Saltar ao contido

Fichas Conder

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Ficha de ½ penique emitida pola Parys Mine Company de Anglesey en 1788. O deseño do druída con caparucha foi moi recorrente neste tipo de emisións.[1]

As fichas Conder, moi coñecidas tamén como Conder tokens, pola súa denominación en inglés, son unhas moedas de cobre cuñadas de xeito privado e utilizadas durante a derradeira parte do século XVIII e a primeira do século XIX en Inglaterra, Gales —incluída Anglesey—, Escocia e Irlanda.

A razón de ser da emisión destas fichas comerciais —todas elas de escaso valor facial— foi a escaseza de moeda miúda oficial que se daba na época, mais a súa demanda viuse impulsada por outros factores como a Revolución Industrial, o crecemento demográfico ou a proliferación de moedas falsificadas en circulación. Dados os poucos esforzos do Goberno para remediar esa escaseza, os propietarios de negocios e comerciantes privados procuraron a súa propia solución coa emisión destas fichas comerciais; as primeiras cuñáronse en 1787 para o pagamento dos traballadores da Mine Company, de Anglesey. En 1795 xa estaban en circulación millóns destas moedas, que se fixeron de uso común en toda Gran Bretaña.

Cómpre distinguir as fichas Conder, que tiñan unha boa calidade de execución, dunha serie anterior de emisións privadas similar, coñecidas como "fichas de evasión" (evasion tokens), características da metade do século XVIII en Gran Bretaña e emitidas co mesmo propósito. As fichas de evasión tiñan un deseño e unha produción moi pouco coidados e unha maior semellanza coas moedas oficiais británicas, e portaban lendas ás veces carentes de sentido, para evadir o castigo polas leis contra a falsificación (de aí o seu nome).[2]

Ficha de medio penique emitida por James Conder en 1794.[3]

O coleccionismo de fichas Conder foi moi popular xa desde pouco despois de que se fabricasen por primeira vez, o que deu como resultado a dispoñibilidade actual de exemplares en estados de conservación excelentes. Os límites do que se considera ou non unha ficha Conder non están claros; no entanto, no ámbito do coleccionismo numismático adóitase considerar que esta denominación abrangue as pezas catalogadas orixinalmente por James Conder en 1798 e posteriormente por Dalton e Hamer (1910-1917).

Escaseza de moeda miúda

[editar | editar a fonte]
Thomas Williams, o "Rei do cobre" de Parys Mountain, por T, Lawrence (Wales Museum).[4]

En Gran Bretaña, xa se constatara unha notable escaseza de moeda miúda en circulación desde finais do século XIV, e esta situación xeraba dificultades para o pagamento dos traballadores e para a realización das pequenas transaccións habituais da vida diaria. A escaseza persistiu e mesmo empeorou cara a finais do século XVII e volveuse particularmente problemática a mediados do século XVIII.[5] A emerxencia de moeda miúda chegou ao seu límite como consecuencia do traslado de moitos traballadores dos traballos agrícolas á forza laboral nas fábricas durante a Revolución Industrial, e as nóminas das fábricas resultaban case imposibles de cubrir para os empregadores, dado que carecían de subministración de moedas.[6]

Ao mesmo tempo, a taxa de crecemento demográfico de Gran Bretaña entre 1750 e 1800 case se cuadruplicou.[7] A situación non fixo máis que empeorar logo da saída de moedas de prata británicas a por factores como a lei de Gresham e a abundancia de moedas de cobre falsificadas en circulación. Durante moitos anos, non se cuñou ningunha moeda de cobre nin de prata na ceca real británica e en 1775 o rei Xurxo III detivo formalmente a produción de moedas de cobre na Royal Mint.[2][8][9]

