Saltar ao contido

Feira do cocido de Lalín

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Festa do cocido de Lalín»)
O porco é o protagonista do cocido de Lalín. Na imaxe, unha escultura na vila representando este animal.

A Feira do Cocido de Lalín é unha festa gastronómica que se celebra cada ano o domingo antes do Entroido en Lalín. A feira xorde no ano 1968 como iniciativa de difusión e comercialización dos produtos típicos da comarca do Deza levada a cabo polos seis concellos dezaos (Lalín, Silleda, Vila de Cruces, Rodeiro, Agolada e Dozón).

A primeira experiencia tivo por lema Unidos polo mesmo afán, a Feira do Cocido como tal xorde da tradición dun grupo de lalinenses que cada ano se xuntaba para comer cocido, de modo que o Concello crea esta festa gastronómica poñendo en práctica as ideas xurdidas naqueles encontros.

A primeira feira celebrouse no ano 1969, sendo unha das decanas entre as festas gastronómicas celebradas na xeografía galega. Durante a súa traxectoria converteuse nunha data senlleira no calendario festivo e gastronómico galego, achegándose a Lalín miles de persoas durante a súa celebración para probar este prato tradicional, que no concello dezao acada identidade propia.

No ano 1999 a Feira do Cocido foi declarada como Festas de interese turístico de Galicia por parte da Xunta de Galicia e vese corroborada ano tras ano pola masiva afluencia de público no día grande da feira. En 2010 foi recoñecida como Festas de interese turístico nacional [1].

Dende o concello lévanse a cabo múltiples iniciativas que teñen como fin a popularización do seu prato máis insigne e a promoción do municipio. Cabe destacar entre estas a celebración do Mes do cocido de Lalín, entrega dos premios Álvaro Cunqueiro de xornalismo gastronómico, concertos, degustacións de cocido en diferentes cidades e países, celebración da mata do porco tradicional etc.

Entre os seus principais atractivos destacan: o desfile de carrozas, comparsas e charangas; a posta en marcha de concertos e distintas actividades; e a propia feira.

En 2009, o concello introduciu entre os actos da Feira o Lalín Pork Art, con 25 esculturas decoradas ó estilo das vacas do Cow Parade [2].

Pregoeiros

[editar | editar a fonte]
  1. Resolución de 2 de xuño de 2010, pola que se concede o título de "Fiesta de Interés Turístico Nacional" á "Festa do Cocido" de Lalín (BOE nº 156, de 28.06.2010 [1].
  2. La Voz de Galicia, 13.01.2009.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]