James Conder
![]() Retrato de James Conder. [1] | |
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 22 de outubro de 1761 Mile End, Reino Unido (pt) ![]() ![]() |
Morte | Ca. 22 de marzo de 1823 (61 anos) Mile End, Londres ![]() |
Residencia | Ipswich, Suffolk.![]() |
País de nacionalidade | ![]() |
Q89547790 | Catalogación de moedas privadas británicas do século XVIII. |
Actividade | |
Campo de traballo | Numismática e comercio. |
Ocupación | escritor ![]() |
Familia | |
Cónxuxe | Mary Foster Notcutt. ![]() |
Pais | John Conder ![]() ![]() |
Descrito pola fonte | Dictionary of National Biography ![]() |
James Conder, nado en Londres o 22 de outubro de 1761 e finado en Ipswich, Suffolk, cara ao 22 de marzo de 1823, foi un comerciante e numismático inglés, coñecido principalmente por terlle dado o seu nome ás "fichas Conder", que catalogou, e pola coincidencia de que se achase un antigo tesouro de moedas baixo a súa casa durante a demolición desta.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Primeiros anos e formación
[editar | editar a fonte]James Conder naceu en 1761 no distrito londiniense de Mile End, o sétimo e o máis novo dos fillos de Susan Flindell, filla dun comerciante de peles de Ipswich, e do pastor protestante disidente John Conder (1714-1781),[2][3][4] e foi bautizado o 21 de decembro dese ano na igrexa de Bull Lane, no borough londiniense.[5]
Conder recibiu a súa educación nunha escola protestante disidente de Ware, Hertfordshire,[3][4] e máis tarde da man dun pastor unitarista francés.[2]
Comerciante
[editar | editar a fonte]En 1788 abandonou Londres xunto co seu irmán Joseph e colleu o traspaso dun negocio de cortinas en Southampton. O ano seguinte trasladouse a Ipswich, onde o seu irmán maior, John, residía con parte da súa familia materna, e alí fíxose cargo do negocio familiar de cortinas, liño e coiro.[2]
En 1808, Conder vendeu o negocio e asociouse coa súa cuñada Elizabeth, con quen abriu un establecemento, tamén en Ipswich, dedicado á venda de produtos de mercería e tabaco.[2]
Numismático
[editar | editar a fonte]James Conder era un apaixonado pola numismática e chegou a compor unha notable colección de moedas, na que destacaban particularmenteas emisións locais das illas británicas.[2][3]
Tamén foi un dos primeiros numismáticos en afrontar a catalogación das populares fichas comerciais de cobre (tokens) cuñadas de xeito privado ao longo do século XVIII, como consecuencia da escaseza de moeda miúda emitida oficialmente polo Goberno. Por tal motivo, estas pezas deron en coñecerse posteriormente como "fichas Conder (Conder tokens). O catálogo que el publicou en 1798 serviu como referencia para estas emisións durante case un século.[3][6]
![](http://upload.wikimedia.org/wikipedia/commons/thumb/f/f1/James_Conder_token.jpg/280px-James_Conder_token.jpg)
Conder non se limitou a estudar e a catalogar estas moedas privadas, senón que tamén emitiu algunhas para utilizar nos seus negocios e publicitar os seus establecementos.[3][7]
Outros intereses
[editar | editar a fonte]Conder tamén era coñecido polo seu coñecemento da historia das igrexas disidentes e das casas de reunións, e proxectara escribir acerca dese tema, que non chegou a bo fin.[3] El foi un dos principais contribuíntes a un traballo de Walter Wilson sobre a historia das igrexas disidentes na zona de Londres, titulado The History and Antiquities of Dissenting Churches and Meeting Houses,[8] e a outro de Benjamin Brook titulado Lives of the Puritans (1813),[9] e como tal aparece citado nos limiares de ambas as obras.[3]
Outro dos seus intereses foi a xenealoxía. A James atribúeselle ter completado un libro sobre as orixes da súa propia familia titulado The Conder Family. A obra fora iniciada polo seu pai e figura como escrita por este; James Conder tería engadido detalles sobre a vida do seu pai.[10]
![](http://upload.wikimedia.org/wikipedia/commons/thumb/e/e7/An_arrangement_of_provincial_coins_Fleuron_T147534-2.png/241px-An_arrangement_of_provincial_coins_Fleuron_T147534-2.png)
Vida persoal e familiar
[editar | editar a fonte]James casou con Mary Foster Notcutt o 1 de xaneiro de 1790, en Ipswich, cando ambos residían nesta cidade.[4][5] A parella tivo seis fillos, aínda que só dous, Mary e James, chegaron a idade adulta.[2]
Conder faleceu en torno ao 22 de marzo de 1823 en Ipswich,[3] como consecuencia da rotura dun absceso interno e logo dunha curta convalecencia de só unhas horas,[4] e foi soterrado o 28 de marzo na casa de reunións de Tacked Street, na mesma cidade.[2][5] A súa esposa finou o 16 de febreiro de 1836, e foi soterrada xunto ao seu marido.[2]
Publicacións
[editar | editar a fonte]- (1798). An arrangement of Provincial Coins, tokens, and medalets issued in Great Britain, Ireland, and the colonies, within the last twenty years, from the farthing to the penny size. G. Jermyn, Ipswich.
O tesouro de Ipswich
[editar | editar a fonte]Corenta anos despois do falecemento de James Conder, a súa casa situada na esquina entre Old Buttermarket e White Hart Lane, en Ipswich, foi derrubada. Nesta operación descubriuse un tesouro de moedas anglosaxoas soterrado a tres metros debaixo da porta da casa.[11]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ "Portrait of James Conder". The British Museum.
- ↑ 2,0 2,1 2,2 2,3 2,4 2,5 2,6 2,7 "Conder, James. 1761-1823". Suffolkartists.co.uk
- ↑ 3,0 3,1 3,2 3,3 3,4 3,5 3,6 3,7 Cooper, T. (1887).
- ↑ 4,0 4,1 4,2 4,3 J. F. (1823). Páxina 648.
- ↑ 5,0 5,1 5,2 "James Conder (1761 - abt. 1823)". Wikitree.com
- ↑ Véxase "(1798)" en "Publicacións".
- ↑ 7,0 7,1 "Makeshift money: Tokens in the Te Papa collection". "½ Penny Suffolk - Ipswich / J. Conder". Numista.com
- ↑ Wilson, W. (1808). The History and Antiquities of Dissenting Churches and Meeting Houses. Londres.
- ↑ Brook, B. (1813). The Lives of the Puritans. Vol. II; Vol. III. Black, Londres.
- ↑ Conder, J. Conder Family [manuscrito]. Calisphere. University of California (Calisphere.org).
- ↑ "Coins offer up clues to the past". En East Anglian Daily Times. 15 de xullo de 2010.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Blatchly, J. M. (2004). "Conder, James. 1761-1823". En Oxford Dictionary of National Biography. Oxford University Press.
- Cooper, T. (1887). "Conder, James". En Stephen, L. (ed.). Dictionary of National Biography. Vol. 12. Smith, Elder & Co., Londres.
- J. F. (1823). "Obituary. Mr. James Conder". En Urban, S. (ed.), Gentleman's Magazine XCIII (nova serie XVI). Parte 1. Xaneiro-xuño. Páxinas 648-650.