En 1768 achouse unha das veas de cobre máis grandes do mundo en Parys Mountain, na illa de Anglesey, no noroeste de Gales.[10] En 1785, Thomas Williams (o "Rei do cobre"), actuando como representante da Parys Mine Company, reuniuse co director da Real Casa da Moeda de Londres para lle propor que as moedas reais de cobre se cuñasen utilizando un método disuasorio da falsificación, gravando letras nos seus cantos; na proposta establecíase que a Parys Mine Company lle proporcionaría á ceca real británica a tecnoloxía necesaria para o facer, e sería tamén a encargada da subministración do cobre. Mais o director da Royal Mint rexeitou o ofrecemento e mesmo decidiu cancelar as cuñaxes de cobre, o cal agravou aínda máis a situación.[11] Ademais, poucas das moedas de prata que entraban na circulación eran auténticas, e mesmo as moedas oficiais cobre eran refundidas e substituídas por falsificacións máis lixeiras.[12] A Royal Mint non cuñou moedas de cobre durante 48 anos, desde 1773 ata 1821.[13] As raras ocasións en que a ceca real cuñou moedas nesa época, estas eran relativamente brutas e o control de calidade non existía.[11]

En febreiro de 1787, Williams supervisou a cuñaxe da primeira das numerosas fichas comerciais de cobre emitidas de xeito privado, algunhas das cales se utilizaron para o pagamento aos traballadores da Parys Mine Company.[14] Estas primeiras emisións levaban a imaxe dun druída con caparucha, e ao cabo de dous meses estaban xa recibindo a consideración das autoridades en Londres como unha posible solución á escaseza de moedas de pequeno valor facial.[15] Non moito tempo despois da aparición dos primeiros tokens do druída, outras cidades, empresas e propietarios seguiron o seu exemplo e comezaron a deseñar e a cuñar as súas propias moedas.[16]

Matthew Boulton e a Ceca de Soho

[editar | editar a fonte]
Matthew Boulton en 1792, pintado por C. F. von Breda (Birmingham Museums).[17]
Véxase tamén: Matthew Boulton.
Véxase tamén: Ceca de Soho.

A demanda de moeda miúda fíxose patente, e con ela medrou de camiño a popularidade das fichas de cobre que se aproximaban ao tamaño do medio penique. Un dos máis sobranceiros e máis prolíficos produtores destes tokens privados emitidos a nome de comerciantes foi Matthew Boulton. De feito, durante a súa vida Boulton cuñaría millóns destas pezas comerciais.[18] El non era alleo á fabricación de pequenos artigos metálicos, xa que dirixira durante moitos anos o seu negocio familiar, especializado en fibelas e artigos similares. A mediados da década de 1780, Boulton centrou a súa atención na cuñaxe de moedas; aos seus ollos, as moedas ou fichas comerciais non eran máis que outro pequeno produto metálico como os que viñera producindo durante anos.[11] Tamén tiña accións en varias minas de cobre de Cornualla e mantiña unha gran reserva persoal de cobre, adquirida cando as minas non podían dispor del noutros lugares.[19] Así e todo, cando lle enviaron pedidos para a produción de diñeiro falso, Boulton rexeitou tal posibilidade: "Farei calquera cousa, agás ser un informante común contra persoas concretas, para deter as malas prácticas dos cuñadores de Birmingham".[20] En 1788, estableceu a Ceca de Soho (Soho Mint) como unha sección da súa planta industrial. A ceca dispuña de oito prensas impulsadas por vapor, cada unha das cales cuñaba entre 70 e 84 moedas por minuto.[11]

Ficha cuñada por Boulton en 1794 para Christopher Ibberson, con inscrición no canto para dificultar a falsificación: PAYABLE AT THE GEORGE & BLUEBOAR LONDON.[21]

