Saltar ao contido

Moeda da Inglaterra anglosaxoa

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Tesouro de peniques anglosaxóns e normandos.

A moeda da Inglaterra anglosaxoa é a cuñada e utilizada en Inglaterra na época medieval temperá, desde a fin da Britania romana e o establecemento dos reinos anglosaxóns no século V ata a conquista normanda en 1066.

Os achados arqueolóxicos revelaron grandes cantidades de moedas que datan do período anglosaxón, tanto agrupadas en tesouros como de xeito individual ou en pequenos grupos. Estas moedas son os obxectos máis abundantes conservados deste período. O numismático M. A. S. Blackburn sinalou que as moedas achadas proporcionan "unha valiosa fonte de probas para a historia económica, administrativa e política".[1]

Nos últimos anos, o crecemento da afección polo uso dos detectores de metais permitiu atopar moitas moedas esparexidas, á marxe dos grandes cúmulos, o que axudou a orientar as investigacións actuais.[2]

Séculos V a VII

[editar | editar a fonte]
Thrymsa anglosaxoa (ca. 650-675)
Thrymsa. AU. Peso 1,27 g. Diámetro: 12,5 mm.[3]

A comezos do século V da nosa era, Britania, que abranguía as actuais Inglaterra e Gales, deixou de ser unha das provincias do Imperio Romano, o que provocou o cesamento da produción de moeda e o comezo dunha etapa de economía non monetaria. Durante este século, grupos tribais anglosaxóns procedentes da Europa continental emigraron cara ao centro e o sur de Gran Bretaña e introduciron a súa propia lingua, a súa cultura e a súa relixión politeísta. Aínda que as moedas de ouro procedentes da Europa continental chegaron á Inglaterra anglosaxoa en Kent, ao principio utilizáronse unicamente con fins decorativos, e non comezaron a utilizarse como diñeiro ata os principios do século VII.[1][4]

As primeiras moedas anglosaxoas foron cuñadas a nome de Eadbald de Kent arredor do ano 625 d. de C., aínda que a produción continua de moeda non se produciu ata varios anos despois.[5][6] Tratábase dunhas pequenas moedas de ouro que nos códices medievais aparecían nomeadas como scillingas ("xilins"), aínda que os numismáticos adoitan designalas como thrymsas. Seguindo o modelo das moedas cuñadas nesa mesma época na Francia merovinxia, estas primeiras moedas de ouro adoitaban levar inscritas palabras tomadas das cuñaxes romanas ou das merovinxias, aínda que tamén se atoparon exemplos de moedas que amosan inscricións propias como os nomes do rei Eadbald de Kent ou dos cuñadores Witmen e Pada, ou os topónimos das cecas de Londres e de Canterbury.[1]

Sceat anglosaxoa (ca. 720-740)
Busto diademado e drapeado cara á dereita, sostendo unha cruz. Serpe enroscada con cabeza de lobo cara á dereita.
Sceat. AG. Peso 1,139 g. Ceca: Leste de Kent.[7]

Con todo, á medida que avanzaba o século VII as moedas de ouro íanse facendo progresivamente máis febles, ata que finalmente foron substituídas por unhas pequenas e grosas moedas de prata coñecidas como sceattas, arredor do ano 675.[8] Estas sceattas producíronse tanto en Inglaterra como nas zonas continentais xermánicas da costa do Mar do Norte, desde 680 ata aproximadamente 750, con deseños que presentaban unha ampla variedade iconográfica.

Cara a 675, a thrymsa de ouro foi substituída polo penique (penning) de prata, que continuou a ser a principal moeda de prata inglesa ata o século XIV, xa na baixa Idade Media. Os primeiros peniques de prata adoitaban estar decorados con deseños xeométricos ou pictóricos e, en ocasións, levaban inscrito o nome da autoridade emisora, algo que era máis infrecuente nas moedas producidas nos reinos de Northumbria e Anglia Oriental.[1]

Séculos VIII a XI

[editar | editar a fonte]
Penique de Offa de Mercia (757-798)
Busto diademado de Offa cara á dereita. Lenda: O/F, F/FA/RE/X Cruz floreada con I B B A nos seus ángulos.
Penique. AG. Peso 1,12 g.[9]

No reino de Northumbria apareceu baixo o reinado de Aethelred I (790-796) unha nova moeda, inicialmente de prata e ao final de cobre, chamada styca, en substitución da sceat, que deixou de producirse neste período.[10] A emisión das styca deuse unicamente en Northumbria.[11]

No resto dos reinos, o vello penique de prata anglosaxón mantivo o seu uso ata o século VIII, aínda que sufriu unha continua degradación, xa que a finura da súa aliaxe ía diminuíndo con cada xeración de cuñaxe. Esta tendencia continuou ata que Eadberht de Northumbria instituíu o control da produción da súa moeda de prata, arredor de 740, control que foi seguido polos seus sucesores nos anos seguintes.[12][13]

