, a visitar a ESMA. Derian contaba con información sobre o campo de concentración. Para a visita enviáronse a todos os detidos-desaparecidos ao soto.

Nun momento determinado a funcionaria norteamericana díxolle a Massera:

"[...] tengo un esquema rutinario del piso que está debajo de donde nos encontramos, y creo que es posible que mientras nosotros hablamos, en el piso de abajo se esté torturando [...]".

Massera sorriu e dixo ao mesmo tempo que facía un xesto de lavarse as mans:

"¿Usted recuerda lo que pasó con Poncio Pilatos? [...]" (Seoane,314).

Patricia Derian actuou tenazmente para illar internacionalmente ao réxime militar arxentino e foi quen organizou a visita da Comisión Interamericana de Dereitos Humanos (CIDH) en 1979.

O 24 de marzo de 2004, o Presidente Néstor Kirchner e o Xefe de Goberno da Cidade de Bos Aires Aníbal Ibarra asinaron un "Acuerdo entre el Estado nacional y la Ciudad Autónoma de Buenos Aires para la construcción del espacio para la memoria y para la promoción y defensa de los derechos humanos en el predio de la ESMA" que quedou rexistrado baixo o Nº 8/04. A decisión foi anunciada nun acto masivo, no que se abriron as portas de Escuela de Mecánica de la Armada. Entre quen falaron no acto atopábanse dous mozos, María Isabel Prigione e Emiliano Hueravillo, nacidos en cativerio na ESMA. Este é un fragmento do segundo:

Mi nombre es Emiliano Hueravillo, nací aquí en la Esma. Aquí, mi mamá, Mirta Mónica Alonso me trajo al mundo. Como ella, de todos los centros clandestinos de detención la zona sur de Buenos Aires, cientos de mujeres valientes trajeron a sus hijos al mundo entre médicos torturadores. A todos nuestros hermanos y hermanas que han nacido aquí y que no fueron entregados a sus familias como yo, sepan que los estamos buscando, los estamos esperando, estamos deseando contarles que sus madres los amaban, que sus padres los amaban y que fueron parte de lo mejor de una generación que se jugó por entero por dejarnos un país mejor.
  1. "Cartapacio 5.013 da CONADEP, citado no informe Nunca Más". Arquivado dende o orixinal o 07 de xullo de 2002. Consultado o 07 de xullo de 2002. 
  2. Cartapacio 6.974 da CONADEP, de Lisandro Raúl Cubas, citado no informe Nunca Más [1] Arquivado 27 de setembro de 2007 en Wayback Machine.
  3. Cartapacio 1.293 da CONADEP, de Norma Susana Burgos, citado no informe Nunca Más [2]

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]