Boulton pasou moito tempo en Londres facendo presión para conseguir un contrato para a cuñaxe de moedas oficiais británicas, Mais en xuño de 1790 o Goberno de William Pitt pospuxo indefinidamente unha decisión sobre novas emisións.[22] Mentres tanto, a Soho Mint cuñou moedas para a Compañía Británica das Indias Orientais, para Serra Leoa e para Rusia, ao mesmo tempo que producía discos virxes de alta calidade, para seren cuñados posteriormente en casas de moeda nacionais doutros países.[11] A empresa enviou máis de 20 millóns destes discos á Ceca de Filadelfia, para que a Casa da Moeda dos Estados Unidos os convertese alí en centavos e medios centavos de dólar.[23] Tamén se fabricaron fichas para a súa emisión privada nos Estados Unidos, sinaladamente os centavos de Talbot, Allum & Lee de 1794.[24][25]

A crise financeira nacional chegou a un punto desesperado en febreiro de 1797, cando o Banco de Inglaterra deixou de trocar os seus billetes por ouro. Nun esforzo por pór máis diñeiro en circulación, o Goberno adoptou un plan para emitir grandes cantidades de moedas de cobre. Robert Banks Jenkinson convocou a Boulton a Londres o 3 de marzo de 1797, para o informar do plan do goberno, e adxudicóuselle un contrato a finais dese mes.[23] Consonte unha proclamación real datada o 26 de xullo de 1797, o rei Xurxo III tivo...[26]

... o agrado de dar instrucións para que se puidesen tomar medidas para unha subministración inmediata de moedas de cobre que puidesen adaptarse mellor ao pagamento dos traballadores pobres na esixencia actual.

A proclamación requiría que as moedas pesasen unha ou dúas onzas respectivamente, o que achegaba o seu valor intrínseco ao seu valor nominal.[26] Co regreso de grandes cantidades de moedas de pequeno valor facial emitidas polo Goberno —cuñáronse dous peniques e peniques na Soho Mint en 1797, e medios peniques e cuartos de penique en 1799—, a necesidade das emisións de fichas comerciais privadas diminuíu.

A volta da moeda oficial

[editar | editar a fonte]

En 1802 cesara xa a produción de fichas locais emitidas de xeito privado.[27][28] No entanto, nos dez anos seguintes o valor intrínseco do cobre aumentou. O regreso das fichas comerciais cuñadas de forma privada fíxose patente en 1811 e estendeuse en 1812, á medida que cada vez máis moedas de cobre emitidas polo Goberno se fundían para o comercio. A Royal Mint levou a cabo un programa masivo de recuñaxe de moedas en 1816, cuñando grandes cantidades de moedas de ouro e de prata. Para impedir unha maior emisión de fichas comerciais privadas, en 1817 aprobouse unha lei no Parlamento que prohibía a fabricación destas pezas, baixo penas moi severas.[28] A Lei de 1831, finalmente, prohibiou aos empregadores pagar aos seus traballadores mediante fichas privadas.[29]

Coleccionismo

[editar | editar a fonte]

Os primeiros coleccionistas

[editar | editar a fonte]
Retrato caricaturesco de James Conder.[30]

Ao principio, a emisión de moedas privadas ou tokens serviu para facilitar as transaccións diarias. Pero, en 1793, a afección de coleccionar estas pezas e o comercio con elas con fins de coleccionismo alcanzou unha gran popularidade.[31] Aínda que a maioría das pezas emitidas durante os primeiros anos estaban destinados principalmente á circulación, os fabricantes descubriron axiña que emitir deseños destas fichas con tiraxes moi limitadas implicaba que podían vendelas directamente aos coleccionistas, obtendo ganancias moi considerables.[32] Algúns coleccionistas emprendedores mesmo financiaron a emisión de fichas con tiraxes moi escasas con deseños propios,[33][34] que posteriormente utilizarían para comerciar con outros coleccionistas, nun intento de encherr as súas coleccións con tantas variedades como fose posible.[34][31]