A finais do século VIII apareceu na Inglaterra anglosaxoa un novo estilo de penique de prata, máis delgado, que adoitaba amosar o nome do rei e o do mestre moedeiro responsable da cuñaxe. Ao parecer, este novo tipo de penique introduciuse por primeira vez durante o reinado do rei mercio Offa, cara ao ano 760.[1]

A partir do século IX, os monarcas e os seus gobernos adquiriron un maior poder de control sobre a produción de moeda, e os deseños utilizados polos diferentes mestres moedeiros fóronse uniformando. Na década de 860, os reinos anglosaxóns de Mercia e de Wessex constituíron unha alianza monetaria pola que a moeda cun deseño común podería circular indistintamente por ambos os territorios.[1]

Styca do arcebispo Wigmund de York (837-854)
Cruz central e punto. Lenda + VIGMVND AREP Cruz central. Lenda [+] COENRED.
Styca. AE. Wigmund de York. Diámetro: 11,5 mm.[14]

Durante o derradeiro período anglosaxón produciuse un número moi reducido de moedas de ouro. Coñécense nove, entre elas un penique de ouro de Ecgberht, rei de Wessex, achado cun detector de metais en marzo de 2020.[15] O rei Offa de Mercia cuñou unha moeda de ouro baseada no dinar de ouro do mundo islámico, como parte dunha doazón anual ao papado. Pola súa banda, Coenwulf de Mercia cuñou o mancuso de ouro, do mesmo xeito que os posteriores Eduardo o Vello, Ethelred II e Eduardo o Confesor. O arcebispo Wigmund de York tamén emitiu ao seu nome stycas de cobre e un sólido de ouro.[16]

  1. 1,0 1,1 1,2 1,3 1,4 1,5 Blackburn, M. A. S. (1999). Páxina 113.
  2. Blackburn, M. A. S. (2003).
  3. "Unique ID: WILT-DEDC91". Portable Antiquities Scheme.
  4. Grierson, P. (1986). Páxina 4.
  5. Gannon, A. (2003). Páxina 10.
  6. Webster, L. (1991). Páxina 64.
  7. "Sale: CNG 75, Lot: 1420". Classical Numismatic Group.
  8. Grierson, P. (1986). Páxina 157.
  9. "SAXON, Kings of Mercia. Offa". Classical Numismatic Group.
  10. Cook, B. J.; Williams, G., Archibald, M. (2006). Páxina 213.
  11. "Styca." En Frey, A. R. (1916). Páxinas 230-231.
  12. Naismith, R. (2017). Páxina 10.
  13. Grierson, P. (1986). Páxina 187.
  14. "Unique ID: SWYOR-BEF087". Portable Antiquities Scheme.
  15. "Dix Noonan Webb to sell important gold penny of Ecgberht, King of the West Saxons discovered in Wiltshire - The only late Anglo-Saxon gold coin known to be in private hands". Noonans.co.uk
  16. Stewart, I. (1978).

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]
  • Blackburn, M. A. S. (1999). "Coinage". En Lapidge, M. et al. (eds.). The Blackwell Encyclopaedia of Anglo-Saxon England. Blackwel, Oxford. Páxinas 113-116. ISBN 9780631155652
  • Blackburn, M. A. S. (2003). "'Productive' Sites and the Pattern of Coin Loss in England, 600-1180". En Pestell, T. (ed.). Markets in Early Medieval Europe: Trading and Productive Sites, 650-850. Windgather Press, Macclesfield. Páxinas 20-36. ISBN 0953863077
  • Cook, B. J.; Williams, G.; Archibald, M. (2006). Coinage And History in the North Sea World, C. AD 500-1250 : Essays in Honour of Marion Archibald. Brill, Leiden. ISBN 90-04-14777-2
  • Frey, A. R. (1916). A dictionary of numismatic names; their official and popular designations. American Journal of Numismatics. Vol 50.
  • Gannon, A. (2003). The Iconography of Early Anglo-Saxon Coinage, Sixth to Eighth Centuries. Oxford University Press. ISBN 0199254656
  • Grierson, P. (1986). Medieval European Coinage. With a Catalogue of the Coins in the Fitzwilliam Museum, Cambridge. 1: Earlier Middle Ages (400-900). Cambridge University Press. ISBN 0521260094
  • Naismith, R. (2011). Money and Power in Anglo-Saxon England: The Southern English Kingdoms, 757-865. Cambridge University Press. ISBN 9781107006621
  • Naismith, R. (2017). Medieval European Coinage. With a Catalogue of the Coins in the Fitzwilliam Museum, Cambridge. 8: Britain and Ireland, c. 400-1066. Cambridge University Press. ISBN 9780521260169
  • Stewart, I. (1978). "Anglo-Saxon gold coins". En Carson, R. A. G.; Kraay, C. M. (eds.). Scripta Nummaria Romana, Essays Presented to Henry Sutherland. Spink, Londres. 143-172.
  • Webster, L. (1991). The Making of England: Anglo-Saxon Art and Culture AD 600-900. British Museum Press, Londres. ISBN 0714105554

Outros artigos

[editar | editar a fonte]