Saltar ao contido

Fedón (Platón)

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Fedón (Platón)
Título orixinalΦαίδων
Autor/aPlatón
LinguaGrego antigo
Xénero(s)diálogo e diálogo socrático
Na rede
BNE: XX3383569
editar datos en Wikidata ]
A morte de Sócrates, de Jacques-Louis David.

Fedón ou sobre a alma (en grego clásico Φαίδων ἢ περὶ ψυχῆς) é un diálogo platónico que se ambienta nas últimas horas de vida de Sócrates, antes de ser executado. Platón utiliza este cadro para expoñer as súas ideas de madurez, a teoría das Ideas, a teoría da reminiscencia e a teoría da metempsicose, como elementos dunha discusión sobre a inmortalidade da alma.

O Fedón é un dos catro diálogos de Platón que se refiren á condena de Sócrates (os outros tres son: Critón, Eutifron e Apoloxía de Sócrates). O Fedón é o máis interesante e o máis importante entre eses, xa que expón as crenzas do filósofo.

O filósofo grego Sócrates foi condenado polo tribunal á pena de morte por ser inxustamente acusado de corromper á xuventude e non adorar algúns deuses da polis. Segundo a tradición grega, os condenados a morte bebían cicuta, un veleno que paralizaba todo o corpo ata a asfixia. Pero só o podían facer despois do atardecer.

O Fedón escenifica os últimos momentos de Sócrates. O vello mestre reúne aos seus discípulos Apolodoro, Cebes, Critón, Fedón e Simias. É o mesmo Critón quen intenta convencer a Sócrates de que se retractara.

Durante o último día da súa vida, esperando que o sol se puxera no horizonte, Sócrates dille as súas últimas palabras aos seus discípulos e amigos, que se encontraron con el esa tarde dramática na prisión.

A conversa de Sócrates cos seus discípulos é interrompida pola chegada dun servidor dos Once, que presenta a cicuta ao condenado. Mentres Sócrates acaba apaciblemente os seus razoamentos metafísicos e se presta a morrer con serenidade, os seus amigos apenas poden conter a súa emoción.

O Fedón é unha apoloxía da propia filosofía e relata as últimas palabras de Sócrates, ditas no seu último día de cárcere, antes de beber a cicuta. Sócrates, neste diálogo, presenta a súa teoría da metempsicose[1]. A alma en vida debe loitar contra os praceres e vicios do corpo, onde a alma está condenada a vivir e onde quere liberarse. Esa liberdade dáse na busca de coñecemento, no esforzo dialéctico do ben e da xustiza.

O filósofo é aquel que coida a súa alma porque se desprende dos bens terreais, vive para a sabedoría e practica o ben. A crenza na inmortalidade da alma está demostrada na obra con catro argumentos: a incompatibilidade dos contrarios, a reminiscencia (coñecer non é máis que recordar), a simplicidade e a sucesión dos opostos.

A discusión trata principalmente sobre a inmortalidade da alma, e iso é ocasión para elaborar toda unha teoría das relacións entre a alma e o corpo, teoría que a filosofía occidental reterá co nome de dualismo. Ao corpo e á alma non lle corresponden os mesmos praceres. Os que compracen a alma son só aqueles que serven para fundamentar a existencia moral, que se caracteriza pola busca da virtude. Esta alcánzase cun termo denominado ascese[2]. Só despois da morte, na outra vida, é cando a alma se posúe verdadeiramente por completo, posto que logo queda liberada do corpo, a súa tumba[3].

Sócrates examina e refuta finalmente as obxeccións sucesivas de Simias e de Cebes, que lle enuncian a dúbida de se a alma non pode padecer ningunha clase de corrupción.

A doutrina da inmortalidade presentada no Fedón é inseparable da moral. O que asegura isto é o mito da inmortalidade[4].

  1. A crenza da reencarnación da alma.
  2. Movemento polo cal a alma, desprendéndose das necesidades e praceres do corpo, pode pensarse a si mesma, e pensar toda cousa na súa realidade.
  3. Platón xoga aquí coas palabras gregas "corpo" e "tumba".
  4. As almas renacen tras a morte, cas formas adecuadas ás eleccións morais que efectuaron durante a vida.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]
  • Eggers Lan, Conrado (1971). Editorial Universitaria de Buenos Aires, ed. El Fedón de Platón. Buenos Aires. 
  • Huisman, Denis (2002). Tecnos, ed. Diccionario de las mil obras clave del pensamiento. Madrid. pp. 279–281. ISBN 84-309-2978-9. 

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]