Como proba da moda do coleccionismo, Charles Pye (1795),[35] Samuel Birchall (1796)[36][37], T. Spence (1795)[38] e James Conder (1798)[39] publicaron antes de 1800 unhas extensas obras de referencia sobre a indexación ou recompilación das fichas comerciais privadas. Ningún destes tres traballos publicados foi realizado por investigadores numismáticos consumados, senón que se basearon no interese particular de persoas que querían compor listaxes exhaustivas para controlaren as súas propias coleccións. Debido á grande afección ao coleccionismo que se xeneralizou xa nos primeiros anos, hoxe dispomos dunha gran cantidade destas fichas en estados de conservación excelentes, xa que moitos tiveron unha escasa ou nula circulación, ao estaren preservadas en coleccións privadas durante décadas.[31]

Motivos habituais e deseños

[editar | editar a fonte]

Debido a que as fichas Conder se cuñaron independentemente do Goberno, os creadores destas pezas gozaban da liberdade de facer declaracións políticas ou comentarios sociais, honrar grandes persoeiros, ideais e eventos, ou simplemente publicitar os seus negocios. Os temas van desde Isaac Newton ata o abolicionismo, as prisións e as institucións psiquiátricas, ou artistas de circo.[40][41][42][43]

Moitas destas moedas só se aceptaban como medios de pagamento en determinadas zonas ou entidades, aínda que noutros casos non hai dúbida de que para moitas persoas gozaban da mesma confianza que as moedas oficiais nunha situación normal, e naquel momento tiveron unha circulación moi ampla. En 1795, circulaban milleiros de deseños diferentes, a gran maioría con valores de medio penique.[2]

Comparación entre os tamaños dos Conder tokens.

Catalogación e atribución

[editar | editar a fonte]

Clasificación de James Conder

[editar | editar a fonte]
Véxase tamén: James Conder.

As fichas Conder ou Conder tokens coñécense por esta denominación en referencia a James Conder, que foi un dos primeiros coleccionistas e catalogadores destas pezas, ademais de emitir tamén algunhas delas ao seu nome.[2][40]

Clasificación de Dalton & Hamer

[editar | editar a fonte]

Sobre a base do traballo de Conder e dalgúns outros traballos de referencia posteriores, o estudo definitivo e exhaustivo sobre a caracterización de fichas de utilizadas polos coleccionistas modernos foi o levado a cabo por Richard Dalton e Samuel Hamer.[41][44]

Segundo Dalton e Hamer, cada token identifícase en función dunha das catro nacións ou áreas xeográficas (Inglaterra, Anglesey e Gales, Escocia e Irlanda), e en segundo lugar por condado.[41][42] Dentro do condado de emisión, a cada combinación única de deseño de anverso ou reverso asígnaselle un número —coñecido como numeración D&H—, e as variacións nas letras dos cantos diferéncianse aínda cunha letra minúscula despois da designación do número. En xeral, as fichas están organizadas dentro de cada condado de xeito que os peniques se catalogan primeiro —os números máis baixos de D&H—, logo os medios peniques e, finalmente, os cuartos de penique ou farthings —os números máis altos de D&H—.[41][45]

Tamén é bastante común que os coleccionistas se refiran a unha ficha por cidade, por establecemento comercial ou por serie específica da emisión dentro da categoría de condado máis grande. Algunhas fichas emitíronse con valores faciais diferentes a penique, medio penique ou cuarto de penique, e estas menos comúns tamén están indexadas por Dalton e Hamer. A gran maioría das fichas indexadas en D&H da época foron cuñadas en cobre, mesmo aquelas con valores faciais tan pouco habituais como os tres peniques, o xilin e outras.[41][46]

Orde Nación Condado Cantidade de fichas Numeración de Dalton & Hamer [41]
Penique ½ penique ¼ penique Outros
1 Inglaterra Bedfordshire 5 1-5
2 Berkshire 1 1
3 Buckinghamshire 29 1 2-28 29
4 Cambridgeshire 28 1-11 12-35 36-38
5 Cheshire 29 1-3 4-81 82-88
6 Cornwalla 4 1-4
7 Cumberland 3 1 2-3
8 Derbyshire 3 1-3
9 Devonshire 11 1-8 9-11
10 Dorsetshire 12 1-9 10-12
11 Durham 11 1-3 4-11
12 Essex 43 2 3-41 42-43 1 (xilin)
13 Gloucestershire 77 1-21 22-65 66-77
14 Hampshire 117 2-8 9-94 95-117 1 (xilin)
15 Herefordshire 6 1-4 5-6
16 Hertfordshire 5 1 2-4 5
17 Kent 42 1-2 3-42
18 Lancashire 157 1-7 8-150 151-157
19 Leicestershire 2 1-2
20 Lincolnshire 8 1-8
21 Middlesex 1174 6-245 246-1052 1053-1174 1-5 (varios)
22 Monmouthshire 3 1-3
23 Norfolk 55 2-4 5-54 55 1 (3 peniques)
24 Northamptonshire 1 1
25 Northumberland 35 1-2 3-27 28-35
26 Nottinghamshire 10 5 6-10 1-4 (varios)
27 Oxfordshire 1 1
28 Rutlandshire 1 1
29 Shropshire 28 1-27 28
30 Somersetshire 123 1-23 24-110 111-123
31 Staffordshire 30 1-9 10-28 27-30
32 Suffolk 40 1-15 16-40
33 Surrey 24 1-2 3-15 16-24
34 Sussex 41 1-41
35 Warwickshire 485 6-44 45-474 475-485 1-5 (varios)
36 Westmoreland 7 1-2 3-7
37 Wiltshire 21 1-21
38 Worcestershire 47 1-6 7-46 47
39 Yorkshire 70 1-7 8-70
40 Anglesey e Gales Anglesey 467 1-265 266-451 452-467
41 Gales 36 1-13 14-36
42 Carmarthenshire 7 1-7
43 Carnarvonshire 1 1
44 Gramorganshire 4 1-4
45 Pembrokeshire 1 1
46 Escocia Aberdeenshire 1 1
47 Angusshire 43 5-6 7-36 37-43 1-4 (xilin)
48 Argyleshire 2 1-2
49 Ayrshire 9 1 2-8 9
50 Dumfriesshire 1 1
51 Fifeshire 16 1 2-3 4-16
52 Haddingtonshire 4 1-4
53 Invernesshire 5 1-5
54 Kinrosshire 1 1
55 Kirkcudbrightshire 1 1
56 Lanarkshire 54 1 2-9 10-54
57 Linlithgowshire 5 1-5
58 Lothian 150 1-61 62-150
59 Perthshire 11 1-10 11
60 Renfrewshire 6 1-2 3-6
61 Roxburghshire 1 1
62 Selkirkshire 1 1
63 Non local 8 1-8
64 Irlanda Cork 19 1-19
65 Drogheda 6 1-6
66 Dublín 466 1-4 5-381 382-411 411-466 (chumbo)
67 Galway 1 1
68 King's County 4 1-4 (13 peniques)
69 Munster 19 1-19
70 Tipperary 1 1
71 Wexford 18 1-18
72 Wicklow 77 1-77

Indicación da rareza

[editar | editar a fonte]

Cando se produciu a publicación orixinal de Dalton e Hamer, estes asignaron información acerca da rareza de cada ficha, en función da cantidade de exemplares cuñados con cada parella de cuños —de anverso e de reverso— e con cada tipo de canto. Co tempo, descubriuse que algunhas destas cantidades respondía a sobreestimacións das tiraxes, en tanto que noutros casos se producira unha subestimación. Os tokens clasifícanse tamén en grandes grupos baixo as epígrafes de "Común", "Escasos", "Raros", "Moi raro" e "Extremadamente raro".[47] Aínda que algunhas fichas se clasifican como raras baseándose unicamente nas variantes das inscricións que locen os seus cantos, os espécimes máis procurados polos coleccionistas son os que teñen tiraxes moi pequenas dun deseño particular de anverso e/ou reverso.

  1. "½ Penny Anglesey - Parys Mines Company / Druid Series". Numista.com
  2. 2,0 2,1 2,2 2,3 "18th Century Evasion Tokens". Conder Token Collectors Club (CTCC.info)
  3. "Makeshift money: Tokens in the Te Papa collection". "½ Penny Suffolk - Ipswich / J. Conder". Numista.com
  4. "Thomas Williams (1737-1802). Lawrence, Sir Thomas (1769-1830)". Museum Wales (Museum.wales).
  5. Selgin, G. (2011). Páxina 4.
  6. Selgin, G. (2011). Páxinas 4-8.
  7. Selgin, G. (2011). Páxina 8.
  8. Selgin, G. (2011). Páxinas 11-37.
  9. "18th Century Provincial Tokens (“Conder Tokens")". Conder Tokens Collectors Club (Ctcc.info).
  10. Selgin, G. (2011). Páxinas 38-40.
  11. 11,0 11,1 11,2 11,3 11,4 Rodgers, K. (2009).
  12. Lobel, R. (1999). Páxinas 575.
  13. Tungate, S. (2009). Páxina 80.
  14. Selgin, G. (2011). Páxinas 40-43.
  15. Selgin, G. (2011). Páxinas 43-49.
  16. Selgin, G. (2011). Páxinas 121-153.
  17. "Matthew Boulton (1728-1809). Carl Fredrik von Breda (1759–1818). Birmingham Museums Trust". Artuk.org
  18. Mayhew, N. (1999).
  19. Smiles, S. (1865). Páxina 399.
  20. Smiles, S. (1865). Páxina 179.
  21. "1/2P (1790'S) GB D&H-339 Middlesex - Ibberson's". NGC Collectors Society (coins.www.collectors-society.com).
  22. Symons, D. (2009). Páxina 93.
  23. 23,0 23,1 Symons, D. (2009). Páxina 94.
  24. "Talbot, Allum & Lee Tokens". Professional Coin Grading Services (PCGS.com).
  25. "1 Cent - Talbot Allum and Lee". Numista.com
  26. 26,0 26,1 "By the King: A proclamation for giving Currency to a new Coinage of Copper Money of One Penny and Tnvo Penny Pieces". En The London Gazette. 29 de xullo de 1797. Páxina 715.
  27. Pye, C. (1801). Páxina 4.
  28. 28,0 28,1 Hocking, W. J. (1906). Páxina 327.
  29. "Truck Act (1831)". Legislation.gov.uk
  30. "Portrait of James Conder". The British Museum.
  31. 31,0 31,1 31,2 The Ultimate Guide... (2020). Páxina 6.
  32. Pye, C. (1801).
  33. Hamer, S. (1903). Páxinas 299-301.
  34. 34,0 34,1 Hamer, S. (1905). Páxina 369.
  35. Pye, C. (1801) [2ª ed].
  36. Birchall, S. (1796-a-).
  37. Birchall, S. (1796-b-).
  38. Spence, T. (1795).
  39. Conder, J. (1798).
  40. 40,0 40,1 Conder, J. (1798).
  41. 41,0 41,1 41,2 41,3 41,4 41,5 Dalton, R.; Hamer, S. H. (1910-1917). The Provincial Token-Coinage of the 18th Century.
  42. 42,0 42,1 The Ultimate Guide... (2020).
  43. Withers, P.; Withers, B. R. (2010).
  44. The Ultimate Guide... (2020). Páxina 3.
  45. The Ultimate Guide... (2020). Páxinas 19-22.
  46. The Ultimate Guide... (2020). Páxinas 10-11.
  47. The Ultimate Guide... (2020). Páxina 5.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]